RIVEIRO POSE
Centro Sociocultural de Fontiñas
“Se queredes falamos do conflito israelí-palestino, que é da mesma complexidade” abordaba Fernando Lacaci, presidente da Federación de ANPAS ‘Compostela’, á pregunta sobre por que os políticos galegos non lle dan importancia ao tráfico. Remarcaba: “Pasamos dunha cidade que estaba concibida por e para a xente, a unha cidade que está concibida para un sistema de transporte onde coches, motos e vehículos industriais son o prioritario”.
Estas rotundas afirmacións facíanse en torno a unha nova de La Voz de Galicia que analizamos na reunión. Nela falábase do caos viario que se produce na zona escolar de Lamas de Abade e como os políticos aproveitan as datas específicas para promocionarse. “Estamos preto das datas de matrícula. Aí é cando saltan as alarmas”, dicía María Jesús Pérez, secretaria da Asociación de Persoas con Discapacidade de Compostela e Comarca (AMICO). “Os cidadáns moitas veces dicímoslles [aos medios] os problemas e escóitannos, ao mellor á forza, e logo dás media volta e esquecéronse do problema e van a outras cousas que lles teñen máis interese político. E iso é decepcionante”, manifestaba o seu descontento Cruz Vázquez, presidenta da Federación de Asociacións Veciñais do Rural (FERUSA).

“Eu estiven mirando a norma de circulación de tránsito, e si están contempladas as excepcións, pero concédennas cando lles dá a gana”, engadía Cruz, queixándose das poucas facilidades que se ofrecen dende os organismos lexislativos ás persoas con dificultades. “E os temas horarios das liñas de buses? Incluso os do polígono, eu non creo que dean resposta real ás empresas e persoas que traballan alí. Porque se che sae ás sete o bus e entras a esa hora, xa non chegas”, cuestionaba á súa vez María Jesús. Pero non só no ámbito urbano: “O rural aquí só é noticia cando provoca un problema. Cando non o provoca, non é noticia, non hai maior interese”, sinalaba Fernando. Declaracións corroboradas por Cruz, quen sentenciaba “a cidade sempre vai diante” ao comentar a nova de La Voz de Galicia, onde atopamos como os problemas nas estradas secundarias afectan a moitos lugares dos arredores de Santiago.
Os medios moitas veces non contribúen a axudar á poboación. Na meirande parte dos casos ignóranse estes temas. Como indicaba Fernando: “Porque os medios de comunicación están dedicándose a outra cousa moi distinta da noticia”. As noticias sobre tráfico ou mobilidade son pouco habituais, mais cando aparecen nos medios, coma no caso desta nova de El Correo Gallego, en ocasións, xorden críticas. “Eu creo que é unha noticia sen rigor. Din ‘A Sionlla’ e hai tres Sionllas. Se non especifican…”, comentaba Cruz, quen non sabía se se referían á aldea ou ao polígono. “El Correo Gallego ten un apartado ao que se dirixen como cartas ao director, e aí si que escriben sobre unha rúa en mal estado, un panel de chegada que non funciona… Pero iso aparece, en realidade, nun apartado ínfimo, é un pouco de denuncia pero non é para nada construtivo”, explicaba María Jesús, que non entendía como as denuncias da xente non calaban máis fondo na conciencia mediática e cidadá.

Hai unha falta de sensibilización xeneralizada sobre o cumprimento das normas viarias na sociedade. “Falamos de xeracións que xa naceron nesta especie de caos e xa o teñen máis asimilado”, analizaba Fernando, expoñendo como a sociedade actual é descoidada neste senso. “Eu levo tempo xubilada, pero é que incluso as campañas de seguridade viaria desaparecen, non van en aumento”, respondía Cruz. “Porque xa se dá por entendido que é algo que todo o mundo sabe, pero non”, concluía Fernando.
Preguntados por algunha posible solución, os membros do Círculo amosaron diferentes puntos de vista. “Quitalo [o tráfico]. Totalmente! Ademais, nunha cidade como Compostela que recolle as características adecuadas, eu practicamente quitaríao” sentenciaba Fernando, quen avogaba por erradicar o tráfico particular completamente, deixando paso só ao transporte público e outras excepcións. Mentres, Cruz especulaba sobre o futuro da mobilidade na cidade: “Ben se escoitan á veciñanza. Se a escoitan vai ir todo moi ben. Como non a escoiten, mal”. María Jesús coincidía coa súa visión e concluía sobre os medios: “Informar, e non comercializar, sería o máis importante. Porque ti chamas a un periódico e moitas veces o que queren é venderche publicidade”. Novamente, incídese en que a clave de éxito dos medios é exercer a súa función, informando á cidadanía a través da escoita.

Participantes na acción
Ademais dos lugares mencionados durante as tres reunións para ser fotografados, algúns membros do Círculo tamén achegaron as súas propias imaxes. A maiores, o grupo de Whatsapp do Círculo é a vía para seguir propoñendo zonas a fotografar unha vez rematadas as xuntanzas. Consideramos importante a participación da cidadanía, xa que é a principal beneficiaria do noso proxecto. Polo tanto, creamos un cancelo nas redes sociais (#MobilidadeSantiago) do OCC para que os santiagueses suban as súas imaxes, acompañadas dun breve pé de foto que describa o problema relativo á mobilidade atopado e a localización da fotografía.
Participaron na conversa:
- Cruz Vázquez, presidenta de FERUSA.
- María Jesús Pérez, secretaria de AMICO.
- Fernando Lacaci, presidente da Federación de ANPAS ‘Compostela’.
Ligazóns:
Gómez, J. (22 de marzo de 2019). Alertan de que o caos viario en Lamas de Abade ameaza a miles de escolares. La Voz de Galicia. Recuperado de https://galego.lavozdegalicia.es/noticia/santiago/2019/03/22/alertan-caos-vial-lamas-abade-amenaza-miles-escolares/0003_201903S22C1997.htm
Redacción (14 de marzo de 2019). Reclaman un estudo de tráfico en Lamas de Abade. El Correo Gallego. Recuperado de https://www.elcorreogallego.es/santiago/ecg/reclaman-un-estudo-trafico-lamas-abade/idEdicion-2019-03-14/idNoticia-1171130
Redacción (29 de outubro de 2015). Sen feridos tras ladearse un autobús escolar nunha estrada de Villestro. La Voz de Galicia. Recuperado de https://galego.lavozdegalicia.es/noticia/santiago/santiago/2015/10/29/heridos-tras-ladearse-autobus-escolar-carretera-villestro/00031446118744355162608.htm
Vergara, P. (6 de outubro de 2018). CA ‘vende’ un parquin disuasorio en A Sionlla sin apenas buses al centro. El Correo Gallego. Recuperado de https://www.elcorreogallego.es/santiago/ecg/ca-vende-un-parquin-disuasorio-sionlla-apenas-buses-centro/idEdicion-2018-10-06/idNoticia-1140719
Un comentario en “A complexidade do tráfico”