Administración Pública no Audiovisual: suficiente ou escasa?

MÉNDES SANDEZ E MARTÍNEZ LÓPEZ

Bibioteca Pública Ánxel Casal

Realizar un proxecto audiovisual participativo de calidade non é nada doado… Tes que ter unha boa idea, contar co material, saber usalo con corrección, contar coa xente e, sobre todo, ter algo de apoio económico. Pero este apoio sae integramente dos petos dos creadores ou existen outras vías?

Lorena Seijo, unha das integrantes da ONG Agareso, afirma: “A maior parte do financiamento provén da Xunta de Galicia, dunha convocatoria que realiza a Dirección Xeral de Relacións Internacionais. No entanto, a Xunta non é a súa única fonte de financiamento. “Para outro tipo de accións, como o traballo con mulleres xitanas ou mozos e mozas tutelados, estamos sendo financiados por unha axuda de inclusión que hai en La Caixa, indica a integrante da ONG. En menor medida Agareso tamén recibe cartos dos socios, pero isto supón unha cantidade mínima. Ademais, Lorena insiste en que o diñeiro público o obteñen mediante convocatoria aberta, un método, ao seu parecer, máis xusto: “Compítese en igualdade de condicións e non dependen do partido político de turno”. Coque Dosil, en representación do festival audiovisual Curtocircuito, engade: “Case o 100% do financiamento é público, xa sexa a través do Concello de Santiago, da Deputación da Coruña ou do AGADIC”. Non obstante, é certo que Cortocircuito conta con patrocinadores privados, segundo Coque: “Moi testemuñais, como é o caso de Cafés Candelas e Gadis, que apoian ao festival”.

Iván Perez acaba de comezar con Savia Nova, un proxecto para visibilizar a problemática dos montes galegos a través de vídeos. El mesmo afirma que non ten ningún tipo de entidade constituída, polo que non teñen financiamento. Para realizar os seus contidos audiovisuais colabora coa produtora Trece Amarillos. En cambio Iván apunta un dato que, ao seu parecer, é moi curioso: “Recibimos unha chamada da xefa de prensa de comunicación da consellería de medio rural que nos convocou para unha entrevista, para coñecer o proxecto e impulsar este tipo de iniciativas, en cambio como entidade de xestión do territorio e de comunidades de montes, ás veces solicitamos reunións e non se nos responde ou se nos responde en meses”. Con isto Iván amosaba que, cun pouco de sona, a administración amosa máis interese que de costume.

Volvendo ao tema das subvencións, Lorena Seijo fala doutro tipo de financiamento, neste caso de ámbito europeo. Dende Agareso optaron a ela grazas a un proxecto elaborado con rapaces e rapazas dos Ancares. Lorena sinala: “A peculiaridade destes proxectos europeos é que os tes que facer asociado con diferentes países, entón isto replicouse en Francia, Italia e Portugal”. Tamén engade o seguinte: “Os vídeos están todos colgados e a guía establece un pouco a pauta de como traballamos con eles, con exemplos e todo, para ser replicado no caso de que alguén teña algún coñecemento audiovisual e queira facelo. Na UE si que hai máis liña de financiamento para isto”. En cambio, este financiamento non é para todo o mundo, Coque Dosil sinala: “Dende a Unión Europea miran a profesionalidade das entidades que solicitan as axudas”. No entanto, Lorena afirma: “O que máis valoran é a capacidade de xestión económica, porque  se che van a dar unha serie de cartos e non tes unha estrutura como para garantir ese financiamento e poder executar pois claro, pode ser un problema”.

Por outro lado, a solicitude dunha axuda non é nada doada. “Non traballei tanto para o traballo de fin de máster como para conseguir unha subvención”, ironizou Coque. Non obstante, os tres están de acordo en que esta burocracia é necesaria. Como di o representante de Cortocircuito: “Ao ser cartos públicos hai que ter responsabilidade”. A integrante de Agareso tamén considera: “Os cartos públicos deberían estar para iso, ogallá estiveran máis para proxectos sociais que para outras historias”. Proxectos coma os seus deberían ter un financiamento maior e máis sinxelo, xa que se trata de traballos que poñen en valor o autóctono fronte a todo o que vén de fóra e que se solidarizan con outras accións sociais de grande relevancia.

Acción

Nesta primeira xuntanza explicamos en que consiste a acción: unha guía sobre o audiovisual participativo feita entre todos os integrantes do círculo que achegue un pouco de luz sobre o terceiro sector. A guía subirase ao blog unha vez rematada nun formato interactivo. Ademais, poderá atoparse en formato papel nos institutos de Santiago de Compostela, achegando unha nova opción de futuro aos xóvenes. A estrutura da guía foi pensada por Iván Pérez e Coque Dosil nesa primeira reunión.

