A importancia da comunicación na universidade

VARELA CORES

Cafetaría Recantos

Como vimos analizando en publicacións anteriores, a universidade é un lugar onde se desenvolven múltiples tipos de relacións, tanto entre o estudantado coma co profesorado. Mais, como é a relación e a comunicación entre eles e a institución universitaria?

Primeiramente, observouse como transcorren as relacións desde abaixo cara á cúspide, é dicir, dende o alumnado cara ós órganos que compoñen a USC. Moitas veces, esta vese dificultada pola excesiva burocracia que existe nas institucións universitarias. A USC, en base a unha nova recollida por La Voz de Galicia  (20 de novembro de 2015), reduciuna coa fusión de departamentos. Porén, Ígor Mella, bolseiro de pedagoxía na Facultade de Ciencias da Educación da USC, discrepaba co enfoque da noticia, e manifestaba:  “O que menos importa destas fusións de departamentos é a burocracia. Isto fíxose porque había departamentos con pouco profesorado e quen realmente sae perdendo con estas fusións son as titulacións con menos alumnos”.

Ademais, non só non se reduce a burocracia senón que, como afirmou o propio Ígor: “Hai máis persoal agora que antes, porque agora existe coordinación de área e dirección de departamento, cando antes só había dirección de departamento”. Concordando con el, Antonio Villasenín, estudante de Maxisterio, apoiábase nunha experiencia recente na que tivo que acudir á dirección dun departamento para solventar un problema que xurdira nunha materia: “Non sabían moi ben como responder, era un departamento no que se agruparan tres, pero é que tampouco poden ter coñecemento de todos os que son do departamento, porque non son capaces”.

3 reunion igor e antonio.jpeg
Reunión do círculo na cafetería Recantos. De esquerda a dereita: Ígor mella e Antonio Villasenín.

Na mesma liña, Xisela Casal, estudante de dereito, comentaba a excesiva burocracia que hai na súa facultade, aínda que engadía: “Eu ao estar nunha organización estudantil véxoo máis próximo e igual teño máis ferramentas para falar coa xente”. Antonio coincidía coa súa opinión, resaltando a importancia da pertenza a colectivos estudantís: “Méteste na xunta da facultade e empezas a ver cousas: quen son dos departamentos, quen é da secretaría… todo, e se non é así non hai forma de velo”.

Entón, visto que a comunicación por parte do alumnado coa USC non é doada, vexamos como é á inversa, tomando como referencia as actividades que organiza a universidade. O círculo concordou na importancia e na utilidade das mesmas. Con respecto ao labor do Centro de Linguas Modernas (CLM), Ígor Mella resaltou a súa importancia: “A súa tarefa diaria hoxe en día é básica, porque quince idiomas… está moi ben, xa non é só por saber inglés, senón é importante do español para estranxeiros porque hai moitos alumnos estranxeiros que estudan español no CLM”. En base a este argumento, Antonio engadía: “Gústame moito que non se lle dea importancia só ás linguas hexemónicas coma o francés ou o inglés, senón que tamén posibiliten outras para que non aprendas un idioma por necesidade ou porque cho están impoñendo, senón que o fagas porque a ti che interesa”.

3 reunion nerea e xisela.jpeg
Reunión do círculo na cafetería Recantos. De esquerda a dereita: Marta Ojea, Nerea González e Xisela Casal.

Outra das actividades que se comentou foi a de levar os estudantes de Erasmus de tapas en Compostela. No referido a esta iniciativa, Nerea González, estudante de filoloxía, remarcaba a súa importancia: “Potencia que te relaciones, que aproveites o sitio no que estás. É moi importante porque ao final veñen a por unha experiencia nova e procúrase que coñezan un pouco máis alá do que é ser estudante”. Pola súa parte, Ígor agregaba: “Eu penso que a xente que vén aquí é moi importante que se vaia cun bo sabor de boca. Que a propia universidade poida crear espazos de encontro pode resultar moi positivo”. As campañas da USC para doar sangue foron outras das accións da universidade que se comentaron. Segundo Antonio: “É o máis importante porque che ensina a preocuparte polos demais. Hai que facelo porque como che pase a ti valo necesitar. Axuda moito ver diante da túa facultade o autobús, é a mellor forma de visibilizar”, declaración coa que concordou o resto.

Porén, destacaron que estas actividades que organiza a USC non gozan da suficiente visibilidade e promoción, menos por parte da propia universidade. Xisela apuntaba: “Eu cando me decato de algo non é a través da USC. O outro día entereime de que en NUMAX danche créditos se vas ver cine independente, pero é que me enterei en NUMAX, non na USC”. Antonio concordaba con ela : “Tes que ir á secretaria virtual e ao apartado de actividades lúdicas. Non hai ningún sitio que che poña nunha porta un cartel “apúntate e involúcrate na vida universitaria””

Ao rematar, Antonio engadiu: “Deberían achegarse máis ós alumnos”, opinión coa que todos e todas concordaron, concluíndo que a comunicación entre a institución e o alumnado debe mellorar e ser máis fluída para favorecer as relacións na universidade.

