Presentación
Somos os integrantes do grupo de Mobilidades Urbana e Rural do Observatorio Cidadán de Comunicación. De esquerda a dereita: Jorge Riveiro Pose (Axenda), Patricia Orozco Lago (Difusión), Juan Manuel Prieto Arosa (Diálogo), Estefanía Santamarina Vázquez (Acción), Iago Salgado López (Coordinación e Deseño) e Vanessa Touceda Anello (Edición).
A mobilidade en Santiago: carreira de obstáculos
Abordaremos a temática da mobilidade en Compostela dende tres puntos de vista: a accesibilidade, o transporte urbano e os problemas do tráfico. Coas nosas achegas pretendemos amosar as carencias da vía publica e as dificultades que estas supoñen para os cidadáns na súa vida cotiá. Asemade, buscamos dar a coñecer os obstáculos aos que certos colectivos teñen que enfrontarse polo mal estado da mesma.
Na nosa primeira reunión, falaremos dos impedimentos que teñen as persoas con mobilidade reducida nunha cidade como Santiago de Compostela. Ao formar parte da rede de localidades Patrimonio da Humanidade, son moitas as materias pendentes en accesibilidade no casco histórico e os seus arredores: rúas demasiado estreitas, pasos de peóns non adaptados, pavimento irregular…
Na segunda xuntanza, o tema a tratar será o transporte urbano da cidade. A rede de bus público non se atopa preparada para satisfacer as necesidades de todos os cidadáns: as paradas nos propios autobuses non están anunciadas acústica e visualmente, os apeadeiros non contan co espazo suficiente como para que os vehículos poidan estacionar correctamente, algunhas veces non están nin sinalizados, etc. A falta de frecuencias das liñas e a non adaptación dos horarios ás esixencias reais da cidadanía agravan esta situación.
No último encontro abordaremos a problemática do tráficoen Compostela, como por exemplo as conxestións que se producen nos centros educativos ao comezo e remate das clases, xa que coinciden as persoas que se dirixen ao seu posto de traballo con aquelas que levan aos seus fillos ás escolas. Neste aspecto, destacan rúas como Virxe da Cerca, San Roque ou a zona do Ensanche, onde a situación se agrava xa que son áreas que, de por si, xa soportan unha gran intensidade de tráfico. As ambulancias tamén sofren as consecuencias destes estancamentos, que lles dificultan o paso, impedindo nalgúns casos que cheguen puntuais aos seus destinos, con todas as consecuencias que isto implica.
No relativo aos medios de comunicación, a mobilidade acostuma ser un tema que non adoita estar presente neles e, cando o está, é relegada a un segundo plano. Os xornais locais só se fan eco deste tipo de noticias cando xa proveñen doutras fontes (comunicados do Concello, queixas veciñais…). Nas pequenas cidades como Compostela, parece non haber un interese por parte da poboación en estar informada sobre mobilidade. En cambio, nas grandes urbes, isto non acontece. Neste sentido, as noticias relacionadas coa mobilidade tratan asuntos illados, esquecendo que a problemática existente na localidade é xeral. Desta forma, ao integrar cada problema de maneira fragmentada, non se fai eco nos medios da real necesidade de cambio.
O noso obxectivo final é amosar as liñas nas que debe desenvolverse a mobilidade urbana e rural, na contorna de Santiago de Compostela, para satisfacer as necesidades dos cidadáns. Co fin de facer visibles as carencias do transporte e da vía pública, expoñemos as ideas para a acción: unha audioguía para os autobuses, sinalizar as paradas que non o estean, o deseño dunha aplicación móbil con todas as paradas de buses, un vídeo amosando as dificultades ás que se enfronta unha persoa con mobilidade reducida… Estamos pendentes de que xurdan novas ideas durante as reunións do Círculo.
Até o de agora, os colaboradores e colaboradoras co Círculo de Mobilidade:
- Ana Balboa, presidenta da Asociación de Persoas con Discapacidade de Compostela e Comarca (AMICO).
- Algún membro ou membra —aínda non sabemos quen— da CONGAPA (Confederación Gallega de Asociaciones de Padres y Madres de Alumnos).
- Álvaro García, tesoureiro de AMICO.
- Coro González, vicepresidenta da Asociación Veciñal A Xuntanza, do barrio de San Pedro.
- Ánxela López, presidenta de VIGalicia.
- María Moreno Berguer, xefa do Servizo de Mobilidade e Seguridade Cidadá do Concello de Santiago.
