Escoitar á cidadanía, clave para artellar unha boa mobilidade

SALGADO LÓPEZ

Centro Sociocultural de Fontiñas

Unha boa mobilidade en Compostela segue a ser unha materia pendente de aprobar polos partidos políticos da cidade. O transporte público, un dos seus piares fundamentais, é na actualidade un servizo pésimo en moitos dos seus aspectos, entre eles, a información ao usuario, tanto para os turistas como para os composteláns.

A nosa primeira noticia trataba este tema, ante o que Coro González, vicepresidenta da Asociación Veciñal A Xuntanza, comentaba: “A min o que me chama a atención desta nova é a palabra ‘turista’. Entendo que [o transporte urbano] é un servizo principalmente para a cidadanía de Compostela. Obviamente tamén para a xente que vén de fóra, pero principalmente para a cidadanía”.

Pola súa banda, Suso Vilariño, director de formación de Autoescuela Santa Eulalia, manifestaba: “Eu penso que nos están a obrigar a saber as cousas de memoria. Parece que tes que coñecer ti o percorrido e as paradas de cada liña”. Falaba tamén sobre a aplicación maisbus: “Non pode dicir que faltan dous minutos cando despois baixo e teño que esperar quince… Noutras cidades é exacto, algo falla aquí”.

IMG_9839

Outra das trabas do transporte público da cidade e os seus arredores é a descoordinación entre as diferentes empresas que o conforman, extrapolable ás que realizan servizos metropolitanos. María Jesús Piñeiro, secretaria da Asociación de Persoas con Discapacidade de Compostela e Comarca, recalcábao: “Eu creo que as concesións deberían estar un pouco máis coordinadas”.

Neste sentido, outra das novas falaba sobre as escasas frecuencias do transporte metropolitano durante as fins de semana, que tamén afecta ás zonas rurais. Cruz Vázquez, presidenta da Federación de Asociacións Veciñais do Rural de Santiago, denunciaba: “Tanto en frecuencia como en rutas, a planificación do transporte público no rural é moi mala. Hai zonas que non teñen ningún autobús. Villestro ten carencias de frecuencias, pero por exemplo, San Xoán de Fecha, que pertence ao norte de Santiago, non ten ningún bus, ningún”.

Pola súa parte, Suso facía fincapé no conflito xudicial entre Tralusa e Autos Grabanxa que, tras unha sentenza do TSXG, derivou en que dende 2013 só haxa dez viaxes de bus diarias que conecten o polígono do Tambre co centro (liña P6), fronte á frecuencia de 16 min que existía ata o momento coa liña 1: “Resulta que a concesión só chega ata Boisaca pero non pode chegar ao final do polígono por culpa da outra empresa… Que isto o faga unha empresa ou que o faga a outra, pero creo que deberían estar coordinadas para enlazar os buses neste lugar”.

Mª Jesús indicaba: “O ideal sería que se considerase aos autobuses como transporte público, e que esa fose a súa prioridade”. Para logralo, indica que se debería pensar na accesibilidade universal: Eu estou a espera, porque isto xa o lin en moitos máis sitios, de que haxa pantallas dentro dos autobuses e avisos sonoros que indiquen en que parada estás. Eu levo escoitando isto dende hai moito, pero non o vexo”. Para reforzar os seus argumentos, tróuxonos as demandas de COGAMI, entre as que están incluídas unha serie de medidas no eido da mobilidade.

IMG_9788

Para concluír, falamos sobre como os medios de comunicación tenden a tratar a información que fai referencia á mobilidade. Coro comentaba: “Algúns medios de comunicación están politizados e falan segundo as novidades políticas que haxa no momento e a realidade”. Cruz expoñía dous puntos de vista: “Se cho digo dende o punto de vista de ben pensada, eles ignoran o propio rural e non lle ven o potencial de comunicación, digamos, a positividade de empregar tempo en publicación do rural. Se actúo como mal pensada ou me expreso como mal pensada, ao mellor os políticos están dicindo: ‘pasade disto, que isto non nos interesa’”.

