A loita feminista debe estar encabezada pola mocidade

VÁZQUEZ PAREDES E VEIGA DE BARTOLOMÉ

Confederación ANPAS Galegas

A escritora e xornalista Rebecca West non conseguía definir de xeito exacto o que era o feminismo, corría o 1913 e aseguraba: “Eu mesma nunca fun capaz de pescudar que é exactamente o feminismo; so sei que a xente chámame feminista cando expreso sentimentos que me diferencian dun felpudo”. A día de hoxe a definición do termo mudou: é máis exacta e detrás deste cambio encóntrase indiscutiblemente a mocidade.

Luisa González, membro da Federación de ANPAS de Santiago de Compostela, aportou: ‘‘Nos anos 90 e principios do 2000 consideraban o feminismo como algo negativo. A maior parte dos mozos dicían que o feminismo era que as mulleres mandasen máis que os homes”. Todas coinciden en que a nova ondada de mozas feministas cambiaron o concepto ao reivindicar a igualdade e facer dar de conta ás mulleres de outras xeracións de numerosos micromachismos aos que antes non se lles prestaba atención. Luisa, proseguindo coa súa explicación, asegura: “Xa existían os micromachismos e eu sentíame incómoda porque non sabía poñerlles nome, nin dicir unha palabra para iso”.

Segundo o psicoterapeuta Luis Bonino no seu libro Micromachismos: La violencia invisible en la pareja, un micromachismo é un termo que designa ás sutís e imperceptibles manobras e estratexias de exercicio do poder de dominio masculino no cotián, que atentan en diversos graos contra a autonomía feminina. Todas coinciden en que o micromachismo entre a mocidade deriva nun machismo en idades máis avanzadas. Pero, como se resolve isto? Lucía Van der Mel, estudante de educación primaria, aporta: “Durante a miña escolaridade non escoitara falar sobre feminismo e non se tocaba ese tema. Eu considero que a solución ao machismo radica en conseguir unha educación baseada na igualdade de xeito transversal, non cunha materia de feminismo ou algo semellante”. Ante esta afirmación, Laura Cereijo, delegada sindical de CCOO, matiza: “Eu creo que depende moito de como te eduquen, non só na escola senón tamén na casa. Hai xente que te educa na liberdade e xente que te educa para que esteas oprimida. Está claro que incorporar o feminismo á escola ten que ser unha obriga pero tamén aos fogares”. Aida Fernández, estudante de pedagoxía, secunda: “Eu que estudo pedagoxía considero que a educación é a base para romper calquera tipo de prexuízo ou falta de igualdade con calquera colectivo”.

IMG-20190408-WA0015 (2)
Laura Cereijo e Luisa Gonzalez comentando o tratamento dos medios cara a muller moza.

A opinión de todas as presentes sobre o feminismo, sobre todo na xente nova, é que se dirixe a un rumbo correcto e que tivo unha mellora notable con respecto a décadas anteriores. Luisa González, defendendo esta posición, manifesta: “Encantoume cando chegou esta nova ondada de mulleres feministas, frescas e mozas porque traedes lecturas que me axudaron moito a entender o que é o feminismo”. Laura Cereijo coincide: “O feminismo agora converteuse nun modo de vida, loitas e actúas para conseguir a igualdade, o feminismo é iso, a loita constante, día a día”. Aurea Sánchez resalta: ‘‘Antes moitas mulleres vían o feminismo como algo negativo e agora gracias á xente como Lucía e Aida, todas saben que non só é positivo senón tamén necesario’’. Aida Fernández recolle o testemuño e aporta: “Algunha xente vai en contra da nova ondada de mulleres feministas porque estamos rompendo con estereotipos vixentes dende fai moitos anos. Estamos no camiño correcto, sen dúbida”.

