A necesaria reordenación social

GARCÍA FERNÁNDEZ, GARCÍA ROCA E GONZÁLEZ RODRÍGUEZ

Biblioteca Ánxel Casal

Nos últimos tempos son moitas as formacións políticas que incluíron nos seus programas medidas orientadas á muller co argumento de mellorar a situación do colectivo. Os medios de comunicación xogan un papel importante á hora de difundir estes discursos, que xeralmente chegan ó público mesturados coa opinión do activismo feminista. Neste encontro falamos de feminismo e política coas nosas colaboradoras, afondando no discurso e na linguaxe inclusiva.

A situación política e o feminismo

Este ano, a folga do 8M volveu ter un apoio masivo. A integrante de Plataforma Feminista Galega, Pilar Estévez, reflexiona sobre o camiño que as feministas tiveron que percorrer para chegar a onde se atopan hoxe, alegando que constitúen unha parte pequena da sociedade á que nunca se lle regalou nada. Considera necesario que os partidos e os sindicatos deixen de lado os intereses políticos e permitan á muller ser a protagonista central das mobilizacións. Alba Taladrid, de Xornalistas Galegas, anima a apostar por outras formas de activismo aparte dos movementos colectivos: “Como a xente cada vez é máis descreída, en asociacións e en partidos, hai que facer un activismo individual. Falar entre nós e que todas as que cremos nisto de verdade fagamos activismo no día a día”.

Sara Torreiro, colaboradora de Praza Pública e Luzes, reflexiona sobre o espazo que teñen algunhas minorías dentro do propio movemento e cuestiónase se o discurso feminista é inclusivo: “É importante que o discurso maioritario incorpore todas as demandas, aínda que tamén creo que cada colectivo debe ter a súa axenda”. E explica o que acontece cos medios de comunicación: “Os medios publican máis sobre o feminismo branco porque hai unhas dinámicas de xerarquización de noticias. Xa non só porque o medio sexa así, senón porque é o que demanda o consumidor, é unha lóxica un pouco perversa”.

Pilar engade o seu punto de vista persoal: “O feminismo, xa en si mesmo, é antirracista […]. Os choques culturais non nos deixan ver que, ás veces, por estratificar tanto creamos etiquetas. Se ti te innovas no feminismo, no canto de etiquetarte como afro dentro deste, ti xa estás loitando pola túa igualdade e polos teus dereitos. Iso si, o que ten que facer o feminismo é que a súa linguaxe te inclúa”. Considera tamén que se eses grupos non se senten incluídos é porque a comunidade feminista non está sabendo comunicar os seus valores.

Continuamos falando do activismo en redes, e Sara declara o seu apoio ás tendencias mainstream, é dicir, ás correntes maioritarias e xa asimiladas pola sociedade, e cre que é positivo que o feminismo emerxa da súa marxinalidade cara un terreo máis público: “Se dentro dese mainstream podes meter o teu propio consumo cultural, ideolóxico… eu creo que está ben, porque non todos somos Simone de Beauvoir. Moitas feministas critican a Ylenia de Gandía Shore, pero se miras o seu twitter, pon unhas cousas que alucino. Ás veces, a certo estrato social failles máis favor Ylenia que unha gran teórica do feminismo. Creo que é importante a comunicación en todos os ámbitos e eu estou a tope co feminismo de polígono”, afirma, roubando unha risotada ás súas contertulias. Alba concorda con Sara na necesidade de adaptar o discurso a todos os niveis da sociedade: “Somos diversas e polo tanto temos referentes diversos tamén; se eses referentes teñen un compoñente feminista sempre aportan”.

