MAGIDE PÁSARO
Bar Recantos
A medicalización consiste en converter situacións que non son médicas senón sociais, profesionais ou propias das relacións interpersoais, en procesos patolóxicos que se pretenden solventar a través da medicina. Foi tanto o seu crecemento nos últimos anos, que algúns xa a califican como a “epidemia do século XXI”. Neste último círculo lanzamos ós nosos interlocutores unha pregunta moi directa: vivimos nunha sociedade sobremedicada? Carmen Fernández resposta rapidamente: “Creo que vivimos nunha sociedade que non tolera o sufrimento, que medicaliza os problemas da vida diaria. Agora a xente vai ó médico porque o neno non aproba, porque me deixa o mozo… Parece que todos os teus males os vas resolver mellor cunha pastilla ou unha proba diagnóstica”. Queta Rivas, vicepresidenta do Colexio Médico, pronúnciase na mesma liña apuntando: “A sociedade non é capaz de asumir a imperfección no seu día a día […], penso que hai tamén unha falta de formación para entender que hai situacións que non son idílicas pero que hai que enfrontalas, porque na vida apréndese dos sufrimentos. Temos que saber que o estado de felicidade absoluto non o temos”. Deste xeito, preséntannos un primeiro factor: a ausencia de tolerancia ó sufrimento.
Flora Miranda, médica e deputada polo grupo En Marea, di que non colocaría toda a responsabilidade no usuario: “Durante moitísimos anos non fixemos políticas de prevención, políticas de abordaxe comunitaria dos problemas. Non fomentamos outros enfoques de curación de enfermidades como, por exemplo, a psicoterapia ou desdramatizar problemas da vida cotiá. Construímos unha solución baseada en medicalizar todos os problemas físicos, psicolóxicos, psiquiátricos e mesmo sociais, pero non me gustaría que do noso relato se obtivese a mensaxe de que a responsabilidade é dos usuarios; é colectiva”. Temos xa un segundo factor: as políticas de xestión sanitaria.

A esta idea, Suso Sueiro, expresidente da Asociación Galega de Medicina Familiar e Comunitaria, engade intereses de negocio: “Na nosa época había nenos inquedos e agora, de repente, como hai un tratamento farmacolóxico todos os nenos teñen trastorno de hiperactividade. Antes as mulleres levaban a súa madurez con naturalidade e agora hai medicamentos para a menopausia, que non é unha enfermidade, e para a osteoporose, que tampouco o é. Hai un nicho de negocio moi importante no sistema sanitario e cando entra o negocio, sae a humanidade pola ventá”. Tamén introduce outro elemento: o uso dos recursos.“A min saíanme granos só de enterarme que en Canarias van aprobar que un pai poida levar un neno a que lle fagan unha proba para saber se consumiu, iso é infantilismo […]. Hai unha infantilización alta de recursos sociais, unha falta de xestión e un nicho de negocio moi grande”, explica Suso. Preséntasenos aquí un terceiro elemento: o uso que se fai dos recursos.
Agora que xa nos quedou clara esa sobremedicalización, cales son as súas consecuencias? Como lles afecta ós profesionais do sistema? “Cuestiona a sostibilidade do sistema sanitario, desborda as consultas, reduce as habilidades das persoas, induce á baixa tolerancia ó sufrimento e produce enfermidades, porque os fármacos poden ter efectos secundarios. A min o que me preocupa é que este debate non se induza dende instancias que xestionan os recursos, creo que tamén é unha cuestión ideolóxica decidir en que se invirte, como se invirte, como non se medicaliza e onde non se debe facer negocio, é dicir, como distribuír de maneira equitativa os recursos. Canto máis sobremedicalizamos, menos equidade no reparto.” Así se manifesta Flora, coa que Queta está de acordo: “A industria farmacéutica non é un ONG e que manipula aos pacientes é unha realidade. A industria debería estar para traballar, pero está manipulando moito”.