- Miguel Pazos Otón, experto en mobilidade.
- Suso Vilariño, director de formación de Autoescuela Santa Eulalia.
- De cara ás vindeiras reunións, é probable que poidamos contar coa colaboración de máis fontes.
Material empregado:
Gómez, S., Rodeiro, N. (4 de setembro de 2017). O bus urbano desconcerta aos turistas. La Voz de Galicia. Recuperado de https://galego.lavozdegalicia.es/noticia/santiago/2017/09/04/bus-urbano-desconcierta-turistas/0003_201709S4C3992.htm
Oliveira, A. (22 de outubro de 2017). Media hora en Virxe da Cerca: cientos de coches, 33 buses y tan solo 13 bicis. El Correo Gallego. Recuperado de https://www.elcorreogallego.es/santiago/ecg/media-hora-virxe-da-cerca-cientos-coches-33-buses-tan-solo-13-bicis/idEdicion-2017-10-22/idNoticia-1079178
Redacción (25 de setembro de 2018). A Confederación Galega de Minusválidos chama a atención sobre os problemas de accesibilidade para moverse en cadeira de rodas polas cidades. TVG. Recuperado de http://www.crtvg.es/informativos/a-confederacion-galega-de-minusvalidos-chama-a-atencion-sobre-os-problemas-de-accesibilidade-para-moverse-en-cadeira-de-rodas-polas-cidades-3915735
Glosario
- Mobilidade urbana: conxunto de desprazamentos que se realizan dentro dunha cidade, xa sexa a través dos medios de transporte convencionais ou en medios alternativos (Ecologistas en Acción, 2007). No caso das persoas con discapacidade, referímonos ás facilidades e dificultades que poidan ter á hora de desprazarse.
- Accesibilidade: facilidade que teñen os cidadáns para ter acceso aos medios que cobren necesidades básicas como a información ou a comunicación (Observatorio de la Accesibilidad, s. f.). No noso contexto, dámoslle máis importancia ao ámbito urbanístico e ao do transporte, que tradicionalmente nunca foron accesibles para a totalidade da poboación.
- Transporte público: sistema integral de medios de transporte de uso ou carácter común ou xeneralizado, cuxa función é solucionar as necesidades de desprazamento dos usuarios que conforman unha sociedade (FACUA, 2007).
- Vía pública: é toda rúa, avenida, camiño ou estrada (inclusive as beirarrúas) destinadas para o tránsito de vehículos e peóns (DGT, 2015). Inclúe, ademais, sitios para o estacionamento de vehículos.
- Diversidade funcional: novo termo para referirse ás persoas con discapacidade física ou mental, co obxectivo de incluílas na sociedade dun xeito máis respectuoso e considerado (Romañach e Lobato, 2009).
- Infraestrutura: elemento que da o soporte funcional para outorgar bens e servizos óptimos para o funcionamento e satisfacción da comunidade (Alonso-Carrera e Freire-Serén, 2001).
- Tráfico: fenómeno de natureza social, histórica, económica e xurídica que afecta a toda a poboación (DGT, s. f.). Este concepto identifícase coa circulación ou desprazamento de persoas, polo cal está unido á propia existencia do ser humano.
Posts de Análise:
Accesibilidade en Santiago, unha materia pendente
Retrato dunha vía pública deficiente
Pequenos obstáculos que conforman a inaccesibilidade
Transporte público para o pobo, pero sen o pobo
Escoitar á cidadanía, clave para artellar unha boa mobilidade
Aos políticos non lles interesa a mobilidade
Peóns e tráfico: inimigos para toda a vida
Na loita por unha autonomía equitativa
Unha ollada á mobilidade compostelá
É o seu turno: os nosos colaboradores opinan
Comentarios
S1D:
Cal é a visión do ensino nos medios?
Afondando no sistema educativo
A lingua no ensino. Trinta anos de luces e sombras
S3C:
O desafío da precariedade na xuventude
Desprotexidos polo mercado laboral
Reformulando o concepto de mocidade
Os retos da muller moza: desigualdade e precariedade
A loita feminista debe estar encabezada pola mocidade
Papeis dos acordos:
Con S1D
Con S3C
Material da acción:
Documentos entregados aos membros do Círculo durante as reunións
Vídeo da acción
Colección Fotográfica Xeral da acción
Fotos do Entorno Rural
Fotos do Transporte Público
Fotos da Accesibilidade
Fotos do Tráfico
Cartel definitivo
Material de difusión:
A través de Twitter
A través de Facebook
Material de diálogo: