Do activismo de sofá á pedagoxía de todos os días

BELLÓN REY

Libraría Couceiro

Como xa se dixo no anterior post, segundo os últimos estudos do World Values Survey España sería o terceiro país máis LGTBI-friendly dos 114 enquisados, só superado por Suecia e os Países Baixos. Mais isto semella non ser suficiente.

Aínda hai moitas actitudes que seguen a oprimir a este colectivo a día de hoxe. Ante este agridoce triunfo, Ian Gundín, estudante de Filosofía e membro do colectivo, afirma: “Alégrame ver que hai pouca xente que pensa que é un dato bonito e que demostra que imos avanzando pouco a pouco. Isto significa que a xente non é conformista, que segue loitando”.

Ao fío desa nova publicada o 1 de setembro de 2018 en La Voz de Galicia abriuse un pequeno debate sobre a verdadeira utilidade e relevancia do emprego das redes sociais á hora de revindicarse. Cinthia Ermitas, membro de Avante LGBT, amosa a problemática que esconden este tipo de actitudes no mundo virtual, asegurando que o que se iniciou como unha ferramenta para dar visibilidade acabou por converterse nun activismo de sofá. “Falta práctica, levalo á pedagoxía de todos os días. Ao final, poñer en Instagram que son lesbiana non me supón ningún problema, pero ir comer a casa da miña avoa…  A min paréceme moito máis pedagóxico poder normalizar cousas nos contextos familiares”. Pola súa parte Isabel Quintarios, ex-xornalista da COPE, non ve tal problema e achaca isto ao salto xeracional: “ Eu son activa nas redes sociais, a meirande parte da miña quinta non. Para min si que é importante que de súpeto, sobre todo para xente coa que me relaciono en 3D, vexan un #QUEER e se pregunten que é”. Porén, Xabier Caruncho membro de ARELAS, fai fincapé en que as redes son usadas para amosar case exclusivamente o noso día a día: “É unha pena, logo publicas algo que consideras importante e danche like os teus 5 amigos. A min as redes estanme decepcionando un pouco por iso”.

DSC03270.JPG

Posteriormente, tras a análise desta outra noticia de La Voz de Galicia, publicada o 30 de xaneiro de 2019, abriuse una nova discusión acerca da relevancia de contar con representación de colectivos minoritarios nos distintos partidos políticos. Anxo Núñez, membro do BNG en Outes é o primeiro en intervir: “Polo motivo que sexa  paréceme positivo, aínda que sexa para sacarlle vantaxe; é dicir, se a persoa que vai é o suficientemente intelixente, esperemos que si, tamén aproveitará para involucrarse”.

Non obstante, algúns dos outros participantes neste coloquio amosáronse un tanto escépticos, como é o caso de Ian: “Despois de tantos anos agora de súpeto está de moda ou beneficia ter o voto de certo colectivo e… sorpresa! Levan a tantas persoas do xénero x ou con identidade x. Paréceme moita coincidencia”. Malia este cruce de posturas, todos están de acordo en que o verdadeiramente importante é complementar esa actividade política co activismo.  Isabel tamén destacou a relevancia de ter unha cara coñecida na loita e que estea involucrada de verdade: “A min veume fenomenal que estivesen nas listas un Pedro Zerolo ou unha Carla Antonelli, porque para a xente da miña idade estas persoas foron fundamentais para que alguén dese un paso ao fronte”. Anxo dalle a razón e conclúe: Xa non só para normalizalo ante a sociedade en xeral, senón tamén como referente para o propio colectivo”.

Deixando atrás o mundo da política, adentrámonos no terreo audiovisual da man da primeira película galega cuxos personaxes son homosexuais, algo que xa fora analizado neste post do Club de Lectura LGTB Queeruña, publicado o 24 de novembro de 2018. Anxo rompe unha lanza a favor da realización deste tipo de filmes: “ É importante facer un produto que aparte de intentar vender, teña un contido activista e que denuncie unha situación. Polo tanto, pódese levar o activismo a moitas partes da vida e tamén ao profesional, que ás veces esquecémolo”. Xabier aproveita a ocasión para revindicar a importancia que ten o sistema educativo á hora de fomentar este tipo de iniciativas: “Vense este tipo de filmes igual que se fan outro tipo de actividades educativas para fomentar a diversidade. Pero despois ocupan un espazo moi pequeno. Sería interesante que saíra para fóra, que foran as salas comerciais as que fomentasen o visionado, as televisións ou o que fora”.

