Os retos da muller moza: desigualdade e precariedade

VÁZQUEZ PAREDES E VEIGA DE BARTOLOMÉ

Confederación ANPAS Galegas

O principal problema da mocidade traballadora é a precariedade. Con todo, dentro desta visión realista e desesperanzadora da xuventude no mundo laboral, atopamos que o caso da muller nova é moito máis desfavorable que o do xénero masculino. Segundo a Análise do mercado laboral dende a perspectiva de xénero realizado por CCOO, as mulleres deberían traballar un 30% máis que os homes para cobrar o mesmo.

Segundo este mesmo informe, en Galicia, de cada dez contratos a tempo parcial, oito son a mulleres. Este dato é defendido por Laura, delegada sindical de CCOO, que ao mesmo tempo engade: “Ademais se nos centramos nas mulleres novas, a maioría destes contratos, á parte de ser a tempo parcial, son temporais e teñen unha escasa estabilidade, algo que xera a xa mencionada precariedade”. Chegados a este punto, ademais dunha situación económica desfavorable para a muller, encontramos moitas outras situacións que provocan desigualdade. A propia Laura, prosegue coa súa explicación: “A moitas mulleres non se lle pagan as horas extras mentres que aos homes si. En moitos casos, aos homes se lles dá permiso para ascender e ás mulleres non. Algo que ocorre de forma recorrente tamén é que se lle dea uniforme de empresa aos homes e ás mulleres non”.

Proseguindo cos datos do estudo, a representación feminina en postos de dirección en Galicia está por debaixo do 40%. Porén, este dato non é ocasionado por un problema de preparación por parte das mulleres, xa que entre outras cousas, segundo o informe Las universidades españolas. Una perspectiva autonómica, realizado pola Fundación Coñecemento e Desenvolvemento, a USC é a universidade pública española con maior presencia feminina. Segundo este mesmo estudo, o número de mulleres que cursan estudos superiores, supera ao de homes. Lucía Van der Mel, estudante do grao en Mestre de Educación Primaria, dende a súa vivencia persoal, confirma estes datos: “Dende o primeiro día que chegamos á clase vin unha desproporción total do número de homes”. Aida Fernández, estudante do grao en Pedagoxía, aporta unha experiencia similar: “Na miña clase a maior parte dos alumnos somos mulleres”.

Non obstante, a estatística non expón sempre esa maioría do xénero feminino. Segundo esta noticia de El Faro de Vigo (21/03/2015), a cifra de mulleres que estudan carreiras técnicas descendeu un 25% na última década. Luisa González, membro da Federación de ANPAS de Compostela, interpreta e afirma: “O problema é a falta de autoconfianza nas súas destrezas e os escasos referentes femininos. Moitas veces non se coñecen enxeñeiras nin mulleres que teñan un taller de coche”. Aurea Sánchez, xornalista e escritora, reflexiona que o primeiro indicador da muller é a independencia no traballo: “Hai que motivar ás novas xeracións de mulleres a que se introduzan en sectores económicos e laborais ocupados ata o día de hoxe polo xénero masculino”. Lucía Van der Mel afirma: “A miña profesora de socioloxía ensinounos que si que hai factores que fan que ti decidas facer certas carreiras. A sociedade inflúe dun xeito moi forte nas decisións que tomamos a través dos tópicos e prexuízos presentes que alimentan por exemplo os medios de comunicación. É o que chamamos condición de xénero”.

nnj
Lucía Van der Mel, estudante do Grao en Mestre de Educación Primaria, aportando a súa definición de condición de xénero.

