É un problema a desmotivación do profesorado?

SOBRINO PLATAS

Cafetería Recantos

Cando un ou unha estudante de grao comeza a súa etapa na universidade aínda non coñece de todo o profesorado, as materias nin o ambiente entre a mocidade. A maioría do alumnado ten unha motivación e unha vocación cara a profesión que desempeña a carreira que están a comezar. Aquí xoga un papel importante o labor do persoal docente.

As faltas de asistencia do profesorado ás aulas son un problema nalgunhas facultades. En base a unha nova (El Correo Gallego, 3 de setembro de 2018), Xisela Casal, estudante de dereito, falou sobre o persoal docente da súa facultade: “Hai unha desmotivación xeneralizada no profesorado, e esa desmotivación acaba sendo transmitida ao alumnado”.

Por outra banda, Roberto Castro, membro do Gabinete de Comunicación da USC, opinou que os educadores e as educadoras están a levar a cabo unha metodoloxía de ensino diferente: “Están intentando facer clases nas que o profesor non sexa o gran experto que fala no púlpito, senón que sexan os alumnos protagonistas da clase”. Ademais, Roberto rexeitou o tratamento que se daba na peza informativa de El Correo Gallego: “Nesta nova a fonte di que prefire manterse no anonimato”. Ademais, dicía: “Este feito réstalle credibilidade á noticia”.  Xisela, pola súa parte, considerou que malia que a nova non citaba as fontes, no seu caso era certo: “Na facultade de dereito son moi frecuentes os casos de profesores que non van ás clases e mandan cada vez un substituto diferente, polo que os alumnos temos cada semana un profesor distinto”, comentaba. Para controlar isto, a USC implantará un control de horario a todo o seu persoal (El Progreso, 11 de xaneiro de 2019)

rbthdr
Coloquio na cafetería Recantos. De esquerda a dereita: David Sobrino, Ígor Mella, Xisela Casal e Brandán Otero

Ígor Mella, bolseiro de pedagoxía na Facultade de Ciencias da Educación da USC, explicou que nunca tivo ningún problema coa asistencia dos docentes ás aulas, aínda que recoñecía o seguinte: “Moito profesorado non se deixa ver moi a miúdo polas facultades. Se teñen docencia luns e martes non volven pisala. Pero tampouco se lles esixe”. No caso de Nerea González, estudante de Filoloxía Hispánica, sucedía algo similar ca no de Ígor: “Na miña facultade é raro que haxa ausencia de profesores. Algunha vez si avisan ou mandan un correo se teñen que cancelar ou cambiar unha clase por un problema puntual, pero non adoita pasar”.

Malia isto, o círculo de Bens Relacionais concordou en que non se debe xeneralizar nestes casos. Por outra parte, afirmaron que parte do persoal docente da universidade mira pouco polos seus alumnos. Nerea falaba do método de ensino do profesorado: “Dedícanse simplemente a que te presentes a un exame e vomites a materia que intentaron explicarche”. Ígor, a favor das palabras de Nerea, aseguraba que é culpa do sistema, que non valora a calidade do ensino: “É a docencia que non se valora e se certifica automaticamente simplemente por anos. Sen máis, sen importar a calidade”.

Outro dos temas tocados na reunión foi o da desmotivación do alumnado. Algúns universitarios e universitarias comezan a estudar un grao pero non teñen a motivación suficiente, o que fai que parte deste estudantado abandone a carreira (El Correo Gallego, 23 de novembro de 2006). Con todo, existen casos nos que unha materia pode volverse apaixoante para o alumnado a pesar de non ter interese nun principio, tal e como comentaba Nerea: “A min pasoume, estudo a carreira que estou estudando en gran parte por un profesor que tiven”. Xisela engadía: “Cando un profesor é moi bo, nótase moitísimo”, aínda que tamén pensaba o seguinte: “Debe existir un mínimo de interese por parte do estudantado:  “É preciso ter unha mínima vocación de balde”.

Ígor consideraba que é moi importante a motivación por parte dos alumnos. Porén, explicaba: “Non é o rol de ningún profesor recuperar a ninguén”. Roberto concluía que o profesorado inflúe dalgún xeito: “Se o profesor ou profesora é quen de facer unha materia atractiva, mellor. Vai ser enriquecedor para todos e iso convértese nun estímulo”. Con todo, engadía: “A motivación é necesaria nas aulas de instituto pero que na universidade, ao converterse nunha formación optativa, o interese ten que vir do alumnado”. Por tanto, é preciso que a mocidade universitaria teña certa iniciativa para afrontar os seus estudos, pois non son obrigatorios e trátase dunha elección propia.

