A lingua no ensino. Trinta anos de luces e sombras

SUSO FERNÁNDEZ ACEVEDO, profesor de Lingua Galega no IES de Ribadeo Dionisio Gamallo.

O neno chega da escola:

− Papá, sé hablar inglés.

− E logo que sabes dicir?

− Sé dicir “cabalo”.

Quen mo conta é N., un ex-alumno meu de hai xa ben de cursos, que un día decidiu recuperar pola súa conta a lingua dos avós que os pais lle negaran ó educalo. Agora, galegofalante por convicción, vese incapaz de conseguir que o seu fillo de cinco anos tamén o sexa.

D., alumna de 2º de ESO, dime que na casa sempre fala en galego coa súa nai, pero cústalle facelo no instituto, como se as paredes da aula tivesen algún tipo de invencible poder alleador.

A., que chegou de Marrocos con sete anos, confesa que aprendeu galego no colexio dun concello semirrural onde a escolarizaron, e di que foi falante de árabe na casa e de galego fóra ata que comezou a ESO na vila. Chegado ese punto, a maior presenza ambiental do castelán provocou que ela comezase a falar ese idioma cos compañeiros e compañeiras.

Trátanse de tres casos reais e recentes, que identifico con iniciais só por discreción. Non poderán, se cadra, considerarse prototipo de comportamento no alumnado, pero seguro que tampouco son excepción e dan pé para sinalar un par de evidencias:

O ensino segue sendo un factor desgaleguizador: non só non abonda para compensar o desequilibrio lingüístico que se respira no ambiente de calquera adolescente (música, lecturas, novas tecnoloxías, redes sociais…), senón que moitas veces forma parte dese desequilibrio e rompe a transmisión xeracional do galego en familias que llo falan ós seus descendentes, e ven como estes se asentan no castelán ó pouco de comezar a escolarización.

O cambio de hábitat do medio rural ó urbano segue sendo tamén un factor desgaleguizador, e non hai que esquecer que nas vilas e cidades é onde están a maioría dos centros de ensino medio, de xeito que hai alumnado do rural que se mantén no galego mentres cursa primaria pero que se castelaniza ó comezar a ESO.

Se os casos que describín se dan nunha vila de tamaño medio-baixo, onde o galego ten certa presenza, é doado supoñer que a situación se acentuará en contornas urbanas de maior tamaño.

Os cinco sexenios de docencia que acabo de cumprir danme perspectiva suficiente para sinalar luces e sombras, sen caer no catastrofismo nin na euforia.

Por veces, un comproba con desalento que os cambios foron escasos:

  1. O alumnado chega ó instituto con prexuízos que debían estar xa superados e abandonan o galego con facilidade.
  2. Hai profesorado que mantén tamén comportamentos e actitudes impropias destes tempos.
  3. Aínda que non se cuestiona o galego na rotulación ou na vida interna do centro, non está asentado o seu uso e esporadicamente obsérvanse retrocesos.

Non axudan nada outros factores nos que non vou afondar por ser suficientemente coñecidos: o Decreto para o plurilingüísmo, que reduciu a presenza do galego na docencia e estableceu a prohibición de impartir en galego varias materias de ciencias;  a mentira de “la imposición del gallego”, que actualmente parecen querer avivar desde a insensatez e o oportunismo algúns líderes políticos, etc.

A introdución das novas tecnoloxías, algo que debería ser motivo de celebración, tamén tivo consecuencias para a cantidade e cualidade do galego no ensino. Proxectos como Edixgal, que promove o uso de recursos dixitais, non inclúe tanta oferta en galego como existía cos textos tradicionais en papel. Ferramentas coma o XADE ou a Aula Virtual que se utilizan para a xestión do ensino e para a docencia conteñen erros de lingua que demostran desleixo en relación co asunto. É impensable a existencia de erros similares na versión en castelán de calquera ferramenta que se poña a disposición do alumnado ou do profesorado. Se cadra parece que a presenza de til onde non debe estar (“Sí”) ou a ausencia do artigo con posesivos que deberían levalo (“Meu perfil”) é asunto menor, pero non debemos esquecer que estamos nun contexto formal,  no ámbito educativo, e que ó alumnado se lle penalizan eses mesmos erros cando os comete. No custo total deses proxectos non supoñería case nada coidar eses detalles.

