A participación, o sustento da comunicación comunitaria

GARCÍA GARCÍA; FERNÁNDEZ COUSO; LORENZO CREO

IES Rosalía De Castro

A participación cidadá está asentada nos medios comunitarios, alternativos e populares como un dos piares fundamentais sobre os que se constitúen. Son espazos abertos onde todo o mundo pode achegar o seu grao de area, e como recalca Luis Froiz de Mola.gal “calquera que chega pode colaborar”. Arredor disto, centramos a nosa segunda reunión na participación cidadá, eixo fundamental deste tipo de medios.

Gonzalo Brocos, de Campo Galego, mostra un punto interesante no que a participación cidadá vai afectar tamén as fontes informativas. Segundo a súa experiencia, Gonzalo explica como desde o seu medio sempre lles pasan antes a reportaxe que van publicar ás fontes informativas, de tal modo que poidan modificar incluso o contido se non están de acordo. É un dos motivos polo que segundo Gonzalo “moitas fontes se senten maltratadas entre comiñas nas experiencias que tiveron con outros medios porque o que acaba saíndo non é o que eles exactamente querían”. Deste modo, a participación cidadá é un campo aberto no que tamén saen beneficiadas as fontes informativas, sendo un elemento que lles proporciona máis seguridade a este tipo de medios.

Por outra banda, a posición máis crítica en canto a participación vaina proporcionar Adriana, antiga integrante de Radio Kalimera. Asegura que os principios éticos dun medio comunitario poden chegar a asustar e “acábase convertendo en algo trivial, como que realmente non hai participación cidadá porque só chegamos a un grupo de xente cunhas ideas determinadas moi próximas ás nosas”. Os prexuízos asociados a este tipo de medios poden acabar xogando unha mala pasada e limitando a participación nos mesmos. Por exemplo, no caso de Kalimera, a xente asociaba a radio cun estilo determinado, segundo Adriana “punky”, cando realmente non o eran. Así foi como moita xente se afastaba e só acababan atraendo a un tipo de xente determinado, limitando a súa inclusividade.

WhatsApp Image 2019-04-05 at 18.21.38 (1)
De esquerda a dereita, Gonzalo Brocos e Adriana Pérez.

A situación dos medios comunitarios en Santiago de Compostela é moi diferente a outras cidades. Luis e Adriana contan que son medios que os universitarios empregan como un escalafón para chegar ós medios de masas. “É unha cidade moi universitaria, a maior parte da xente que se achega a estes medios son universitarios, que ó cabo de catro anos marchan. Entón nunca queda xente que vaia acumulando experiencia e se vaia quedando”, explica Adriana en base á súa experiencia en Radio Kalimera. O problema en Santiago reside en que os comunitarios non se vexan como un medio constante e importante na comunidade, como medios onde podes pasar toda a túa vida.

As redes sociais teñen un papel fundamental na participación da xente nos nosos días, debido a que é moito máis sinxelo conectar, difundirse e atopar persoas dispostas a colaborar cos medios alternativos ou populares. No caso de Mola.gal, Luis reitera a vantaxe que supón a rede non só para difundir contidos propios senón tamén cuestións relacionadas coa subcultura: “Tampouco é que sexamos uns grandes estrategas da comunicación, de como chegar a máis xente, e centrarnos só niso. Porque no caso dos medios comunitarios e alternativos non temos esa obsesión comercial.”

Un dos xuízos que se establecen con respecto ós medios de comunicación masivos é o feito de que vexan ó público como un produto e non estean interesados realmente na súa participación. “Ó final trátanse de sistemas de participación pasivos. Que nos medios masivos poidas comentar nunha web ou nun Facebook non cambia como se comunica ese medio ou a súa liña editorial”, afirma Gonzalo Brocos dende unha postura máis crítica ós medios de masas e ós seus sistemas de participación. Ó mesmo tempo, as redes sociais e as novas tecnoloxías permiten a aparición doutro tipo de medios que aprecian a comunicación alternativa e poden chegar a un gran número de persoas. Isto Gonzalo advírteo como algo positivo: “Son optimista coas posibilidades das novas tecnoloxías en canto a proxecto de comunicación crítica e alternativa, deste xeito si serían máis participativos ó conformar unha sociedade de xente que ten uns intereses comúns e que interaccionan máis entre si, a nivel horizontal”.

