Presentación
O noso grupo de traballo será o encargado de tratar a presenza e o papel dos Activismos Creativos na cidade de Compostela. Empezando por enriba e indo de esquerda a dereita, somos: Anxo Fariñas Torres (Edición), Víctor López Fernández (Coordinación e Deseño), Alexandre Gesto Romero (Axenda), Jose María Grande Santalla (Acción), Cristina Freire Picón (Difusión) e Lorena Iglesias Andrade (Diálogo).
Nos vindeiros meses tentaremos mostrar como os Activismos Creativos inflúen e interveñen na cidade de Compostela, así como a actual convivencia na capital galega das novas expresións artísticasxurdidas nos últimos anos (graffiti, break dance, murais…) coas máis tradicionais (teatro, pintura, fotografía, literatura…). Tamén queremos analizar como a cidade se vai adaptando a estas novas expresións, como responde e como os Activismos Creativos actúan como nexo entre as persoas e o entorno. As trabas coas que os artistas mozos se atopan para emprender novos proxectos artísticos son tamén un punto interesante a tocar. Por último, e como eixo do traballo, analizaremos o tratamento informativo que recibe o colectivo nos medios de comunicación, a visibilidade que se lles dá a estes grupos e as melloras que este pode ter. Trataremos de escoitar a distintos activistas, artistas e demais afectados polo tema e así lograr saber como afrontan o seu día a día e cales son os problemas e causas que máis lles interesan aos propios membros do colectivo.
As palabras chave que definen o noso proxecto son: cultura – música – fotografía – artistas noveis – proxecto artístico – cultura urbana – activismo – industria cultural – industria creativa
Artivismos composteláns
O noso grupo vaise adicar a profundar nos Activismos Creativos na cidade de Compostela. Imos analizar o seu papel, a súa influencia e a súa incidencia na cidade, coas súas aportacións e beneficios culturais e sociais, así coma o modo en que a propia cidade vai mudando en función das novas expresións artísticas xurdidas nos últimos anos: o graffiti, o skate, o breakdance…
Precisamente a convivencia na capital galega entre estas novas manifestacións artísticas e as xa tradicionais son outro dos puntos que tocaremos de cerca con pintoras e pintores, debuxantes de viñetas, monicrequeiros, bailaríns, graffiteiros, fotógrafos ou poetas. O proceso de reinvención que levaron a cabo as disciplinas máis antigas para adaptarse ás novas condicións da sociedade é algo que esperta en nós un grande interese.
O teatro, o cine, a poesía ou a pintura experimentaron cambios tamén en canto ao modo e ao medio de manifestarse. Os activismos teñen aquí un rol elemental, xa que potencian eventos desta índole e dan visibilidade a artistas novos que están vivindo os seus inicios no mundo da creatividade. Son moitos os cantautores, músicos ou cómicos que comezaron a súa carreira en bares, locais culturais ou pubs, pero tamén son moitas as queixas e sancións que estes establecementos reciben por organizar eventos musicais ou artísticos, chegando a impoñérselles elevadas multas. O mesmo ocorre cos graffiteiros ou cos skaters, por citar dous exemplos, motivo de constantes ataques, sancións e prexuízos por parte da prensa e de boa parte da sociedade en xeral. Para tratar este asunto, contaremos coas testemuñas de artistas e músicos que foron obxecto destes acontecementos e tamén coa voz de organizacións e establecementos organizadores deste tipo de eventos e vítimas das sancións xa mencionadas.
O baleiro informativo que sofre o sector tamén será outro aspecto a abordar. De feito, se pescudamos na versión dixital dos principais medios locais e autonómicos galegos información sobre activismos creativos, os resultados son bastante pobres, por non dicir practicamente nulos. Para atopar novas relevantes sobre termos máis específicos, como graffiti ou street dance, temos que remontarnos a anos anteriores nalgún dos casos. Deste modo, outro dos obxectivos do traballo constituirano este e outros problemas cos que os artistas e activismos participantes nos nosos círculos se atopan día a día. A súa voz, a súa perspectiva e as experiencias propias son o que máis nos interesa.
Para pechar esta tarefa temos pensado facer unha acción que sexa capaz de englobar todas as actividades tratadas. Unha acción que supoña a participación directa ou indirecta de todos os participantes nas reunións e de todos aqueles individuos comprometidos e interesados pola cultura e a creatividade, polo artístico e polo independente. Neste contexto, temos en mente organizar un evento cultural que xunte aos escritores, poetas, músicos e cantantes dos nosos círculos nun escenario no que poidan mostrar as súas creacións e traballos. Tamén os pintores, fotógrafos e debuxantes terían o seu oco, cunha pequena exposición dalgún dos seus traballos. Ademais, serían eles os encargados de deseñar o cartel para a difusión da actividade, no que buscamos que fusionen arte e Compostela nun único concepto visual. A resposta do público ante un tema coma este é crucial, daquela tamén contaremos cun micro aberto para que todos aqueles asistentes que o desexen poidan contribuír ó deleite de todos mediante a expresión artística que prefiran.