Retrato dos espazos de encontro (acción)

Recentemente, La Voz de Galicia recompilou as diversas marquesiñas que hai nalgunhas localidades de Galicia. A Xunta propuxo dous únicos modelos desta infraestrutura: un para as zonas urbanas e outro para as rurais. O primeiro destes elementos da vía pública “modelo” atópase en San Lázaro e tomámolo como exemplo para a nosa acción, contrapoñéndoo a mostras de marquesiñas deterioradas. Coro referíase a estes espazos como “lugares de encontro para os cidadáns”, polo que é esencial reformalos e adecualos ás necesidades das persoas. Ademais, fotografamos outros lugares mencionados durante a segunda xuntanza —especialmente zonas rurais polas que pasa o autobús urbano— para o proxecto. Ademais, tomaremos imaxes das “paradas de bus inexistentes” mencionadas por Mª Jesús na última reunión do Círculo.

Conversaron connosco:

  • Coro González, vicepresidenta da Asociación Veciñal A Xuntanza.
  • Cruz Vázquez, presidenta de FERUSA.
  • María Jesús Pérez, secretaria de AMICO.
  • Suso Vilariño, director de formación de Autoescuela Santa Eulalia.

Ligazóns:

Gómez, S. e Rodeiro, N. (4 de setembro de 2017). O bus urbano desconcerta aos turistas. La Voz de Galicia. Recuperado de https://galego.lavozdegalicia.es/noticia/santiago/2017/09/04/bus-urbano-desconcierta-turistas/0003_201709S4C3992.htm

Martínez, R. (8 de febreiro de 2013). Autos Grabanxa cubrirá unha ruta entre o Tambre e o centro. La Voz de Galicia. Recuperado de https://galego.lavozdegalicia.es/noticia/firmas/2013/02/08/autos-grabanxa-cubrira-ruta-tambre-centro/0003_201302S8C4996.htm

Redacción (13 de marzo de 2019). As frecuencias do fin de semana, principal lagoa do transporte metropolitano. La Voz de Galicia. Recuperado de https://galego.lavozdegalicia.es/noticia/santiago/2019/03/13/frecuencias-fin-semana-principal-laguna-transporte-metropolitano/0003_201903S13C1997.htm

Vilar, M. P. (22 de marzo de 2019). As mil e unha marquesiñas de Galicia. La Voz de Galicia. Recuperado de https://galego.lavozdegalicia.es/noticia/galicia/2019/03/22/mil-marquesinas-galicia/00031553278399840690577.htm

6 comentarios en “Escoitar á cidadanía, clave para artellar unha boa mobilidade

  1. PÉREZ PEDROUZO

    Cada día, centos de estudantes empregan os autobuses de Santiago para poder chegar aos seus centros educativos. Tendo en conta isto, é obvio que o transporte público é de vital importancia para o desenvolvemento da súa educación, pois moitas veces é a súa única forma de chegar a tempo. No caso das persoas con problemas de mobilidade, o peso destes medios de transporte nas súas vidas é aínda máis grande. E con todo, atopámonos con situacións como as que describides, cun sistema de horarios inexacto, cuns horarios confusos e, en definitiva, cun transporte que máis que axudar acaba dificultando a situación e volvéndose prácticamente unha opción inviable.

    É vergonzoso que nunha cidade como Santiago, que a parte de ser unha cidade turística, é unha cidade estudiantil (coa cantidade de persoas que necesitan desprazarse a diario para realizar os seus estudos que iso conleva), a mobilidade continúe sendo unha materia pendente.

    Ligazóns:

    Montero, T. (3 de marzo de 2016). Aquí los discapacitados son los buses. La Voz de Galicia. Recuperado de:
    https://www.lavozdegalicia.es/noticia/galicia/2016/03/03/discapacitados-buses/0003_201603G3P15991.htm

    Mosteiro, M. (21 de marzo de 2019). Los niños de Fontiñas piden igualdad de oportunidades. La Voz de Galicia. Recuperado de:
    https://www.lavozdegalicia.es/noticia/santiago/santiago/2019/03/21/ninos-fontinas-piden-igualdad-oportunidades/0003_201903S21C4991.htm

    Gústame

    1. PRIETO AROSA

      Como ben ti dis, o aspecto da mobilidade e o transporte público en Santiago de Compostela é un tema moi vergoñento. Non pode ser que con tódolos adiantos que hai actualmente xa sexa en arquitectura, aspectos de accesibilidade…; aínda non se teña en conta a opinión dos que realmente padecen este tipo de discriminacións.