Non é un problema económico senón de desinterese, de ausencia de concienciación sobre a importancia dun idioma. Esa despreocupación obsérvase tamén na ausencia de audio en galego no ascensor do centro, na rotulación que quedou en castelán despois dunhas obras que se levaron a cabo e que houbo que modificar con cargo ó centro para acomodala á lexislación vixente.  

Malia a todo o anterior, eu son optimista por natureza e mesmo por necesidade estratéxica, penso que  non se pode caer no derrotismo e observo tamén motivos para a esperanza:

Comezaba falando do meu ex-alumno N., que criaron en castelán e agora está firmemente asentado no galego. Non é o único caso que coñezo. Podería citar bastantes casos de alumnado que pasou polo instituto sendo castelanfalante ou con evidentes prexuízos contra o galego e que, pasados algúns anos, teñen actitudes opostas, amosan sensibilidade coa lingua e, en ocasións, úsana con frecuencia.

O proceso de maduración e a reflexión persoal deulles consciencia do valor dun idioma e do absurdos que son determinados comportamentos. Podería citar algúns casos sorprendentes, gratamente sorprendentes, tendo en conta o seu perfil cando estaban no instituto. Os neofalantes non son multitude, pero tampouco son excepción, sobre todo unha vez que cambian de espazo vital e de relacións ó iren á Universidade.

É unha pena que este alumnado, moitas veces o máis brillante, acabe asentándose laboralmente no estranxeiro, xa que podería ser aquí moi útil para a recuperación do idioma exercendo distintas ocupacións.

Creo que nos centros de ensino preuniversitario debemos ser conscientes da realidade, de que o ambiente é adverso, de que os cambios lingüísticos son lentos, de que debemos transmitir información e coñecemento, abrirlle portas ó alumnado e amosarlles o que hai dentro, pero deixando que sexa cada un deles o que decida se entrar ou non e cando facelo, e non perder a esperanza de que o que sementamos xermole algún día e medre para o ben da lingua.

Referencias:

Decreto 79/2010, de 20 de mayo, para el plurilingüismo en la enseñanza no universitaria de Galicia. Diario Oficial de Galicia. Galicia, 25 de mayo de 2010, núm 97, p. 9.242. Recuperado de  https://www.xunta.gal/dog/Publicados/2010/20100525/Anuncio17BE6_es.html

Europa Press. (13 de xuño de 2018). La presidenta del Consello da Cultura: “muchos jóvenes pierden el gallego a no estar presente en la educación básica”. Europa Press. Recuperado de https://www.europapress.es/galicia/noticia-presidenta-consello-da-cultura-muchos-jovenes-pierden-gallego-no-estar-presente-educacion-basica-20180613133634.html

Europa Press. (28 de febrero de 2019). Ciudadanos ve “imposición” del gallego y pide revisar la ley de normalización. Europa Press. Recuperado de https://www.europapress.es/galicia/noticia-ciudadanos-ve-imposicion-gallego-pide-revisar-ley-normalizacion-20190228141803.html

Villar, C. (11 de abril de 2017). El Consello da Cultura insta a garantizar el gallego en las aulas de Educación Infantil. La Opinión (A Coruña). Recuperado de https://www.laopinioncoruna.es/sociedad/2017/04/11/consello-da-cultura-insta-garantizar/1170574.html

Fonte da imaxe: biblioteca gratuíta de WordPress.

11 comentarios en “A lingua no ensino. Trinta anos de luces e sombras

  1. PRIETO AROSA

    O medo a nosa lingua é una realidade, non só no ámbito da educación senón que en calquera da nosa sociedade. Ti vas ao médico e, pese a ser o servizo galego de saúde, aténdenche en castelán aínda que ti lles fales en galego; así en distintos ámbitos da vida diaria na comunidade galega.

    Parece que o galego está relegado só as casas, é dicir, ao ámbito privado mentres que no público o castelán é o que ten protagonismo, ¿é isto xusto? Eu penso que non. Se as administracións públicas de Galicia como Xunta de Galicia ou distintos concellos da comunidade che piden nas oposicións o ‘Celga 4’ de galego, por que logo mándanlle avisos a mestres por impartir as súas clases no idioma materno? Isto pasou nun colexio de Pontenova, onde recibiu unha advertencia por dar as clases de matemáticas en galego, o cal é legal debido a que o Parlamento de Galicia aprobara por unanimidade que se deran as clases en galego ou en castelán, a elección do profesorado. Entón a que se debe este aviso?

