OJEA GUTIÉRREZ
Cafetería Recantos
O paso á vida universitaria fai que o estudantado mude as súas propias preocupacións e comece a ter en consideración aspectos que anteriormente tiñan escasa importancia no seu día a día. Por exemplo, a variación dos prezos no aluguer dos pisos é unha problemática en auxe na vida do alumnado, que condiciona a elección entre unha residencia ou un piso.
Algunhas das medidas que se levan a cabo é ir vivir a pisos que se atopan nos arredores da cidade: “Eu vivín todos os anos nun piso no centro da cidade, pero cando acabei o máster funme para o Milladoiro porque me parece moito máis económico” afirmou Ígor Mella Núñez, bolseiro de pedagoxía na Facultade de Ciencias da Educación da USC.
Pero non só preocupa o prezo, tamén se teñen en conta as condicións das vivendas que, como dixo o propio Ígor: “Non respectan nin a dignidade da xente”. Esta afirmación concordaba cunha nova de La Voz de Galicia (15 de agosto de 2017), na que se recolle que a principal queixa do estudantado é o estado dos pisos que, polo xeral, son vellos e con mobles moi antigos: “Ademais, é algo que está moi interiorizado, pois cando vés aquí buscar un piso tes presente que vai ser un zulo” engadiu Nerea González Martínez, estudante de Filoloxía Hispánica.
Titulares coma este reflicten as dificultades coas que se atopa a mocidade en busca dun fogar. O medo por parte dos propietarios a posibles desfeitas ou a conflitividade dos inquilinos, xunto co aumento do aluguer dos pisos turísticos, conforman os principais impedimentos aos que se enfrontan os mozos e mozas. Sobre isto, Ígor argumentou o seguinte: “Se vas buscar un piso con corenta ou cincuenta anos non che van ensinar os pisos que lle ensinan aos estudantes cando van en agosto”, opinión que compartía Xisela Casal Agrelo, estudante de dereito: “Podo entender que non lle ofrezas o mellor dos pisos e téñaslles outra carta, pero polo menos que teñan un mínimo de decencia de vida”.

Ante esta nova de La Voz de Galicia (25 de xullo de 2017), Xisela apuntou: “O primeiro ano si que é unha boa opción vivir nunha residencia de cara a socializarse e coñecer xente”. Nerea non estaba a favor desta disxuntiva: “Eu non considero que sexa un punto a favor irse o primeiro ano a unha residencia porque creo que unha parte moi importante de ser estudante é vivir fóra da casa e saber buscarte a vida”. Coincidía así co argumento que defendeu Antonio Villasenín Veiras, estudante de Maxisterio: “Obviamente sae máis barato ir a unha residencia pero a min paréceme máis cómodo un piso, porque tes unhas liberdades que non vas ter nunha residencia”.
Outra das alternativas que se formularon foi o uso do transporte metropolitano como unha elección fronte vivir nos lugares de estudo. Ígor, no seu caso persoal, non podía optar por esta opción: “Sería impensable debido á distancia existente entre Santiago de Compostela e a cidade de Lugo”. Aínda así, defendía esta alternativa: “Para quen vive cerca si, penso que se hai unha boa combinación de autobuses eu non o dubidaría”. Pero non só inflúe ter acceso a unha boa conexión de transporte. Para Antonio, tamén hai que ter en conta a flexibilidade horaria: “Hai carreiras nas que non hai horarios fixos xa que ao mellor cambian prácticas ou así cada dúas semanas, cambian horarios ou teñen horarios a mañá e despois ao final da tarde”. Deste xeito, resultaría máis complicado que o estudantado se adaptase aos horarios establecidos: “Poderá ser máis económico pero non che compensa en canto a comodidade”, concluía Nerea.
Unha das conclusións á que se chegou entre os membros desta derradeira reunión foi a imposibilidade de vivir sós durante esta etapa universitaria. Un feito que reflicte, claramente, a importancia dos bens relacionais e a necesidade de aprender a convivir e socializar coas demais persoas que temos ao noso arredor.
