É posible un cambio de modelo dos medios?

CONDE CAMPOS

O xornalismo, como a maioría de profesións en España, está a pasar por tempos difíciles. Para atopar o comezo desta crise debemos remontarnos ao principio do fin: a enorme crise financeira de 2007 e 2008 da que aínda non fomos capaces de saír completamente. En que influíu esta crise no xornalismo? Moi sinxelo: supuxo tamén o comezo da crise da comunicación.

O modelo de negocio dos medios tradicionais colapsou xunto co resto do sistema. A cidadanía non vivía a realidade que os medios e máis as institucións contaban. Foron as épocas dos famosos brotes verdes e do crecemento negativo. Pois ben, todo isto foi derivando ata o momento no que estamos agora, no que atopar un emprego no xornalismo resulta unha misión canto menos complicada.

Un bo exemplo de todo isto é o Informe de situación Periodismo en la UVI, publicado pola sección de prensa e axencias de noticias da CNT en marzo de 2017. Aínda que este informe se centre exclusivamente nos colaboradores fóra de España, moitos dos problemas reflectidos tamén se poden aplicar a xornalistas que traballan dentro do noso país. “Polo que vexo, coincide bastante coa sensación que teño no meu entorno”, afirma Pablo Santiago, xornalista en O Salto Galiza, respecto desta situación. “Hai ámbitos nos que hai un intrusismo brutal, o xornalismo por exemplo […]. Hai tamén moitos tipos de comunicación en redes que son traballos hoxe xornalísticos e deberían aplicárselles os criterios xornalísticos, pero fainos calquera persoa”. Esta é a opinión de Emma Araújo, xornalista en La Voz de Galicia; pero Belén Regueira, xornalista na Radio Galega matiza as palabras de Araújo: “Para xustificar que sexan xornalistas cualificados os que fan ese traballo, tense que notar a diferenza cando o fai un xornalista titulado. E se ao final ese xornalista titulado traballa nunhas condicións, ou a súa formación non ten determinadas características, non vai haber diferenza”. O remate deste tema púñao Emma: “Eu penso que o problema fundamental é que a xente, en xeral, non valora o xornalismo”.

Outro factor importante na crise dos medios é o colapso do sistema de negocio. Disto fala Elsa González, a presidenta da FAPE na inauguración do curso Periodismo de investigación e que o medio Prensahuelva.es publicou o día 12 de xullo de 2017. Preguntamos ás nosas fontes se hai posibilidades reais de realizar unha investigación profunda e poder ter os medios para facelo. Anecdótica pero tamén significativa foi a primeira resposta de Emma: “Cobrando?”. Xa seriamente, Pablo, facendo unha análise do panorama actual dos medios, rematou concluíndo que: “Os que rematan facendo ese traballo son proxectos que levan como marca a investigación, por exemplo, 5W”. Belén aportaba que: “Estes proxectos requiren un gran esforzo de xente e de cartos”.

Unha conclusión a sacar sobre isto é quizais que ese modelo de xornalismo de investigación non teña unha gran presenza en medios xeralistas como La Voz ou El País, pero si en medios máis pequenos e que teñan como selo a investigación, pero que non van gozar dunha apracible existencia, senón que, sobre todo ao principio, van ter que loitar por sobrevivir. E ademais do problema da sustentabilidade económica, outro problema é o que sinala Emma: “É que a vida tampouco dá para tanto. Non hai tantas cousas aí, que pode que as haxa, pero non dá. E si que pode haber xente que o faga pero cada vez vai ser menos porque o futuro deste tipo de contido está fóra dos medios”. O que ven a sinalar esta reflexión é que estes contidos son tratados por persoas alleas aos medios, que despois, se resulta que ese tema investigado se converte en noticia, publicarán todo ese contido sen citar a fonte orixinal. É dicir, que a xente que o faga, farao en blogs e fóra do seu horario laboral.

Ademais de todo isto, un xornalista non pode deixar de lado o seu traballo do día a día. Emma comentaba a súa experiencia persoal: “Por exemplo, no meu traballo, ti tes un tema no que queres ir máis alá. Pois se queres levalo adiante tes que ir traballando niso e non descoidar o para hoxe, non podes deixar desatendida a túa sección”. Ademais, Belén engadía: “Se ti estás intentando iso que di Emma vai sufrir o para hoxe. Vai sufrir o contido de hoxe, de mañá, de pasado… Non podes levar todo iso ao día e logo durmir 8 horas, comer 3 veces ao día, etc”.

Acción

No tocante á acción seguimos ultimando os detalles para a elaboración da guía xunto coas nosas fontes, así como concretando unha data para a realización da mesma.