A condición de xénero é comunmente definida como os factores e mecanismos sociais, económicos e culturais en que desenvolven a súa existencia as mulleres en comparación cos homes nun grupo humano e que determinan a situación de desvantaxe e subordinación na que se atopan as mulleres. Isto é algo que non só afecta ás mozas á hora de escoller estudos, senón que é algo que inflúe na súa inmersión no mundo laboral e no seu desenvolvemento na sociedade. Luisa González interpreta esta definición e aporta: “No mundo da música o normal é que as mulleres canten e os homes sexan os que tocan os instrumentos”. Laura Cereijo comparte esta apreciación e asegura: “No mundo da hostalería os xefes de cociña son sempre homes a pesar de que historicamente a cociña foi unha actividade propia das nais e avoas”. Todas conclúen en que o problema de esta diferenciación de sexos reside nuns fortes condicionantes de xénero e na falta de referentes nalgúns ámbitos sociais, económicos, laborais e culturais. Ante isto, Laura conclúe: “Parece que o poder teña que seguir sendo do home aínda que as que fagan o traballo por debaixo del sexan as mulleres”.

Os roles de xénero están mudando e xa non hai unha diferenciación tan grande entre homes e mulleres á hora de escoller carreira ou adentrarse no mundo laboral. Malia isto, os medios de comunicación non sempre consideran o anterior como algo positivo, polo menos, aparentemente. Esta nova de La Voz de Galicia (18/01/2019) considera un problema o feito de que o número de mulleres mozas sexa superior ao de homes traballando na medicina. Ante isto, Luisa aporta: “A medicina non é unha excepción. A realidade ata agora era masculina. Isto está na historia, nos manuais de literatura as mulleres non existen”. Laura delibera: “O titular é ese porque ven o feminismo como un problema xa que as mulleres xoves, moito máis desprexuízadas, lle están quitando a cota de poder aos homes”. Nesta noticia, como en moitas outras, quizás o problema non sexa a intención do xornalista en ir en contra do movemento feminista e da incorporación da muller a traballos que antes non frecuentaban. A xornalista Aurea Sánchez dá mostra disto e afirma: “Esta noticia é feminista porque fala de como a porcentaxe de mulleres vaise incrementando neste colexio de médicos grazas á nova fornada de mozas que mostran interese por adicarse á medicina. O xene da noticia é correcto, mais debería darlle un enfoque positivo e non negativo”. Proseguindo coas explicacións, a mesma Aurea conclúe: “O feminismo é o motor de cambio de todas estas representacións de xénero”.

Con todo, aínda que as mulleres se están incorporando a novos traballos, a fenda salarial continúa a aumentar. Volvendo ao estudo mencionado nos primeiros parágrafos, a fenda salarial en Galicia ascende a 5479 euros. Un estudo do Instituto Galego de Estatística (IGE), no que se reflicte a fenda salarial entre homes e mulleres de menos de 25 anos, sinala que o problema é idéntico en todo o panorama nacional. Laura Cereijo comenta: “Na maioría dos casos págannos menos e dannos peores traballos”. Aida, interpretando os datos da gráfica, reflexiona: “Algo que tamén contribúe ao aumento da fenda salarial é a maior participación da muller na economía sumerxida”. Un dato que confirma o xa mencionado estudo de CCOO. Luisa González, poñendo o foco na súa situación persoal, aporta: “Eu, ademais de traballar na Federación de ANPAS, fágoo na administración universidade, e nunca notei a existencia dunha fenda salarial ou discriminación de xénero”. Ante isto, Laura replica baseándose na testemuña dunha mestra de Xornalismo, asevera: “Teño entendido que hai un machismo moi grande na universidade e é algo que hai reivindicar xa que é unha institución que ten que ser vangarda da igualdade de xénero”.

Ademais da precariedade, a muller moza tense que enfrontar a unha marcada desigualdade á hora de adentrarse no mundo laboral. O foco deste problema, podemos dicir que se encontra nos estereotipos e prexuízos presentes dende a mocidade que se deben resolver, como xa apuntamos, nunha educación baseada na igualdade de xeito transversal.

A idea para a acción:

O proceso de creación do fanzine xa está en marcha. Pedimos por redes sociais colaboracións de xoves artistas, e recibimos algunhas propostas moi interesantes, coma un artigo de opinión, un poema e un par de collages. Ao longo da semana esperamos recibir máis para poder realizar a peza sen problemas: aínda así, comezamos a maquetar co que temos. A próxima semana reunirémonos cos integrantes do círculo para amosarlles o resultado.