Participantes deste círculo:

Ligazóns ás noticias comentadas:

6 comentarios en “Administración Pública no Audiovisual: suficiente ou escasa?

  1. LÓPEZ FERNÁNDEZ

    Coincido de cheo coa idea final, xa que considero que ao saír ese diñeiro dos fondos públicos os requisitos para poder obtelo deben ser potentes e burocráticos, pois senón calquera individuo podería ter acceso aos mesmos. Tamén creo que, como ben di Lorena Seijo que se fai nestes casos, o tecido de xestión económica é fundamental á hora de valorar as cantidades que se distribúen a cada entidade, xa que sen esta estrutura de manexo, dificilmente se poderá facer algo co diñeiro.

    Á marxe dos métodos de subvencións e axudas públicas que mencionades, non sei até que punto o crowdfunding ou o crowdsourcing xogan un papel clave na financiación destes proxectos, mais creo que se falamos de recursos colaborativos, son dos primeiros que se nos poden vir á cabeza. Segundo indican os profesores Antoni Roig Telo, Talia Leibovitz e Jordi Sánchez-Navarro, son dúas das prácticas máis populares e elementais para explicar as dinámicas da creación cultural contemporánea a partir de dous nexos comúns: a importante cifra de participantes que se implican coa causa e a radical reinvención da relación entre produtores e público, que pasa a converterse nun axente activo, nos distintos procesos que permiten a materialización dun proxecto creativo. Ademais, cos recortes que o sector audiovisual sufriu nos últimos anos e coa subida do IVE cultural, alternativas participativas coma estas gañan aínda máis peso na busca de vías de financiamento, sobre todo de proxectos máis independentes e pequenos, máis reivindicativos e sociais, e menos comerciais. O crowdfunding precisamente converteuse en todo un éxito nos últimos anos, dada a progresiva participación e o interese do público en proxectos audiovisuais. Por citar un exemplo, a recentemente galardoada en Galicia, “Dhogs”, que co apoio de patrocinadores privados, de administracións como a Deputación de Lugo e o Concello de Meira, e do propio crowdfunding, co que conseguiron apoio de case 300 persoas, lograron superar calquera expectativa e chegaron a obter 12.000 euros. Non obstante, a presión que recae sobre os profesionais do audiovisual ante tales colaboracións e ante tal implicación supoño que será moito maior, xa que teñen como a obriga, por dicilo dalgún xeito, de satisfacer a ese público que activamente axudou a sacar adiante os seus proxectos.

    Outro modelo mencionado por Ciro Altabás é o autofinanciamento, moi recorrente tamén nos últimos anos en proxectos desta índole, e no que os propios directores controlan todo o proceso de produción, o que implica buscar esa financiación para o proxecto e colocar a posteriori o produto no mercado ou no ámbito de distribución elixido. Así e todo, eu creo que cantas máis persoas interveñan nun proxecto, sexan institucións, membros da propia creación ou persoas alleas, mellor, xa que os recursos colaborativos, o apoio de terceiros e a participación sempre son un punto a favor para sacar algo adiante.

    Ligazóns:

    Altabás, C. (marzo de 2014). Autofinanciación y crowdfunding: Nuevas vías de producción, distribución y exhibición del cine español independiente tras la crisis financiera española. Historia y Comunicación Social. 19, pp. 387-399. Recuperado de: https://abacus.universidadeuropea.es/bitstream/handle/11268/5145/45141-71468-2-PB.pdf?sequence=2&isAllowed=y
    Decarlini, J. (16 de maio de 2017). ‘Dhogs’ o cómo sacar adelante una película independiente en España. Yorokobu. Recuperado de: https://www.yorokobu.es/pelicula-dhogs/
    Roig Telo, A., Sánchez-Navarro, J., & Leibovitz, T. (2012). ¡Esta película la hacemos entre todos! Crowdsourcing y crowdfunding como prácticas colaborativas en la producción audiovisual contemporánea. ICONO14 Revista Científica De Comunicación Y Tecnologías Emergentes, 10(1), 25-40. Recuperado de: https://doi.org/10.7195/ri14.v10i1.113

    Gústame

    1. MARTÍNEZ LÓPEZ

      Con respecto ao que dis sobre o autofinanciamento, non che falta razón. Non obstante, e malia que sería mellor un financiamento onde interveñan máis persoas, empresas ou colectivos polas razóns que xa mencionaches, a realidade na actualidade é ben distinta. Ruth Sousa, integrante do colectivo audiovisual BenCuriosa.gal, pertencente a Coruña Dixital, explicaba na nosa primeira xuntanza, meramente explicativa, que para os seus proxectos emprega os seus propios cartos. Dende Cruz Vermella e outras asociacións denuncian o mesmo, a pesares de que neses casos si existen fondos autonómicos e axudas a maiores.