A acción

Outra das nosas opcións para a acción é a realización dun mapa da cidade de Santiago. Este mapa farase conxuntamente entre os membros do círculo e servirá para sinalar diferentes puntos da cidade que teñan certo interés relacional, así como as rutas de maior afluencia universitaria. Isto servirá para comprender os fluxos de estudantes e tratar de fomentar as conexións entre eles. Ademais, os participantes contarán con diversos símbolos, como xente de compras ou un grupo de amigos e amigas falando. Os participantes poderán colocalos en calquera lugar da cidade, para así representar a importancia deses espazos a nivel relacional, ademais de indicar o tipo de vínculos que se establecen neses lugares.

 

Conversaron connosco:

    • Ígor Mella Núñez, bolseiro de pedagoxía na Facultade de Ciencias da Educación da USC
    • Nerea González Martínez, estudante de Filoloxía Hispánica.
    • Xisela Casal Agrelo, estudante de dereito.
    • Roberto Castro, membro do Gabinete de Comunicación da USC

Ligazóns:

6 comentarios en “É un problema a desmotivación do profesorado?

  1. LÓPEZ VÁZQUEZ

    Ao ler este post, levamos a impresión de que a falta de asistencia á clase por parte do profesorado é unha problemática dalgunhas facultades, non xeneralizada. Pensamos que hai outras cuestións (como o método de ensinanza ou o aproximación do profesor ao alumnado) que marcan máis estas relacións diarias.

    Nalgunhas novas trátase como a falta de evaluación do profesorado evita a súa mellora e como, en moitos casos, os catedráticos estáncanse en disciplinas de décadas anteriores e en pasar os mesmos apuntes que fai vinte anos. Aínda así, o boca a boca moitas veces fan que os alumnos se declinen por unha asignatura ou outra, ou de ser obrigatoria, vaian as clases ou non.

    É por isto, que numerosos estudos demostran que a motivación do profesor establece o ambiente na clase. O ambiente no ámbito académico: alumnos motivados, que propoñen proxectos e aumentan a súa participación na aula. E no ámbito persoal, na relación alumno-profesor, que aínda sen traspasar as fronteiras da clase baséase na confianza e no respeto.

    Por suposto, a participación do alumnado é clave. E, como en todos os casos, quizais poñendo todos un pouco pola nosa parte construiremos unha universidade mellor.

    Ligazóns

    Gosálvez, P. (8 de decembro de 2014). Ser mal profesor sale barato. El País. Recuperado de: https://elpais.com/politica/2014/12/04/actualidad/1417715642_210029.html

    M.M.P. (12 de xullo de 2016). “La motivación del docente es más importante que la del alumno. El Mundo. Recuperado de: https://www.elmundo.es/andalucia/2016/07/12/5785274b268e3ee17d8b461b.html

    Gústame

    1. RIAL BREA

      Situaría o problema principal da universidade actual nos métodos educativos, o mundo está cambiando a unha velocidade realmente alta e dixitalizándose cada vez máis, é importante que a docencia se adapte ao novo cambio. Clases máis dinámicas e afastarse de ler diapositivas e memorizar páxinas e páxinas de información baleira. Creo que este cambio melloraría a relación alumnado – profesorado xa que o estudantado estaría moito máis motivado no día a día.

      O absentismo nas aulas universitarias tamén é un punto no que deberíamos facer fincapé, non son casos aislados e hai que buscar solucións. Non creo que a resposta se atope en pasar lista e anotar faltas.

      Tamén creo que a pesar da importancia da motivación do profesorado o estudantado tamén debe estar implicado coa materia e querer participar e mellorar os seus coñecementos. Un bo profesor non pode tirar dun alumno que non quere adquirir coñecementos. Tamén creo que en moitas ocasións un profesor de maior idade non ten ganas de gañar a atención do alumnado ou comeza a ter menos ilusión pola docencia, iso é un problema tendo en conta a avanzada idade do profesorado galego.

