Conciencia do negativo

COSTA MANTEIGA

Cafetería Recantos

A concepción do xornalismo que transmiten os propios profesionais da comunicación é negativa. Segundo o Informe Anual de la Profesión Periodística 2018, realizado anualmente pola Asociación de la Prensa de Madrid (APM), o 76% dos xornalistas enquisados cren que a sociedade ten unha opinión negativa sobre o seu traballo. “É máis difícil que á sociedade lle importe un ERE dun medio como lle importa outro dunha fábrica ou de calquera outro sector porque neste momento os xornalistas non somos as personaxes mellor vistas”, sinala Belén Regueira, xornalista na Radio Galega.

O certo é que esta conciencia pesimista sobre o traballo propio é un elemento común nos xornalistas, estreitamente ligada á precariedade no sector. Ao fío dunha entrevista a Elsa González do 12 de xullo de 2017, a presidenta da Federación de Asociaciones de Periodistas de España (FAPE), Emma Araújo, xornalista en La Voz de Galicia, comenta: “O que ningún [medio] quere é tirar a primeira pedra, a non ser que haxa intereses. Nunha investigación xornalística sempre hai interese. Alguén cóntache algo porque lle interesa, a non ser que sexa xente que coñeces, que entón o fai con toda a boa fe do mundo. Pero nas cousas de verdade todo ten un porqué”.

Segundo o informe da APM, para os profesionais que participaron na enquisa a maior consecuencia da precariedade no xornalismo é precisamente esa: converterse en recolledores de informacións secundarias, evitando xerar contidos orixinais. Pablo Santiago, xornalista para O Salto Galiza, engade: “Ao final, os que rematan facendo ese traballo son proxectos que levan como marca a investigación, con xente que traballa especificamente en temas a longo prazo”. Seleccionada polo 41% de xornalistas, é acompañada nesta parte do estudo pola carga de traballo e a dificultade para contrastar a información (20%), ademais da inseguridade laboral e as presións que implica esta situación (39%).

“Como xornalista escribes todos os días deste tipo de problemáticas [despedimentos] e de repente alguén cando deu a voz de alarma de que no Correo estaba pasando iso os traballadores sentíanse ofendidos, sinala Araújo a raíz de dous extractos de información de Galicia Confidencial sobre a crise no grupo mediático compostelán do 22 de febreiro e do 6 de outubro de 2017 respectivamente. “Ninguén está afeito a ser historia, non te decatas ata que o es. É habitual que se interioricen os problemas económicos e que se sinta vergonza. Ademais da vaidade ridícula do gremio, ás veces hai unha identificación un pouco estraña coas empresas, que ata parece unha cuestión de seitas. Con quen temos un compromiso é con quen nos le, nos escoita ou nos ve. Ás veces hai unha identificación excesiva coa empresa que tampouco é sa, sobre todo porque as empresas non teñen ese compromiso cos seus traballadores”, conclúe Belén Regueira a modo de crítica a un gremio como o do xornalismo, que transmite a miúdo as súas carencias relacionadas co individualismo.

DSC_1640Na foto, Pablo Santiago (centro) e Belén Regueira (dereita), nas mesas da Cafetería Recantos.

Para incidir nesta aparente contradición de contar cunha voz que outros sectores non teñen e a pouca información que existe sobre casos concretos de precariedade no xornalismo, tratamos un dos EREs de maior visibilidade nos últimos anos a través dunha nova en Prnoticias do 22 de xaneiro de 2017: o peche de Canal Nou e o despedimento de todo o cadro de persoal, un caso de forte impacto pola súa desconexión en directo. “Eu creo que hai que ir máis aló dun ERE, por que hai tantos EREs? Ao final isto é só a consecuencia, pero hai causas moi estruturais. Medios públicos con intereses políticos, que acaban nas lóxicas de mercado para competir cos privados”, indica Pablo Santiago.