      Por que en Santiago non buscan solucións? Por que non escoitan a xente? En outros lugares de Galicia o fixeron e agora Vilagarcía prepara paradas de bus accesibles para axudar ás persoas con discapacidade a poder ter autonomía, algo que en Santiago non é posible. Paradas que non compren as cotas de accesibilidade, vehículos de transporte público sen ramplas, sen avisos sonoros para persoas cegas…; son algúns dos moitos problemas que se atopan estas persoas tódolos días na capital galega, sen embargo o concello de Santiago no fai nada, mira para outro lado e incumpre as promesas que dixo que ía facer.

      No momento no que mira para outro lado podería seguir o exemplo do concello de El Ejido, onde puxo en marcha unha proposta aos cidadáns dun ‘autobús urbano a demanda’ onde os habitantes votaban que liñas eran mellor que fixeran o transporte público para tentar ser accesible para todos, con horarios e buses adecuados que fixeran do autobús un medio de transporte e non un medio para tolear a cabeza.

      Como podemos ver a Santiago de Compostela quédalle moito para acabar sendo unha pioneira (ou polo menos igualar ás que o son) no tema da accesibilidade e do transporte público. Mentres tanto, tocará pelexar e tentar que as institucións escoiten aos implicados porque ao final é o que realmente vale, escoitar e, con iso, actuar.

      Ligazóns:

      – García, C. (22 de novembro de 2017). CA retrasa hasta 2020 sus promesas de cambio para el transporte urbano. El Correo Gallego. Recuperado de https://www.elcorreogallego.es/santiago/ecg/ca-retrasa-2020-sus-promesas-cambio-transporte-urbano/idEdicion-2017-11-22/idNoticia-1085717/

      – Redacción. (5 de outubro de 2018). La nueva parada de bus de la plaza de abastos será completamente accesible. La Voz de Galicia. Recuperado de https://www.lavozdegalicia.es/noticia/arousa/vilagarcia-de-arousa/2018/10/05/nueva-parada-bus-plaza-abastos-sera-completamente-accesible/0003_201810A5C3991.htm

      – Redacción. (4 de abril de 2019). El ayuntamiento de El Ejido desarrolló el “autobús urbano a demanda”. Noticias de Almeria. Recuperado de https://www.noticiasdealmeria.com/el-ayuntamiento-de-el-ejido-desarrollo-el-autobus-urbano-a-demanda

      Gústame

      1. PÉREZ PEDROUZO

        Si, queixarse en silencio sen comezar a movernos e presionar para que a situación cambie non sirve de nada. Santiago, sendo unha cidade tan importante e na que tantas persoas necesitan desprazarse día a día, non pode seguir estando por detrás doutras cidades nesta materia. Hai que plantexar novas medidas para solucionar este problema o máis pronto posible e traballar para facelas realidade.

        Xa que sinalas os casos de Vilagarcía e El Ejido, comparto a túa opinión de que Santiago debe comezar a observar que están a facer noutros lugares e intentar imitar as solucións máis efectivas para satisfacer aos seus cidadáns e, sobre todo, aos que dependen do transporte público para facilitar a súa vida.

        Así, parécenme destacables medidas como a que fixeron en Murcia, creando un autobús adaptado para persoas con problemas de mobilidade que se encarga de transportar ata os centros educativos aos alumnos que o necesiten. Creo que algo así, e a poder ser, non só un, sería algo tremendamente beneficioso. En Marchamalo (Castilla-La Mancha) fanlle un desconto do 33% nos autobuses a este colectivo, algo que me parece vital tendo en conta o número de veces que poden chegar a necesitar empregalo. E en Madrid, a app da Empresa Municipal de Transportes facilita ás persoas cegas parar os autobuses, puidendo avisar directamente aos condutores de que que queren subir.