Glosario
-
- Artistas noveis: Segundo o dicionario da RAE, este termo fai referencia a aqueles que comezan a practicar unha arte ou profesión ou teñen pouca experiencia neles. Por outra banda, un artista é, segundo a UNESCO, “toda persoa que crea ou participa na creación ou recreación de obras de arte, que considera a súa creación artística como un elemento esencial da súa vida, que contribúe a deasenvolver arte e cultura e que é recoñecida ou pide que se lle recoñeza como artista […]”
-
- Proxecto artístico: María Tenutto (2004) define proxecto como “un plan que anticipa, dalgún modo, a acción”. Isto quere dicir que á hora de realizar un traballo, sexa unha peza musical, unha novela ou unha pintura, deben propoñerse unha serie de pautas que marquen os pasos a seguir para sacar a diante a obra artística en cuestión. A día de hoxe, son moitos os proxectos que acaban sen ver a luz por falta de apoio, de recursos ou de financiamento.
-
- Cultura urbana: Forma de cultura que agrupa todos aqueles movementos, actitudes e expresións de determinados grupos que naceron da man dos novos tempos, das cidades modernas e das novas xeracións.
-
- Industria cultural: Segundo acuñaron os autores Adorno e Horkheimer (1944) na obra Dialéctica de la Ilustración, as industrias culturais son un conxunto de ramas e actividades produtivas e distribuidoras de bens e servizos con contidos simbólicos, conectados por un traballo creativo, organizadas por un capital que se valoriza e destinadas aos mercados de consumo cunha función de representación ideolóxica e social.
-
- Industria creativa: A partires do concepto anterior e da súa evolución, a UNESCO (1978) define este termo como un conxunto máis amplo de actividades que inclúen as actividades propias das industrias culturais máis todas as producións de carácter cultural ou artístico. Nas industrias creativas, os produtos ou servizos conteñen un elemento substancial de valor artístico ou de esforzo creativo.
-
- Activismo: Segundo Tim Jordan consiste nun compromiso social, xa que busca propoñer unha sociedade mellor. A partires deste concepto, Jandré Corrêa Batista e Gabriela da Silva Zago (2010) defenden que o activismo se caracteriza polas accións colectivas que demandan transgresión e solidariedade, é dicir, unha loita de carácter colectivo orientado ao ámbito social. No noso contexto, estaríamos ante un compromiso social e colectivo en prol da creatividade e da arte e do seu papel no entorno.
Artista e activista: sinónimos parciais? https://observatoriodecomunicacion.wordpress.com/2019/02/27/artista-e-activista-sinonimos-parciais/
Activismos creativos: cal é o seu lugar? https://observatoriodecomunicacion.wordpress.com/2019/03/08/activismos-creativos-cal-e-o-seu-lugar/
Sociedade, autoridades e arte: simbiose ou estorbo https://observatoriodecomunicacion.wordpress.com/2019/03/18/sociedade-autoridades-e-arte-simbiose-ou-estorbo/
Arte e igualdade: historia de amor e desamor https://observatoriodecomunicacion.wordpress.com/2019/04/09/arte-e-igualdade-historia-de-amor-e-desamor/
Cultura e compromiso https://observatoriodecomunicacion.wordpress.com/2019/04/16/cultura-e-compromiso/
Apuntes sobre unha compostela alternativa https://observatoriodecomunicacion.wordpress.com/2019/04/23/apuntes-sobre-unha-compostela-alternativa/
Un percorrido a través da historia do grafitti galego https://observatoriodecomunicacion.wordpress.com/2019/04/25/un-percorrido-a-traves-da-historia-do-graffiti-galego/
Compostela: cidade artista (post de acción) https://observatoriodecomunicacion.wordpress.com/2019/04/27/compostela-cidade-artista/#more-33944
S2B.
Deontoloxía da inconsciencia https://observatoriodecomunicacion.wordpress.com/2019/02/28/deontoloxia-da-inconsciencia/comment-page-1/#comment-5020
Xornalismo como reflexo da sociedade https://observatoriodecomunicacion.wordpress.com/2019/03/12/xornalismo-como-reflexo-da-sociedade/comment-page-1/#comment-5035
A necesaria reordenación social https://observatoriodecomunicacion.wordpress.com/2019/03/19/a-necesaria-reordenacion-social/comment-page-1/#comment-5066
Caladiñas non estamos máis guapas https://observatoriodecomunicacion.wordpress.com/2019/04/09/caladinas-non-estamos-mais-guapas/comment-page-1/#comment-5289
MullerES https://observatoriodecomunicacion.wordpress.com/2019/04/16/mulleres/comment-page-1/#comment-5323
S3D.
Privado: Os grandes descoñecidos do audiovisual https://observatoriodecomunicacion.wordpress.com/2019/03/10/os-grandes-desconecidos-do-audiovisual/comment-page-1/#comment-5391
Administración Pública no Audiovisual: suficiente ou escasa? https://observatoriodecomunicacion.wordpress.com/2019/03/29/administracion-publica-no-audiovisual-suficiente-ou-escasa/comment-page-1/#comment-5151
Comunicación superficial https://observatoriodecomunicacion.wordpress.com/2019/04/01/comunicacion-superficial/comment-page-1/#comment-5283
A homoxeneización comunicativa https://observatoriodecomunicacion.wordpress.com/2019/04/05/a-homoxeneizacion-comunicativa/comment-page-1/#comment-5315
Dificultades na difusión https://observatoriodecomunicacion.wordpress.com/2019/04/12/dificultades-na-difusion/comment-page-1/#comment-5296