Preguntada pola perspectiva dos medios públicos sobre como informar sobre este ou outros casos como o do Grupo Correo, Regueira expón: “Nun medio público de feito hai que loitar por propoñelo todo e explicalo todo. Os condicionamentos que en moitos casos que teñen os medios privados e que son lexítimos, ás veces tamén se trasladaron aos medios públicos”. A xornalista da Radio Galega indica, non obstante, que as dificultades para informar sobre outras empresas alleas ao sector mediático son igualmente fortes: “Tampouco é tan fácil falar de que a unha empresa lle vai mal. Non se fala de todas nin de todas igual. É igual de difícil falar dos medios de comunicación. Agora, determinados conflitos laborais aparecen e outros ou non o fan ou fano suavizados”.

Queda claro na mesa do círculo que a falta de medios para contar estes casos non é precisamente o problema. O certo é que os xornalistas son conscientes de todo o que acompaña a unha publicación, o que contrasta ás veces coa proximidade con casos de precariedade. Sobre esta particularidade, Emma opina: “Penso que o problema é que non nos gusta falar de nós mesmos. Todo xornalista ten unhas ferramentas que non ten outra xente, traballamos nisto. Todos temos acceso a información e sabemos a quen lle podemos contar as cousas. O que pasa é que non o facemos por un montón de razóns. […] Todos sabemos o que supoñen determinadas exposicións, estamos afeitos a traballar e coñecer á xente, e sabemos o que pode pasar cando alguén sae no periódico”. A xornalista de la Voz de Galicia, xa para concluír, afirma rotundamente: “Somos moi egoístas, penso que os xornalistas non somos xente especialmente solidaria. Temos moito máis postureo que outra cousa.”

Acción

No que respecta á acción, decidimos desenvolver nas próximas semanas unha guía que trate a precariedade no sector: xa sexa sobre como realizar un tratamento informativo correcto ou sobre como evitala. Durante os seguintes días ata organizar unha próxima xuntanza co Círculo estaremos en contacto cos integrantes para ir concretando no resultado final.

Conversaron connosco tres xornalistas:

  • Emma Araújo, La Voz de Galicia
  • Belén Regueira, Radio Galega
  • Pablo Santiago, O Salto Galiza

Bibliografía e ligazóns:

Asociación de la Prensa de Madrid. (2018). Informe Anual de la Profesión Periodística 2018. Recuperado de: https://cdn27.hiberus.com/uploads/documentos/2018/12/10/_informeanual2018baja1_3d6ba497.pdf

Colexio de Xornalistas solidarízase cos traballadores do Grupo Correo Gallego e esixe o pagamento das nóminas (2017, 25 de febreiro). Galicia Confidencial. Recuperado de: http://www.galiciaconfidencial.com/noticia/49977-colexio-xornalistas-solidarizase-traballadores-grupo-correo-gallego-esixe-pagamento-nominas

Elsa González recuerda que la investigación periodística requiere tiempo, especialización y, por tanto, inversión (2017, 12 de xullo). Asociación de la Prensa de Huelva. Recuperado de: http://www.prensahuelva.es/actualidad/elsa-gonzalez-recuerda-que-la-investigacion-periodistica-requiere-tiempo-especializacion-y-por-tanto-inversion/

La Audiencia Nacional avala el ERE de Canal Nou que despidió a 843 personas (2017, 26 de xaneiro). Prnoticias. Recuperado de: https://prnoticias.com/periodismo/eres-en-los-medios/20159904-la-audiencia-nacional-avala-el-ere-de-canal-nou

Pecha Galicia Hoxe (2011, 28 de xuño). Galicia Hoxe. Recuperado de: http://www.galiciahoxe.com/portada/gh/pecha-galicia-hoxe/idEdicion-2011-06-28/idNoticia-682663

Periodistas: ¿cómo sobreviven en el salvaje mundo de la comunicación? (2018, 21 de decembro). Nobbot.com. Recuperado de: https://www.nobbot.com/articulos/periodistas-sobreviven-mundo-comunicacion/

