Peóns e tráfico: inimigos para toda a vida

PRIETO AROSA

Centro Sociocultural de Fontiñas

O tráfico é un tema delicado en todas as cidades do mundo e en Compostela, máis. Xestionar unha cidade sen considerar a opinión dos que viven nela provoca moitos dos problemas relacionados co tráfico, pois non se teñen en conta os  erros e as trabas que  atopan as persoas con máis dificultade.

“Trabállase o tráfico dende o tráfico e a cidade hai que traballala dende a organización. Se mantemos a organización cidadá que temos agora mesmo é totalmente imposible resolver os problemas”, declaraba Fernando Lacaci, presidente da Federación de ANPAS ‘Compostela’. Cruz Vázquez, presidenta da Federación de Asociacións Veciñais do Rural (FERUSA), engadía: “Teríamos que esixirlles ás autoridades que actuasen”. A súa finalidade sería evitar os problemas de tráfico dos que se falaron na primeira nova de La Voz de Galicia. María Jesús Pérez, secretaria da Asociación de Persoas con Discapacidade de Compostela e Comarca (AMICO), achegaba: “Nós, a xente, somos irrespectuosos coas normas, priorizamos outro tipo de aspectos”.

Para exemplificar todos estes problemas e a mala concienciación cidadá, amosamos unha nova de El Correo Gallego, que falaba do límite de velocidade e da priorización das bicicletas na zona do Ensanche. “Podemos poñer as bicicletas a colorines, marcalas e facelas bonitas [as marcas viarias], pero dá igual: se non lle pos unha multa a alguén que se pon enriba desta prioridade, non hai remedio” comentaba Fernando.

En relación á velocidade, Cruz reclamaba: “A velocidade na zona rural é moi excesiva. Vemos que a cidadanía non respecta como debe, e parece que o que só lle importa nese momento é o seu coche e correr o que lle apeteza, sen pensar nos perigos que poida haber. Fartos estamos de pedir sinais de limitación —e vannas poñendo—, pero os condutores non fan nin caso”. Mª Jesús uniuse á crítica: “Se superas a velocidade que está establecida podes ter unha sanción, e iso pode concienciar un pouco [á xente] porque nos vai ao peto e iso doe”.

IMG_0556
Mª Jesús cre que as sancións son unha solución para limitar os excesos de velocidade.

Tamén Cruz xulgou o autobús urbano: “O transporte público do campo ata a cidade complica o tráfico na propia cidade. Os habitantes do rural non podemos prescindir de coche particular porque non temos servizo público. Obrígante a traer o teu coche, a aparcar… O que crea problemas dentro da cidade”. A presidenta de FERUSA botáballe a culpa á planificación do concello: “Nos Plans de Mobilidade, primeiro defínese o que é a cidade e non se preocupan de que o entorno, o rural, repercute nela”.

Ao longo da xuntanza falamos doutros temas máis concretos como os problemas de tráfico na zona escolar de Lamas de Abade. Fernando explicou o motivo polo que cría que se publicaba unha das novas de El Correo Gallego que trouxo: “Eu creo que pode ter que ver coa matrícula. E con que o concepto de noticia está vinculado á inmediatez”. Ao falar deste lugar, engadimos outra noticia sobre a educación, onde Fernando non puido evitar o seu lamento: “É a zona peor regulada de todo Santiago e iso obedece á renuncia das institucións de zonificar ben as zonas da cidade”. Mª Jesús engadía: “Non hai intercomunicación entre o Concello e a Xunta e non traballan conxuntamente; é como se foran por rutas dispares”, algo que corroborou Cruz: “As institucións non colaboran unhas coas outras”. Posteriormente, engadía: “Que non se respecten as zonas escolares repercute no tráfico unha barbaridade”.

IMG_0552
Fernando, crítico coa xestión do tráfico en zonas escolares.

