Sabemos esperar?

FILLOY CANGAS e FERNÁNDEZ OCHOA

Facultade de Filoloxía

Ultimamente o servizo de Atención Primaria está no punto de mira. Son milleiros as persoas que se están a botar ás rúas contra a precarización (Diario de Ferrol, 11 de febreiro de 2019) e a falta de persoal médico. Cada vez son máis as novas (El Correo Gallego, 21 de xaneiro de 2019) sobre a saturación de pacientes ou o mal funcionamento da sanidade pública.

É o mal uso dos servizos de emerxencia por parte da poboación unha das causas do problema? “Non hai pan para todos”, comenta Queta Rivas, vicepresidenta do Colexio Médico. “Os recursos son limitados e temos que usalos ben para que todos teñamos acceso a eles”, continúa. “Un pouco de educación e un pouco de lóxica”, responde cando se lle pregunta sobre educar á poboación como posible medida para mellorar.

Estamos entón a falar dunha falta de información? Que medidas deben ser as correctas para solventar este abuso? Fala Suso Sueiro, expresidente da Asociación Galega de Mediciña: “Vivimos nunha sociedade que dende que se inventou o móbil xa nada pode esperar. Estamos na cultura da inmediatez, pero a inmediatez non é lóxica. Cando lle metes présa a algo aumentan os riscos e os erros”.

A médica Carmen Fernández fala da importancia do papel dos centros educativos e dos medios de comunicación. “Eu penso que non somos conscientes de que temos unha sanidade que é un privilexio e que se facemos un mal uso da mesma ímola perder”, engade. Suso apunta que outros dos problemas deste mal uso dos servizos sanitarios é que “desistimos de coidarnos en tódolos aspectos, non queremos ser responsábeis de ter mellores hábitos de vida e delegámolo todo no sistema sanitario”.

DSC_0024
De esquerda a dereita: Carmen Fernández, Suso Sueiro e Queta Rivas

Segundo recollen diferentes medios, as listas de espera (Compostela 24 horas, 21 de marzo de 2019) son un dos principais problemas da precaria situación actual da Atención Primaria. Carmen explícanos algunhas das causas da demora nas consultas e comeza falando do avellentamento da poboación “o perfil dos pacientes que agora temos son persoas maiores con moitas enfermidades que leva moito tempo atender”. A isto suma as consecuencias dos recortes sanitarios e fala dunha falta de planificación: “Atopámonos nunha situación na que se xubilan moitos profesionais e non temos para repoñer”.

Pola súa banda, Suso engade: “Se analizas o tamaño dos servizos, non corresponde co tamaño das patoloxías da poboación”. Volvendo ao tema do servizo de urxencia, Carmen incide en que ás veces os criterios de urxencia dependen de cada individuo, non son os mesmos os dun que os doutro. Suso apunta ó respecto que “ás veces confundimos o que é estar preocupados pola nosa saúde” e que “debemos atemperar as cousas”.

Malia isto, Suso afirma que tamén hai que recoñecer aqueles aspectos que funcionan de xeito satisfactorio e son referentes na sanidade, como por exemplo o historial electrónico dos doentes ou a denominada “vía rápida”, que asegura a menor demora posible para aquelas persoas que se atopan en estado crítico. Con todo, hai consenso por parte dos tres médicos: ningunha destas axudas é eficaz se a poboación non é reeducada.

Acción:

Continuaremos a afondar no debate sobre a relación entre sanidade e política, intentando concretar e matizar o máximo o carácter político que poideran ter as causas  dos problemas do sistema sanitario, atendendo a aqueles que están de actualidade despois de seren denunciados polos propios profesionais. Porén, tamén nos ocuparemos dos aspectos máis vantaxosos; conformaremos así, na medida do posible, o cadro completo da relación sistema sanitario-política. Paralelamente, estase a recoller información e vocabulario para elaborar material divulgativo cos aspectos que as propias fontes consideran máis relevantes que a sociedade coñeza, pois coincidimos con Queta cando afirma que “a prensa ben usada é un método que dá un valor divulgativo importante.”

Conversaron connosco:

  • Suso Sueiro, expresidante da Asociación Galega de Medicina Familiar e Comunitaria
  • Carmen Fernández, médica de familia.
  • Queta Rivas,  vicepresidenta do Colexio Médico

Bibliografía:

San Miguel del Hoyo, M (2017). Análisis descriptivo del sistema sanitario español. Evolución del gasto público sanitario por comunidades autónomas en el período 2010 – 2016. Facultad de Ciencias Económicas y Empresariales Universidad de León.

Aranda, J. M. (1993). Nuevas perspectivas en atención primaria de salud: una revisión de la aplicación de los principios de Alma-Ata.

Fernández-Merino, M.C. (2000). Autopercepción de la salud y mortalidad en ancianos de una comunidad rural. Atención primaria: Publicación oficial de la Sociedad Española de Familia y Comunitaria, (25), 459-463.

6 comentarios en “Sabemos esperar?

  1. BLANCO PRADA

    Á Sanidade sempre lle quedan tarefas pendentes. Para uns a Sanidade española está mellorando e de feito é a máis eficiente de Europa e a terceira a nivel mundial; outros pensan que lle queda moito percorrido por diante e que estamos moi lonxe deses primeiros postos. Non hai consenso e os medios tampouco se poñen de acordo.

    En España o gasto de sanidade respecto ao PIB foi do 9,2% durante o pasado ano, é dicir, uns 2.000€ por persoa e ano. Ademais, no período comprendido entre 2012 e 2016, produciuse un ascenso do gasto do 6,21%. A comunidade galega tampouco é das peores, houbo un incremento durante estes mesmos anos do 9,22%, situándose un 6% por riba da media estatal. Pode ser que aínda teñamos que avanzar pero desde logo, temos estado en peores situacións, como mostran as cifras extraídas do informe bianual do Ministerio de Sanidade, “La Sanidad en Cifras.”

    Efectivamente e como reflicte o voso post, os principais problemas son: o avellentamento da poboación que provoca un aumento da demanda asistencial, as longas listas de espera sumadas á lentitude do sistema á hora de tratar certas patoloxías, e a falta de educación dos pacientes. Para os dous primeiros problemas plantéase, entre outras ideas, o uso e a mellora das novas tecnoloxías que permitirían axilizar os tempos. Con respecto á educación do paciente non existe unha solución tan simple. O paciente cada vez está máis afeito á rapidez e inmediatez dentro dun sistema algo lento, e isto provoca moitas agresións, ameazas, etc… Concretamente, estas agresións supuxeron o 46,1% durante 2018, sendo as máis prexudicadas as mulleres do sistema público de saúde. En total, 490 traballadores foron agredidos e máis da metade dos agredidos eran mulleres. É necesario empezar a educar e con urxencia. Sen dúbida, é o problema que máis tempo vai levar resolver e o que menos se escoita e se ve reflectido na sociedade e nos medios de comunicación.

    LIGAZÓNS

    S.A. (14 de marzo de 2019). Los médicos sufrieron 490 agresiones en 2018 y más de la mitad fueron a mujeres. Telemadrid . Recuperado de: http://www.telemadrid.es/programas/telenoticias-1/medicos-sufrieron-agresiones-mitad-mujeres-2-2103409678–20190314031815.html

    Redacción. (22 de marzo de 2019). Agresiones a médicos: a ellas las insultan y amenazan y a ellos les golpean. Redacción Médica . Recuperado de: https://www.redaccionmedica.com/la-revista/noticias/agresiones-a-medicos-a-ellas-les-insultan-mas-a-ellos-les-pegan-mas-3574

    Redacción. (27 de febreiro de 2019). El gasto en sanidad por persona en Galicia sube un 9%. El Correo Gallego . Recuperado de: https://www.elcorreogallego.es/galicia/ecg/gasto-sanidad-persona-galicia-sube-un-9/idEdicion-2019-02-27/idNoticia-1168482/

    Morales, F. (23 de setembro de 2018). El Sistema Sanitario español es el más eficiente de Europa. Expansión . Recuperado de: http://www.expansion.com/sociedad/2018/09/23/5ba7b616e2704e9b2b8b4577.html

    Coduras Martínez, A., & Del Llano Señarís, J. (2019). La sanidad española en cifras . Círculo de la Sanidad. Recuperado de: http://fundaciongasparcasal.org/publicaciones/Sanidad-espanola-en-cifras-2018.pdf

    Lambán, P. (2 de marzo de 2019). La sanidad española no es la mejor en todo: 19ª en excelencia, tras Serbia. Redacción Médica . Recuperado de: https://www.redaccionmedica.com/secciones/sanidad-hoy/la-sanidad-espanola-no-es-la-mejor-en-todo-19-en-excelencia-tras-serbia-2784

    Gústame

    1. MAGIDE PÁSARO

      As cifras que apuntas efectivamente son un reflexo bastante claro dos problemas que presenta, non só o sistema sanitario, senón tamén do que ao redor del se artella.
      As agresións físicas serían o cumio na montaña de hostilidade á que poden chegar a enfrontarse os profesionais da saúde, e non só médicos e enfermeiros, tamén celadores ou recepcionistas.
      Cando falamos de non saber esperar, non estamos a facer referencia só ás listas de espera, senón tamén, o que foi máis relevante, á incapacidade que todos nós podemos ter para recoñecer se o que temos é realmente grave ou non; se precisamos ir ó médico ou ben poderiamos quedar na casa. Creo que moitas das integrante deste círculo nos sentimos identificadas con pacientes que os médicos describían. Vivimos quizais nunha sociedade hipocondríaca? En xeral, todas as persoas que conversaron con nós coincidiron na necesitade dunha maior educación cara á poboación neste tema; non todas as doenzas requiren ir ó médico e non todas as que o requiren implican que sexa de xeito inmediato.