Elas destacan de forma unánime a feminización da sociedade mentres que os medios e as estatísticas falan dun aumento da violencia de xénero. Unha estatística do Instituto Galego de  Estatística (IGE) asegura que en Galicia, entre os 18 e os 24 anos, as vítimas de violencia de xénero aumentaron considerablemente nos últimos anos. Tendo unha maior conciencia sobre o feminismo, resulta contraditorio que a xuventude siga con condutas machistas. Luisa, sobre isto, manifesta: “A interpretación dos medios destas estatísticas é incorrecta. Aumentan as denuncias porque aumenta a conciencia. Porque eu vendo o mundo cústame moitísimo crer que isto responda a unha conduta máis machista dos homes ou das mulleres”. Ademais, facendo referencia aos cambios xeracionais destes hábitos apunta: “Hai condutas que durante moito tempo non se consideraron violencia de xénero e hoxe si, antes eran un comportamento normal”. Sobre a estatística, Laura Cereijo, dende outra posición afirma: “Hai un runrún de que aumenta a violencia de xénero porque temos maior índice de xente xove estranxeira, latina, da que se di que é moito máis posesiva coas parellas. Isto é outra mala interpretación dos medios”. Ademais, secunda o que afirma Luisa e conclúe: “Iso é cuestión de que agora a xente ten moita máis conciencia do que son os dereitos en si. Os meus dereitos son meus, non mos ten que dicir ninguén”.  

Un estudo da Universidade de Santiago de Compostela (USC) coordinado polo profesor de Ciencias da Educación, Jorge Marín, constata que as redes sociais conservan os estereotipos de xénero a través de procesos comunicativos apoiados en estruturas de dominación machistas, como ben se explica nesta noticia de Galicia Digital (19/04/2019). Deste xeito podemos considerar que o aumento do machismo é directamente proporcional a un incremento da interconexión a través das redes sociais e os  teléfonos móbiles entre os mozos. Aurea, afirma a existencia dunha nova forma de violencia entre a xuventude: “Agora hai unha nova violencia nos mozos porque se dá coas novas formas de comunicación e os móbiles”. Lucía coincide de xeito rotundo: “Todo o mundo ten un móbil ou un dispositivo no que está moito tempo conectado e non se educa realmente en igualdade. Se antes podía haber control agora hai moito máis”. Porén, semella que non é correcto focalizar no dispositivo, senón no seu uso. Ante isto, Lucía matiza: “Non é problema do aparello, senón dunha falta de educación. Se non estamos educados en que non hai que controlar, que todas esas condutas non son adecuadas e que son perigosas, estamos ante un gran problema. Isto pode chegar a ser algo moi tóxico e doloroso”.

Os medios de comunicación deben ser coidadosos co tratamento que fan da violencia machista. A mocidade actual xa é consciente diso e pódese ver mesmo en redes sociais o críticos que son con algunhas prácticas comúns no xornalismo. Por exemplo, titulares como este de La Voz de Galicia (10/03/2019) suavizan a cuestión tratada e crispan á xente de todas as xeracións, en especial aos mozos e mozas, e todas as presentes coinciden con esta postura. Luisa González asevera: “Non é normal que se diga morta en lugar de asasinada, eses erros non se poden cometer”. Aurea Sánchez é moito menos crítica e móstrase máis esperanzadora de cara a un futuro co trato dos medios a este tipo de noticias: ‘‘Eu ós medios, coas particularidades de cada un, véxoos na liña de denunciar a violencia de xénero e de  considerar que a violencia de xénero é noticia. Eu véxoos comprometidos. Falamos dun aumento do feminismo na sociedade, isto tamén se ve nos medios aínda que se comentan erros’’.

A sociedade estase a dar de conta do necesario que é o feminismo e a defensa da igualdade de xénero grazas as novas xeracións. A gran maioría dos estratos sociais están comezando a preocuparse pola situación da muller e aquí inclúense tamén ós medios. O tratamento que realizan sobre a causa é moi mellorable, mais fai anos non se amosaba a importancia e preocupación cara ó feminismo que se mostra agora. Na actualidade as mulleres que morren asasinadas vítimas da violencia de xénero aparecen nos medios, antes isto non sempre ocorría. Estamos no camiño correcto, pero para chegar á meta na que se consiga a igualdade queda moito percorrido e debe ser a mocidade quen marque o ritmo da loita.

A idea para a acción:

A acción continúa o seu curso a pesar dalgunhas dificultades como a busca de artistas para colaborar. Os elementos visuais son moi importantes para que o resultado final sexa rechamante e para que reflicta a nosa actividade. Aínda así, xa chegan as primeiras colaboracións e espérase que na próxima reunión estea preparada a publicación. Deste xeito, os membros do círculo poderán achegar as súas opinións e darlle ao fanzine unha perspectiva máis crítica.

Charlaron connosco:

  • Aurea Sánchez Puente, xornalista e escritora.
  • Luisa González Vázquez, membro da Federación de ANPAS de Santiago de Compostela.
  • Lucía Van Der Mel, estudante do Grao en Mestre de Educación Primaria.
  • Laura Cereijo Míguez, delegada sindical de CCOO.
  • Aida Fernández Villar, estudante de Pedagoxía.