Unha sociedade de xente a que participa neste tipo de medios que, segundo Luis, “non é que sexan a clave pero si que son a parte do cambio social. Sen a existencia desa sociedade alternativa dalgún xeito non existirían estes medios. É unha forma de dar voz a ese tipo de sociedades marxinadas polo groso da sociedade”, idea coa que Gonzalo Brocos coincide: “Son vías de comunicación fundamentais e está claro que a comunicación de novos valores e novas ideas ten que empezar por unha base”.

Para concluír, tanto Luis como Gonzalo volvían coincidir no aspecto da importancia do feedback real coa xente: “É parte do noso traballo, dende unha óptica xornalística, que a xente poida comunicarse de volta, comprender, e formar parte dunha comunidade, no que obviamente o medio é o principal pero o público tamén forma parte del”, afirmaba Luis. Pola súa parte, Gonzalo pechaba cunha frase rotunda relacionada co mesmo tema: “O que deben buscar os medios alternativos e comunitarios é que os lectores sexan actores, que dun xeito ou doutro formen parte dun medio e teñan un poder verdadeiro”.

A acción

Todas as conclusións sacadas desta reunión cobran gran importancia cara á realización da nosa acción final, unha guía de boas prácticas neste tipo de medios. Quedaron definidos diferentes puntos como o acceso dos colaboradores  e tamén o funcionamento mediante a asemblea e/ou sistemas como o de padriños e madriñas. Ademais, a formación que se leva a cabo dentro destes medios tamén é outro punto a sinalar na nosa guía. Aínda así, vai ser fundamental para a acción final coñecer o tipo de redes que se establecen, polo que este será o tema principal da vindeira reunión.

Conversaron connosco:

  • Luis Froiz, integrante de Mola.gal
  • Adriana Pérez, antiga integrante de Radio Kalimera
  • Gonzalo Brocos, integrante de Campo Galego

Bibliografía

Lewis,  Peter, & Mitchell, Caroline. (2014). Fomento de la cohesión social, el papel de los medios comunitarios. Medios de proximidad: participación social y políticas públicas, ,249–270.

Cerbino, Mauro, & Belloti, Francesca. (2016). Medios comunitarios como ejercicio de ciudadanía comunicativa, experiencias desde Argentina y Ecuador. Comunicar: Revista científica iberoamericana de comunicación y educación, pp. 49–56.

Barragán Robles, Vicente (2016). Uso de las TICs para la participación ciudadana. Redes.com: revista de estudios para el desarrollo social de la Comunicación, nº13, pp. 313-328.

Mari Sáez, Víctor Manuel (2010). El enfoque de la comunicación participativa para el desarollo y su puesta en práctica en los medios comunitarios. Razón y palabra , nº 71.

7 comentarios en “A participación, o sustento da comunicación comunitaria

  1. S1C-ÁLVAREZ MORENO

    A idea que temos dos medios comunitarios, populares e alternativos é que están dedicados a públicos obxectivos moi determinados, tal e como apunta Adriana Pérez. Tendo en conta a importante participación cidadá, pensades que son realmente heteroxéneos e que poden ser medios que atraen á sociedade no seu conxunto?

    O artigo La comunicación alternativa en nuestros días: un acercamiento a los medios de la alternancia y la participación, da Red de Revistas Científicas de América Latina y el Caribe, España y Portugal; defíneos como aqueles que exercen de suplemento no sistema e dan voz á aqueles que non a atopan nos medios convencionais, é a necesidade da poboación de non quedarse calados e chegar a participar de forma activa o motivo principal polo que se manteñen os medios comunitarios?

    Respecto ao tema das redes socias, grazas a estas tecnoloxías os medios comunitarios, populares e alternativos poden chegar a un maior público, inflúe isto nunha maior diversificación deste? Entenden a maior difusión para conseguir unha maior participación cidadá activa como un dos seus obxectivos clave?