      Por outra banda, o crowdfunding está a poñerse de moda grazas ao auxe de Internet e á facilidade de acceder a estas plataformas, pero cómpre contemplar tanto as vantaxes como os inconvenientes de dita técnica antes de lanzarse a empregala. Por un lado, existe unha altísima probabilidade de que para o teu proxecto en concreto non haxa ninguén interesado en aportar cartos, posto que non deixa de ser un risco en caso de non ter unha boa aceptación na sociedade. Neste sentido, os proxectos colaborativos ou participativos non lle dan apenas importancia á difusión nin aos ingresos que poidan xerar, senón que o importante é o proceso de realización, polo que non é doado que os grandes inversores vaian axudar ao seu financiamento. Pero isto non é só un problema que aparece no Terceiro Sector, senón que no cine tamén existe. O cineasta alemán Uwe Boll declárase “inimigo do crowdfunding” despois de ser rexeitado en tres ocasións nas que intentou financiar as súas adaptacións de videoxogos á gran pantalla.

      Ademais, dado que para financiar a túa iniciativa por esta técnica tes que poñer en común a túa idea, corres o risco de que alguén a copie e a leve a cabo antes ca ti, sendo isto un problema que a meirande parte dos comunicadores e artistas non están dispostos a soportar.

      A mellor opción pasa por combinar distintos tipos de financiamento e estudar a fondo que ofrece e que agocha cada alternativa. Dende Beamos Pruducción, aconsellan tamén realizar un plan de comunicación para recadar diñeiro, sendo esta unha idea novidosa que quizais se poida empregar de forma conxunta co crowdfunding e as axudas autonómicas, estatais ou europeas dispoñibles.

      Ligazóns:

      Sánchez, Óscar. (14 de decembro do 2015). Ventajas y desventajas del crowdfunding. Recuperado o 3 de abril do 2019 de: https://www.eleconomista.es/blogs/emprendedores/?p=11505

      Universo crowdfunding, s.f. (sen data). Uwe Boll, enemigo público del crowdfunding. Recuperado o 3 de abril do 2019 de: https://www.universocrowdfunding.com/uwe-boll-enemigo-publico-del-crowdfunding/

      Beamos Producción, s.f. (10 de febreiro do 2015). El crowdfunding en productos audiovisuales. Recuperado o 3 de abril do 2019 de: http://beamos.es/el-crowdfunding-en-productos-audiovisuales/

      Gústame

      1. LÓPEZ FERNÁNDEZ

        Loxicamente e como en todo, hai que reparar nos aspectos positivos e nos negativos dunha iniciativa. É certo que moitas veces os proxectos colaborativos, tanto no mundo audiovisual coma en calquera outro, non contan coa axuda de inversores potenciais, como ben dis, pero o mencionado caso do filme “Dhogs” ou de múltiples videoxogos alleos ao patrón da industria, como “Pillars of Eternity” ou “Wasteland 2”, son unha evidencia de que non son precisas inversións abismais nin da elite para lograr saír adiante. Ademais, a era de Internet na que tratamos de convivir é un promotor nato deste tipo de iniciativas e moitas veces, malia ter o risco de que unha idea sexa plaxiada, é a única forma de sacalas adiante. Como exemplo, por quedar no mundo dos videoxogos, o citado “Pillars of Eternity”, da compañía Obsidian, que buscaba un xogo que evocase os grandes títulos de rol de finais dos 90 e para o que necesitaba case 900.000 euros que non eran capaces de obter das distribuidoras tradicionais, polo que lanzaron unha campaña na rede para conseguir fondos de futuros xogadores e en só 24 horas tiñan o obxectivo cumprido, superando con creces a cantidade inicial. Os participantes neste tipo de iniciativas poden gozar do videoxogo antes ca os demais usuarios, e se nos imos a outros contidos audiovisuais, desfrutar deles tamén con anterioridade ao público en xeral ou obter un prezo reducido á hora do seu lanzamento, por exemplo, factores que incentivan a moitos individuos a contribuír. Porén, quero facer fincapé en que a pesar das desvantaxes e de que é certo que moitos proxectos quedan no esquecemento e non conseguen o presuposto requirido, penso que o crowdfunding é un termo primordial á hora de falar de traballos colaborativos ou participativos.