Salgado, X. (2017, 20 de setembro). Situación crítica para os traballadores de El Correo Gallego. Galicia Confidencial. Recuperado de: http://www.galiciaconfidencial.com/noticia/64279-situacion-critica-traballadores-correo-gallego

Salgado, X. (2017, 22 de febreiro). O director de El Correo envía carta “case ameazante” o día antes da primeira protesta dos traballadores. Galicia Confidencial. Recuperado de: http://www.galiciaconfidencial.com/noticia/49563-director-correo-envia-carta-ameazante-dia-primeira-protesta-traballadores

Salgado, X. (2017, 3 de abril). El Correo Gallego comeza a despedir traballadores tras sufrir EREs temporais. Galicia Confidencial. Recuperado de: http://www.galiciaconfidencial.com/noticia/53480-correo-gallego-comeza-despedir-traballadores-sufrir-temporais

Vilas, M. (2017, 6 de outubro). Os bancos perdoan a El Correo Gallego 1,3 millóns. Galicia Confidencial. Recuperado de: http://www.galiciaconfidencial.com/noticia/64856-bancos-perdoan-correo-gallego-13-millons

7 comentarios en “Conciencia do negativo

  1. LORENZO CREO

    O contido deste post afonda dunha forma clara no que é a situación do xornalista na sociedade actual, tanto na súa visión máis interior como na exterior. Ademais, as experiencias que aportan os xornalistas presentes na reunión son o suficientemente valiosas e precisas como para decatarnos de que maneira funciona realmente esta profesión en moitos aspectos.

    Arredor do comentario que fai Emma Araújo, xornalista de La Voz de Galicia, xira un dos problemas sistemáticos de boa parte da profesión na actualidade. O xornalismo de investigación segue a existir e segue a ser un dos que máis atrae ás novas xeracións. Tristemente na maioría das ocasións este traballo dos xornalistas vese supeditado a intereses de grandes compañías, ás que pertencen os medios nos que traballan, ou aos que posúen outro tipo de poder. Algo que resulta frustrante e minimiza a importancia da “recompensa” obtida polo profesional co seu traballo. Isto, ademais de poñer en perigo a importancia deste tipo de xornalismo -que debera ser vital en sociedades democráticas-, tamén deixa moi vulnerable a súa existencia, e temos que ter moi claro que sen este xornalismo non coñeceriamos, por exemplo, a maioría dos escándalos políticos como os os da caixa B do Partido Popular ou o dos “Papeis de Panamá”, un dos que desvelou, entre outros, a xornalista Sanita Jemberga, que amosa nesta publicación da UNESCO a súa pesimista opinión sobre o xornalismo de investigación actual.

    Quizais conviría ter afondado máis en canto ao tema dos EREs, sobre o que se resalta no post a opinión de Pablo Santiago, e buscar máis profundamente cales son as causas que levan a esa consecuencia coa que identifica aos EREs o propio Santiago. Porén, ao que se refire o xornalista é unha realidade que, sen ir máis lonxe, se representou coa última moción de censura ao goberno de Mariano Rajoy, ou no momento da entrada deste ao goberno anos antes, cando na RTVE se produciron numerosos despidos, sendo un dos máis sonados o de Ana Pastor en 2012.

    É contraditorio que a xente que máis próxima está aos medios que permiten difundir as inxustizas, ou simplemente as situacións que se suceden nunha organización, sexan os que máis vergonza ou menos queiran aproximarse a elas, como ben indica Belén Regueira. Este é outro factor que me chama a atención, o da opacidade que moitas veces o xornalista mantén para preservar a identificación coa empresa, quizais tamén co obxectivo de non por en perigo o seu posto de traballo -probablemente co temor de caer nun ERE como os que menciona o xornalista Pablo Santiago-. Por fortuna, non sempre que suceden problemas deste tipo nun medio ou nunha empresa os xornalistas quedan de brazos cruzados, como no caso que nomea Araújo sobre El Correo Gallego. Sen dúbida o exemplo máis claro co que contamos na actualidade é o da plataforma de “Defende a Galega”, formado por grande parte dos traballadores de CRTVG que manteñen a súa protesta contra a falta de transparencia do órgano público galego de comunicación.