      Ó respecto da pregunta que vos formulaba, deixo este artigo de opinión:

      Viladecans, J.(19 de agosto de 2016). ¿Una sociedad hipocondrizada? La Vanguardia . Recuperado de: https://www.lavanguardia.com/opinion/20160819/404035016505/una-sociedad-hipocondrizada.html

      Portalatín, B.(6 de febreiro de 2015). Hipocondríacos: encadenados a la enfermedad inventada. El Mundo. Recuperado de: https://www.elmundo.es/salud/2015/02/06/54c237aa268e3ed52a8b457e.html

      Gústame

      1. BLANCO PRADA

        En moitas especialidades médicas a porcentaxe de hipocondríacos acada o 80%. Vivimos nunha sociedade hipocóndrica, fomentada cada día máis polos intereses de certas farmacéuticas e empresas médicas. Estas corporacións dedícanse a xerar unha preocupación excesiva por unha enfermidade durante un tempo, para pasar á despreocupación e, finalmente, ao esquecemento. A continuación buscan outra enfermidade coa que preocupar á poboación. Sobra dicir que os medios de comunicación acompáñanlles encantados e sen poñer ningunha pega durante todo o proceso.

        Internet tampouco axuda. Buscamos a causa da doenza e ao vela reflectida na pantalla, non dubidamos que o diagnóstico é acertado. Atopámonos na era do “Doctor Shopping”, o médico só ten o papel de confirmar o que xa nos esclareceu antes a rede. Hai dous tipos de pacientes que se pode atopar o médico de turno: nosofóbicos e hipocondríacos. A diferenza entre ambos termos podédela atopar nesta noticia de “El Confidencial.”

        LIGAZÓNS

        Muiño, L. (17 de marzo de 2018). Los hipocondríacos: “Pensaba que tenía cáncer pero me dicen que estoy bien”. El Confidencial. Recuperado de:
        https://blogs.elconfidencial.com/alma-corazon-vida/el-consultorio-psicologico-del-siglo-xxi/2018-03-17/miedo-hipocondria-cancer_1536708/

        Gústame

        1. GARCÍA RODRÍGUEZ

          Os medios de comunicación non deixan de ser un reflexo da sociedade na que vivimos. Se a poboación está preocupada por certa enfermidade, os medios, dunha forma ou outra, tratarán este tema sen dubidalo, xa que é algo que lle interesa aos seus lectores, espectadores ou ouvintes. Moitas veces caemos en acusar aos xornalistas de ser os que difunden estas informacións que, ao final, non nos benefician en nada. Pero realmente son eles os culpables de todo isto?

          Penso que a maioría das veces a culpa é dos propios espectadores, por consumir información sen sequera intentar dixerila, sen filtrala en ningún momento. Non podemos poñer ao mesmo nivel de fiabilidade o informativo das dúas da tarde e o programa do corazón da hora da sesta. O que nos poidan contar nun deles, quizáis non sexa de todo certo.

          Así, tamén moitas persoas caen nas garras de Internet, pensando que tras escribir o seu autodiagnóstico no buscador, aparecerá a única e verdadeira solución a todos os seus males. Iso si, sempre acompañada dun nome terrible que nada ten que ver coa realidade.

          Os propios pacientes debemos de ser quen de filtrar toda a información que nos chega, agora máis que nunca, e procurar estar sempre do lado de fontes fiables.

          LIGAZÓNS

          Moncada, Ana Mª. (15 de maio de 2018). La promoción de la salud y los medios de comunicación. Escuela Andaluza de Salud Pública. Recuperado de: https://www.easp.es/web/blogps/2018/05/15/la-promocion-de-la-salud-y-los-medios-de-comunicacion/

          ORDOÑEZ, M. Medios de comunicación y salud. Voces en el Fenix. Recuperado de: http://www.vocesenelfenix.com/content/medios-de-comunicación-y-salud

          Gústame

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair /  Cambiar )

Google photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google. Sair /  Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair /  Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair /  Cambiar )

Conectando a %s