IMG_1067
Sara Torreiro (fondo) observa a Alba Taladrid

A colaboradora de Luzes, alerta de certas prácticas que adoitamos repetir e que nos prexudican como consumidoras de redes sociais: “Tendemos moito a compartir titulares e cousas que non nos gustan […]. Espallando esa cousa que che pareceu unha aberración, estás provocando que todos os teus contactos lles dean cada vez máis visitas”. Pilar está de acordo con Sara: pensa que as especialistas en comunicación deberían asesorar a aquelas que se ocupan do movemento social, ó que Alba responde que xa traballan ó redor desa idea: “Nós temos o obxectivo de facer un decálogo para aplicar sempre, un modus operandi permanente. Por exemplo: ocupar espazos, onde hai un artigo machista mañá imos a falar de feminismo… Non imos contestar a ese señor, non imos facer alusión, pero mañá imos dar espazo e formación en feminismo”. Sara confirma: “O tempo que perdes en contestar a alguén é tempo que perdes de inserir o teu discurso […], facelo vai ser máis produtivo e pedagóxico que o outro”. Con respecto á forma de replicar as noticias, Pilar insiste: “Temos que controlar os fluxos informativos nós, non deixar que nos controlen”.

Cando o partido de extrema dereita VOX obtivo escanos nas pasadas eleccións andaluzas,  varias influencers dixeron que a solución era o feminismo. Alba afirma que o colectivo non pode ser a resposta a todo, pero: “É certo que se todos fósemos feministas probablemente VOX non tería nin un escano”. Afirma que o feminismo vai máis alá da precariedade económica e laboral, que é poñer á muller no centro da vida: familiar, laboral, social… E valora ó movemento anticapitalista. Alba concorda, e explica por que: “Entendendo ó capitalismo como xerador de precariedade, na que o último eslavón é a muller”. E defende que o feminismo é o contrario.

Na opinión de Pilar, o feminismo ten outro modo de entender a vida e as relacións comerciais, incidindo en que é necesario cambiar o xeito de producir: “Eu teño clarísimo que somos a gran forma de cambiar o planeta. Cando un partido político de esquerdas di que é feminista ten que ter moi claro que se vai a cuestionar a súa parte económica, a estruturar unha sociedade e a facer plans para o desenvolvemento con esa perspectiva”.

Ó respecto do discurso feminista, Pilar expón que debe adaptarse tamén a unha escala de valores comprensible polo conxunto da sociedade e que é importante establecer categorías nas reivindicacións: “Non é o mesmo que unha persoa te insulte a que te viole nun portal”, explica. Coa integración deste argumento Alba recorda unha pancarta situada nunha rotonda de Santiago de Compostela que afirmaba que non poder conciliar tamén é violencia: “Eu dinlle mil voltas e penso que este tipo de lemas fan moitísimo dano”, e advirte que este discurso non é fácil de asimilar polas persoas que pensan que a violencia é unicamente física.

Pilar cre que o feminismo debe reflexionar sobre as súas propias eivas e asumir que existe falta de formación, incluso dentro dos círculos feministas. Isto provoca que, ás veces, algunhas compañeiras perdan de vista os valores que se reivindican, tanto nos contidos coma no xeito de actuar: “Non podemos rexernos patriarcalmente no espazo público, usando os mesmos modais que usa o patriarcado […]. Cando os grupos pequenos son sectarios, as formas pérdense e a didáctica non existe”. A de Xornalistas Galegas engade que o sectarismo e a sororidade non son compatibles, e dende a súa perspectiva, o feminismo está indo na dirección axeitada: “Ser transversal, aberto e onde caibamos todas”.

IMG_1060
Alba Taladrid (Esq) e  Amanda Fernández (Dta)

A linguaxe inclusiva

Segundo o portal actitud.fem, a linguaxe non sexista busca que as mulleres estean presentes no idioma e promove un uso da lingua que evite centrar a atención nos homes ou no androcentrismo. Na actualidade existen numerosas guías de apoio, como por exemplo a publicada polo Colexio de Xornalistas xunto co alumnado da USC. Mais Alba admite que ten problemas coa linguaxe inclusiva: “Temos que aprendelo, cóstanos porque somos cómodos”.

Falando da inclusión de ambos xéneros na escrita, Sara considera que parte do problema vén das limitacións espaciais do xornalismo e pon o foco noutras formas máis igualitarias: “Eu penso que o desdobramento ás veces pode dificultar a lectura, pero existen moitos termos neutros que se poden usar perfectamente, como por exemplo secretaría xeral en vez de secretario xeral. Ela opina que é cuestión de acostumarse e interiorizar estas expresións e pon como exemplo o libro de Yannis Varoufakis, O Minotauro Global, un libro de economía que trata a crise económica de 2008 e que está escrito en linguaxe feminina inclusiva.

En resposta ó argumento típico de que a lingua sempre foi así e que non hai por que cambiala, a colaboradora de Luzes pon un exemplo moi gráfico: “Se por exemplo eu agora vos digo que entrei nunha sala e había varios científicos, pensades en que todos son homes, aínda que houbese mulleres. Porque, ó final, as cousas que non se nomean non existen”. Sinala que ese é un dos problemas da linguaxe non inclusiva, que masculiniza, entre outras, a esfera profesional. Tradicionalmente, certos sectores profesionais da sociedade, medicina, ciencia, ensinanza universitaria…, eran mundos dominados por homes, debido a que só eles tiñan acceso á educación. Os tempos cambiaron, e na actualidade as mulleres son maioría en moitos ámbitos. Estes cambios sociais deben verse reflectidos na lingua, en palabras de Alba: “Cambia a realidade e cambia a forma de reflectila”.

“Seguimos entendendo o feminismo como un movemento social dun colectivo determinado, pero non, o machismo é un problema do conxunto da sociedade e, polo tanto, o feminismo é unha necesidade do conxunto da sociedade”, asegura Alba mentres reflexiona sobre como o terrorismo de ETA se converteu nun problema de Estado no momento no que pasou das páxinas de sucesos ás primeiras planas. “Sen embargo os datos de mulleres seguimos relegándoos a sucesos, porque son tratados coma un problema concreto dun colectivo concreto, e non, son o primeiro problema social, un problema de Estado”.

ACCIÓN

Aquí rematamos este bloque, na próxima reunión trataremos de mergullarnos no espazo da muller nos medios e a perspectiva feminina. Para afondar na temática, contaremos con máis voces que non podemos aínda desvelar. En canto a nós, seguimos traballando para conseguir dar a coñecer o noso proxecto e, coma vindeira acción, propoñerémoslles ás nosas expertas realizar un video colaborativo para difundir en redes sociais.

LIGAZÓNS

Fotografía de portada: Nuria González

11 comentarios en “A necesaria reordenación social

  1. OCTAVIO DE TOLEDO DE MIGUEL

    Cada ano é lóxico que máis mulleres tomen partido e alcen a súa voz protestando en folgas feministas, como a do 8M, pero se ben é certo, como di Alba Taladrid que hai que facer un feminismo a nivel individual e facelo día a día, tamén é certo que non podemos desligalo dos sindicatos porque apoian e dan moita forza a mulleres que teñen medo. Non podemos despolitizar un termo que é política pura e dura. De feito, os sindicatos feministas están avanzando moito, como se pode ver na noticia de Praza do 2 de febreiro.

    Porén, o tratamento dos medios respecto ó tema da muller parece que non avanza tanto. Aínda sendo conscientes de que o feminismo afecta a todos e en todos os ámbitos, hai moitísimas noticias con contido machista, como podemos ver no artigo de Patricia Reguero en El Salto. Non debemos esquecer que a formación é a base fundamental para ensinar ás novas xeracións a mellorar xa non só a nivel xornalístico, senón tamén como persoas. Esta falta de formación no feminismo é algo que se pode arranxar: hai moitísimas ferramentas como artigos ou libros de feminismo, e é cousa de cada quen querer aprender. Para isto tamén é necesario ter en conta que debe existir unha linguaxe inclusiva e que os medios deberían ter en conta guías deste tipo para facer as súas noticias, como pode ser a Guía de Linguaxe inclusiva que fixo o alumnado da USC.

    O activismo do feminismo nas redes sociais é tamén outro modo de aprender. Concordando co que di Sara, as novas xeracións non están tan informadas e redes sociais como Twitter fan que un mesmo queira investigar sobre o tema en cuestión. A pesar dos desacordos que se poidan ter, as redes sociais son outra ferramenta para visibilizar e concienciar á xente en cuestións sociais como pode ser o feminismo. Aínda así, tamén hai ataques machistas polas redes que debemos ter en conta e no que se deberían tomar medidas, como di outro artigo de Patricia Reguero en El Salto. Tamén é certo e me parece interesante comentar que pode dárselle máis importancia ó que calquera famosa poida dicir, como é o caso de Ylenia. As repercusións do que digan os famosos vai ser moito maior polo que pode ser un recurso para visibilizar a problemática do feminismo, esteamos máis de acordo con Ylenia ou non.

