Aos políticos non lles interesa a mobilidade

TOUCEDA ANELLO

Centro Sociocultural de Fontiñas

Ser unha Cidade Patrimonio da Humanidade ten as súas vantaxes e os seus incovenientes. Algúns deles son a dificultade para construír novos edificios, para xestionar a vía pública ou para instalar infraestruturas relacionadas co transporte público. Isto deriva en que o autobús urbano de Santiago presente unha serie de carencias que repercuten na vida cotiá da cidadanía, dificultándoa.

A primeira nova da reunión mostraba estas lacras, facendo fincapé en como desconcertan aos turistas da capital galega. Coro González, vicepresidenta da Asociación Veciñal A Xuntanza, comentaba a raíz desta noticia: “Penso que o transporte público é moi importante no plan de mobilidade da cidade e, por tanto, os cidadáns que habitan o lugar, non? E, por suposto, a xente á que lle damos a benvida, que fai ben nalgúns aspectos da cidade, sobre todo no sector económico”. Posteriormente, a presidenta da Xuntanza declaraba: “Di que desconcerta aos turistas, pero tamén desconcerta aos cidadáns que vivimos en Compostela”.

Cruz Vázquez, presidenta da Federación de Asociacións Veciñais do Rural de Santiago (FERUSA), expoñía a súa visión: Creo que é importante isto para os turistas e para todo o mundo porque igual hai xente que utiliza unha liña esporadicamente, que non é a habitual, e tampouco saben moi ben por onde vai nin nada”. María Jesús Pérez, secretaria de Asociación de Persoas con Dispacidade de Compostela e Comarca (AMICO), reivindicaba que o autobús debería de verse como un servizo público e non coma unha ferramenta económica: “O ideal sería que se considerase aos autobuses como transporte público e que esa fose a súa prioridade”. 

IMG_9817
O grupo ao completo xunto con Mª Jesús, Cruz, Suso e Coro.

En Compostela, para conectar o Campus Norte co Sur existe a liña 15, especialmente empregada polos estudantes para chegar ás súas respectivas facultades, e cunha frecuencia insuficiente segundo algúns deles que lles imposibilita chegar á clase en moitas ocasións. A secretaria de AMICO afirmaba a existencia desta situación: “Ten que ter máis frecuencia e uns horarios máis programados”. Tamén remarcaba a problemática que supón para os traballadores con horarios atípicos: “Hai moita xente que ten un traballo nocturno e a partir das once da noite non hai bus”. Suso Vilariño, director de formación de Autoescuela Santa Eulalia, compartía a súa perspectiva, dende o oficio que desempeña, sobre a dificultade que supón para a cidadanía a mala coordinación dos autobuses públicos: Nós, por exemplo, temos aquí un caso dun centro de exame que hai no polígono de Tambre, xente que quedou sen puntos, a cero de puntos, e resulta que teñen que facer unha odisea para chegar ao centro de exames, que está ao final do Polígono”.

Cruz tratou de dar visibilidade aos problemas da veciñanza do rural: “Na zona rural, hai liñas que van baleiras. Autobuses con capacidade para cincuenta levan a unha o dúas persoas. Iso é unha mostra de que non hai un estudo da poboación usuaria”. A presidenta de FERUSA amosaba o seu descontento ante as respostas do Concello ao seu informe, o Rural Que queRemos, sobre as necesidades do rural en materia de trasporte público: “Presentas un escrito coa mellor vontade do mundo e o mellor escrito posible e non contestan. E se vas a pedir a resposta, pois percibes que non leron o escrito”. Coro apoiaba o descontento da presidenta de FERUSA: “Teño mandado moitos correos a TUSSA e as respostas eran as de sempre: ‘volva mañá’, ‘estamos traballando’…”.