Charlaron connosco:

•Aurea Sánchez Puente, xornalista e escritora.

•Luisa González Vázquez, membro da Federación de ANPAS de Santiago de Compostela.

•Lucía Van Der Mel, estudante do Grao en Mestre de Educación Primaria.

•Laura Cereijo Míguez, delegada sindical de CCOO.

•Aida Fernández Villar, estudante de Pedagoxía.

Ligazóns:

Álvarez, E. (18 de xaneiro de 2019). Cada vez más mujeres en la medicina, ¿un problema? La Voz de Galicia. Recuperado de: https://www.lavozdegalicia.es/noticia/sociedad/2019/01/18/feminizacion-medicina-problema/00031547828863428795712.htm

Instituto Galego de Estatística. Salario bruto anual segundo sexo e grupo de idade. IGE. Recuperado de: https://www.ige.eu/igebdt/esqv.jsp?ruta=verTabla.jsp?OP=1&B=1&M=&COD=5545&R=1[all];2[1]&C=9924[all];0[2014]&F=&S=&SCF=

Fundación CYD. (2016). Las universidades españolas. Una perspectiva autonómica. Recuperado de: http://www.crue.org/Boletin_SG/2017/02.%20Febrero/Fundaci%C3%B3n%20CYD%20Las%20universidades%20espa%C3%B1olas.%20Una%20perspectiva%20auton%C3%B3mica.%202016.pdf

Otero, S. (21 de marzo de 2015). La cifra de mujeres que estudian carreras técnicas desciende al 25% en una década. El Faro de Vigo. Recuperado de: https://www.farodevigo.es/galicia/2015/03/21/cifra-mujeres-estudian-carreras-tecnicas/1205887.html

11 comentarios en “Os retos da muller moza: desigualdade e precariedade

  1. FERNÁNDEZ PEREIRO

    Coincido coa vosa apreciación sobre o foco do problema. Ser muller e moza é un dobre desafío para a xeración actual. Eu quixen afondar nas causas desta precariedade e desigualdade no entorno laboral.

    Segundo o informe sobre a situación laboral das mulleres en Galiza no ano 2017 elaborado pola CIG a caída de gastos tras a crise foi determinante. Afectou a programas que teñen especial relevancia no emprego feminino e na situación da muller como os relacionados cos servizos sociais e o desenvolvemento do estado de benestar. A partir de aí as mulleres sufriron discriminacións no entorno laboral.

    A desigualdade foi menor no primeiro momento da crise cando se destruíron os postos de traballo da construción e da industria, emprego principalmente masculino. Estes reducíanse e con eles diminuía a fenda salarial. A partir de 2015 coa creación neta de emprego comeza a medrar. Como dixo Aurea Sánchez é necesario que as mulleres se introduzan en sectores ocupados polo xénero masculino, como a construción. Hai carreiras de ciencias, enxeñerías e matemáticas, normalmente que as mulleres non escollen e son das que teñen máis saídas laborais.

    A solución pasa pola educación como afirma o informe ‘Mujeres Jóvenes ante el Empleo’ elaborado pola Fundación PriceWaterhouse Coopera. A mocidade ten unha maior formación, pero os traballos que consegue son precarios e por iso a taxa de paro xuvenil mantense en España nun 36%. Débense combater os estereotipos entre nenos e nenas para non desenvolver certas profesións que se dan en idades moi baixas. Exemplo deses estereotipos son os fomentados polos catálogos de xoguetes. Ante isto, a educación é a mellor ferramenta para acadar a igualdade de mulleres e homes na esfera laboral.

