Alba Taladrid: “Non temos un xornalismo comprometido con case ningunha causa e menos coa causa feminista”

CANO TORRES

Alba Taladrid é unha xornalista que forma parte de Xornalistas Galegas, un colectivo de mulleres profesionais das Ciencias da Comunicación que desenvolven a súa actividade en defensa dun xornalismo galego con perspectiva feminista.

OCC: Como nace Xornalistas  Galegas?

Alba  Taladrid:  Xornalistas  Galegas nace o 8 de marzo de 2018. Esta data supuxo un punto de inflexión para todo o feminismo. Naceu a raíz do movemento las periodistas paramos que se creou en todo o estado organizado por unha rede de xornalistas feministas de Madrid. Por primeira vez o colectivo xornalista quere posicionarse como colectivo e non só individualmente. Entramos en contacto a través da folga. Coa euforia e co empoderamento que xerou o 8M de 2018 decidimos que deberiamos aproveitar esta inercia para construír algo estable, estrutural. A partir de aí, da forma máis rudimentaria démosnos os teléfonos, puxémonos en contacto e entón empezamos a falar de darlle unha forma máis seria, unha forma xurídica. Despois de asesorarnos e ver as opcións que tiñamos, decidimos crear unha asociación. Unha asociación de mulleres xornalistas feministas.

OCC: Que accións tedes pensadas na asociación para o futuro?

AT: Estamos nun observatorio de medios. Trátase dunha colaboración coas universidades para realizar un traballo documentado permanente a longo prazo, non é unha acción urxente. A finalidade é ver cal é a situación das mulleres nos medios de comunicación como contido. Agora mesmo creamos unha asociación de vixilancia, para realizar unha tarefa de vixilancia diaria dos contidos dos medios de comunicación. Non é un dato científico, académico, non é estatístico. Non temos unha rede que nos permita analizalo todo. Analizamos aquelas informacións, artigos de opinión que chegan a nós e teñen marcado un sexo nesgo machista ou ten un enfoque que non nos parece pertinente dende o punto de vista do feminismo.  Tentamos reverter eses contidos falando directamente cos autores desas informacións.

IMG_0154
Alba Taladrid xunto a súa compañeira Tamara Montero

OCC: Dende a creación da asociación de vixilancia entráchedes máis en contacto co xornalismo actual. Cales cres que son os principais problemas que ten? Dirías que existe un xornalismo feminista?

AT: Hai un problema que engloba as dúas cousas, que é a precariedade. As condicións dos profesionais e as xestacións dos medios de comunicación son de extrema precariedade, sobre todo tendo en conta que se nos considera o cuarto poder. Somos os creadores de opinión. Temos unha influencia social e non podemos exercer a gran responsabilidade que se ten; vivimos en condicións de precariedade, non temos tempo de documentarnos, non temos tempo de viaxar, non temos posibilidades económicas, non temos posibilidades de conciliación. Entón o que facemos é un xornalismo de saír do paso. Ese problema inflúe evidentemente na calidade e no compromiso dos contidos. Desde o meu punto de vista non temos un xornalismo comprometido con case ningunha causa, e menos coa causa feminista porque a precarización da muller no xornalismo é dobremente vítima. Outro problema é que non hai perspectiva de xénero nos medios de comunicación porque mandan os homes.  Sempre defendo que por liña editorial ningún medio tenta ser machista de forma consciente, eu creo que a xeneralidade non tenta ser machista de forma consciente, senón que hai un problema de formación dos profesionais.

OCC: Dixeches que nos medios de comunicación non hai perspectiva de xénero. Cres que os medios de comunicación contribúen a estereotipar á muller e descualificar a súa poder?

AT: Creo que retratan a imaxe social do suxeito feminino e dese retrato depende o imaxinario colectivo acerca da figura da muller. Se desde o medio de comunicación estás a construír unha determinada imaxe da muller é a que calará na sociedade. Se esa muller que estamos a crear, non ten visión de xénero, non ten unha perspectiva feminista non estamos a divulgar o feminismo entre a sociedade, o que facemos é contribuír a perpetuar os estereotipos machistas.  Invisibilizamos á muller, ás veces non á súa figura pero si a aquel aspecto que lle dá poder.

OCC: Cres que o feminismo é tratado como unha moda nos medios?

AT: Si, como unha moda, pero non me parece mal, quero dicir, negativo. O primeiro paso é estar aí. Hai xente que o toma como unha moda e dentro de dous anos abandonará o movemento e outra xente que lle abrirá os ollos e a partir dese momento converteranse en activistas. Se unha persoa leu unha reportaxe sobre ser feminista é algo positivo, foi máis alá, informouse e por mor de aí deuse de conta de que é algo que lle interesaba e comprometeuse co movemento, Arriba as modas! Para o meu, paréceme mesmo un factor positivo.

OCC: Por último, na vosa páxina web tedes un Manifesto por un xornalismo feminista onde vos comprometedes a cambiar 10 obxectivos nos medios de comunicación. Cal consideras que é o punto que máis urxe cambiar na actualidade?

AT: Facela visible é un traballo máis duradeiro, máis importante para a súa transcendencia, pero hai que comezar polo que urxe e o que urxe é quitar os estigmas, desfacernos directamente das discriminacións de xénero que existen nos medios, iso paréceme urxente porque me parece obsceno. O outro é máis sibilino. O tema de visibilizar non é tan directo, pero isto paréceme un ataque frontal, é violento o  modo no que se nos estea tratando con roles sexistas nos medios. Aínda que o de visibilizar á muller é fundamental de fronte ao futuro, para educar, porque non temos referentes e temos que crealos.

Ligazóns.

Las periodistas paramos. (2019). Recuperado de  https://lasperiodistasparamos.wordpress.com/

Xornalistas Galegas. (2019). Recuperado de https://xornalistasgalegas.org/

Manifesto – Por un xornalismo feminista. (2019). Recuperado de https://xornalistasgalegas.org/2018/07/10/manifesto-por-un-xornalismo-feminista/

 

 

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair /  Cambiar )

Google photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google. Sair /  Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair /  Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair /  Cambiar )

Conectando a %s