A acción

Finalmente, a acción consistirá nun mapeo no que os integrantes dos círculos sinalarán aqueles puntos da cidade que consideren máis importantes relacionalmente. Estes lugares serán sinalados mediante símbolos que expresarán diferentes relacións cotiás como poden ser: un grupo de amigos tomando algo e falando, unha parella da man, situacións deportivas… Ademais, faranse pequenas explicacións das escollas destes sitios e que importancia teñen. Posteriormente, a información obtida será plasmada en Google Maps mediante a creación dun mapa interactivo que conterá  símbolos,  fotos e texto.

Conversaron connosco:

  • Ígor Mella Núñez, bolseiro de pedagoxía na Facultade de Ciencias da Educación da USC.
  • Nerea González Martínez, estudante de Filoloxía Hispánica.
  • Xisela Casal Agrelo, estudante de dereito.
  • Antonio Villasenín Veiras, estudante de Maxisterio.

Ligazóns:

8 comentarios en “A importancia da comunicación na universidade

  1. SOUTO IGLESIAS

    Tanto o Centro de Linguas Modernas da USC como a Escola Oficial de Idiomas constitúen dúas pezas fundamentais en materia lingüística para Santiago de Compostela. O carácter cada vez máis internacional da USC precisa de centros coma estes. Permiten tanto que os universitarios aprendan novos idiomas como de que os estudantes que chegan poidan aprender o noso.

    Non obstante, resulta bastante curioso o empeño que se ten en fomentar programas que permitan aprender novas linguas, pero ao mesmo tempo non se fomenta que se fale unha lingua autóctona como é o galego. Con isto non quero dicir que non sexa importante xerar unha interculturalidade en Compostela co contacto de diferentes linguas. Pero creo que os maiores problemas son outros.

    O 22,7% dos galegos de entre 5 e 14 anos non saben falar galego. Basta con reler esta frase para darse conta do triste que é que as persoas non saiban falar a lingua autóctona do seu territorio. Se ben darlle importancia ao Centro de Linguas Modernas é algo necesario, coido que tamén cabe destacar o labor do Instituto da Lingua Galega. Facemos moito polos que veñen de fóra, pero pouco polos que son de aquí.

    LIGAZÓNS:

    Brión, R. (4 de abril de 2019). La Xunta busca a los galego falantes perdidos. GaliciaPress. Recuperado de: https://www.galiciapress.es/texto-diario/mostrar/1376908/gobierno-gallego-busca-galego-falantes-perdidos

    El Nacional. (2 de abril de 2019). Aviso a un profesor por enseñar matemáticas en gallego. El Nacional.Cat. Recuperado de: https://www.elnacional.cat/es/politica/sancionan-profesor-matematicas-gallego_370876_102.html

    Luaña, S. (24 de setembro de 2018). El Centro de Linguas Modernas amplía su oferta con cursos en destrezas específicas. La Voz de Galicia. Recuperado de: https://www.lavozdegalicia.es/noticia/santiago/santiago/2018/09/24/span-langglcentro-linguas-modernasspan-amplia-oferta-cursos-destrezas-especificas/0003_201809S24C2991.htm

    Gústame

    1. Como ben comentas, é un erro moi grave por parte da universidade, e sobre todo na de Santiago, que non se lle dea importancia ao uso da lingua galega. Case non se fan actividades para fomentar o seu uso e actualmente só un 8% das aulas se imparten en galego. Tampouco se fomenta a aprendizaxe de galego entre o alumnado estranxeiro e os Erasmus. De feito, facilítase a comunicación con eles utilizando simplemente o castelán na maior parte dos casos. E se non se potencia o uso da lingua nin a súa aprendizaxe, eles non van querer aprendela de xeito autónomo, aínda que o Centro de Linguas Modernas da USC lles oferte créditos por facelo.

      Ligazóns:

      J.C. (9 de setembro de 2015). «O estudo autónomo dos idiomas computará créditos». La voz de Galicia. Recuperado de https://www.lavozdegalicia.es/noticia/santiago/santiago/2015/09/09/estudio-autonomo-dos-idiomas-computara-creditos/0003_201509S9C29967.htm

      N.M. (17 de maio de 2014). El uso del gallego en las clases de la universidad decae y se reduce a un 8% de las materias. El Ideal Gallego. Recuperado de https://www.elidealgallego.com/articulo/coruna/uso-gallego-clases-universidad-decae-y-reduce-8-materias/20140517015104188963.html

      Gústame

  2. Paréceme moi importante falar de como se relacionan os universitarios coa institución da USC e como aproveitan as actividades que esta promove. Como estudante que leva estudando en Santiago dous anos, creo que a difusión dos proxectos por parte da USC é imprescindible para achegarse aos alumnos. Un dos elementos que penso que non aproveitan o suficiente é o uso das redes sociais. Pode ser un elemento útil, xa que a maioría dos estudantes non están tan pendentes do correo electrónico coma dunha notificación de Twitter ou Instagram.