Mª Jesús Pérez reivindicaba a falta de implicación dos partidos políticos locais en materia de mobilidade: “Na web só se ven os programas do 2015 e non os deste ano. Algúns de 2015 e incluso algúns do 2011, é dicir, nin sequera actualizan o apartado de mobilidade […] Hai moitas cousas que se prometen sempre e aínda non están feitas”. Entre elas, Mª Jesús destacaba a falta de “pantallas dentro dos autobuses e os avisos sonoros que indiquen as paradas”. En contraposición, queixábase dos paneis que anuncian a chegada dos buses nas paradas: “Ocupan moito espazo e molestan á xente. Cando lles da a luz, nin sequera se ve o que poñen e iso contando que funcionen porque non funciona en todos lados”.

IMG_8886
Panel de chegadas da parada do bus urbano de Pastoriza no que, tal e como indicaba Mª Jesús, é imposible ver a pantalla coa claridade do día.

A principal solución aos problemas do transporte público en Santiago é a mesma que aos de accesibilidade, segundo os membros do Círculo: escoitar a xente, outorgarlles unha maior consideración nos plans de mobilidade local. Coro expresábao así: Estamos agora mesmo gobernados por un equipo de goberno que ten unha liña de participación cidadá, pero penso que falta moito por andar para que os cidadáns tamén teñamos voz e voto sobre os sitios nos que habitamos”. Suso coincidía con ela: É o que dicía Coro, hai que escoitar á xente”. Cruz engadía: “É o fundamental. Mentres non se consiga iso…”. Deste xeito, os membros do Círculo esixen aos organismos políticos que se teñan en conta as peticións cidadás para conseguir melloras no sistema de mobilidade que benefician a toda a sociedade.

Detallando a acción

A nosa acción será unha colección fotográfica online que se difundirá tanto polas redes sociais do OCC como a través de carteis na rúa, situados en lugares relacionados coa mobilidade e zonas concorridas para conseguir chegar á xente, que é a principal beneficiaria deste proxecto. Ditas pancartas conterán un código QR que levará os cidadáns á páxina da colección de imaxes. Entre as fotografías da segunda reunión hai imaxes da zona rural, paradas de autobús non sinalizadas, marquesiñas en mal estado…

Participaron na conversa:

  • Coro González, vicepresidenta da Asociación Veciñal A Xuntanza.
  • Cruz Vázquez, presidenta de FERUSA.
  • María Jesús Pérez, secretaria de AMICO.
  • Suso Vilariño, director de formación de Autoescuela Santa Eulalia.

Ligazóns:

Araújo, E. (22 de febreiro de 2018). Ames e Teo expoñen á Xunta unha liña circular de bus para 39.000 usuarios potenciais. La Voz de Galicia. Recuperado de https://galego.lavozdegalicia.es/noticia/santiago/teo/2018/02/22/ames-teo-plantean-xunta-linea-circular-bus-39000-usuarios-potenciales/0003_201802S22C6991.htm

Calveiro, P. (12 de novembro de 2018). «Non conseguimos ir en bus ao campus norte porque vai cheo e xa nin para». La Voz de Galicia. Recuperado de https://galego.lavozdegalicia.es/noticia/santiago/santiago/2018/11/12/span-langglnon-conseguimos-ir-bus-ao-campus-norte-vai-cheo-xa-nin-span/0003_201811S12C3991.htm  

Calveiro, P. (18 de febreiro de 2019). Os universitarios suspenden ao servizo de autobús. La Voz de Galicia. Recuperado de https://galego.lavozdegalicia.es/noticia/santiago/2019/02/18/universitarios-suspenden-servicio-autobus/0003_201902S18C1995.htm

Gómez, S. e Rodeiro, N. (4 de setembro de 2017). O bus urbano desconcerta aos turistas. La Voz de Galicia. Recuperado de https://galego.lavozdegalicia.es/noticia/santiago/2017/09/04/bus-urbano-desconcierta-turistas/0003_201709S4C3992.htm

Un comentario en “Aos políticos non lles interesa a mobilidade

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair /  Cambiar )

Google photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google. Sair /  Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair /  Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair /  Cambiar )

Conectando a %s