Ligazóns:

12 comentarios en “A loita feminista debe estar encabezada pola mocidade

  1. É verdade que cada vez a sociedade está máis concienciada co rexeitamento do machismo e parece que hai máis feminismo agora que hai anos. Porén, hai datos que preocupan. Como se di nunha noticia de Eldiario.es do 24 de marzo do 2018, non hai estudos que amosen que a xuventude exerce máis violencia de xénero que antes ou que o resto da poboación, pero do que si que hai constancia é do aumento dos menores enxuizados. Segundo o Consello Xeral do Poder Xudicial, do 2016 ao 2017 a cifra pasou de 179 a 266. A socióloga Carmen Ruiz cuestiónase se os datos significan que hai máis violencia de xénero que antes, mais o que está claro é que hai máis conciencia e se detectan máis porque hai unha maior sensibilización. Respecto a isto, eu creo que non é que haxa máis violencia machista que antes, senón que hai menos tolerancia ao machismo e unha maior conciencia, polo tanto detéctanse máis rapidamente os casos de violencia de xénero e denúncianse, por iso hai máis denuncias cada ano.

    Segundo informa La Voz de Galicia nunha noticia do 1 de novembro do 2018, un estudio realizado polo Observatorio de Igualdade de Xénero no que se fixeron 497 cuestionarios entre o alumnado de terceiro da ESO de oito institutos de Santiago. Este estudo deixa datos un tanto preocupantes, como os seguintes: soamente o 44 % dos mozos ven o machismo como a causa da violencia, o 25 % dos adolescentes e o 40 % dos varóns identifican os celos co amor. Máis dun 50 % dos rapaces xustificaron a violencia por causas como o alcol, o consumo de drogas, problemas masculinos ou a perda dos nervios por parte do varón. Incluso o 4,5 % dos entrevistados, a violencia de xénero é propiciada pola provocación da muller. Son datos que realmente asustan e incitan a solucionalos urxentemente. A concelleira de Igualdade de Santiago de Compostela, Marta Lois, anunciou que se repartirán unhas guías entre o profesorado para que traballen no aula temas de violencia machista, maltrato e abusos. Esta solución non é suficiente. Aínda queda moito por loitar. Estou de acordo co que se di no post de que a solución sería a formación e educación en todos os niveis educativos de xeito transversal.

    Ligazóns:

    – BORRAZ, M. (24 de marzo de 2018) Los jóvenes “son cada vez más machistas” y “vivimos un retroceso”: una alarma social sin evidencias. Eldiario.es. Recuperado de: https://www.eldiario.es/sociedad/adolescentes-machistas-maltratan-alarma-realidad_0_744726384.html
    – MOSTEIRO, M. (1 de novembro de 2018) Solo el 44 % de los chicos ven en el machismo la causa de la violencia. La Voz de Galicia. Recuperado de: https://www.lavozdegalicia.es/noticia/santiago/santiago/2018/11/01/solo-44-chicos-ven-machismo-causa-violencia/0003_201811S1C1997.htm

    Gústame

    1. VEIGA DE BARTOLOMÉ

      É importantísimo, como ben dis, o aumento da concienciación sobre a existencia do machismo na xuventude. É necesasio que sexa esa xuventude a que consiga que se continúe aumentando. Unha nova do xornal Faro de Vigo, mostra como a loita debe ser encabezada polos propios mozos. Xa non só na universidade, senón do instituto, onde xa se levan a cabo medidas a favor do feminismo, sobre todo dende o alumnado.

      Aínda así, o machismo continúa arraigado na sociedade galega. Ás veces, os medios de comunicación, aseguran unha subida do machismo nos mozos. Unha nova de La Voz de Galicia asegura que o 56% dos mozos españois defende posicións machistas, segundo unha enquisa da FAD. Isto mostra unha contraposición entre o aumento da concienciación e o aumento do machismo na xuventude, algo que debería cambiar de inmediato.

      Como se comenta no post, a educación é unha parte esencial para a concienciación da xuventude. Unha nova do xornal Faro de Vigo mostra como alumnos galegos de bacharelato estudarán historia do feminismo e como detectar o maltrato na parella. Isto é algo inédito na educación galega, algo que se debe dar con máis intensidade e que axudará na concienciación nun futuro próximo. Contra isto, unha nova de La Voz de Galicia dispara a preocupación polo aumento da violencia machista en escolas e institutos. A secretaria xeral de Igualdade, Susana López Abella, asegura que moitas veces a violencia está normalizada e non se recoñece.

      Como se observa, o machismo continúa arraigado na nosa sociedade pero grazas á loita da xuventude e, sobre todo, a través da educación, poderase conseguir unha mellora e un aumento da concienciación social.

      Ligazóns:

      ROMERO, M (5 de marzo de 2017) Jóvenes vigueses dan la cara por el feminismo. Faro de Vigo. Recuperado de: https://www.farodevigo.es/gran-vigo/2017/03/05/jovenes-vigueses-dan-cara-feminismo/1635378.html

      REDACCIÓN (5 de marzo de 2019) Más de la mitad de los jóvenes defiende posiciones machistas, según una encuesta de la FAD. La Voz de Galicia. Recuperado de: https://www.lavozdegalicia.es/noticia/sociedad/2019/03/05/mitad-jovenes-defiende-posiciones-machistas-segun-encuesta-fad/00031551785927854458294.htm

      VILLAR, C (21 de xuño de 2018) Alumnos de Bachillerato estudiarán historia del feminismo y cómo detectar el maltrato en la pareja. Faro de Vigo. Recuperado de: https://www.farodevigo.es/galicia/2018/06/21/alumnos-bachillerato-estudiaran-historia-feminismo/1914865.html

      PAN, J (12 de febreiro de 2019) Se dispara la preocupación por la violencia machista en colegios e institutos gallegos. La Voz de Galicia. Recuperado de: https://www.lavozdegalicia.es/noticia/galicia/2019/02/12/aumenta-preocupacion-violencia-machista-centros-educativos-gallegos/00031549971976200797987.htm

      Gústame

      1. FERRÍN ALONSO

        Así é, Gerardo. É ben preciso que se imparta nos centros educativos contido sobre feminismo e igualdade de xénero. Nunca é suficiente, pero o que se fai ten que ser aplaudido. Como se informa nunha nova de La Voz de Galicia do 18 de xullo de 2018, chegou unha nova oportunidade de estudar algo relacionado coa igualdade de xénero. Trátase do Grado Superior de Promoción de Igualdade de Xénero que chega a cidade da Coruña o centro homologado de FP Tomás Barros. Non é o primeiro sitio onde se imparte a titulación, senón que tamén está o CIFP A Xunqueira, de Pontevedra. O obxectivo desta titulación é que despois de estudala, se poida deseñar, programar e poñer en marcha as actuacións descritas nos plans de igualdade de xénero nas empresas e as Administracións Púbicas. Feitos como estes son moi necesarios, mais teñen que aumentar.

        Por outro lado, son moitos os centros educativos onde o estudantado fai actividades feministas. Segundo unha nova do xornal La Voz de Galicia do 19 de xaneiro de 2019, cada ve pódense apreciar máis medidas en torno á concienciación sobre a igualdade de xénero. Noméanse ata cinco institutos públicos galegos que contan con iniciativas feministas para que realice o alumnado.

        En conclusión, son moitas as actividades que se realizan dende a educación para loitar contra o machismo. Isto amosa moito sobre a nosa sociedade. Aínda que, en ocasións, pareza que está todo perdido, non é así. Somos nós, a mocidade, e as seguintes xeracións quen temos que cambiar a sociedade para un futuro mellor. Con todo, somos os que imos vivilo.

        Ligazóns:

        – LA VOZ (18 de xullo de 2018). El grado superior de FP de Promoción de Igualdad de Género llega a A Coruña. La Voz de Galicia. Recuperado de: https://www.lavozdegalicia.es/noticia/coruna/coruna/2018/07/18/grado-superior-fp-promocion-igualdad-genero-llega-coruna/0003_201807H18C2991.htm
        – PARADA, A. (19 de xaneiro de 2019). Ellas cambian su futuro desde el aula. La Voz de Galicia. Recuperado de: https://www.lavozdegalicia.es/noticia/barbanza/2019/01/19/cambian-futuro-aula/0003_201901B19C4991.htm

        Gústame

        1. VEIGA DE BARTOLOMÉ

          Toda razón no que dis. Queda moito por facer e moito por loitar e como ben comentas e xa comentaron na nosa última xuntanza, a educación é o pilar fundamental para conseguir unha igualdade de xénero duradeira. A xuventude aínda ten moito que aprender, un estudo da USC exposto nunha nova de El Correo Gallego asegura que as redes sociais aumentan os “roles de xénero” e o machismo nos adolescentes. Este estudo mostra como o novo mundo virtual tamén é perxudicial na xuventude para a loita feminista.

          Ademáis da educación nas aulas, é necesaria unha concienciación social doutros xeitos. Unha nova de El Correo Gallego mostra como mediante charlas, coloquios e xuntanzas pódese intentar concienciar á sociedade dende outros puntos de vista. En Milladoiro e en moitos outros lugares de Galicia celébranse talleres e xuntanzas sobre a igualdade de xénero.

          Todo está por determinar, o futuro é algo que se ten que construír dende a mocidade. Os medios mostran todos os días como a violencia de xénero está presente na sociedade. Por exemplo, o pasado marzo, o xornal Faro de Vigo amosou outra vítima por violencia machista en Vigo. Estas novas continúan diariamente na prensa, algo que, a pesar de todos os medios que se poñen na educación para conseguir erradicar isto, a sociedade necesita moito máis; é a xuventude quen ten o papel de solucionar este problema a curto e longo prazo.

          Ligazóns:

          SANTIAGO E.P (19 de abril de 2017) Un estudio de la USC constata que las redes sociales “perpetúan” roles de género y el machismo entre los adolescentes. El Correo Gallego. Recuperado de: https://www.elcorreogallego.es/galicia/ecg/un-estudio-usc-constata-redes-sociales-perpetuan-roles-genero-machismo-adolescentes/idEdicion-2017-04-19/idNoticia-1051491/

          OUTEIRO, M (18 de novembro de 2018) Milladoiro acogerá charlas y talleres de igualdad el 22. El Correo Gallego. Recuperado de: https://www.elcorreogallego.es/area-de-compostela/ecg/milladoiro-acogera-charlas-talleres-igualdad-22/idEdicion-2018-11-18/idNoticia-1149061

          MÉNDEZ, M (12 de marzo de 2019) Galicia llora la muerte de la valguesa víctima de violencia de género y condena el machismo. Faro de Vigo. Recuperado de: https://www.farodevigo.es/portada-arousa/2019/03/12/galicia-llora-muerte-valguesa-victima/2066908.html

          Gústame

  2. El post esta genial y ha sido muy interesante, creo que recoge bien las ideas y los puntos que tratamos. Además, creo que el tema es muy interesante y de vital importancia y es necesario que estos temas sigan teniendo visibilidad.
    Respecto a una de mis intervenciones sobre educación, que supongo que no me explique del todo bien quería rectificar una pequeña cosa y es que si que estoy totalmente de acuerdo en que se trate de manera específica en una materia la igualdad con perspectiva de género, ya que es necesario que eduquemos en igualdad y para eso precisamos de una materia en la que se aborden estos temas, por la gran necesidad que existe. Y por supuesto también se debe abordar de manera transversal en todas las materias, ya que por desgracia el machismo está en todos los ámbitos y para ello es preciso que se impartan las materias atendiendo a la perspectiva de genero y que tengan siempre como finalidad educar en igualdad y eso es una responsabilidad de todos y todas.
    Un saludo!

    Gústame

  3. RIVEIRO POSE

    O post é moi interesante, e plantexa moitos argumentos e datos útiles sobre un dos temas máis importantes na nosa sociedade. Chama moito a miña atención o dobre raseiro que comentades dos medios. Exemplos como o comentado sobre como agora din que está a aumentar a violencia de xénero, e o atribuén á chegada de xente estranxeira ou a algunha forza máxica, cando en realidade é debido a que agora hai máis concienciación. E, por tanto, maior número de denuncias. Se botamos unha ollada encontramos moitas novas que plantexan iso, e non é un retrato exacto da sociedade

    Respecto ao tema da educación, coincido con vos en que é vital para artellar cidadáns concienciados e que non leven a cabo os mismos erros que os seus antepasados. Non sei ata que punto sería factible a introdución dunha materia de feminismo, sobre todo tendo en conta o maltratada que esta a educación. Outras asignaturas cruciais como filosofía xa non se dan en moitos centros. Pero o que todos temos que ter meridianamente claro é que hai que empezar a ensinar doutro xeito, focalizando o eixo moitas veces en temas como este. E penso que incluso dende a política se poderían tomar medidas en canto á educación, como eliminar os centros que separen por sexo ó alumnado.