    Ligazóns:
    – Berar Award, A. y Miles, A. (9 de febreiro de 2016). Joven y mujer: Un doble desafío para las mujeres que entran en el mercado laboral. Organización Internacional del Trabajo. Recuperado de: https://www.ilo.org/global/about-the-ilo/newsroom/news/WCMS_449676/lang–es/index.htm

    – (2017). Situación laboral das mulleres en Galiza (2017). Confederación Intersindical Galega. Recuperado de: https://www.cig.gal/app/pdf/web/viewer.html?file=//www.cig.gal/files/documentos/Doc_Economia/Muller_MercadoLaboral_2017.pdf

    – (21 de xaneiro de 2019). El informe ‘Mujeres Jóvenes ante el Empleo’ apunta a solucionar la desigualdad laboral en el sistema educativo. 20 minutos. Recuperado de: https://www.20minutos.es/noticia/3541977/0/informe-mujeres-jovenes-ante-empleo-apunta-solucionar-desigualdad-laboral-sistema-educativo/

    – Mujeres jóvenes ante el empleo. Girls Get Equal Job. PWC España. Recuperado de:https://www.pwc.es/es/publicaciones/diversidad/mujeres-jovenes-ante-empleo.html

    Gústame

    1. Como sociedade non podemos alegrarnos de que o motivo da baixada da desigualdade sexa a baixada en si do emprego. As oportunidades laborais deberían ser iguais para homes e mulleres, así como as condicións dos contratos. É inadmisible que unha muller cobre menos polo simple feito de ser muller. Algúns motivos que se dan para xustificar estas situacións son uns supostos ‘patrones psicolóxicos’, como por exemplo que as mulleres son menos competitivas… En que se basea realmente iso? Acaso non son máis que consecuencias do sistema patriarcal, que establece comportamentos determinados na mocidade? Esa sería unha resposta á cuestión que expoñes ti sobre a baixa porcentaxe de mulleres en profesións técnicas. Hai que ensinarlles ás mozas que son válidas para calquera ámbito. E que esta educación, ademais de efectuarse sobre as novas xeracións, se extenda aos actuais adultos. Reeducar, aínda que é complicado, penso que debe estar presente nos plans de acción.

      Ligazóns:
      – González Velosa, C. (6 de marzo de 2018). No es fácil ser mujer en el mundo del trabajo. Factor Trabajo. Recuperado de: https://blogs.iadb.org/trabajo/es/no-es-facil-ser-mujer-en-el-mundo-del-trabajo/
      – Escolar, I. (7 de marzo de 2018). Yo también soy machista. Eldiario.es. Recuperado de: https://www.eldiario.es/escolar/machista_6_747585287.html

      Gústame

      1. FERNÁNDEZ PEREIRO

        Efectivamente, hai que educar para rematar cos estereotipos e coas profesións para “homes” e para “mulleres”. A mocidade debe ter liberdade de escoller a súa profesión. Tamén precisa igualdade de oportunidades e de acceso á formación. Que a súa escolla non teña como resposta un rexeitamento social en ningún ámbito. Iso podería producir frustración na mocidade. Se ben é certo que existen profesións que requiren unha capacidade física determinada, que pode ter tanto un home coma unha muller. Así, o sexo non debe supor un límite para ningunha profesión.

        A cultura e o sistema patriarcal impuxeron que os traballos considerados femininos fosen de menos prestixio e menos remunerados ca os masculinos. Outra lacra que deben superar as mulleres, como ti ben dis sendo conscientes de que son válidas para calquera traballo, máis alá do socialmente establecido.

        A incorporación das mulleres neses traballos considerados tradicionalmente “masculinos” fomentará a normalización. O papel da educación é clave. Debe comezar na casa e seguir na escola. Para iso tamén é necesario renovar ó profesorado. Ver si os docentes están preparados para motivar á mocidade e para educala cunha perspectiva de xénero.