    BIBLIOGRAFÍA:

    Corrales, F., & Hernández, H. G. (2009). LA COMUNICACIÓN ALTERNATIVA EN NUESTROS DÍAS: UN ACERCAMIENTO A LOS MEDIOS DE LA ALTERNANCIA Y LA PARTICIPACIÓN. Recuperado 23 abril, 2019, de http://www.redalyc.org/pdf/1995/199520478050.pdf

    Gústame

    1. S2A-GARCÍA GARCÍA

      Arredor da primeira pregunta, os medios comunitarios e alternativos nacen dun público moitas veces xa predeterminado porque teñen un mensaxe social común cunha intención de cambio nunha comunidade tamén común. Porén, estes medios grazas á súa participación deben mostrarse sempre abertos a calquera público que quiera compartir esa mensaxe. Polo tanto, moitas veces, as limitacións veñen dadas polo público que non comparte esa mensaxe común.

      Na segunda cuestión, efectivamente, a comunicación alternativa e polo tanto este tipo de medios van nacer da necesidade de comunicar a realidade da vida social, a cal non se reflexa moitas veces nos medios de comunicación de masas. Ante a falta de mostra destas realidades, a poboación que os quere poñer en relevancia e darlle voz van conformar a participación e o sustento básico destes medios.

      Polo tanto seguindo tamén este artigo para reafirmar todo o dito anteriormente, os medios comunitarios van constituír unha canle básica de participación cidadá e de exercicio do poder. Deste modo, transforman as experiencias individuais en visións compartidas dunha realidade para a construción dunha comunidade.

      Centrándonos xa por último nas redes sociais, a Rede de Medios Comunitarios fixo unha enquisa nas redes sociais co obxectivo de coñecer que é máis efectivo para dar a coñecer a un medio comunitario, se as redes sociais ou as accións na rúa. As conclusións non amosaron un resultado claro. Por unha banda, as actividades na rúa requiren máis esforzo e soen chegar a menos xente pero pode chegar a ser máis intenso para as persoas implicadas nos medios porque transmites as túas ideas directamente ao público. Por outra banda, redes sociais como Twitter si que permiten chegar tamén a unha maior cantidade de xente cunha estratexia adecuada. A clave está na estratexia, porque senón acabarás chegando sempre ao mesmo público, segundo Javier García, vocal da ReMC. Unha opción e outra non deben ser excluíntes, polo que unha forma de gañar difusión sería unha combinación entre ambas. Aínda así, os medios comunitarios non persiguen como un dos seus principais obxectivos aumentar a participación.

      BIBLIOGRAFÍA:

      Milan, S. M. Stefanía. (2006). Medios comunitarios y regulación. Una perspectiva de comunicación para el desarrollo. Recuperado 24 abril, 2019, de http://www.redalyc.org/html/268/26814202/

      El reto de hacer conocido al medio comunitario – Red de Medios Comunitarios. (2017, 19 noviembre). Recuperado 24 abril, 2019, de https://medioscomunitarios.net/2017/11/reto-conocido-al-medio-comunitario/

      Gústame

      1. EYRÉ CONDE

        O tratado nesta entrada abre varios puntos de debate interesantes. O primeiro deles a partir da intervención de Gonzalo Brocos. O feito de que, por norma xeral, os medios comunitarios traten dunha maneira máis agradábel e desenfadada ás fontes pode levar a unha perda de valor informativo do contido, non si? Se de algures vén a inimizade de tantos e tantos persoeiros públicos con certos medios convencionais, é de que algúns deles cometen a impertinencia de intentar contar a verdade. E con isto non quero degradar os medios convencionais, simplemente vexo nesa busca de seguridade nunha boa relación coas fontes un posible punto débil dende o punto de vista xornalístico. Aínda así, logo desta pregunta chega outra. Daquela, débese presupoñer un menor rigor xornalístico no contido que veña dun medio alternativo?
        Por outra banda, vexo unha triste realidade na historia de Radio Kalimera. Unha realidade que tamén afecta ao sindicalismo estudantil ou as organizacións políticas xuvenís aquí en Compostela. De todos os xeitos, neste caso particular parece contraditoria a continua rotación de colaboradoras e xornalistas e o sinalado por Adriana Pérez sobre o alcance destes medios; se a difusión queda limitada ás veces ao entorno máis próximo dos participantes no proxecto, canto maior sexa a rotación e participación, maior alcance terá o medio. Gustaríame para rematar compartir o caso de Mídia Ninja, un medio colaborativo que surxiu no Brasil e no que calquera pode colaborar con só cubrir un formulario. Aínda que neste caso a implicación de cada voluntario tamén pode variar, conseguiron manter unha audiencia e crecer por saír do círculo de confort e ademais, reter a un público cada vez máis crítico.