Bibliografía e ligazóns

Elsa González recuerda que la investigación periodística requiere tiempo, especialización y, por tanto, inversión (2017, 12 de xullo). Asociación de la Prensa de Huelva. Recuperado de: http://www.prensahuelva.es/actualidad/elsa-gonzalez-recuerda-que-la-investigacion-periodistica-requiere-tiempo-especializacion-y-por-tanto-inversion/

Sección de Prensa e Axencias de Noticias da Confederación Nacional do Traballo. (2017, marzo). Periodismo en la UVI. Recuperado de: http://graficasmadrid.cnt.es/wp-content/uploads/2017/03/Periodismoenlauvi_PRINT.pdf

8 comentarios en “É posible un cambio de modelo dos medios?

  1. LORENZO CREO

    Este post serve como un bo resumo para identificar, en primeiro lugar, os cambios que sufriu a profesión do xornalismo a raíz da crise financeira de 2007 e afondar un pouco máis sobre as trabas ás que se enfronta no panorama actual o xornalismo de investigación, como no anterior post.

    En torno ao primeiro tema e ás palabras de Emma Araújo e Pablo Santiago, atopo unha grande relación neste sentido coas redes sociais. Os medios aínda se están adoptando a ese novo ambiente que creou a evolución de Twitter, Instagram ou Facebook, ferramentas que, en principio, non estaban ideadas para, entre outras cousas, ter un papel importante en canto á comunicación. Aspectos como a consideración que se lle dá ao posto dos famosos “Community Managers” -ou CMs- que, ao fin e ao cabo, son os que se encargan de manter a imaxe do medio/empresa fronte o público, son unha materia aínda por explotar en grande medida.

    Tamén me chama a atención, en canto ao tema do intrusismo, e do que case non nos decatamos é o que se experimenta no mundo do deporte. Hoxe en día, os grandes medios danlle en moitos casos prioridade a deportistas retirados para aparecer nos seus espazos en lugar de a xornalistas capacitados, que os hai. Un exemplo claro é o da televisión pública nacional, TVE, que nas emisións futbolísticas contan co narrador do evento e un ou dous comentaristas que adoitan ser na maioría das ocasións ex futbolistas, o que, a parte de lastrar en varios aspectos a comunicación, é unha falta de respecto para a profesión e os profesionais dispoñibles. Están os xornalistas máis que nunca en perigo fronte as personalidades deste tipo? E, en relación ás últimas palabras de Emma Araújo sobre este tema, impórtalle realmente á xente a ausencia de máis xornalistas no proceso de información?

    En canto ao segundo tema, pódese relacionar a actividade das redes sociais e a da sociedade actual, que prima a instantaneidade, coa gradual perda de importancia do xornalismo de investigación por parte do público e, en consecuencia, por parte dos medios. Os telexornais de hoxe están máis pendentes do que se fai viral entre a xente que do que verdadeiramente é noticia, dando importancia ás pezas de entretemento e deixando de lado en moitas ocasións as de real interese, sobre todo as que teñen que ver coa investigación, que como agravio requiren maior tempo e inversión, tanto para realizar a información como para pagar ao xornalista. Un exemplo, na versión dixital do xornal El País aparecen, nos últimos días, un número similar de novas da sección “viral” que de “investigación”. Un contido máis desenfadado, máis fácil e dixerir e acorde coa actualidade pero, estamos os xornalistas realmente ante a obriga de ofrecer isto en lugar dunha peza de información de verdade? E para finalizar, en torno á reflexión de Emma Araujo, están os xornalistas rendéndose ante as dificultades que, por natureza, ten o xornalismo de investigación?

    El País, “Noticias sobre viral”. Rescatado de: https://elpais.com/tag/viral_internet/a

    El País, “El País Investigación”. Rescatado de: https://elpais.com/agr/el_pais_investigacion/a

    Bonafine, Bruno: “Los Community Manager ya no son lo que eran”, puromarketing.com, 2016. Rescatado de: https://www.puromarketing.com/42/28067/community-managers-son-eran.html

    “Lluvia de críticas contra TVE por lo que se ha escuchado durante la retransmisión del Madrid-Barcelona”, El Huffington Post, 2019. Rescatado de: https://www.huffingtonpost.es/2019/02/27/lluvia-de-criticas-contra-tve-por-lo-que-se-ha-escuchado-durante-la-retransmision-del-madrid-barcelona_a_23679818/