        Ligazóns:

        – Durá, M. (11 de xuño de 2018). «Este trabajo es de chicas», «este, de chicos»: los prejuicios que aún dominan las profesiones. Yorokobu. Recuperado de: https://www.yorokobu.es/profesiones-sin-genero/

        – Massot,D. (30 de xaneiro de 2018) ¿ Existen profesiones de hombre y profesiones de mujer? Aleteia. Recuperado de: https://es.aleteia.org/2018/01/30/existen-profesiones-de-hombre-y-profesiones-de-mujer/

        – Currás, C. (18 de novembro de 2018). La jubilación de los docentes. La Voz de Galicia. Recuperado de: https://www.lavozdegalicia.es/noticia/opinion/2011/04/14/jubilacion-docentes/0003_201104G14P18991.htm

        – Fuentes Cabrera, A., Romero Rodríguez, JM., López Belmonte, J. y Rodríguez García, A. (26 de xuño de 2018). Resolviendo incógnitas en torno a la igualdad de género: la importancia de educar desde la infancia. Educa Web. Recuperado de: https://www.educaweb.com/noticia/2018/06/26/igualdad-genero-importancia-educar-infancia-18508/

        Gústame

        1. MIRANDA MARTÍNEZ
          A clasificación de ‘masculino’ e ‘feminino’ é afogante, e penso que a súa tendencia no futuro será a de desaparecer. Como se pode ver nalgúns dos nosos post, a mocidade actual ten moita máis conciencia do problema da que tiñan xeracións anteriores (xa non os nosos avós, incluso os nosos pais). Se continuamos este camiño, onde cada vez máis persoas infórmanse sobre a loita feminista e a cuestión de xénero, penso que o futuro é esperanzador.

          Como ben mencionas, a educación é fundamental (e, repito, a reeducación). Moitos centros escolares impulsaron iniciativas para incluír a perspectiva de xénero nas aulas: o IES Leliadoura, en Ribeira, conta cun grupo de igualdade que organizou un taller sobre novas masculinidades; o IES Félix Muriel, en Rianxo, prepara dende fai tempo a Semana da Diversidade, onde os alumnos asisten a charlas e ata concertos que tratan temas como a violencia machista ou os cambios nos modelos de familia. Este último centro tamén incluíu, con motivo do 25N, contidos con perspectiva de xénero en todas as materias.

          Todas estas iniciativas por parte de centros a nivel ‘individual’ están moi ben. Porén, o obxectivo debe ser unha reforma do sistema educativo a nivel estatal, cunha incorporación transversal de contidos con perspectiva de xénero. Isto xa foi reclamado pola mocidade estudiantil en máis dunha ocasión nas manifestacións a pé de rúa. A educación feminista para os mestres tamén debería impartirse de xeito obrigatorio, co cumprimento dunhas horas determinadas en talleres ou charlas formativas.

          Ligazóns:
          – E.Á (19 de abril de 2018). Centenares de estudiantes reclaman una educación feminista y democrática. La Voz de Galicia. Recuperado de: https://www.lavozdegalicia.es/noticia/santiago/santiago/2018/04/19/centenares-estudiantes-reclaman-educacion-feminista-democratica/00031524136236548788256.htm
          -Parada, A. (19 de xaneiro de 2019). Ellas cambian su futuro desde el aula. La Voz de Galicia. Recuperado de: https://www.lavozdegalicia.es/noticia/barbanza/2019/01/19/cambian-futuro-aula/0003_201901B19C4991.htm
          – Jamardo,J.M. (22 de marzo de 2019). El instituto Félix Muriel inicia el lunes su Semana da Diversidade. La Voz de Galicia. Recuperado de: https://www.lavozdegalicia.es/noticia/barbanza/rianxo/2019/03/21/instituto-felix-muriel-inicia-lunes-semana-da-diversidade/00031553187064293113598.htm

          Gústame

  2. RIVEIRO POSE

    Coincido coas vosas apreciacións sobre este tema, que é cada vez, por sorte, máis acuciante na nosa sociedade. A entrada no mundo laboral sempre é difícil. Máis aínda para unha mocidade que creceu nun país en crise e que xa se introduce nun sistema económico e laboral con menor número de oportunidades. Pero todavía máis difícil o é para as mozas, pois ademais destas dificultades comentadas, teñen que enfrontarse a un mercado cruento que non lle ofrece as mesmas facilidades que aos homes. Todos coñecemos os casos: soldos menores, postos de menor prestixio, peores horarios… Estes e moitos outros exemplos conforman o coñecido popularmente como “teito de cristal”, que produce unha ampla diferenza entre os homes e mulleres no mundo laboral. Unha diferenza que se traduce na brecha salarial nun 30% entre os soldos de homes e mulleres en Galicia, por poñer un exemplo.