Ó respecto, Carmen introduce algunha iniciativa positiva: “Diferentes asociacións científicas están facendo recomendacións do que non hai que facer […] en vez de recomendar, que era o que se viña facendo nos últimos tempos. Hai esta tendencia a non facer e a destratar, é dicir, retirar fármacos que non demostraron eficacia ou que incluso o seu uso pode ser prexudicial. Demostrouse tamén con outras terapias ou prácticas que non serven para nada e supoñen un gasto para o sistema sanitario e unha molestia para os pacientes”.
Suso remata cunha afirmación coa que moitas nos sentimos identificadas: “Ó final chegas ó aforismo de: non hai niguén san, senón ninguén o suficientemente estudado, é dicir, creas unha sensación de que todo o mundo está enfermo, en vez de todo o contrario; que todo o mundo está san”.
Acción
Xa que a sobremedicación é algo que nos pode afectar a todos no noso día a día, dende o grupo de Sanidade elaboraremos un material que nos permita compartir aqueles aspectos máis importantes ou de maior interese. Decidimos empregar para iso os pasquíns, que serán de dous tipos: unha especie de dicionario de termos vencellados á sanidade que non deben de confundirse, e outro máis gráfico con datos e declaracións reflexo do aprendido nos nosos encontros. Ámbolos dous contarán coa colaboración das fontes, que poderán guiarnos na selección do contido.
Conversaron connosco
- Suso Sueiro, expresidante da Asociación Galega de Medicina Familiar e Comunitaria.
- Carmen Fernández, médica de familia.
- Queta Rivas, vicepresidenta do Colexio Médico.
- Flora Miranda, médica de familia e deputada polo grupo En Marea.
- Francisco Gude, médico de familia
LIGAZÓNS
Fernández, O. (29 de novembro de 2014). Vivir sin pastillas. El País. Recuperado de: https://elpais.com/elpais/2014/11/27/buenavida/1417082574_692763.html
Axencia ( 17 de xaneiro de 2019). El parlamento canario aprueba una iniciativa para hacer análisis de drogas a los menores de 14 años. El País. Recuperado de: https://elpais.com/sociedad/2019/01/17/actualidad/1547722407_141015.html
Álvarez, E. ( 1 de marzo de 2019). Jordi Varela: “El médico de familia no puede ser un prêt á porter, tiene que ser un traje a medida”. La Voz de Galicia. Recuperado de: https://www.lavozdegalicia.es/noticia/galicia/2019/03/26/medico-familia-puede-prt-a-porter-traje-medida/00031553602246045383705.htm
DEUS GARCÍA
A sobremedicación vese especialmente nos problemas psicolóxicos, aos que a sanidade pública adoita poñer solución con medicación deixando a un lado a terapia. Os intereses das farmacéuticas defenden os seus beneficios coa implantación da medicación no canto da terapia. Ademais, a falta de recursos económicos na sanidade pública non permite a contratación de máis persoal especializado, polo que a cidadanía -na meirande parte dos casos- ten que recorrer a consultas privadas se quere recibir este servizo, que debería ser facilitado de maneira pública e gratuíta.
Un exemplo do que está a acontecer vémolo neste artigo do xornalista e escritor Juan José Millás. Nel fala co psiquiatra Diego Figueroa sobre os seus problemas coa ansiedade e como enfrontarse a ela. O escritor conta que tivo unha pequena crise ese mesmo día pola mañá que resolveu tomando unha pastilla de Orfidal, a mesma que toma todos os días para durmir.
España é o país de Europa que mais ansiolíticos consume, e o segundo do mundo, un dato realmente preocupante. Porén, Diego non ve neles unha solución, senón un parche para tapar o problema, que non desaparece. Aos seus pacientes só llos prescribe coma método complementario se aceptan e se comprometen a facer terapia. O psiquiatra destaca que o tratamento farmacolóxico prolifera porque é moito mais barato para o sistema sanitario ca terapia, aparte de ser unha solución rápida que non precisa de medios específicos ou persoal especializado.