    Ninguén o entende e a verdade é que é unha gran incógnita xa que en Galicia sempre fora legal a utilización dos dous idiomas oficiais da comunidade. Estes problemas aparecen en tódolos ámbitos, pero que aparezan na educación cando os nenos son o futuro da moito que pensar. Todo fai indicar que se busca a supremacía do castelán e o mellor para acabar co idioma nativo da comunidade é provocar que os nenos non o falen. Se consegues que non o fagan, consegues exterminalo e con iso a nosa lingua quedará totalmente no esquecemento. E a pregunta é: queremos realmente que pase iso?

    Ligazóns:

    Lombao, D. (26 de marzo de 2019). El PP vota en Galicia a favor del gallego como “requisito” en el empleo público mientras Casado promete eliminarlo. eldiario.es. Recuperado de https://www.eldiario.es/galicia/PP-Galicia-requisito-Casado-eliminarlo_0_881912782.html

    Redacción (2 de Abril de 2019). Aviso a un profesor por enseñar matemáticas en gallego. El Nacional. Recuperado de https://www.elnacional.cat/es/politica/sancionan-profesor-matematicas-gallego_370876_102.html

    Redacción (1 de abril de 2019). Controversia sobre el uso del gallego en la escuela y en la función pública. Mundiario. Recuperado de https://www.mundiario.com/articulo/sociedad/controversia-uso-gallego-escuela-funcion-publica/20190401173622149884.html

    Gústame

    1. PÉREZ PEDROUZO

      Que o galego é un idioma perseguido e boicoteado polas altas esferas da sociedade non é ningunha novidade. Falamos dunha lingua que unha vez foi a de maior prestixio na península e malia iso, os séculos de políticas propias da centralización acabaron reducíndoo a unha pantasma do que era. Pero o certo é que para eliminar unha lingua, non són necesarias nin sequera a creación de leis que a prohiban ou penalizar a súa fala: unha lingua desaparece cando os seus falantes xa non queren falala.

      Así, a creación de tópicos sobre o galego, asumidos por gran parte da poboación, tales como que “soa mal”, que “é de brutos” ou que “non sirve de nada”, convértese no método máis eficaz para acabar coa lingua. Así, atopámonos coa situación que vivimos na actualidade, na que aínda que o galego se dá nas aulas, a dura realidade é que cada vez menos nenos falan galego.

      España é un país que conta cunha gran diversidade cultural, sobre todo nas Comunidades que contan cunha lingua propia como é a nosa. Con todo, parece (parece e é) que dende arriba o único que se pretende é eliminar calquera rastro de identidade e de cultura que non sexa a de Madrid. Se xa se fala pouco galego dándoo nas escolas, non quero nin imaxinar que pasará se deciden eliminalo.

      Ligazóns:

      Rodríguez, C. (17 de xuño de 2018). “Galego na escola”. El Correo Gallego. Recuperado de: https://www.elcorreogallego.es/opinion/firmas/ecg/galego-na-escola/idEdicion-2018-06-17/idNoticia-1121471/

      Filgueira, E. (9 de marzo de 2018). «A escola non é o máis influínte para que os nenos falen galego». La Voz de Galicia. Recuperado de: https://www.lavozdegalicia.es/noticia/carballo/2018/03/09/span-langgl-escola-non-e-mais-influinte-os-nenos-falen-galegospan/0003_201803C9C7994.htm

      Gústame

      1. PRIETO AROSA

        Estou moi de acordo co que propós, mais non tes toda a razón. É certo que o idioma galego é un idioma perseguido, relegado as casas ou ao ámbito privado, pero non é boicoteado por tódalas esferas políticas.

        Quitando a partidos como VOX que iso pouco remedio ten, todos os demais estiveron a favor nun pleno do Parlamento galego de exixir o galego para acceder a función pública co fin de non facelo esquecer nin desaparecer; pero isto terá éxito ou será unha forma directa de acougar ánimos fronte aos amantes da lingua nai? Eu creo que é algo así (e aquí e onde che dou a razón), porque partidos como Ciudadanos din que queren que lles atenda o mellor na súa materia indispensablemente do idioma que fale e este partido firmou o pacto de que o noso idioma é obrigatorio para acceder ao funcionariado. Unha incongruencia, non cres?