A acción:
Terminadas as reunións, chega a hora de poñerse mans á obra coa acción. Tras un longo período para pensar na opción máis correcta, finalmente decidimos decantarnos pola realización dunha pequena curtametraxe que buscará resolver as problemáticas atopadas nas reunións, ademais de explicar os consensos. Este vídeo servirá como explicación do noso tema, Bens Relacionais, co obxectivo de aumentar o rango de habitantes aos que chega, incrementando así o coñecemento sobre como son as relacións a día de hoxe. Finalmente, a curta será difundida mediante códigos Qr que serán repartidos por distintos puntos da cidade.
Conversaron connosco:
- Ígor Mella Núñez, bolseiro de pedagoxía na Facultade de Ciencias da Educación da USC.
- Nerea González Martínez, estudante de Filoloxía Hispánica.
- Xisela Casal Agrelo, estudante de dereito.
- Antonio Villasenín Veiras, estudante de Maxisterio.
Ligazóns:
- Calveiro, P. (4 de outubro de 2018). El bum de los pisos turísticos engulle la oferta de viviendas para estudiantes. La Voz de Galicia. Recuperado de: https://www.lavozdegalicia.es/noticia/santiago/santiago/2018/10/04/bum-pisos-turisticos-engulle-oferta-viviendas-estudiantes/0003_201810S4C1995.htm
- Montero, T. (25 de xullo de 2017). Las residencias de la USC tienen casi dos solicitudes por cada plaza. La Voz de Galicia. Recuperado de: https://www.lavozdegalicia.es/noticia/santiago/santiago/2017/07/24/residencias-usc-dos-solicitudes-plaza/0003_201707S24C1995.htm
- Presedo, A. (15 de agosto de 2017). Los estudiantes tendrán que pagar hasta un 10% más por un piso este curso. La Voz de Galicia. Recuperado de: https://www.lavozdegalicia.es/noticia/economia/2017/08/15/estudiantes-tendran-pagar-10-piso-curso/0003_201708G15P2991.htm
Atopar vivenda en Santiago de Compostela é un calvario a día de hoxe. É unha realidade que con un presuposto axustado apenas tes opcións decentes para escoller un bo piso, porque a maioría están moi deteriorados e os que non, sobrepasan os 600€ de aluguer por mes.
Os propietarios aprovéitanse de que Santiago sexa unha cidade universitaria e dos estudantes en si e moitas veces nin sequera atenden as necesidades primarias dos seus propios pisos, o cal dificulta bastante o benestar dos universitarios que alugan. Esta situación leva existindo moitos anos e considero que debería empezar por cambiarse canto antes.
GústameGústame
QUINTILLÁN POZA
O principal problema co que se atopa o estudantado cando quere buscar piso en Compostela é o prezo do aluguer. As zonas máis céntricas, próximas ao campus vida, son as máis caras para residir durante o curso. Con todo, son os lugares favoritos para o estudantado, que prefiren vivir lonxe do campus norte pese a que nesta zona os pisos son moito máis baratos. A subida de prezo no aluger non é un problema que só percibe o alumnado, pois segundo o presidente da Asociación Galega de Inmobiliarias, o aluguer de pisos en Santiago subiu de prezo estes últimos anos, diferenciándose doutras cidades galegas.
Para facernos unha idea, os pisos de catro habitacións teñen un prezo duns 600 ou 700 euros ou máis. Por este motivo, moitos dos mozos e mozas que acoden á universidade escollen a opción das residencias públicas. O problema reside en que o estudantado que entre nas carreiras en setembro ou outubro terá problemas para atopar piso, xa que nos últimos anos a busca das vivendas comeza no mes de maio.
Outra cuestión que afecta á xuventude é a calidade deses pisos. Ademais do seu elevado prezo, son vivendas que non posúen as mellores condicións. A principal queixa está no mobiliario sen reformar, as habitacións minúsculas e a mala distribución, deficiencias ás que ten que acostumarse o estudantado se precisa vivir na cidade universitaria.