    Polo tanto, paréceme importante dicir que tanto os medios como as redes deberían avanzar máis nese aspecto, e intentar que o contido machista neses espazos diminúa o máximo posible, quizáis penalizando a quen faga uso dunha linguaxe sexista.

    Ligazóns:
    – Pérez, M. (2 de febreiro de 2019). O movemento feminista e os sindicatos avanzan na organización da folga de mulleres do 8M. Praza. Recuperado de: https://praza.gal/movementos-sociais/o-movemento-feminista-e-os-sindicatos-avanzan-na-organizacion-da-folga-de-mulleres-do-8m
    – Reguero, P. (15 de abril de 2018). Machismo y medios: titulares que sostienen el relato del terror sexual. El Salto. Recuperado de: https://www.elsaltodiario.com/medios/machismo-y-medios-titulares-terror-sexual
    – USC. Guía de linguaxe inclusiva. Recuperado de: https://xornalismoinclusivo.wordpress.com/guias-de-linguaxe-inclusiva/
    – Reguero, P. (4 de decembro de 2018). Comunicadoras feministas piden medidas contra los ataques misóginos en redes sociales. El Salto. Recuperado de: https://www.elsaltodiario.com/medios/comunicadoras-feministas-piden-medidas-contra-los-ataques-misoginos-en-redes-sociales

    Gústame

    1. GONZÁLEZ RODRÍGUEZ

      Ola Julia,

      respecto do apoio sindical, concordo contigo en que a labor que fan estas agrupacións é moi necesaria. Sempre ten que haber organismos e institucións que nos avalen e sirvan de apoio cando se vulneran os nosos dereitos e debemos recoñecerlles, ademais, o gran traballo de divulgación que se promove dende estas asociacións. Está claro que acadar melloras loitando individualmente é moito máis complicado, pero non debemos obviar que cada persoa, na súa vida cotiá, pode facer moitísimo polo feminismo.

      Algunhas das actitudes que podemos asumir son, entre outras, deixar de criticar a outras mulleres polo seu aspecto ou vestimenta e defendelas se alguén do noso círculo as critica; eliminar do noso vocabulario insultos machistas; asumir un papel pedagóxico cando detectemos un comportamento discriminatorio, e no canto de enfadarnos, intentar facer entender á outra persoa que esa conducta non é aceptable, e por suposto, deixar de levar o peso das tarefas do fogar e dos coidados, porque deben ser un traballo compartido. Pode parecer que estas pequenas accións non axudan moito, pero se todas as persoas asumimos estes cambios, non so melloraremos de xeito considerable a situación actual, ademais serviremos de exemplo para vindeiras xeracións que non repetirán as actitudes e roles de xénero que nós adquirimos dos nosos maiores.

      En canto ó feminismo en redes, eu, persoalmente, non son partícipe de censurar a ninguén polos seus comentarios, creo firmemente na liberdade de expresión, aínda que iso implique escoitar máis que algunha sandez. O que si se debería perseguir son as ameazas directas e os grupos organizados que se alían para atacar a outras persoas.

      (2016). CCOO apoia o feminismo coruñés para esixir condicións «dignas» nos abortos terapéuticos. Recuperado de: http://www.ccoo.gal/webgalicia/O_teu_sindicato:Unions_Territoriais:A_Coruna:Actualidade:1006911–CCOO_apoia_o_feminismo_corunes_para_esixir_condicions_dignas_nos_abortos_terapeuticos
      Camino, A. (2016). Las once características que sí definen a una feminista moderna. Recuperado de: https://www.trendencias.com/feminismo/las-11-caracteristicas-que-si-definen-a-una-feminista-moderna
      Llorca, A. (2015). #PorQuéTantoOdio: El acoso machista a las mujeres que muestran su feminismo en redes. Recuperado de: https://verne.elpais.com/verne/2015/11/06/articulo/1446804809_224514.html

      Gústame

      1. OCTAVIO DE TOLEDO DE MIGUEL

        Concordo co que dis, se ben é certo que os sindicatos poden dar apoio e forza ás mulleres que teñen medo e se esconden, tamén é unha acción que debemos cada un de nós levar a cabo a nivel individual. Non podemos ser hipócritas e apoiar un movemento que logo non apoiamos na nosa vida cotiá: é exactamente o que dis, temos que respectarnos entre nós e intentar aprender todo o que sexa posible para facernos mellores persoas.