        Por outra banda, é certo que hai moitas empresas e entidades que só logran sacar adiante os seus proxectos mediante a autofinanciación, pero malia que lles dá aos creadores unha autonomía propia, non sempre chega a ser positiva en exceso. Tina Olivares, directora de cine, manifestou na presentación de “Buscarse la vida en el cine” que a maioría de produtores e directores que se lanzan a facer unha película por esta vía non van recuperar o diñeiro invertido, dado o actual modelo audiovisual, ao que o tamén cineasta e produtor Carlos Vermut engade que o feito de autofinanciarse fai que directores asuman tamén moitas veces a función de produtores, o que fai que se perda a esencia dos primeiros, que está en contar historias e darlles un enfoque concreto.

        Polo tanto, todas as opcións teñen os seus inconvenientes e as súas vantaxes, por iso requiren dun estudo previo para analizar cal é a máis oportuna, pero o certo, e creo que coincido contigo, é que recursos coma este son necesarios para que os profesionais do audiovisual e de moitos outros campos de traballo colaborativos poidan sacar a luz os seus proxectos dados os escasos incentivos que o sector público e institucional lles achega.

        Ligazóns:

        Charda, A. (decembro de 2017). Crowdfunding: una alternativa de financiación. Repositorio Abierto de la Universidad de Cantabria. Recuperado de: https://repositorio.unican.es/xmlui/handle/10902/13617
        Fúnez, M. C. (19 de abril de 2013). Presentación: Buscarse la vida en el cine. CINEMAADHOC. Recuperado de: http://cinemaadhoc.info/2013/04/presentacion-buscarse-la-vida-en-el-cine/
        Rodríguez, C. (24 de abril de 2017). Grandes hitos y estrepitosos fracasos del crowdfunding. La Voz de Galicia. Recuperado de: https://www.lavozdegalicia.es/noticia/extravozred/2017/04/23/grandes-hitos-crowdfunding/0003_201704SR23P2991.htm

        Gústame

        1. MARTÍNEZ LÓPEZ

          Mirando os exemplos que dis de Dhogs e dos videoxogos, si semella ser unha moi boa opción a do crowdfunding, valorando por suposto os contras dos que falabamos.

          Cun nome similar, pero unha definición distinta, temos tamén o crowdlending, outra fórmula de financiación colectiva a través de plataformas on-line. Diferénciase do crowdfunding en que mentres que, nese modelo,os particulares invirten en forma de capital social e quedan con X participacións, no crowdlending a financiación lévase a cabo en forma de préstamo. A filosofía na que se basea este modelo de financiación é a de outorgar aos particulares o dereito a decidir en que invirten o seu diñeiro. Ademais, dada a transparencia das plataformas dixitais, poden ver o que se está facendo con ese diñeiro durante todo o proceso. Tamén cómpre dicir que se o proxecto en cuestión fracasa, os particulares non poderán recuperar o seu diñeiro.

          Outra opción se cadra máis rendable para os inversores son os fondos de inversión AIE (Agrupación de Interese Económico), que teñen como incentivo unha reducción de impostos ata o 90% se os proxectos audiovisuais obteñen beneficios.

          Por outra banda, no caso concreto do audiovisual participativo son realmente importantes as donacións feitas tanto por socias/os como por persoas alleas ás organizacións, xa que na meirande parte dos casos estamos falando de asociacións sen ánimo de lucro que non poderían autofinanciarse doutro xeito e que, ao non buscar un beneficio económico, é bastante dificil que ninguén queira invertir nos seus proxectos.

          Ligazóns:

          Blasco, Estefanía. (outubro do 2013). Financiación alternativa para autónomos: el crowdlending. InfoAutónomos. Recuperado en abril do 2019 de: https://infoautonomos.eleconomista.es/blog/financiacion-alternativa-para-autonomos-el-crowdlending/

          Dunas Capital, s.f. (maio do 2018). ¿Conoces la inversión en AIEs? Recuperado en abril do 2019 de: https://www.dunascapital.com/actualidad/conoces-la-inversion-en-aies

          Rioja2, s.f. (febreiro do 2018). Captar fondos se hace imprescindible para cambiar el mundo. Recuperado en abril do 2019 de: https://www.rioja2.com/n-116973-2-captar-fondos-se-hace-imprescindible-para-cambiar-el-mundo/

          Gústame

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair /  Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair /  Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair /  Cambiar )

Conectando a %s

This site uses Akismet to reduce spam. Learn how your comment data is processed.