        Por estas cousas, mais a alimentación dos medios por esquecela, o galego vive días negros e duros. Non só na educación senón en calquera ámbito da sociedade. Vas a saúde e, por moi triste que sexa, só che falan galego os que están a punto de xubilarse ou os que son médicos do rural. As organizacións a favor do galego pelexan diariamente porque os nenos e nenas falen e sintan o noso idioma desde ven pequenos, sen embargo todo o seu entorno está manipulado para que falen o castelán relegando o galego a case ningures e facéndoo desaparecer pouco a pouco. As televisións, os profesores, os familiares… todos son pequenos culpables de que os nenos non falen galego e de que vaia desaparecendo pouco a pouco e, aínda que vexe que está a pasar, séguese sen buscar unha solución.

        Pasou co asturiano, pasou con ástur-leonés, pasou con moitos dialectos que lle daban unha gran riqueza a España e, como sigamos así, pasaralle ao galego. Xa que estamos “protexidos” pola nosa comunidade e, en principio, pola nosa constitución e os estatutos pertinentes, o que debemos facer e relanzar o galego en tódolos ámbitos da sociedade porque con que o fale un, iso xa chega para que este idioma materno non caia no esquecemento e non saia vitorioso o idioma predominante. David pode contra Goliat.

        Ligazóns:

        EFE (25 de febreiro de 2019). El BNG pide garantizar en ley que el gallego sea idioma del sistema educativo. El Correo Gallego. Recuperado de https://www.elcorreogallego.es/galicia/ecg/bng-pide-garantizar-ley-gallego-sea-idioma-sistema-educativo/idEdicion-2019-02-25/idNoticia-1168045

        Redacción (26 de marzo de 2019). Todos los grupos en el Parlamento, incluído el PP, a favor de exigir el gallego para acceder a la función pública. Europa Press. Recuperado de https://www.europapress.es/galicia/noticia-todos-grupos-parlamento-incluido-pp-favor-exigir-gallego-acceder-funcion-publica-20190326185849.html

        Sanz, S. (22 de abril de 2019). Beatriz Pino, nº1 de Ciudadanos por Pontevedra: “Nos estamos quedando sin niños en Galicia”. OK Diario. Recuperado de https://okdiario.com/espana/beatriz-pino-no-1-ciudadanos-pontevedra-nos-estamos-quedando-sin-ninos-galicia-3986159

        Gústame

        1. PÉREZ PEDROUZO

          Aínda que custe crelo, VOX é unha forza política cun número sorprendente de xente afín, así que eu non me tomaría a liberdade de eliminalo da conversa á hora de tratar o perigo no que se atopa actualmente a lingua galega, pois as súas opinións poden chegar a ter certa repercusión. E se ben os outros partidos, en principio non tan radicais, son máis “abertos” co respecto ás culturas das Comunidades Autónomas, non axuda en absoluto o discurso dos líderes da dereita sobre loitar para asegurar que o castelán sexa a lingua principal no ensino (coma se non o fose xa), dándolle unha estraña volta de torca á situación e facendo parecer ao castelán como a lingua marxinal e en perigo cando todos sabemos que a realidade é xusto a contraria.

          O que fai falta é a creación de novas medidas que colisionen con estas propostas tan perxudiciais para o galego e apoiar ás que xa existen. Esforzarnos como sociedade para acabar cos prexuízos que ameazan a súa existencia e loitar pola dignidade do noso idioma.
          A lingua galega é parte indispensable da nosa identidade como pobo e debemos facer todo o posible para asegurarnos de que, como dicía o mestre Cunqueiro, dure polo menos mil primaveras máis.