Acción

A primeira fase da nosa acción consistirá na elaboración dunha serie de carteis (diferentes modelos, cada un cunha das citas máis relevantes de cada membro do círculo) que serán distribuidos por toda a área de Compostela (cobrando especial importancia as zonas máis próximas ás diferentes facultades, co obxectivo de chegar á mocidade) tanto polos membros do grupo S1A como polos membros do propio círculo.

Este impacto visual nas rúas irá acompañado dunha serie de reunións informativas que terán lugar nalgún instituto ademais da facultade de Educación Social. Nese acto expoñeremos as nosas conclusións obtidas ao longo do traballo feito durante este último cuatrimestre e contaremos cos testemuños de Xabier Caruncho, Isabel Quintairos e Cinthia Ermitas.

Conversaron connosco:

  • Xabier Caruncho, membro da Asociación ARELAS.
  • Cinthia Ermitas, membro de Avante LGBT.
  • Ian Gundín, estudante de Filosofía.
  • Anxo Núñez, membro do BNG de Outes.
  • Isabel Quintairos, ex-xornalista da COPE.

Ligazóns

C. A. (30 de xaneiro de 2019). El primer concejal gay del PP en casarse se divorcia del partido. La Voz de Galicia. Recuperado de: https://www.lavozdegalicia.es/noticia/ourense/2019/01/30/primer-concejal-gay-pp-casarse-divorcia-partido/0003_201901O30C3993.htm

Venys, M. e M.F. (1 de setembro de 2018). “Nuestra identidad sexual sigue siendo un chiste y generando odio en nuestra sociedad”. La Voz de Galicia. Recuperado de: https://www.lavozdegalicia.es/noticia/sociedad/2018/09/01/identidad-sexual-sigue-siendo-chiste-generando-odio-sociedad/0003_201809G1P27992.htm

Segundo encontro: pero “A Esmorga” era queer?. (2016). [Blog]. Recuperado de: https://clubdelecturaqueerunha.wordpress.com/2016/11/24/segundo-encontro-pero-a-esmorga-era-queer/

6 comentarios en “Do activismo de sofá á pedagoxía de todos os días

  1. MAGIDE PÁSARO

    Eu non coido que sexa unha coincidencia que agora partidos leven nas súas listas a persoas con xénero non binario, transexuais, etc…senón que co paso dos anos a súa condición (a pesares de que queda moitísimo por facer) foi sendo máis normalizada. Creo que estas persoas deben de participar nos partidos políticos simplemente por ser cidadáns de pleno dereito, con independencia da súa condición sexual e podendo amosala libremente en todo momento, sen que isto repercuta para nada na súa carreira política. Coido tamén que no caso do cine, personaxes de todas as orientacións sexuais poidan aparecer de xeito completamente normal, sen que nos resulte novidoso, simplemente, o normal. Deixovos por aquí outro filme, neste caso, en Guatemala.

    Rodríguez, A. (1 de marzo de 2019). “Temblores”, un acercamiento al tabú de la homosexualidad en Guatemala. El Mundo. Recuperado de:https://elpais.com/cultura/2019/03/01/actualidad/1551406670_423443.html

    Borraz, M. (28 de xaneiro de 2019). El colectivo LGTBI, ante el año electora: “No vamos a dar ni un paso atrás en nuestros derechos. Eldiario.es. Recuperado de: https://www.eldiario.es/sociedad/colectivo-LGTBI-situacion-politica-derechos_0_861964126.html

    Gústame

    1. DEUS GARCÍA

      O colectivo está cada vez mais aceptado e é por iso polo que a súa representación en todos os ámbitos vai en aumento. Sen dúbida é unha representación necesaria que empodera ao colectivo, pero o problema destas representacións é como se realizan. 2018 foi un ano histórico en canto á visibilización.

      No caso do cinema 75 personaxes foron identificados como gays, lesbianas, bisexuais, transexuais, queers ou non binarios nas películas máis taquilleiras. En canto á política española contamos con 33 representantes do colectivo nas institucións, abranguendo case todas as formacións políticas e os espectros ideolóxicos.

      Tanto unha parte da poboación coma os partidos políticos están a tentar normalizar a presenza dos membros do colectivo en diferentes ámbitos e incluílos en lugares onde nunca estiveron presentes. Aínda así segue quedando moito camiño por percorrer xa que os prexuízos seguen vixentes pola meirande parte dos cidadáns.