    Porén, desgraciadamente, a súa loita contra esta inxustiza non semella fundirse na realidade. Ante estas situacións xorden algunhas cuestións de difícil resposta, a pesar da sinxeleza que poida transmitir a idea. Nunha actualidade na que as empresas privadas e os primeiros poderes dominan “o cuarto poder” -sendo redundantes-, a que poden agarrarse os xornalistas para evitar esa precariedade no seu traballo e no sector? E o que quizais sexa máis importante, como lograr conectar realmente nestes temas a unha sociedade cada vez máis illada da información e inmersa no entretemento?

    Jemberga, Sanita: “El periodismo de investigación, contra viento y marea”, UNESCO, 2017. Rescatado de https://es.unesco.org/courier/2017-julio-septiembre/periodismo-investigacion-viento-y-marea

    “La periodista Ana Pastor, destituida de ‘Los desayunos de TVE’”, 20minutos.es, 2012. Rescatado de https://www.20minutos.es/noticia/1556956/0/ana-pastor/cesada/desayunos-tve/

    Gústame

    1. COSTA MANTEIGA

      Grazas polo comentario, tratamos de dividir os contidos desta terceira reunión entre este e o seguinte post, no que tratamos un pouco máis o tema do xornalismo de investigación. Sobre o tema de falar da precariedade propia discutimos bastante co Círculo, e aínda que a priori parece contraditorio o feito de ter medios para denunciar ou transmitir certos problemas laborais, o certo é que non é fácil tratar casos de deste tipo. Eu compartía esta idea contigo ata sacar o tema na reunión, e o falado axudoume a reflexionar e facer un pequeno exercicio de empatía. Habitualmente cando algunha noticia ou protesta sobre este tema sae á luz é como reacción a unha situación negativa que se prolonga ao longo do tempo, froito da fartura (como é o caso de Defende a Galega) ou cando a situación é evidente (por exemplo, cando pecha un medio de comunicación).
      Moitas veces, xa non só no xornalismo senón que en calquera situación laboral, cando as cousas non van ben inténtase aguantar e esperar a que a situación mellore. É importante tamén o que di Emma, ningún xornalista busca nin quere ser o protagonista dunha historia. É precisamente unha das intencións deste post a de incidir na imaxe negativa que teñen os profesionais da comunicación do seu propio traballo; por se non lle botaches unha ollada, recomendo o primeiro enlace do post, é un pequeno resumo do informe da APM que utilizamos ao longo desta entrada. Un saúdo.

      Conde Campos, S. (2019, 9 de abril). É posible un cambio de modelo dos medios?. OCC. Recuperado de: https://observatoriodecomunicacion.wordpress.com/2019/04/09/e-posible-un-cambio-de-modelo-dos-medios/

      Periodistas: ¿cómo sobreviven en el salvaje mundo de la comunicación? (2018, 21 de decembro). Nobbot.com. Recuperado de: https://www.nobbot.com/articulos/periodistas-sobreviven-mundo-comunicacion/

      Gústame

      1. S1C-ÁLVAREZ MORENO

        O xornalismo no momento actual non se está a valorar, a mala imaxe que recae sobre a profesión é un dos factores que alimenta a desafección, tal e como apuntan as súas fontes no post. Relacionado con este motivo gustaríame primeiro preguntar sobre a imaxe que teñen os cidadáns do xornalismo, pensades que a falta de credibilidade que teñen os medios e o rexeitamento da sociedade cara estes pode estar condicionado polo momento de infoxicación e intrusismo que estamos a vivir? Ata que punto pensades que está relacionado isto coa precariedade nos medios, tendo en conta que agora podémonos informar a través das redes de forma inmediata e que a cidadanía pode exercer en parte como comunicador da información? Trátase esta cuestión neste artigo de e-periodismo en la red.