        Vivimos nunha sociedade na que están continuamente presentes as desigualdades, pero é certo que as pequenas accións individuais melloran moito a nosa calidade de vida e que pouco a pouco (máis do que me gustaría) imos avanzando. Paréceme moi importante recalcar que non debemos enfadarnos con aqueles que non teñen formación, senón axudalos a entender por que están mal os comportamentos machistas. É por iso, que pareceríame interesante propoñer algún tipo de acción para aqueles que queiran aprender, xa non só de libros ou mediante as redes sociais que aportan moito, senón tamén propoñer charlas e sobre todo non criticar estas propostas, que son moi interesantes. Por exemplo, fai uns días levouse a cabo unha asamblea de mulleres en Arxentina, que me parece importantísimo e máis tendo en conta que precisan moita máis axuda.

        Aínda que como ben dis, é importante a liberdade de expresión e sobre todo nas redes sociais porque tes unha conta individual, os medios de comunicación deberían intentar non cometer erros á hora de redactar artigos nos que hai cantidade de expresións machistas. Isto é grave, xa que é un contido informativo, non é ocio e entretemento. Por iso as propostas de diferentes guías de linguaxe inclusiva poderían servir de moita axuda, aínda que incluso por parte da RAE, non haxa tampouco iniciativas por cambiar.

        Ligazóns:

        – G.T. (6 de marzo de 2019). 8M 2019: Diez preguntas sobre el feminismo y el Día Internacional de la Mujer. Faro de Vigo. Recuperado de: https://www.farodevigo.es/sociedad/2019/03/06/8m2019-huelga-feminista-test/2063755.html

        – Centenera, M (23 de marzo de 2019). El teatro argentino convoca a una gran Asamblea de mujeres. El país. Recuperado de: https://elpais.com/cultura/2019/03/22/actualidad/1553285135_767715.html

        – Cantó, P. (5 de xuño de 2018). La RAE arremete contra el ‘lenguaje inclusivo’ que exigen las feministas. El Confidencial. Recuperado de: https://www.elconfidencial.com/cultura/2018-06-05/rae-masculino-generico-femenino-feminismo-debate-twitter-discriminacion_1574117/

        Gústame

        1. GONZÁLEZ RODRÍGUEZ

          É moi interesante esta proposta que compartes, a da Asemblea de Mulleres, paréceme un proxecto fermoso, cheo de simbolismo e reivindicacións. Este tipo de eventos son útiles para descubrir máis sobre o feminismo, autoanalizarnos e aprender. Debemos ser conscientes de que incluso ás que somos feministas se nos escapan actitudes machistas, por mor da nosa educación ou por non decatarnos, e este tipo de traballos son estupendos para interiorizar novos conceptos.

          Mais creo que esta iniciativa ten o mesmo problema que moitas outras accións feministas: que quen asiste é quen xa está concienciada coa desigualdade. Creo que o maior reto ó que se enfrontan as activistas é poder chegar a públicos novos, facer callar a súa mensaxe entre aqueles que o combaten ou se senten agredidos polo discurso. Resulta verdadeiramente complexo cambiar a ideoloxía de alguén, aínda máis cando corresponde a un modelo educativo, neste caso o patriarcal. Existen multitude de charlas, eventos, incluso propostas moi creativas, ás que por desgracia, so asisten mulleres. Necesitamos mudar iso, necesitamos que os homes se impliquen tamén nesta loita feminista, que sexan conscientes do seu papel e das súas vantaxes adquiridas.