        Martín, M. (2013, 31 de xullo). El periodismo alternativo se populariza en Brasil al calor de las protestas. El País. Recuperado de: https://elpais.com/internacional/2013/07/31/actualidad/1375240483_414732.html

        Quem somos. Mídia Ninja. Recuperado de: http://midianinja.org/quem-somos/

        Seja Ninja. Mídia Ninja. Recuperado de: http://midianinja.org/seja-ninja/

        Gústame

        1. FERNÁNDEZ COUSO

          A perda de credibilidade nos medios de comunicación convencionais é un feito innegable na actualidade. Isto ten que ver moito coas súas dúas cuestións. Con respecto á primeira pregunta, o primeiro que debemos entender é que os medios comunitarios, populares e alternativos non son medios masivos, polo tanto, as súas fontes informativas son outras ben distintas, ben lonxe de ser persoeiros públicos, polo xeral.
          É unha das obrigas sociais, a dos medios comunitarios, facer un ben común á sociedade: dar voz a novos colectivos e movementos que non son representados polos medios de masas e difundir como é debido as súas consignas ou reivindicacións. Isto require non desatender as fontes, como ben explicaba Gonzalo Brocos, e asegurarse de ser fieis a súa realidade, realizar un tratamento informativo como é debido. Isto en ningún caso debe significar unha perda do valor informativo ou unha perda de veracidade. A obriga dos medios comunitarios non é máis que a crítica ós medios masivos e ás súas malas prácticas, xa que nacen en comunidades que no seu momento non se viron ben representadas polos medios comunicativos existentes.

          En relación coa segunda pregunta, aclaro que de ningún xeito debe presupoñerse menos rigor informativo ou comunicativo no contido dos medios comunitarios ou alternativos. Todo o contrario. Como xa lle dicía estes medios nacen da comunidade para a comunidade, como medio de exposición dunha visión sen visibilidade na sociedade e, que é ó mesmo tempo, totalmente contraditoria ó sistema comunicativo hexemónico imperante.
          Neste tipo de medios atópanse as versións nunca antes escoitadas por persoas que nunca antes foran preguntadas e, polo tanto, as “verdades” ata o momento omitidas. Por todo o que significan dende o seu nacemento, de ningún xeito poden ser considerados menos rigorosos. Certo é que sempre poden ser pervertidos, pero mais que pola perversión das fontes informativas, o perigo reside do lado do financiamento. Contra esa perda de credibilidade dos medios masivos da que falamos, por mor das súas relacións co poder e debido a súa posición de empresas informativas, loitan os medios comunitarios perseguindo boas relacións coas fontes, ás que teñen que respectar por compromiso social.

          Bibliografía:
          Barranquero, A. (10 de marzo de 2015). Los medios comunitarios y alternativos en el ciclo de protestas ciudadanas desde el 15M. Recuperado de: https://ddd.uab.cat/pub/athdig/athdig_a2015v15n1/athdig_a2015v15n1p139.pdf

          Corrales, F., Hernández, H.G. (2009). La comunicación alternativa en nuestros días: Un acercamiento a los medios de la alternancia y la participación. Recuperado de: http://www.redalyc.org/pdf/1995/199520478050.pdf

          Gústame

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair /  Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair /  Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair /  Cambiar )

Conectando a %s

This site uses Akismet to reduce spam. Learn how your comment data is processed.