    Todo isto axudaría a mellorar moito as cousas. A educación na casa tamén e moi importante, pero se formamos cada vez máis cidadáns educados neste aspecto, co tempo a educación na casa e na escola poderán ir da man. Por sorte, malia a que poda parecer moi pesimista, tamén temos novas agradables. A nosa xuventude é, probablemente, a máis concienciada e respetuosa da historia, e os estudantes de Santiago demostrárono unha vez máis ó sair ás rúas compostelás para pedir unha educación feminista e democrática. Con exemplos así, ata onde non poderemos chegar?

    REFERENCIAS:

    Mahía, A. (17 de decembro de 2018). Aumentan las denuncias por violencia de género en Galicia. La Voz de Galicia. Recuperado de https://www.lavozdegalicia.es/noticia/coruna/2018/12/17/aumentan-denuncias-violencia-genero-galicia/00031545042439028658852.htm

    Redacción (19 de abril de 2019). Centenares de estudiantes reclaman una educación «feminista e democrática». La Voz de Galicia. Recuperado de https://www.lavozdegalicia.es/noticia/santiago/santiago/2018/04/19/centenares-estudiantes-reclaman-educacion-feminista-democratica/00031524136236548788256.htm

    Gústame

    1. SOUTULLO DOMÍNGUEZ

      Comparto a túa visión no que respecta á sensibilización deste tema a través da educación, asemade a mocidade galega está lonxe de ser a máis concienciada e respectuosa a nivel global. E en base a isto poño de manifesto a enquisa da FAD, realizada polo Centro Reina Sofía, o Banco Santander e Telefónica. Os resultados amosan unha realidade antagónica á que ti expós. Se ben é certo que existe un colectivo de mozos «conscientes e equitativos», so representan un 44% da mocidade. E para máis exactitude, dous de cada tres compoñentes deste grupo son mulleres.

      Por outra banda sitúanse os máis proclives a enfeitizar os estereotipos de xénero reforzando a superioridade masculina (56%). Deste xeito xustifícanse moitas prácticas derivadas deste tipo de relacións de dominación, como gravar ou facerlle fotos á parella sen o seu consentimento, ameazala con facerlle dano se se opón, tratar de que no vexa as súas amizades, etc. Así é que nas gráficas estatísticas se poida apreciar un aumento de casos de violencia de xénero, non por unha maior presenza de xente estranxeira, senón por unha maior concienciación como ben afirmas.

      E se a solución deste problema transxeracional ten raíz na educación, no IES Eduardo Pondal de Ponteceso poderán comprobalo grosso modo. Xa que neste instituto abordarase nas próximas xornadas a temática da igualdade e a prevención da violencia de xénero. O óptimo sería que non so se tratasen de meras charlas, senón que co paso do tempo acabasen por instarse de forma estacionaria no sistema educativo como unha sinatura máis.

      Ligazóns:

      Redacción. (5 de marzo de 2019). Más de la mitad de los jóvenes defiende posiciones machistas, según una encuesta de la FAD. La Voz de Galicia. Recuperado de https://www.lavozdegalicia.es/noticia/sociedad/2019/03/05/mitad-jovenes-defiende-posiciones-machistas-segun-encuesta-fad/00031551785927854458294.htm

      Redacción. (24 de marzo de 2019). Programa educativo de prevención de la violencia de género en Ponteceso. La Voz de Galicia. Recuperado de
      https://www.lavozdegalicia.es/noticia/carballo/ponteceso/2019/03/24/programa-educativo-prevencion-violencia-genero-ponteceso/0003_201903C24C10995.htm

      Gústame

      1. RIVEIRO POSE

        Disgústame escoitar estas novas. Como sexa, penso que temos que saber observar a parte positiva do tema e empezar a traballar a partir de ahí. Respecto ó que falan as novas, si coincido en que gran parte da mocidade, xa non só a nivel galego, senón a nivel case mundial, e máis controladora hoxe en día debido ó nivel de control que ofrecen as novas tecnoloxías. Moitas das razóns as explica a xuíza Reyes Martel na nova que adxunto abaixo, que expón argumentos sobre por qué a xuventude é máis violenta, tanto en casos de violencia de xénero como de violencia familiar.