        Propostas hai a moreas, o que fai falta é actuar.

        Ligazóns:

        Redacción. (11 de outubro de 2018). Un nuevo autobús adaptado para incrementar la accesibilidad en el transporte. La Verdad. Recuperado de: https://www.laverdad.es/murcia/nuevo-autobus-parque-20181011174633-nt.html

        Redacción. (9 de abril de 2019). Las personas con discapacidad también tienen descuento en el autobús. El Dia Digital. Recuperado de: https://eldiadigital.es/art/290944/las-personas-con-discapacidad-tambien-tienen-descuento-en-el-autobus

        Redacción. (9 de abril de 2019). Las personas con discapacidad visual podrán parar al autobús desde la marquesina a través de la App de la EMT. Crónica Norte. Recuperado de: http://www.cronicanorte.es/las-personas-con-discapacidad-visual-podran-parar-al-autobus-desde-la-marquesina-a-traves-de-la-app-de-la-emt/135366

        Gústame

        1. PRIETO AROSA

          Tes toda a razón, sen embargo hai unha cousa que dis que podería discutirse. Falas de que a xente queixase en silencio, que non fan nada, pero eles son a voz das queixas do transporte urbano o que pasa e que en moitos medios iso non quere saír.

          O que buscan moitos medios e enxalzar a figura do político, de que todo o está a facer ben e que non hai ningún problema. Isto provoca que moita xente deixe de berrar e os ánimos candentes acóuguense un pouco ao ler este tipo de noticias. En novembro do 2018 saía unha nova en ‘El Correo Gallego’ onde dicíase que se ía aprobar o novo plan de transporte público de Galicia, sen embargo en Santiago de Compostela aínda estase a esperar a que se chegue a un pacto a case maio do 2019.

          Pasan os meses é os políticos seguen sen escoitar a cidadanía e tampouco sen mover un dedo por facer todo dun xeito máis fácil. Din que van a mellorar as liñas de autobuses, que van a ser máis accesibles…; pero aínda non poden facer nada porque non hai un convenio firmado.

          Logo temos aos partidos como o BNG que lanza propostas enriba da mesa, pero que non se poden levar a cabo xa que, igual ca antes, non hai convenios firmados. Este é un gran problema que ten unha moi boa solución, pero que non queren resolvelo e así non poderán ser eses pioneiros que din que queren ser. E, por exemplo, se queren chegar ao que é Vigo instaurando novos buses, melloras de accesibilidade… o que teñen que facer é moverse, en vez de dicir que todo está ben e que xa o están arranxar. Así Santiago non vai a ningures e a cidadanía rematará por cansar.

          Ligazóns:

          – E.P. (9 de novembro de 2018). Este mes se aprobarán las líneas generales del plan de transporte público en Galicia. El Correo Gallego. Recuperado de https://www.elcorreogallego.es/galicia/ecg/mes-aprobaran-lineas-generales-plan-transporte-publico-galicia/idEdicion-2018-11-09/idNoticia-1147436

          – Redacción. (15 de abril de 2019). Goretti Sanmartín ve prioritaria la mejora de la accesibilidad del transporte público. La Voz de Galicia. Recuperado de https://www.lavozdegalicia.es/noticia/santiago/2019/04/15/goretti-sanmartin-ve-prioritaria-mejora-accesibilidad-transporte-publico/0003_201904S15C4992.htm

          – Redacción. (22 de novembro de 2018). Vigo, entre las cinco ciudades más accesibles de Europa. La Voz de Galicia. Recuperado de https://www.lavozdegalicia.es/noticia/vigo/vigo/2018/11/21/vigo-cinco-ciudades-accesibles-europa/00031542837052018813685.htm

          Gústame

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair /  Cambiar )

Google photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google. Sair /  Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair /  Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair /  Cambiar )

Conectando a %s