Esta falta de persoal estase a converter nun grave problema no noso país. España conta con 4,2 psicólogos clínicos por cada 100.000 habitantes, en contraste cos 18 que promedian os países da Unión Europea. Esta situación de precariedade fai que nalgúns hospitais a espera para obter atención psicolóxica supere os once meses. A psicoterapia -a longo prazo- é mais efectiva que a medicación, sobre todo en casos de enfermidades como a depresión ou trastornos como a ansiedade. No Sistema Nacional de Saúde só existe un posto de psicólogo especializado en clínica, o PIR (Psicólogo Interno Residente) que conta con moi poucas prazas e que,polo tanto, son incapaces de cubrir todas as necesidades da poboación.
Con crecentes taxas de enfermidades e trastornos mentais, a sanidade pública debería poñer o foco nas persoas, dándolle prioridade ao interese humano. A sobremedicación á que estes pacientes están expostos crea unha adicción e moitas veces chegan a ser completamente dependentes das pastillas. A psicoterapia nestes casos é unha vía lenta e custosa, aínda que ten moi bos resultados e permite ao suxeito dotarse de novas ferramentas para superar problemas futuros. Coma ben dixestes en posts anteriores o mundo da sanidade está a vivir un momento de precariedade, coma tamén o está a vivir a nosa saúde mental.
LIGAZÓNS
Millás, J. J. (21 de abril de 2019). Vivir con ansiedad. El País. Recuperado de: https://elpais.com/elpais/2019/04/15/eps/1555324939_697553.html
Redacción. (22 de abril de 2019). La media europea de psicólogos clínicos es más de cuatro veces superior a la española. ConSalud.es Recuperado de: https://www.consalud.es/profesionales/la-media-europea-de-psicologos-clinicos-es-mas-de-cuatro-veces-superior-a-la-espanola_62932_102.html
GústameGústame
GARCÍA RODRÍGUEZ
Penso que para falar de sobremedicación nin sequera é necesario comezar polas enfermidades mentais que, como ben dicides, están tratadas dunha forma favorable para os farmacéuticos, máis que para os propios pacientes.
Cando foi a última vez que tomamos un paracetamol ou un ibuprofeno sen realmente necesitalo? Cantas persoas van a urxencias por unha dor de cabeza? Xa non é falar de sobremedicación, é falar da nosa tolerancia ao sufrimento. Debemos tomar conciencia e analizar se realmente é tan necesario ese fármaco ou esa cita médica que pedimos -e da que posiblemente nos queixemos porque non nos atenden tan rapidamente como nos gustaría-. Tamén é importante que moitas veces as nosas doenzas só precisan de tempo e quizais acudir a urxencias non é tan imprescindible, xa que aí se atopan persoas que necesitan unha atención médica inmediata.
Estes comportamentos, ademais, moitas veces acaban incluso prexudicando a aqueles que máis precisan esta asistencia profesional. Unha das razóns da morte de dous pacientes no Hospital de Santiago de Compostela este mesmo ano foi o “colapso do servizo de urxencias”, como se explica no Faro de Vigo.
Penso que é moi importante pensar de forma altruísta e entender que, tantas veces, non sabemos poñer un filtro entre o que necesitamos e o que non no que a asistencia médica se refire.
LIGAZÓNS
Redacción. (19 de febreiro de 2008). Las esperas en el área de urgencias se alargan hasta diez horas en Cee. La Voz de Galicia. Recuperado de: https://www.lavozdegalicia.es/noticia/carballo/cee/2008/02/19/esperas-area-urgencias-alargan-diez-horas-cee/0003_6581626.htm
Redacción. (11 de xaneiro de 2019). Faro de Vigo. Recuperado de: https://www.farodevigo.es/galicia/2019/01/11/medicos-denuncian-fiscalia-muerte-pacientes/2031185.html
López, A. (7 de decembro de 2018). Faro de Vigo. Recuperado de: https://www.farodevigo.es/portada-pontevedra/2018/12/07/malestar-largas-esperas-pacientes-ancianos/2012402.html
GústameGústame
DEUS GARCÍA
É indubidable que a nosa tolerancia á dor é cada vez menor e a hipocondría social vai en aumento. Moitas veces vamos ao médico por doenzas comúns xa que tendemos a autodiagnosticarnos e poñernos no peor. Aquí é onde entra en xogo o papel de internet: seguro que non é a primeira vez que che doe algo e buscas unha resposta na rede. Estas respostas adoitan ser alarmantes, relacionando síntomas comúns con enfermidades graves. Esta práctica xa ten un nome: cibercondría.