    Pero non só no económico temos esta clase de impedimentos para as mulleres. Tamén é coñecido por todo o mundo que a muller adoita ser a que se encargue dos nenos, cousa que reflicte na súa vida laboral, ou que moitos homes teñen tratos despectivos coas mulleres, non confíando nelas para postos importantes polo simple feito de ser mulleres. Ou, por poñer un exemplo case personal, cómo á miña irmá (que traballa en hostelería) a obrigan a ir maquillada ao emprego. Aos homes, por suposto non.

    Por sorte, penso que vivimos nun mundo cada vez máis concienciado. Grazas a exemplos como os das mulleres das novas que adxunto, que conseguiron librarse dese teito de cristal imposto pola sociedade, e grazas tamén a un movemento feminista cada vez máis respaldado e forte, estamos a vivir un momento no que de verdade parece posible cambiar, e que fai que me pregunte: ata onde podemos chegar?

    REFERENCIAS:

    Luaña, S. e Sío, M. (28 de febreiro de 2019). Ellas derribaron el techo de cristal a golpes. La Voz de Galicia. Recuperado de https://www.lavozdegalicia.es/noticia/galicia-economica/2019/02/24/directivas-implican-hombre-igualdad-laboral-efectiva/0003_201902SM24P2991.htm

    Palacios, L. (19 de febreiro de 2019). La desigualdad entre hombres y mujeres tiene un coste de 100.000 millones de euros. La Voz de Galicia. Recuperado de https://www.lavozdegalicia.es/noticia/economia/2019/02/19/desigualdad-hombres-mujeres-coste-100000-millones-euros/0003_201902G19P32992.htm

    Redacción (8 de marzo de 2019). Una marea violeta recorre Galicia por el 8M. La Voz de Galicia. Recuperado de https://www.lavozdegalicia.es/noticia/economia/2019/03/08/marea-violeta-recorre-galicia-8m/00031552048342470834591.htm

    Gústame

    1. VÁZQUEZ PAREDES

      Respecto ao que dis en relación a que son, maioritariamente, as mulleres as que se encargan dos traballos domésticos e do cuidado dos nenos, é verdade, mais a tendencia está cambiando. Considero que as leis que fomentan a igualdade entre homes e mulleres en aspectos como os permisos de paternidade teñen un efecto moi positivo a longo prazo de cara a conseguir a igualdade de sexos no mundo laboral. Concordo coa túa visión crítica da situación mais teño un parecer máis optimista. Aproveitando a pregunta que fas, respóndote que eu creo que co paso do tempo e sobre todo, das xeracións, chegaremos a un punto onde a igualdade no mundo laboral sexa unha realidade. Teñen que ser as mulleres da nosa xeración, as mulleres mozas, as que sigan reivindicando e desprexuizando a sociedade. Penso que estamos avanzando, lentamente, pero avanzando. É certo que é complicado ver a mulleres en postos de responsabilidade e poder, mais antes non eran complicado, senón prácticamente imposible. Se nos fixamos en Galicia as noticias que chegan son contradictorias. Por exemplo, a nosa comunidade é a segunda de España, en relación a número de alcadesas, mais actualmente, a USC ten máis mulleres que homes no seu órgano de goberno. O camiño é duro máis eu creo que seguindo coa loita, as reivindicacións e a paciencia, vaise chegar a igualdade.