          Ligazóns:

          Del Riego, C. (1 de abril de 2019). Casado propone una ley que haga del castellano la lengua vehicular en la administración. La Vanguardia. Recuperado de:
          https://www.elcorreogallego.es/galicia/ecg/bng-pide-garantizar-ley-gallego-sea-idioma-sistema-educativo/idEdicion-2019-02-25/idNoticia-1168045

          Redacción. (12 de abril de 2019). Mesquida: “Ciudadanos quiere que el castellano sea lengua vehicular en toda España”. Mallorca Diario. Recuperado de: https://www.mallorcadiario.com/mesquida:-ciudadanos-quiere-que-el-castellano-sea-lengua-vehicular-en-toda-espana-

          Gústame

  2. OJEA GUTIÉRREZ

    Ante os exemplos expostos nesta publicación queda claro a ausencia cada vez máis notoria do uso do galego entre as xeracións máis novas. Unha situación que parece que non se vai a reverter e, polo tanto, en poucos anos o emprego do galego será case nulo. A propia Real Academia Galega advirte da escasa presenza que ten esta lingua nas zonas urbanas, nas cales un 38% dos nenos e nenas comezan a falar en castelán. Outro dato preocupante é a consideración do castelán como lingua materna fronte ó galego, que queda relegado a unha segunda posición.

    Hoxe en día, á parte do ensino como un factor desgaleguizador tamén inflúe a perda de espazo da lingua galega dentro do ámbito urbano e, consecuentemente, naquelas zonas cun maior dinamismo social. Porén, tamén preocupan as roturas que se están a producir na transmisión lingüística entre xeracións. Estadísticas que demostran como se foi reducindo o uso desta lingua dende a época dos nosos avós.

    Chama a atención que ante datos tan negativos se chegue a considerar que en Galicia se estea intentando impoñer a lingua propia desta comunidade. Determinadas formacións políticas están usando este argumento para fomentar e defender o uso do castelán cando a situación real é totalmente a contraria como se reflexa cos datos anteriores. A Mesa pola Normalización Lingüística está realizando unha campaña na cal se ironiza con esta suposta imposición. Todo isto mediante unha serie de datos como a inexistencia de xornais impresos en galego ou o escaso número de canles de televisión neste idioma.

    Son exemplos que poñen en evidencia este argumento co que o único que se persegue e reducir a cero a fala da nosa lingua.

    Ligazóns:

    Taboada, X. (22 de febreiro de 2018). La Real Academia Galega advierte que el castellano ya es la lengua materna mayoritaria. El Faro de Vigo. Recuperado de: https://www.farodevigo.es/galicia/2018/02/22/real-academia-galega-advierte-castellano/1842130.html

    Redacción. (1 de abril de 2019). A Mesa pola Normalización Lingüística ironiza sobre la “imposición” del gallego. Galiciapress. Recuperado de: https://www.galiciapress.es/texto-diario/mostrar/1372765/mesa-pola-normalizacion-liguistica-ironiza-sobre-imposicion-gallego

    Gústame

    1. GONZÁLEZ LÓPEZ

      Na meirande parte dos casos, o problema está na forma de encarar o problema que está atravesando a lingua galega dende hai anos. Non é produtivo nin solucionador o feito de quedarse a criticar e analizar a desgaleguización que sofre a nosa comunidade. Hai que moverse, levar adiante medidas que permitan eliminar todos os prexuízos e os elementos que fan que nenos e nenas deixen de empregar o galego unha vez comezan a etapa escolar. Iniciativas que seguen algúns centros galegos son o exemplo a seguir se queremos ter algo que dicir ante o dominio do castelán.

      Por outra parte, é preciso intensificar os labores de normalización lingüística, facendo caso omiso ás declaracións de numerosos deputados españois criticando a discriminación inexistente do castelán. Os datos están aí: a lingua castelá é a empregada polos alumnos galegos a pesares de ter, antes de escolarizarse, un dominio suficiente da lingua propia. E non se trata de impoñer unha lingua ou outra, trátase de aplicar un bilingüismo real nunha comunidade historicamente sometida a un idioma que non é propiamente o seu.

