ISABEL QUINTAIROS, ex-xornalista da COPE.
Ás veces a dúbida principal é que entenden os medios por noticia relacionada co colectivo LGTBI+.
Nos últimos tempos asistimos a unha evolución positiva no que aos temas se refire, xa que as agresións a persoas LGTBI+ polo mero feito de selo ou por expresar afecto en público son, cada vez con máis frecuencia, noticias críticas co feito e defensoras dos dereitos, como se pode apreciar na nova de La Voz de Galicia publicada o 10 de febreiro de 2016, e cada vez menos desprezativas para coas persoas agredidas. O mesmo se pode dicir respecto dos casos de acoso en centros educativos: pasaron de ser anecdóticos a reflectir a realidade con máis rudeza e implicando ás instancias responsables, non deixando no ar o que está a suceder coma se ninguén tivese que responder por nada.
Pasos adiante coma estes son benvidos, igual que as novas sobre a aprobación das unións homosexuais en novos países. Pero fronte á escolla destas noticias, importantes, positivas para o colectivo e normalizadoras de cara á sociedade en xeral, está o silencio noutras áreas. Apenas se fala dos problemas laborais que padecen as persoas LGTBI+, que temos cotas máis altas de desemprego, mesmo escandalosas no caso das persoas trans, rexeitadas polo mero feito de non coincidir o nome do DNI co nome que utilizan na súa vida cotiá, aínda que isto é algo que semella que está cambiando pouco a pouco, como se pode apreciar nesta noticia de La Voz de Galicia publicada o 19 de febreiro de 2019.
Polo que a min mesma se refire, teño a primeira sentenza do estado español que determina despedimento nulo por discriminación pola miña orientación ideolóxica e sexual. A primeira. Publicárono algúns diarios españois, un italiano, algún francés; ningún galego. Algunha televisión local, ningunha estatal; e moitas emisoras de radio de todos os alcances. Excluídas, claro, a radio e a televisión autonómicas.
Se no canto de ser xornalista, eu tivese sido azafata, ou enfermeira, ou vendedora de zapatos, seguramente a noticia da sentenza sairía nos telexornais, porque as primeiras sentenzas sempre son moi importantes: serven de base para outros casos, son complicadas de conseguir e mesmo profesionais especializados de prestixio auguraron á miña avogada que non o lograríamos. Con tal importancia, a noticia foi ignorada; non relegada ou despachada en quince segundos. Completamente ignorada.
A única televisión xeralista que contactou comigo pedía aparición nun programa da tarde dedicado a fozar nas vidas de xente supostamente famosa e a aplaudir os berros de señoras e señores a quen eu non coñecía de nada. Declinei a oferta e para compensar, fixeron unha peza entrevistando por teléfono a un individuo que aseguraba ser voceiro da empresa que me despedira, sen nome nin rostro, e que negaba rotundamente todo o escrito na sentenza. Faltaría máis. Como tratamento de noticia nese medio, non vou comentar nada.
Como escolla de noticia nos demais, a resposta foi abraiante. Desde unha hora de radio en horario de gran audiencia a nivel estatal ata boletíns case completos en emisoras locais, o que en termos relativos vén significando o mesmo. E no fondo, a gran pregunta: supoñía tanto problema que eu fose xornalista, ou que fose lesbiana?
Pode que para moitos medios a noticia rachase cos estereotipos: tratábase de dúas mulleres bastante correntes, sen camisas de leñador, que non montabamos en moto, nin estabamos tatuadas, nin nada diso. Eu ata levo zapatos de tacón, ás veces maquillaxe, case sempre saias… non damos o tipo. Aínda por riba casamos sen facer ruído, non fomos as primeiras, a voda foi normaliña, con familia e algunhas amizades… Total, que somos unha parella máis ben convencional e aburrida, agás porque somos dúas señoras.
Quizais hai xente que pensa que os integrantes do colectivo LGTBI+ vivimos nas carrozas do Orgullo, non traballamos, non pagamos facturas, non quedamos no paro, non temos preocupacións… Nesta nova de La Opinión A Coruña, do 8 de agosto de 2010, lin que se nos supón un poder adquisitivo demencial, superior aos sete mil euros mensuais, porque adoitamos ter profesións liberais e non ter fillos.
Nunca achei outra explicación para que en Galicia enteira se silenciase o meu despedimento. Tal vez se pensase que ao día seguinte o tantas veces mencionado lobby gay (que de veras non existe) xa me tiña colocada noutro sitio. O certo é que esgotei a prestación por desemprego, as axudas posteriores, e ao cabo de tres anos, como se deixa de ter ingresos e polo tanto, de cotizar, despois de 24 anos de estar no sistema como traballadora, o Instituto Nacional da Seguridade Social (INSS) expulsoume e quedei sen asistencia médica, agás para urxencias. O golpe foi demoledor, porque nin sequera sabía que iso podía pasar.
Imaxino que isto lle ten pasado a moitas persoas non LGTBI+ que perderon os seus empregos e toparon de fronte coa crise económica, pero cando alguén leva publicamente a marca de ser lesbiana nunha sociedade que non ten de todo normalizada a existencia do colectivo (e menos en xeracións da miña idade e maiores), tense a sospeita de que non axuda a conseguir un emprego por moitas entrevistas que se fagan… e que sempre quedan en nada.
Unicamente logrei traballos de limpadora, que me viñeron moi ben e non me molestou en absoluto desempeñar. De feito o xornalismo ata me estorbaba daquela.
Pero quedoume para sempre a reflexión: como será afrontar un mercado de traballo sendo trans, explicando na derradeira fase das entrevistas que o DNI pon Daniel pero que ti es a mesma Daniela que mandou o currículo, que é perfecta para o posto e que pasou xa tres probas…? Como será formar parte dun colectivo que ten unha taxa de paro do 85 por cento, e no que a inmensa maioría nunca conseguiu un traballo?
Tampouco é interesante para os medios. Os mesmos medios que cada ano lembran que as mulleres padecemos máis desemprego que os homes (grazas, sindicatos, non o sabiamos), e que gañamos un 35 por cento menos (grazas de novo, sindicatos, tampouco o sabiamos, e non esperamos que fagades nada), silencian outras realidades terribles, as das persoas que son do xénero que lles peta, pero que non se ven respectadas xamais nas súas vidas. E iso é o único que nos pode igualar e garantir dereitos reais na vida cotiá, o respecto.
LIGAZÓNS
S.O. (8 de agosto de 2010). Locales ‘de ambiente’ con clase. La Opinión A Coruña. Recuperado de: https://www.laopinioncoruna.es/galicia/2010/08/08/locales-ambiente-clase/408917.html
Melchor, X. e Sánchez, O. (10 de febreiro de 2016). Una pareja denuncia haber sido víctima de una brutal agresión homófoba en Santiago. La Voz de Galicia. Recuperado de: https://www.lavozdegalicia.es/noticia/santiago/santiago/2016/02/10/pareja-denuncia-haber-victima-agresion-homofoba-santiago/00031455101323904714384.htm
Martínez, A. (19 de febreiro de 2019). Primer cambio de nombre a una niña transexual en Vigo. La Voz de Galicia. Recuperado de: https://www.lavozdegalicia.es/noticia/vigo/2019/02/19/primer-cambio-nombre-nina-trans/0003_201902V19C1992.htm