Ligazóns:
Cordobés, R. (3 de agosto de 2018). Pisos de estudiantes, pocos y de mala calidad. La Voz de Galicia. Recuperado de: https://www.lavozdegalicia.es/noticia/galicia/2018/09/03/pisos-estudiantes-pocos-caros/0003_201809G3P3991.htm
«En Santiago los alquileres han subido una barbaridad». (22 de abril de 2019). La Voz de Galicia. Recuperado de: https://www.lavozdegalicia.es/noticia/santiago/santiago/2019/04/22/santiago-alquileres-subido-barbaridad/0003_201904S22C39910.htm
Luaña, S. (30 de outubro de 2017). Una habitación en el campus sur cuesta el doble que en el norte. La Voz de Galicia. Recuperado de: https://www.lavozdegalicia.es/noticia/santiago/santiago/2017/10/29/habitacion-campus-sur-cuesta-doble-norte/0003_201710S29C1993.htm
GústameGústame
Hoxe en día, estudar e vivir na mesma cidade é case un luxo que non todos se poden permitir. As distintas opcións que citastes no post teñen as súas vantaxes e desvantaxes, por exemplo, unha maneira de reducir costes sería ir e vir todos os días e non residir na cidade de estudo pero claramente esta opción só é compatible con aqueles estudantes que vivan a pouca distancia, neste caso, de Santiago de Compostela. Outro factor a ter en conta son as conexións do transporte que moitas veces é máis un inconveniente ca unha vantaxe.
En relación a miña propia experiencia, estou moi de acordo con que no primeiro ano se escolla como opción ir vivir a unha residencia xa que che axuda a adaptarte a túa nova vida, a vida universitaria. Ademais, os elevados prezos dos pisos tampouco favorecen a que a xente máis nova os alugue pero, sobre todo, o que máis me indigna son as nefastas condicións nas que están moitos deles e que soamente se lle ofrecen aos estudantes. Como apunta unha das participantes na reunión, deberían ser pisos que polo menos cumpran un mínimo de decencia de vida.
GústameGústame
OJEA GUTIÉRREZ
Como ti mesma apuntabas, a calidade dos pisos de estudantes é un materia pendente na cidade de Santiago de Compostela. A media de idade de vida deses inmobles é de aproximadamente vinte anos, o que afecta severamente as súas condicións, converténdose así na principal queixa do estudantado universitario. Aínda que esta cidade é considerada unha das máis baratas de toda España para alugar un piso, nos últimos anos estanse producindo notables incrementos no prezo dos mesmos que dá lugar a que se teñan en consideración outras alternativas máis económicas.
As festas universitarias tamén acaban sendo unha das causas polas que moitas persoas non queren alugar os pisos a estudantes, xa que consideran que estas xuntanzas que teñen lugar os mércores e os xoves poden causar grandes estragos nas súas vivendas. É un feito que unha das premisas da vida universitaria son as festas que se organizan nos pisos, pero chégase a un punto que se xeneraliza sobre unha parte da sociedade empregando uns prexuízos, que non sempre se axustan á realidade.
Ligazóns:
Redacción. (19 de xuño de 2018). El precio de los pisos de alquiler para estudiantes en Santiago se mantiene entre los más baratos de España. Compostela24horas.com. Recuperado de:
https://www.compostela24horas.com/texto-diario/mostrar/1116550/santiago-sigue-siendo-ciudades-baratas-espana-precio-alquileres-estudiantes
Cordero, A. (14 de setembro de 2018). Decenas de pisos desalojados en el inicio de las fiestas estudiantiles. El Correo Gallego. Recuperado de: https://www.elcorreogallego.es/santiago/ecg/decenas-pisos-desalojados-inicio-fiestas-estudiantiles/idEdicion-2018-09-14/idNoticia-1137002/
GústameGústame