        Isto fai que me pregunte en qué medida poden os gobernos e os partidos políticos solventar os problemas que existen na sociedade respecto á violencia de xénero. No cago galego acabase de activar unha medida que proveerá de axudas económicas en alquileres e mantemento a mulleres que sofriran casos de violencia de xénero e dependan económicamente do home. Estas medidas parécenme necesaria, pero non suficientes. Hai moitos casos de violencia nos que a muller non ten fillos ou non depende económicamente do home. Qué se podería facer neses casos? Cómo deberían abordar os políticos os casos máis complicados? As respostas a estas preguntas non parecen claras, pero o que nos queda como sociedade é poñer toda a carne no asador para conseguir dunha vez un mundo igualitario e xusto para todos e todas.

        REFERENCIAS:

        Capeáns, J. 24/04/2019. Activadas las ayudad al alquiler para las mujeres víctimas de violencia de género. La Voz de Galicia. Recuperado de https://www.lavozdegalicia.es/noticia/galicia/2019/04/24/activadas-ayudas-alquiler-mujeres-victimas-violencia-genero/00031556119390283651233.htm

        Santalla, M. 12/07/2018. “La violencia juvenil está aumentando de forma geométrica”. La Voz de Galicia. Recuperado de https://www.lavozdegalicia.es/noticia/galicia/2018/07/12/violencia-juvenil-aumentando-forma-geometrica/0003_201807G12P8992.htm

        Gústame

        1. SOUTULLO DOMINGUEZ

          Inda que penses que é un tema complexo, o goberno e os partidos políticos poden contribuír notablemente á redución de casos de violencia de xénero e de discriminación á muller. En primeiro lugar establecendo un sistema xudicial máis severo, penalizando inclusive con cadea perpetua ós casos máis graves, como poden ser as violacións e asasinatos, a trata de mulleres, os abusos sexuais a menores, etc. Partindo desta base, ao meu parecer as cifras de violencia machista serían participes dun progresivo descenso. Pola contra, seguirá habendo incidentes deste calibre acometidos por reincidentes, como poño de manifesto no ligazón de abaixo.

          Outra medida moi importante, e que tamén está da man do poder executivo é a erradicación da brecha salarial e do teito de cristal, dúas lacras coas que inda hoxe o colectivo feminino está lidando. Unha forma de prever que se cumpra esta igualdade salarial debería ser penalizando ás empresas que non cumpran a normativa, con multas ou privatizacións de bens. A modo de exemplo e como visibilización da situación actual expoño nos ligazóns, unha nova que abonda no incremento da brecha salarial en Galicia, que acada xa a cifra dun 23%.

          Acerca do excesivo control acrecentado por mor das tecnoloxías é totalmente certo. Mais neste caso considero que existe una vixilancia mutua, levada a cabo por ámbolos dous sexos. Destaco unha nova na que se fala das aplicacións espías, que teñen a funcionalidade de violar a intimidade da parella. Isto lévame a reflexionar sobre o grao de obsesión ao que nos están levando as redes e a sobreexposición na vida virtual. Coido que deberíamos en gran medida facer un esforzo por aloxarnos un pouco de esta mundo ficticio, tendo en conta que son unha mina de ouro para a proliferación de conductas machistas, sexistas e insás.

          Ligazóns:

          Redacción. (19 de febreiro de 2019). UGT denuncia que la brecha salarial “vuelve a incrementarse” en Galicia y ya alcanza el 23%. Europa Press. Recuperado de https://www.europapress.es/galicia/noticia-ugt-denuncia-brecha-salarial-vuelve-incrementarse-galicia-ya-alcanza-23-20190219174421.html

          Redacción. (1 de maio de 2018). El asesinato de una adolescente por un violador reincidente conmociona a Francia. La voz de Galicia. Recuperado de https://www.lavozdegalicia.es/noticia/internacional/2018/05/01/asesinato-nina-violador-reincidente-conmociona-francia/00031525189970499347801.htm

          Pan, JM. (24 de novembro de 2016). Adolescentes usan aplicaciones espía para controlar a sus parejas con el móvil. La voz de Galicia. Recuperado de https://www.lavozdegalicia.es/noticia/sociedad/2016/11/24/adolescentes-usan-aplicaciones-espia-controlar-parejas-movil/0003_201611G24P2991.htm

          Gústame

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair /  Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair /  Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair /  Cambiar )

Conectando a %s

This site uses Akismet to reduce spam. Learn how your comment data is processed.