      Enlaces:

      Experiencia ‘JEDI’ para transformar la universidad (23 de abril de 2019). El Mundo. Recuperado de: https://www.elmundo.es/tecnologia/innovacion/2019/04/23/5ca5eefbfc6c8378648b46da.html

      3 estrategias para prevenir el absentismo en la Universidad (17 de agosto de 2018). Uni>ersia. Recuperado de: http://noticias.universia.com.ar/cultura/noticia/2018/08/17/1161237/3-estrategias-prevenir-absentismo-universidad.html

      Barva, C. (4 de abril de 2019). Entre los más envejecidos de España los profesores de universidades gallegas. El Correo Gallego. Recuperado de: https://www.elcorreogallego.es/galicia/ecg/envejecidos-espana-profesores-universidades-gallegas/idEdicion-2019-04-04/idNoticia-1175056/

      Gústame

      1. LÓPEZ VÁZQUEZ

        Respecto ao tema da tecnoloxía, é importante que as clases se dixitalizan, pero pasando por un proceso de evolución. Como falaron no noso círculo, de nada vale substituír o libro polo libro dixital se simplemente cambiamos unha folla por unha pantalla. Propostas como esta, permiten usar as novas tecnoloxías para mellorar a educación, o día a día desta.

        Estamos completamente de acordo no tema do absentismo nas aulas universitarias, é algo que non se soluciona con pasar lista ou outros parches. Débese debater e buscar unha solución común.

        É o que tamén necesita solución é a alta idade media do profesorado universitario. É unha problemática que afecta as relacións co estudantado, xa que está demostrado que moitas veces se establece unha mellor relación canta menor sea a diferencia de idade entre o estudante e o docente. Non se trata de xubilar aos profesores, senón de dar máis oportunidades como a investigación e deixar prazas para as novas xeracións.

        A renovación na educación debe chegar aos instrumentos (tecnoloxía) e ao persoal (profesorado). Non se trata de cambiar todo drasticamente, senón de mellorar un tema que nos afecta a todos.

        Ligazóns:

        Velásquez, A. M. (19 de abril de 2019). El “blockchain” le ayudó a un colegio a elegir personero. El Tiempo. Recuperado de: https://www.eltiempo.com/tecnosfera/novedades-tecnologia/conozca-el-blockchain-la-tecnologia-que-le-ayudo-a-un-colegio-a-elegir-personero-350974

        Redacción. (25 de marzo de 2019). “Cero sillas vacías”, nombre de la jornada contra el absentismo escolar que acogerá Valdepeñas. Objetivo Castilla La Mancha. Recuperado de: https://objetivocastillalamancha.es/contenidos/ciudad-real/cero-sillas-vacias-nombre-jornada-absentismo-escolar-que-acogera-valdepenas

        EFE. (5 de febrero de 2018). La edad media de los profesores universitarios supera los 58 años. eldiario.es. Recuperado de: https://www.eldiario.es/sociedad/edad-media-profesores-universitarios-supera_0_737026714.html

        Gústame

        1. RIAL BREA

          A tecnoloxía sen razón e sen pensamento non é nada. Tecnoloxía si, pero con consciencia. Como se pode ver nesta nova, de nada serve actualizar o material se os métodos educativos non o fan, xa que así a educación quedará estancada.

          Actualmente, o profesorado español universitario debe ensinar e investigar. Considero que desenvolver plenamente ambas accións debe ser moi complexo e pode facer que algunha das dúas actividades se acabe descoidando. Pode que a clave se atope en buscar o equilibrio. Efectivamente o profesorado debe renovarse e hai que atopar unha solución ao problema da motivación dos docentes e do alumnado.

          Deben coidarse os profesores e profesoras, pois son os e as que fan que as xeracións do futuro desenvolvan a sociedade e que ano tras ano haxa mellores profesionais. Debemos valorar ao profesorado e o importante labor que este realiza, ademais tendo en conta a boa calidade dos profesionais do país.

          Ligazóns:

          EFE. (2 de abril de 2019). La tecnología, herramienta clave para renovar un modelo educativo caduco. Agencia EFE. Recuperado de: https://www.efe.com/efe/america/tecnologia/la-tecnologia-herramienta-clave-para-renovar-un-modelo-educativo-caduco/20000036-3942288

          Silió, E. (28 de febreiro de 2019). El 50% del profesorado universitario fijo investiga poco o nada. El País.Recuperado de: https://elpais.com/sociedad/2019/02/27/actualidad/1551285363_939435.html

          Dos profesoras de A Coruña, entre las mejores docentes de FP y Primaria del país (13 de xaneiro de 2019). La opinión. Recuperado de: https://www.laopinioncoruna.es/sociedad/2019/01/13/profesoras-coruna-mejores-docentes-fp/1365422.html

          Gústame

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair /  Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair /  Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair /  Cambiar )

Conectando a %s

This site uses Akismet to reduce spam. Learn how your comment data is processed.