Fernando concluía: “Os medios non desenvolven unha función educativa, e case voume atrever a dicir que a informativa fana dun xeito bastante limitado. Non fan absolutamente nada. A noticia, unicamente, é o que pode resultar atractivo para o lector, non o que pode resultar atractivo en si mesmo”. Mª Jesús vía con pesimismo os contidos que transmiten os medios: “Morbo e publicidade. No tema da discapacidade sempre sae ‘o pobriño que non pode saír da súa casa’, e non se poñen a comentar en realidade a problemática que supón que unha persoa non poida saír da súa casa para ir a X sitio’. Ou ‘que bonita queda a peonalización de X sitio’, pero que consecuencias ten?”. Cruz engadiu: “Ás veces publícanse auténticas bobadas, que dis ti, como é posible que se ocupe un tempo informativo en todas estas cousas?”. Os integrantes do Círculo concebían os medios como entidades que actúan perseguindo os seus propios intereses, deixando de lado a súa función básica que é informar á cidadanía sobre os temas que lle afecten directamente. 

Novos lugares que fotografar

Durante a terceira xuntanza, fíxose un coloquio sobre a acción, no que lles ensinamos as fotografías feitas ata o momento e as conclusións seleccionadas para os pés de foto. As imaxes reabriron debates tratados noutras reunións (as prazas de aparcadoiro adaptadas, as paradas de bus sen sinalizar, as poucas ou inexistentes frecuencias de autobús no rural…). Tamén xurdiron novas ideas de lugares a fotografar: tráfico nas saídas das escolas, falta de sinalización e pavimentos no rural, o paso dos ciclistas polas beirarrúas e pasos de peóns…

Participaron na conversa:

  • Cruz Vázquez, presidenta de FERUSA.
  • Fernando Lacaci, presidente da Federación de ANPAS Compostela’.
  • María Jesús Pérez, secretaria de AMICO.

Ligazóns:

Gómez, J. (22 de marzo de 2019). Alertan de que o caos viario en Lamas de Abade ameaza a miles de escolares. La Voz de Galicia. Recuperado de https://galego.lavozdegalicia.es/noticia/santiago/2019/03/22/alertan-caos-vial-lamas-abade-amenaza-miles-escolares/0003_201903S22C1997.htm

López, G. (25 de agosto de 2018). Los vecinos consideran que las nuevas normas de tráfico no arreglarán nada. El Correo Gallego. Recuperado de https://www.elcorreogallego.es/santiago/ecg/vecinos-consideran-nuevas-normas-trafico-no-arreglaran-nada/idEdicion-2018-08-25/idNoticia-1133860

Mosteiro, M. (21 de novembro de 2018). Veciños e comercio piden que o plan do Ensanche para acougar o tráfico chegue a máis rúas. La Voz de Galicia. Recuperado de https://galego.lavozdegalicia.es/noticia/santiago/2018/11/21/vecinos-comercio-piden-plan-ensanche-calmar-trafico-llegue-calles/0003_201811S21C1999.htm

Redacción (14 de marzo de 2019). Reclaman un estudo de tráfico en Lamas de Abade. El Correo Gallego. Recuperado de https://www.elcorreogallego.es/santiago/ecg/reclaman-un-estudo-trafico-lamas-abade/idEdicion-2019-03-14/idNoticia-1171130

8 comentarios en “Peóns e tráfico: inimigos para toda a vida

  1. Magnífico foro, e estupenda proposta: moi intelixente a xuntanza de persoas voceiras ao xuntaren ámbitos moi diferentes e complementares. A necesaria visión da accesibilidade como transversal a todas as políticas de organización social, nomeadamente ás de mobilidade urbana, conxunta -dende o punto de vista da imperiosidade- a visión da veciñanza rural -como permanente exemplo de vivencia desprazada dos arredores ao centro urbano- coa da comunidade escolar, que somos quen sofrimos, e tamén causamos en boa medida, o caos circulatorio a determinadas horas e lugares.
    A cidade, entendida nun senso amplísimo, porque calquera mínima urbanización acaba traendo idénticos problemas, ten que reinventarse dende a perspectiva do peón, da persoa que non utiliza o vehículo porque non ten porque o utilizar, máis aínda en Compostela que ten un tamaño perfectamente asumíbel para a vida “non rodada” (incluíndo bicicletas, que hoxendía son unhaoutra eiva na mobilidade das persoas de a pé), que deberá dotarse dun transporte urbano que axilice -en rúas dedicadas a ese transporte en exclusiva- as necesidades da veciñanza, pero tamén forzando outro tempo vital e outra gradazón das necesidades cidadás.
    Grazas polo traballo feito.

    Liked by 1 person

    1. Moitas grazas polo teu comentario, Fernando. Para nós foi un pracer contar coa túa presenza —e coa do resto de membros do Círculo— nesta última reunión. Creo que falo en nome de todo o grupo cando digo que aprendimos de ti, da túa visión e das túas ideas sobre a que podería ser unha boa mobilidade para Compostela, tanto no seu ámbito máis xeral como no escolar. Graciñas!

      Gústame

  2. RIVADULLA LLERAFO

    Paréceme un bo tema e creo que o tratades dunha maneira adecuada. Pero, debo dicir que cada vez máis, se intentan afrontar estes problemas de movilidade urbana.
    Un exemplo é o PMUS de Santiago de Compostela, unha ferramenta que existe e mediante a cal a administración pode articular medidas encamiñadas a mellorar a calidade de vida dos cidadáns por medio dun progreso nas condicións de transporte e mobilidade metropolitanas.
    Por outro lado, no 2018 Greenpeace elexiu a Santiago de Compostela para poñer en marcha unha “revolución urbana” e facer espazos máis sostibles.
    Penso que o problema non é dos altos cargos, xa que se están a plantexar medidas para solucionar os imprevistos. Máis ben, me atrevería a dicir que o problema ven por parte da cidadanía e dos instructores.

    (Redacción: 11 de febreiro de 2011). PMUS Santiago, Plan de Movilidade Urbana Sostible. Concello de Santiago. Recuperado de: http://pmus.santiagodecompostela.gal/index.php

    (Redacción: 6 de setembro de 2018).Greenpeace elige a Santiago de Compostela para poner en marcha una “revolución urbana” y hacer espacios más sostenibles. ElCorreoGallego.es. Recuperado de:
    https://www.elcorreogallego.es/santiago/ecg/greenpeace-elige-santiago-compostela-poner-marcha-revolucion-urbana-hacer-espacios-sostenibles/idEdicion-2018-09-06/idNoticia-1135807

    Gústame

    1. TOUCEDA ANELLO

      Como ben dis, os altos cargos intentan propiciar iniciativas que melloren os problemas relacionados co tráfico. Proba disto foi a implantación por parte do Concello dunha normativa para os vehículos que limitase a velocidade a 30 km/ hora na zona do Ensanche. A medida (que tiña como obxectivo a pacificación do tráfico) entrou en vigor en setembro do ano pasado e priorizaba a circulación de bicicletas no territorio.
      En contraposición, quedan multitude de problemas relacionados co tráfico, competencia dos órganos de goberno, sen resolver. A rúa doutor Teixeiro, por citar un exemplo, sería un dos casos aos que nos referimos. A vía consta de dous carrís de circulación moi estreitos, polo que, cando un coche vai parar en dobre fila (situación non habitual) ou aparca, o tráfico retense. Por non mencionar a dificultade que teñen os buses para pasar…
      A responsabilidade dos problemas de circulación de vehículos na estrada corresponde tamén, como non, aos propios conductores, que en máis dunha ocasión se saltan a normativa. Á hora de aparcar no recinto do hospital Clínico, por exemplo, estes olvidan calquera norma, ocupando pasos de peóns, beirarrúas ou rotondas.
      Tanto os organismos públicos como os propios cidadáns teñen na súa man o poder para mellorar a problemática de tráfico existente, que atinxe ao sistema de mobilidade. Tal vez un pouco de implicación por parte ambos bandos sería a solución a todos os problemas.

      Ligazóns:

      Costoya, D. (24 de agosto de 2018). O límite de velocidade de 30 quilómetros por hora amplíase a todo o Ensanche. La Voz de Galicia. Recuperado de https://galego.lavozdegalicia.es/noticia/santiago/2018/08/24/limite-velocidad-30-kilometros-hora-amplia-ensanche/0003_201808S24C2991.htm

      Melchor, X. (1 de febreiro de 2019). O inferno de aparcar no Clínico. La Voz de Galicia. Recuperado de https://galego.lavozdegalicia.es/noticia/santiago/santiago/2019/02/01/infierno-aparcar-clinico/00031549026199080112124.htm

      Mosteiro, M. (23 de febreiro de 2019). O exceso de tráfico, ruído e cartelería eclipsa unha ampla oferta comercial. La Voz de Galicia. Recuperado de https://galego.lavozdegalicia.es/noticia/santiago/2019/02/23/exceso-trafico-ruido-carteleria-eclipsa-amplia-oferta-comercial/0003_201902S23C2991.htm

      Gústame

      1. RIVADULLA LLERAFO

        Estou de acordo en que todavía queda moito traballo por facer referente ao tráfico, pero non penso que a culpa sexa dos conductores. Obviamente hai xente e xente, como en todo. Os principais problemas da conducción están relacionados coa señalización na vía. Por exemplo, nas glorietas de Santiago de Compostela todas as saídas as encontraremos a man dereita, polo que o carril que mellor convén é o carril dereito. A flecha que observamos no carril da dereita poderíase cambiar. Eu creo que o obxetivo sería concenciar á sociedade dende a Administración Pública e os Organismos do Estado e que, á súa vez, estes informen dos problemas que existen e comecen a cámbialos. Para iso, é importante facerlle chegar a estas persoas que queremos que esta situación mude. Así, o fixeron o ano pasado os vecinos de Milladoiro, conovocando unha folga para denunciar os problemas de tráfico na avenida.

        Ligazóns:

        Santa Eulalia.Tráfico en Santiago de Compostela con problemas en la señalización viaria. Recuperado de:
        https://www.aesantaeulalia.com/trafico-santiago-compostela-problemas-la-senalizacion-viaria/

        Manteiga,M (22 de xuño de 2018). Milladoiro reclama su avenida para la gente y no para el tráfico. ElCorreoGallego.es. Recuperado de:
        https://www.elcorreogallego.es/area-de-compostela/ecg/milladoiro-reclama-avenida-gente-no-trafico/idEdicion-2018-06-22/idNoticia-1122571

        Gústame

        1. TOUCEDA ANELLO

          Coincido coa túa visión xa que aínda queda moito por facer en canto a sinalización e orientación vial na cidade compostelá e, de forma máis xeral, nas urbes galegas. Segundo unha noticia publicada polo Faro de Vigo (26 de maio de 2014 ) que se titula: “La mitad de los museos gallegos suspende en orientación y señalización” estes centros contan con algunhas deficiencias de orientación que dificultan a súa localización por parte de persoas con problemas cognitivos. As persoas con discapacidade cognitiva teñen maior dificultade para comprender a realidade que nos rodea a través de sinais. Se a esta situación lle sumamos que as sinais non están correctamente situadas, o problema agrándase.
          Claramente, a solución ás trabas relacionados co tráfico depende en gran medida das Administracións Públicas, que teñen un importante poder. Conscientes desta situación, os veciños e comerciantes da zona de Curros Enríquez pedían en novembro do ano pasado ao Goberno Municipal que o Plan do Ensanche para acougar o tráfico se ampliase a máis rúas a través dunha recollida de firmas, aínda que non chegaron a recibir unha resposta oficial.
          Os cidadáns teñen o dereito de transmitir as súas peticións en canto ao sistema de mobilidade e de calqueira necesidade ou carencia que poida xurdir aos organismos públicos. Estes deberían atender as súas demandas e facer o posible por facilitar e mellora a vida na cidade. A nosa responsabilidade tamén é facerlles llegar as nosas queixas e xuntos, intentar solucionar os problemas co que nos atopemos.

          Ligazóns:

          Mato, M. (26 de maio de 2016). La mitad de los museos gallegos suspenden en orientación y señalización. Faro de Vigo. Recuperado de https://www.farodevigo.es/sociedad/2016/05/26/mitad-museos-gallegos-suspende-orientacion/1467809.html

          Mosteiro, M. (21 de novembro de 2018). Veciños e comercio piden que o plan do Ensanche para acougar o tráfico chegue a máis rúas. La Voz de Galicia. Recuperado de https://galego.lavozdegalicia.es/noticia/santiago/2018/11/21/vecinos-comercio-piden-plan-ensanche-calmar-trafico-llegue-calles/0003_201811S21C1999.htm

          Gústame

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair /  Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair /  Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair /  Cambiar )

Conectando a %s

This site uses Akismet to reduce spam. Learn how your comment data is processed.