    Por outra parte, a burocracia existente é moi confusa, sobre todo á hora de solucionar problemas que poidan aparecer na clase. Moitas veces noto que os estudantes enterámonos de moitos aspectos das materias grazas a outros compañeiros que deciden preguntar aos departamentos. Creo que non hai un contacto directo e ás veces resulta distante e incluso inaccesible.

    Gústame

    1. QUINTILLÁN POZA

      Unha boa comunicación entre a institución da USC e o alumnado é fundamental para crear un ambiente universitario óptimo. Con todo, esta tarefa resulta difícil de conseguir e, segundo as conclusións que sacamos nesta reunión, non mellora coa situación actual que existe na organización da universidade. Cabe destacar que o Consello de Goberno da Universidade de Santiago de Compostela realizou unha redución de departamentos, ademais de eliminar ou fusionar áreas máis grandes. Pese a diversidade de opinións, esta iniciativa intentou adaptar a organización á actualidade e aforrar custos.

      Por outra banda, a USC é partidaria da realización de actividades de diferente índole, como o estudo de linguas ou o deporte. Non quedan atrás os torneos e os campionatos que se celebran ao longo do curso. As opcións de ocio existentes son moi variadas e incluso exitosas, coma o recente triunfo do equipo de xadrez da USC, campión da España universitaria. Tal e como comentabamos, o punto débil está na accesibilidade a esa información. En numerosas ocasións o estudantado non é consciente dos eventos que se propoñen porque non hai unha difusión máis achegada á mocidade. Como dis, o uso das redes sociais é importante á hora de establecer unha comunicación sinxela e precisa, que é o que chama a atención entre os mozos e mozas.

      Ligazóns:

      El equipo de ajedrez de la USC, campeón de España universitario. (13 de abril de 2019). La Voz de Galicia. Recuperado de:
      https://www.lavozdegalicia.es/noticia/santiago/2019/04/12/equipo-ajedrez-usc-campeon-espana-universitario/00031555092216324887329.htm

      Luaña, S. (2 de marzo de 2016). La USC reduce de 76 a 50 sus departamentos y ahorra 200.000 euros. La Voz de Galicia. Recuperado de: https://www.lavozdegalicia.es/noticia/galicia/2016/03/02/usc-reduce-76-50-departamentos-ahorra-200000-euros/0003_201603G2P14991.htm

      Gústame

    2. SOUTO IGLESIAS

      En realidade, si que se fomenta o uso do galego entre os Erasmus. A USC ten feito programas que tentaban potenciar este aprendizaxe, sobre todo tendo en conta que moitos Erasmus proveñen de Portugal. Porén, ao ser o galego unha lingua minorizada dentro dunha situación de diglosia, isto non é suficiente.

      Do mesmo xeito, a Xunta propón que as universidades galegas creen itinerarios en galego nos seus graos. Polo tanto, si que se están levando a cabo actividades que promoven o galego, o problema é que para emendar esta situación debe actuarse dende os niveis máis baixos do ensino. Empregar este tipo de políticas só na universidade é coma comezar a casa polo tellado.

      LIGAZÓNS:

      EFE. (28 de marzo de 2019). La Xunta insta a las universidades a crear itinerarios en gallego en grados el próximo curso. La Opinión A Coruña. Recuperado de: https://www.laopinioncoruna.es/sociedad/2019/03/28/xunta-insta-universidades-crear-itinerarios/1388073.html

      Paniagua, Á. (13 de xuño de 2007). La USC potenciará que sus alumnos enseñen gallego a los Erasmus. La Voz de Galicia. Recuperado de: https://www.lavozdegalicia.es/noticia/santiago/2007/06/13/usc-potenciara-alumnos-ensenen-gallego-erasmus/0003_5894048.htm

      Liked by 2 people

      1. SOBRINO PLATAS

        Como ben dis, comezar dende abaixo é esencial. De feito, segundo eldiario.es, unha grande porcentaxe das escolas infantís galegas non utilizan o galego. Tendo en conta que a escola é o lugar onde os nenos e nenas establecen as súas primeiras relacións sociais, será a lingua que utilicen nestas relacións a que tomarán como referente. E se esa lingua é, na maior parte dos casos, o castelán. Por tanto, os rapaces e rapazas no aprenderán outra e entón na universidade xa non hai case nada que se poida facer.
        Considero, coma ti, que é necesaria unha educación en galego dende a infancia para acabar co descenso na fala do galego entre os nenos e nenas.

        Ligazóns:

        Pardo, P. (6 de novembro de 2015). El 75% de las esculas infantiles de las ciudades no usa el gallego o solo de manera testimonial. Eldiario.es. Recuperado de https://www.eldiario.es/galicia/escuelas-infantiles-ciudades-gallego-testimonial_0_456355195.html

        Pereiro, X. (7 de febreiro de 2015). Los jóvenes ‘falan’ poco ‘galego’. El País. Recuperado de https://elpais.com/politica/2015/02/07/actualidad/1423332980_571320.html

        Gústame

Deixa unha resposta a Iria Souto Iglesias Cancelar a resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair /  Cambiar )

Google photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google. Sair /  Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair /  Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair /  Cambiar )

Conectando a %s