          En canto á nosa visibilización e adquisición de dereitos, imos camiñando paseniño. O colectivo de Xornalistas Galegas dixo que: “O xornalismo será feminista ou non será”. Elas xa teñen un eido no que traballar. Pero é preciso que mudemos tódolos ámbitos, aplicar esta máxima a tódolos aspectos da vida: o futuro será feminista, SERÁ.

          Ligazóns
          Montero, A. (novembro de 2018). ¿Pueden los hombres ser feministas?. Mujeres en Red. Recuperado de: http://www.mujeresenred.net/spip.php?article2337

          Praza Pública (10 de novembro de 2018). Xornalistas Galegas nace advertindo que “o periodismo será feminista ou non será”. Praza Pública. Recuperado de: https://praza.gal/movementos-sociais/xornalistas-galegas-nace-advertindo-que-o-periodismo-sera-feminista-ou-non-sera

          Patxot, M. Lourido, A. (1 de marzo de 2019). Pontevedra se llena de mujeres que opinan y dan su visión del día a día en los medios de comunicación. Pontevedraviva!com. Recuperado de: https://pontevedraviva.com/xeral/52785/mulleres-opinar-mais-segundo-encontro-carmela-silva-lores-inauguracion/?lang=es

          Gústame

  2. Os cambios sociais, históricamente, nunca foron dun día ao outro, custaron anos de loita. Por desgraza, a velocidade á que se move o mundo de hoxe en día non sen contaxiou neste apartado.
    Grazas a Internet temos unha visión global dos problemas compartidos mundialmente e nós mesmos podemos usala como plataforma, coma na guía de linguaxe inclusiva na que participamos o ano pasado. O feminismo non pode entenderse como teoría ou ideoloxía, xa que sería coma tomar a forma esférica da Terra coma ideoloxía: ambas son dúas realidades indiscutibles.
    É preocupante que recentemente aumenten as ideas extremistas en todo o mundo, casualmente todas con matices sexistas. Pero non hai que ter ningún medo se nesta escuridade o liderato o teñen elas, vendo isto nas manifestacións feministas contrarias a Jair Bolsonaro. Co modelo patriarcal milenario quítanse uns problemas para engadir outros, o fin deste modelo non pode retrasarse máis.

    Facultade de Ciencias da Comunicación da USC, CPXG. (2018, 27 mayo). Linguaxe non sexista [Comunicado de prensa ]. Recuperado de: https://xornalismoinclusivo.wordpress.com/2018/05/27/linguaxe-non-sexista/
    Amaya, A. (2018, 30 septiembre). “Mujeres contra Bolsonaro” manifestaron contra el candidato ultraderechista. Recuperado de: https://www.google.com/amp/s/amp.france24.com/es/20180929-mujeres-contra-bolsonaro-manifestaron

    Gústame

    1. GARCÍA FERNÁNDEZ

      Segundo o Dicionario da Real Academia Española, ideoloxía é “o conxunto de ideas que caracterizan o pensamento dunha persoa, colectividade ou época, dun movemento cultural, relixioso ou político”. É dicir, que ao meu modo de ver, o pensamento de que a Terra é redonda é unha ideoloxía, ao igual que o é o pensamento de que a Terra é plana. Polo tanto non ten ningún sentido esa comparación que fas ti para defender que o feminismo non é unha ideoloxía.

      É certo que os cambios sociais non sucederon nunca dun día para outro e que levan o seu tempo. Pero non me podes comparar cambios sociais como foi a Revolución Industrial ou o maio do 68, por exemplo, co que pretende facer o feminismo. O feminismo quere cambiar o sistema dende os seus cimentos, di que a nosa sociedade esta establecida mal dende o principio. O machismo non é un problema que xurdiu fai uns centos de anos, se non que é un problema que existe dende os orixes máis remotos do ser humano.

      Existen numerosos tipos de feminismo. Así, o feminismo inclúe a todo tipo de persoas. Están as afrofeminas, o transfeminismo, o ecofeminismo ou o feminismo radical tan recoñecido. Convén coñecer que trata cada un para saber un pouco máis de feminismo. E tamén para darse de conta que aínda que o feminismo estea dividido en diferentes correntes todas elas piden o mesmo. A igualdade entre homes e mulleres. As mulleres non queremos ser máis que os homes, o que queremos e que se nos de o noso lugar, ese que nos negou sempre.