        O tema principal do que falades céntrase na imaxe que teñen os xornalistas de si mesmos e toda a situación que están a vivir, expostos á censura nos contidos cando se trata de falar dun dos temas que máis preocupa ao sector, a precariedade. Ata que punto exercen entón estes medios un xornalismo libre e veraz que informe sobre temas tan relevantes como este? Este tipo de autocensuras consensuadas entre medios non pensades que reforza que o noso país non goce de verdadeira liberdade de prensa, como se indica no informe de Reporteros Sin Fronteras?

        E por último, relacionado cunha das cuestións da que falan os colaboradores, ata que punto os medios públicos están a recrear o modelo dos privados? En que medida nos afecta aos lectores, que buscamos estar informados sobre o panorama actual, que se descarten contidos como os que se mencionan no post, ou que non se afonde neles?

        BIBLIOGRAFÍA:

        González, G. (2017). ¿Sustituye el periodista ciudadano al periodista profesional? Recuperado 24 abril, 2019, de http://e-periodismoenlared.blogspot.com/2015/05/periodista-digital-vs-periodista.html

        Bravo, L. (2017). España gana cinco puestos en libertad de prensa. Recuperado 24 abril, 2019, de https://prnoticias.com/periodismo/periodismo-pr/20162087-libertad-de-prensa-espana?jjj=1556108295023

        Gústame

        1. COSTA MANTEIGA

          Grazas polas preguntas Ainoa. Penso que a reputación que teñen os xornalistas na sociedade é mellor do que polo xeral cren os profesionais, se ben está claro que durante a crise especialmente algúns medios perderon seguidores ao ceder ás presións derivadas dos problemas económicos. Gustaríame recordar o editorial co que abriu El País o día despois de que Pedro Sánchez viuse forzado a dimitir como secretario xeral do PSOE, penso que é un claro exemplo de cambio de liña editorial que penso que afecta máis que a “infoxicación” da que falabas na túa pregunta. Non quero negar os efectos negativos desta tendencia, por suposto, é unha clara consecuencia da precariedade das redaccións do século XXI, das que falamos en varios dos nosos coloquios coas xornalistas. Na bibliografía deixo un enlace a outro dos contidos do meu compañeiro Darío no que tocamos este e outros temas.

          Para responder ao resto das túas preguntas, recomendo a lectura da entrevista ao colectivo Defende a Galega en Praza, con razón de seren recoñecidos co Premio José Couso de Liberdade de Prensa hai uns días. Estes profesionais dos medios públicos, que non falan cos medios de forma individual para previr posibles represalias, tratan claramente moitos dos temas relacionados co resto das túas cuestións. Un saúdo.

          El País. (2016, 1 de outubro). Salvar al PSOE. El País. Recuperado de: https://elpais.com/elpais/2016/09/28/opinion/1475090003_414591.html

          Eyré Conde, D. (2019, 15 de marzo). Desafeccións e novas costumes. OCC. Recuperado de: https://observatoriodecomunicacion.wordpress.com/2019/03/15/desafeccions-e-novas-costumes/

          Pardo, M. (2019, 21 de abril). “Debería preocuparnos asumir con naturalidade que ser crítico en Galicia pode supoñer o ostracismo”. Praza Pública. Recuperado de: https://praza.gal/politica/deberia-preocuparnos-asumir-con-naturalidade-que-ser-critico-en-galicia-pode-suponer-o-ostracismo

          Gústame

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair /  Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair /  Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair /  Cambiar )

Conectando a %s

This site uses Akismet to reduce spam. Learn how your comment data is processed.