Mais non só nos autodiagnosticamos, senón que nos automedicamos, tal e como dis no comentario. E ese é un problema que unido á pouca tolerancia ao sufrimento que temos estase a converter nalgo grave. Os médicos xa mostraron a súa preocupación, algúns deles alertan de que a automedicación pode converter algunhas dores en crónicas.
Por iso como pacientes deberiamos ser mais autocríticos, non sempre que nos doe algo necesitamos ir ao médico ou tomar analxésicos. Moitas dores son completamente normais, moitas veces causadas polos nosos hábitos. Tamén deberiamos comprender que a sanidade pública está ao servizo de todos os pacientes, non só de nós mesmos e das nosas dores de cabeza.
Ligazóns
Torres, A. Hipocondríacos digitales: el peligro de usar Internet para autodiagnosticarse. Psicología y Mente. Recuperado de: https://psicologiaymente.com/clinica/hipocondriacos-digitales-internet-autodiagnosticarse
E.P. (26 de xullo de 2017). Los riesgos de la automedicación. Faro de Vigo. Recuperado de: https://www.farodevigo.es/vida-y-estilo/salud/2017/07/26/riesgos-automedicacion/1723193.html
Abelairas, B. (12 de setembro de 2018). “La automedicación convierte los dolores de cabeza en crónicos”. La Voz de Galicia. Recuperado de: https://www.lavozdegalicia.es/noticia/ferrol/2018/09/12/automedicacion-convierte-dolores-cabeza-cronicos/0003_201809F12C2996.htm
GústameGústame
GARCÍA RODRIGUEZ
Como ben apuntas, ser autocríticos e non fiarnos de todo o que lemos por Internet son dous factores clave para non caer na sobremedicación. É alarmante pensar que seis de cada dez españois empregan Internet para informarse sobre o seu estado de saúde, cando sabemos de sobra que hai outras vías moito máis fiables a través das que coñecer a nosa diagnose.
Pero máis chocante todavía -ou non- é saber que tan só dúas de cada tres veces, esta diagnose é veraz. Os propios creadores destes algoritmos alegan que as webs non son capaces de ter en conta a exposición e os riscos derivados do traballo, así como a psicoloxía do paciente. Deste xeito, as diagnoses contan cunha marxe de erro que, ademais de ser frecuente, pode ser moi grave.
Por outro lado, unha enquisa realizada polo Observatorio Nacional das Telecomunicacións e a ONTSI confirma que case a metade das persoas que empregan Internet como vía a través da que informarse neste tema, buscan remedios -tanto para si mesmos como para familiares- polo que isto vai máis alén dunha diagnose errónea, pode chegar a desembocar nun tratamento inadecuado.
Nas nosas mans está permitir que isto siga crecendo, tanto dende o punto de vista xornalístico como dende a perspectiva de pacientes. Todos debemos colaborar para que algún día buscar unha diagnose a través da web sexa só unha tolería para todas e todos nós.
LIGAZÓNS
SANZ, E. (20 de xuño de 2017). El peligro del doctor Google: falla dos de cada tres veces. El Mundo. Recuperado de: https://www.elmundo.es/papel/todologia/2017/06/20/5947a9efe2704e3a028b45eb.html
Observatorio Nacional de las Telecomunicaciones y ONTS. (Abril de 2016). Los ciudadanos ante la e-Sanidad. [PDF]. Recuperado de: https://www.ontsi.red.es/ontsi/sites/ontsi/files/los_ciudadanos_ante_la_e-sanidad.pdf
GústameGústame