    Gústame

    1. CONDE CAMPOS

      Boas Manu, primeiramente, grazas polo teu comentario. Agora entrando xa algo máis en materia e para contestar á primeira das túas preguntas debemos dicirche que si, o intrusismo é un risco real para a profesión, mais non é algo que se poida solucionar cunha fórmula máxica. O principal problema para remediar esta lacra da profesión é que hai moita xente que, malia que leve toda a súa vida traballando como xornalista, non ten un título académico que o acredite como tal. Quizais a solución vaia máis pola concienciación da audiencia e dos propios medios de que o traballo dos xornalistas teñen que facelo xornalistas, non persoas alleas ao gremio. Para rematar con esta parte, tamén me gustaría destacar que non só o xornalismo ten este problema: unha situación moi semellante a esta é a que sofren os actores e actrices de dobraxe cando para facer o seu traballo se elixe a persoas máis recoñecidas aínda que non estean especializadas en facer ese traballo.
      Atendendo á segunda pregunta, podes botarlle unha ollada ás palabras de Belén Regueira no noso post Conciencia do Negativo, onde reflexa a sensación que os propios profesionais teñen do que a audiencia pensa deles.
      Con respecto á terceira pregunta, cremos que o xornalismo debe aportar unha interpretación máis alá do simple vómito de información. Un xornalista debe mostrar o seu saber facer como tal profesional e aportar valor engadido á información. Isto comentámolo tamén nalgúns dos nosos posts.
      Para rematar e respondendo á última pregunta, non cremos que sexan os propios xornalistas os que renuncian a isto, senón que os medios non queren unha información tan custosa tanto en tempo como en diñeiro. Para un medio de comunicación é moito máis rendible economicamente que un xornalista produza tres novas ao día que unha reportaxe elaborada en dúas semanas.
      Un saúdo.

      Los actores de doblaje reivindican su profesión: “Es compatible la convivencia con la versión original”, Eldiario.es, 2018. Rescatado de: https://www.eldiario.es/norte/cantabria/cultura/Cantabria-Actores-Doblaje-Escuela-Anselmo_Herrero_0_735976720.html
      Costa Manteiga, P. (2019, 1de abril).Conciencia do negativo. OCC. Recuperado de: https://observatoriodecomunicacion.wordpress.com/2019/04/01/conciencia-do-negativo/

      Gústame

      1. ABELENDA CAMBÓN

        Fai anos había máis demanda de xornalistas que oferta en España polo que moitas veces eran os profesionais de humanidades, por exemplo, os que exercían esta profesión. Non chamaría a iso intrusimo xa que o que se estaba facendo era cubrir as prazas libres. Nos últimos anos a situación cambiou radicalmente e agora o intrusismo está cada vez máis presente no xornalismo. Actualmente é moi habitual ver a unha persoa que non ten unha titulación de xornalista exercendo a profesión. Dende fai varios anos os propios profesionais do gremio denuncian esta situación e esixen ter unha titulación para o exercicio profesional. Esto podería ir acabando có intrusismo paulatinamente, máis se non hai un cambio por parte das cúpulas directivas a situación seguirá igual.

        Por outra parte, falamos de intrusismo dentro do xornalismo pero algunhas veces son os propios xornalistas os que acaban exercendo unha profesión diferente á súa. Ata o ano 2010 os xornalistas podían impartir a materia de Lingua castelá e Literatura, exercendo de profesores. Cun Real Decreto publicado nese ano determinouse que os profesionais da comunicación non podían exercer de profesores. Por unha parte acaba có intrusismo laboral en filoloxía, pero por outra tamén supón un impedimento para persoas que como non teñen unha carreira de filoloxía, a pesar de ter un máster en formación de profesorado e outro en lingua castelá, non poderían exercer esa profesión. Polo tanto, cres que o feito de que haxa intrusismo en periodismo nos ampara a acceder a outras profesións relacionadas cá nosa?

        Casado, M. (2018, 9 de setembro). La odisea de los periodistas profesores en España. Estrella Digital. Recuperado de:
        https://www.estrelladigital.es/blog/marina-casado/odisea-periodistas-profesores-espana/20180709140346350782.html

        Redacción (2017, 22 de marzo). Colegios de Periodistas defienden la exigencia de la titulación para el ejercicio profesional. Europa Press. Recuperado de:
        https://www.lavanguardia.com/vida/20170322/421094572892/colegios-de-periodistas-defienden-la-exigencia-de-la-titulacion-para-el-ejercicio-profesional.html

        Gústame

        1. CONDE CAMPOS

          Boas Inés, grazas polo teu comentario. En resposta á túa pregunta, pensamos que non. Non porque haxa profesionais doutro sector que exerzan o xornalismo os xornalistas temos directamente a potestade de intentar entrar nos postos de traballo doutros gremios. Segundo ti mesma, unha posible solución podería ser a fixación dun marco legal acordado e regulado en acordo entre os propios xornalistas (a través dos diferentes colexios) e a propia administración pública. Un bo exemplo é ese mesmo que ti aportas, o Real Decreto de 2010 para a restrición da xente que pode exercer a docencia e que requisitos deben cumprir.

          Real Decreto 860/2010. Boletín Oficial do Estado, Madrid, España, 2 de xullo de 2010. Recuperado de: https://www.boe.es/buscar/pdf/2010/BOE-A-2010-11426-consolidado.pdf

          Gústame

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair /  Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair /  Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair /  Cambiar )

Conectando a %s

This site uses Akismet to reduce spam. Learn how your comment data is processed.