      Ligazóns:

      – Diccionario Real Academia Española. Definición de ideología. Recuperado de: https://dle.rae.es/?id=Ku9K9F3
      – Teoría feminista. (Sin fecha). En Wikipedia. Recuperado o 31 de marzo de 2019 de: https://es.wikipedia.org/wiki/Teor%C3%ADa_feminista
      – Autora descoñecida. (2008). ¿Qué es el feminismo?. Mujeres en Red. Recuperado de: http://www.mujeresenred.net/spip.php?article1308
      – Ruíz, L. (2019). ¿Cuántos tipos de feminismo hay?. El Estado.net. Recuperado de: https://www.elestado.net/produccion-estatal/cuantos-tipos-de-feminismo-hay/

      Gústame

      1. GRANDE SANTALLA
        No meu uso da palabra “ideoloxía” pechaba a definición a un movemento cultural, relixioso ou político. Por iso, non penso que a miña comparación coa forma da Terra sexa equivocada. Estamos no século XXI, os erros das xeracións anteriores teñen que servir para que ninguén dubide da necesidade do feminismo, ao igual que é unha tontería cuestionar a curvatura do noso planeta.
        En canto á cuestión das revolucións, todas teñen coma obxectivo ou resolución un cambio do sistema. Ben pode ser pola implementación de novas tecnoloxías, coma a Revolución Industrial, ou por novos pensamentos ou petición de dereitos, coma a de maio do 68.
        Non hai dúbida de que, para a igualdade total entre homes e mulleres, é necesaria unha transformación de todos os ámbitos da vida, dende a economía ata a mentalidade da xente. O sistema actual está feito (ou polo menos funciona) para uns poucos, case sempre homes.
        Respecto ás correntes feministas, a diversidade de opinións sempre é bo. A apertura dos puntos de vista e o diálogo dentro duns obxectivos comúns enriquece o resultado final da revolución.

        MALDONADO, T. (21 marzo de 2018). El feminismo no es ideología. O de por qué todas y todos debemos ser feministas. Recuperado de: https://www.eldiario.es/tribunaabierta/feminismo-ideologia-todas-debemos-feministas_6_752484769.html

        SFEIR, A. (8 xuño de 2018). Economía feminista y transformaciones sociales. Recuperado de: https://www.diarioclever.cl/economia-feminista-y-transformaciones-sociales/

        Gústame

        1. GARCÍA FERNÁNDEZ

          En efecto é preciso unha revolución feminista para solucionar o problema da nosa sociedade. Unha sociedade na que se deixa a muller de lado, na que non se lle permite ter os mesmos dereitos que aos homes, na que non se nos trata igual.

          A revolución feminista non é algo novo, leva moitísimos anos en marcha. E isto é así, porque o que quere tirar o feminismo é a maneira na que se estrutura a sociedade dende tempos inmemoriais, quere cambiar o sistema dende o máis profundo deste. E, claro está, os homes non están dispostos a perder os seus privilexios facilmente.

          Como di Andrea Momoito nun artigo de opinión en Público, o feminismo trata de solucionar as desigualdades sociais existentes, si, pero tamén da unha proposta de futuro, é un proxecto político a todos os niveis. O feminismo non só propón un cambio na economía e nas relacións interpersoais. O feminismo é tamén unha revolución cultural. É darlle valor a todos os ámbitos que tradicionalmente ocupou a muller e ao seu traballo.

          LIGAZÓNS:

          – Reche, E. (2018, 13 mayo). La revolución feminista. Recuperado 23 abril, 2019, de https://www.eldiario.es/murcia/murcia_y_aparte/revolucion-feminista_6_771032903.html
          – Gamba, S. (2008, marzo). Feminismo: historia y corrientes. Recuperado 23 abril, 2019, de http://www.mujeresenred.net/spip.php?article1397
          – Momoito, A. (2018, 20 octubre). La revolución feminista será una revolución cultural. Recuperado 23 abril, 2019, de https://blogs.publico.es/otrasmiradas/16125/la-revolucion-feminista-sera-una-revolucion-cultural/

          Gústame

Deixar un comentario

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.