      Ligazóns:

      Meizoso, M. (10 de abril de 2019). Los tres colegios ponteses, unidos por el proyecto de innovación EscolARTE. La Voz de Galicia. Recuperado de: https://www.lavozdegalicia.es/noticia/ferrol/2019/04/10/tres-colegios-ponteses-unidos-proyecto-innovacion-escolarte/0003_201904F10C9994.htm

      Montero, T. (29 de setembro de 2018). Los datos de uso del gallego y el castellano demuestran que Toni Cantó no tiene razón. La Voz de Galicia. Recuperado de: https://www.lavozdegalicia.es/noticia/galicia/2018/09/29/datos-uso-gallego-castellano-demuestran-toni-canto-razon/0003_201809G29P6991.htm

      Redacción. (26 de setembro de 2018). Toni Cantó: “El castellano ha desaparecido en Galicia”. Faro de Vigo. Recuperado de: https://www.farodevigo.es/galicia/2018/09/26/toni-canto-castellano-desaparecido-galicia/1968702.html

      Gústame

      1. OJEA GUTIÉRREZ

        Está claro que os datos non son nada favorecedores para o galego. Hoxe en día, nos colexios das cidades urbanas é case inexistente a súa presenza, sobre todo na educación infantil. Consecuentemente, se dende pequeno o castelán é a túa lingua materna, resulta complicado que durante a túa etapa adolescente comeces a falar en galego. Ademais, o material didáctico que se emprega nas aulas está case todo en castelán, só un 30% dos centros de Galicia empregan o galego. As escolas nas que o castelán predomina sobre o galego atópanse nas cidades de Ferrol, Ourense ou Vigo mentres que en Santiago de Compostela mantense como primeira lingua.

        Destacar tamén, que o número de persoas que aprenden galego vai descendendo ano a ano. Unicamente un 31% de galegos emprega a súa lingua propia para comunicarse. Datos que reflexan claramente que a suposta situación de imposición é irreal.

        Ligazóns:

        El Correo Gallego. (26 de novembro de 2015). El uso del gallego es una rareza en los colegios de las ciudades gallegas. El Correo Gallego. Recuperado de: https://www.elcorreogallego.es/galicia/ecg/el-uso-del-gallego-es-una-rareza-en-los-colegios-de-las-ciudades-gallegas/idEdicion-2015-11-26/idNoticia-966170

        Capelo, L. (21 de febreiro de 2017). El gallego pierde terreno como lengua materna. Cadena Ser (Radio Galicia). Recuperado de: https://cadenaser.com/emisora/2017/02/21/radio_galicia/1487683968_614874.html

        Gústame

        1. GONZÁLEZ LOPEZ

          Ademais dun problema de normalización lingüística, tamén existe unha escasa exportación da nosa cultura a outras comunidades ou países. E iso é un grave error. En moitos casos, cando os axentes externos danse conta da riqueza da cultura e da lingua galega, mostran a súa admiración. Iso pode ser un elemento sobre o que traballar para frear a desgaleguización que estamos sufrindo. Cómpre que tanto os galegos como os non galegos tiremos na mesma dirección para que o bilingüismo sexa un feito, e non unha utopía.

          Tamén debemos adaptarnos ó novo mundo dixital e ás novas tendencias. Iniciativas como a primeira peza audiovisual en galego en Netflix é unha forma de optimizar os novos recursos que temos nas nosas mans e dar visiblidade á importancia do plurilingüismo no noso país. O feito de utilizar, ademais, tecnoloxías dirixidas a un público de curta idade é unha forma de contrarrestar a castelanización imposta neste rango de idade.

          Ligazóns:

          EP (29 de marzo de 2019). Netflix estrena ‘O sabor das margaridas’, la primera serie en gallego de la plataforma. El Correo Gallego. Recuperado de: https://www.elcorreogallego.es/tendencias/ecg/netflix-estrena-sabor-das-margaridas-primera-serie-gallego-plataforma/idEdicion-2019-03-29/idNoticia-1174096

          Redacción. (10 de xaneiro de 2019). James Rhodes, abrumado por la riqueza del idioma gallego. Faro de Vigo. Recuperado de: https://www.farodevigo.es/sociedad/2019/01/10/james-rhodes-abrumado-riqueza-idioma/2030557.html

          Varela, S. (6 de decembro de 2019). Niños de un colegio de Murcia gritan en gallego: «Unidos, moi fortes». La Voz de Galicia. Recuperado de: https://www.lavozdegalicia.es/noticia/galicia/2018/12/06/ninos-colegio-murcia-gritan-gallego-span-langglunidos-moi-fortesspan/0003_201812E6P56993.htm

          Gústame

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair /  Cambiar )

Google photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google. Sair /  Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair /  Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair /  Cambiar )

Conectando a %s