      Ligazóns

      Saldaña, J. (20 de decembro de 2018). Los personajes LGBT que nos dejó el 2018. S1ngular. Recuperado de: https://s1ngular.com/cultura-pop/2018/12/20/los-personajes-lgbt-nos-dejo-2018/

      S.A. (29 de xuño de 2018). Pontevedra reivindica la diversidad sexual. La Voz de Galicia. Recuperado de: https://www.lavozdegalicia.es/noticia/pontevedra/sanxenxo/2018/06/29/pontevedra-reivindica-diversidad-sexual/0003_201806P29C11993.htm

      Mopez, V. (28 de xaneiro de 2019). 33 políticos españoles LGTB que representan al arcoíris en las instituciones. Los Replicantes. Recuperado de: https://www.losreplicantes.com/articulos/politicos-lgtb-espanoles-arcoiris-instituciones/

      Gústame

      1. MAGIDE PÁSARO

        Xa que falas da normalización por parte da sociedade e dos partidos, e aproveitando que as eleccións están aí e todos deberiamos votar con cabeza, podemos ver como antítese desta postura de respecto e non discriminación, a do partido Vox, que ultimamente está tan presente nos medios de comunicación con declaracións que a todos deberían preocuparnos.

        En febreiro deste mesmo ano, Vox acadaba o seu primeiro senador; o señor Francisco José Alcaraz, que para comezar con “bo pé” rexeitou firmar a declaración en apoio ao colectivo LGTB no deporte. O seu partido propón a promulgación dunha ley de “protección da familia natural” e sempre se amosou oposto ao matrimonio igualitario, ademais de opoñerse á adopción nas parellas do mesmo sexo, xa que ao parecer para eles o ambiente natural no que debería criarse unha crianza é o da relación heterosexual.

        Ligazóns

        López, C. (20 de febreiro de 2019). Vox se estrena en el Senado contra los homosexuales. La Vanguardia. Recuperado de:
        https://www.lavanguardia.com/vida/20190220/46602913262/vox-homosexuales-lgtbi-deporte.html

        Requena, A. (3 de decembro de 2018). Derogar la Ley de Violencia de Género, sacar el aborto de la sanidad pública y otras medidas de Vox contra la igualdad. Eldiario.es.Recuperado de:
        https://www.eldiario.es/politica/Vox-violencia-LGTBI-propuestas-PP_0_842716530.html

        Gústame

        1. DEUS GARCÍA

          A situación desde o punto de vista político do colectivo LGTBI en España mellorou, e moito, fronte a como estaba antes do goberno de Zapatero. Non podemos esquecer que España foi un dos pioneiros na legalización do matrimonio entre persoas do mesmo sexo, alá polo ano 2005. Isto foi un gran paso de cara á normalización e visibilización do colectivo, sobre todo en termos políticos e legais.
          Porén, e tal e como afirma a Federación Estatal de Lesbianas, Gays, Bisexuais e Transexuais (FELGBT) aínda quedan moitas barreiras coas que acabar, e repite, como xa levamos facendo en todos os nosos posts, que unha educación integradora é unha das chaves fundamentais para acabar con estes obstáculos.
          Así que estou de acordo contigo, o que ocorra esta fin de semana nas eleccións xerais vai ser crucial para o futuro do colectivo. Coa aparición e auxe de partidos que máis ben parece que pertencen ao século pasado, este domingo poderiamos dar un gran paso cara a liberdade ou ben retroceder enormemente. Por iso xurdiron iniciativas como a etiqueta de Twitter #votaconorgullo, que insta á sociedade a votar de maneira consciente, axudando a avanzar ao colectivo fronte á proliferación de medidas homófobas dos candidatos á presidencia.

          Ligazóns

          S.A. (1 de xullo de 2018). El matrimonio homosexual en España cumple 13 años. elPeriódico. Recuperado de: https://www.elperiodico.com/es/sociedad/20180701/trece-anos-matrimonio-gay-espana-6918744

          García González, H. (22 de abril de 2019). El hashtag #votaconorgullo inunda las redes sociales. Shangay. Recuperado de: https://shangay.com/2019/04/22/hastag-votaconorgullo-28a-homofobia-lgtbi/

          Gústame

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair /  Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair /  Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair /  Cambiar )

Conectando a %s

This site uses Akismet to reduce spam. Learn how your comment data is processed.