      L. Placer (15 de xaneiro de 2015). Galicia es la segunda comunidad con menos porcentaje de alcaldesas. La Voz de Galicia. Recuperado de: https://www.lavozdegalicia.es/noticia/galicia/2018/01/15/galicia-segunda-comunidad-porcentaje-alcaldesas/0003_201801G15P2997.htm

      S. Luaña (6 outubro de 2018). La USC ya tiene más mujeres que hombres en sus órganos de gobierno. La Voz de Galicia. Recuperado de: https://www.lavozdegalicia.es/noticia/santiago/santiago/2018/06/10/usc-mujeres-hombres-organos-gobierno/0003_201806S10C2993.htm

      Gústame

      1. RIVEIRO POSE

        Alégrame pensar nalgún dos exemplos que brindas, e alégrame tamén que teñas unha visión tan positiva e esperanzadora respeto ao tema. Sobre os cambios e as denuncias sociais hai moitas cousas ditas, pero sempre é importante recordar que somos nós os que temos o poder e as ferramentas para cambiar. E penso que esas ferramentas serven, como se ve na nova que adxuntas sobre o papel cada vez máis importante da muller no ámbito universitario da USC.

        Choca bastante co que vemos nunha das cidades veciñas, A Coruña. Alí só o 37% da docencia é femenina, cousa que non nos pode desesperar, senón máis ben debe concienciarnos de cambiar e intentar chegar a puntos como o de Santiago. A maiores, xa que falamos de cidades galegas, tamén chamou a miña atención a manifestación previa ó 8M que houbo en Lugo, como unha congregación previa á manifestación principal, que demostra as gañas que temos como sociedade de cambiar e romper cos moldes establecidos.

        Por último, xa que dis que nos temas que arroxei eu no comentario previo si hai concienciación, gustaríame saber: onde pensas que pode custar máis? É dicir, cales pensas que son as pelexas máis duras ás que se ten que enfrontar o feminismo? Onde custa máis chegar?

        REFERENCIAS:

        Carneiro, M. (30 de abril de 2018). La desigualdad en la universidad reduce a las mujeres al 37 % de la plantilla de profesores. La Voz de Galicia. Recuperado de https://www.lavozdegalicia.es/noticia/coruna/coruna/2018/03/18/desigualdad-universidad-reduce-mujeres-37-plantilla-profesores/0003_201803H18C5991.htm

        Palacios, X. M. (4 de marzo de 2019). Las mujeres de Galicia defienden en Lugo el feminismo, en un clima festivo. La Voz de Galicia. Recuperado de https://www.lavozdegalicia.es/noticia/lugo/2019/03/03/lugo-capital-gallega-feminismo/00031551627811422673302.htm

        Gústame

        1. VÁZQUEZ PAREDES
          Considero que existe concienciación en motos ámbitos da sociedade mais moitas veces con certo recelo. Preséntoche un exemplo, os principais partidos de cara as eleccións xerais: moitos decláranse feministas e defenden a causa mais ningunha muller é candidata por ningún deles para optar a presidencia. O que quero dicir con isto é que ademais de concienciación precísase de acción. Respondendo a túa cuestión, considero que as partes menos feminizadas da sociedade son, ao mesmo tempo, as máis poderosas. O feminismo e o empodoramento da muller supón unha amenaza para moitos homes e esferas da sociedade. Que as mulleres están capacitadas para desenvolver da mesma forma que un home un posto de responsabilidade é unha obviedade, mais, as mozas o teñen máis difícil que os mozos porque apenas teñen referentes neste tipo de postos. Por iso o feminismo precisa de mulleres novas, valentes e reivindicativas para lograr unha concienciación e acción plena que garantice a igualdade en todas as partes da sociedade.

          A.Ramil (4 de marzo de 2018) Rosa Cobo: “El feminismo vive un momento de éxito político sin precedentes desde los años 70”. La Opinión Coruña. Disponible en: https://www.laopinioncoruna.es/sociedad/2018/03/04/feminismo-vive-momento-exito-politico/1268956.html

          Gústame

Deixa unha resposta a Jorge Riveiro Cancelar a resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair /  Cambiar )

Google photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google. Sair /  Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair /  Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair /  Cambiar )

Conectando a %s