Redes relacionais, conditio sine qua non para os medios comunitarios

FUENTES FERNÁNDEZ; FERREIRA BOQUETE; LORENZO LUCAS

IES Rosalía De Castro

Priorizar a construción do común é un dos piares fundamentais dos medios comunitarios. Para iso, as redes relacionais son o instrumento clave que lles permite a estes medios xerar recursos a través de persoas que, dende varias contornas profesionais, fan que o colectivo gañe primacía fronte ao individual, a privatización ou estatalización da comunidade mediática.

Como ben dixo Luis Froiz, de Mola.gal: “Establecer unha rede relacional é importante de cara a poder conseguir chegar de A a C, moitas veces pasando por esa B”. Con todo, non deixou de recalcar en todo momento que establecer este tipo de redes é importante en calquera aspecto da vida, non só á hora de facer un medio. Santi Martínez -integrante de Quinteiro do Umia TV-, a pesar de estar de acordo coa afirmación de Luis, mostrounos unha perspectiva diferente dándolle relevancia tamén á preservación da autonomía: “Moitas veces teño a sensación de que temos demasiada présa por articular, por montar algunha confederación de algo. Creo que é importante preservar a autonomía, pero evidentemente canto maior sexa o grado de articulación mellor”.

En canto ás características que debe presentar unha rede relacional nos medios comunitarios, Luis apunta: “A procura dun obxectivo común, que vai máis alá desa cuestión profesional”. Na mesma liña, Adriana Pérez, de Radio Kalimera, cóntanos que o que propoñía a Rede de Rádios Livres que integraba a súa emisora era “facer como un concilio de máximos, características que deberíamos ter cada un”. Por outra banda, indica que as redes relacionais aportan unha unión fronte a un posible conflito, e todos comentan o recente caso que sufriu CUAC FM e como todos os medios alternativos de Galicia se uniron en contra deste problema coas licencias.

IMG_2369
Santi Martínez de Quinteiro do Umia TV

Tentando non só ver as dificultades que se poden presentar, Adriana fala da oportunidade que lles deu a súa rede para compartir contidos e que, por exemplo, programas da FilispiM que por aquel entón só se podían escoitar en Ferrol, se puidesen escoitar tamén en Compostela. A raíz disto, Santi falounos sobre o seu proxecto máis importante ata agora en Quinteiro, un documental chamado O Canteiro de Sebil, que grazas ao seu esforzo e as colaboracións de caras coñecidas nel -e posteriormente doutras persoas- conseguiu ter bastante relevancia e ser presentado en moitos lugares do noso país.

Ademais, Adriana tamén relatou como desde Radio Kalimera e a través da súa rede relacional se organizaran unhas xornadas de radios libres de Galicia nas que tamén participara a radio universitaria da Universidade de Santiago de Compostela.

Porén, os tres integrantes non dubidaron en falar sobre as dificultades de colaborar con outras asociacións ou medios. A falta de tempo ou de responsabilidade nalgúns casos, polo feito de non estar nun ámbito profesional, suponlles nalgunhas ocasións un obstáculo para poder dar un paso adiante. Santi remarcaba estes problemas referíndose ao feito de que “estas colaboracións están formadas por un grupo humano, o cal está suxeito ás condicións da vida de cada un, que son cambiantes e hoxe tes máis dispoñibilidade como mañá tes menos, é unha cousa voluntaria”. Así foi que, malia o éxito das primeiras xornadas que iniciara Kalimera, non houbo iniciativa os anos vindeiros por parte de ningunha outra radio comunitaria que integraba a rede.

Para evitar que os medios comunitarios e alternativos perdan o pequeno poder ou forza que teñen no ámbito xornalístico, celébranse reunións anualmente. Nelas, acórdanse os próximos obxectivos comúns e analizan a súa situación, para así mellorar e loitar para conseguir visibilidade entre os medios masivos e a máxima difusión posible dos seus contidos.

A acción

A partir do contido deste post demos entrada tamén a participación na nosa guía. É o último punto, pero un dos máis importantes, e sobre o que estamos tratando de recoller as mellores condicións para o seu desenvolvemento. O próximo e o último encontro da vindeira semana vai estar dedicado exclusivamente a comentar a proposta da guía coas fontes, que terán a última palabra. A partir de aí, publicaremos a nosa guía mediante un post dedicado á acción.

Convesaron connosco

  • Luis Froiz: integrante de Mola.gal
  • Adriana Pérez: antiga integrante de Radio Kalimera
  • Santi Martínez: integrante de Quinteiro do Umia TV

Bibliografía

Mauro Cerbino, Francesca Belotti. (2016). Medios comunitarios como ejercicio de ciudadanía comunicativa experiencias desde Argentina y Ecuador. Comunicar: Revista científica iberoamericana de comunicación y educación, Nº 47, 49-56.

Pollock, John C., El modelo de la estructura comunitaria y los medios de comunicación. Quórum Académico [en linea] 2009, 6 (Julio-Diciembre) : [Data de consulta: 16 de abril de 2019] Dispoñible en: <http://www.redalyc.org/articulo.oa?id=199018370006>  ISSN 1690-7582.

De Guio, S. y Urioste, J. (2017). Estrategias de organizaciones de medios comunitarios, alternativos y populares en la Argentina en el periodo 2010-2015. Sphera Publica, 1(17), 2-24.

6 comentarios en “Redes relacionais, conditio sine qua non para os medios comunitarios

  1. CARDALDA GONZÁLEZ

    O tema das redes relacionais aseméllase un pouco ao que estamos a facer no observatorio. Nutrirnos de opinións e información de terceiros para así poder enriquecer o noso traballo persoal.
    Mais isto non é doado, como ben se comenta no post, xa que nesta profesión na que a falla de tempo e a inmediatez están tan presentes resulta complicado sacar tempo no día para poder colaborar con outros compañeiros ou medios. Tal e como se comenta na seguinte ligazón, o xornalista non debe levar o traballo para a casa, debe desconectar. Suporía entón ter unha menor carga de traballo un aumento das prestacións por parte dos profesionais á hora de desenrolar as súas funcións?
    Un pouco o que acontece coas actividades do observatorio, que a pesaren de ser unha proposta interactiva moi interesante ao compartir espazo e inquedanzas con persoas referentes nos seus diversos ámbitos, xuntase coa abundante cantidade de traballo das outras materias da carreira e dificulta a calidade do resultado final polo desgaste.

    Bibliografía
    APM. (2011). Los horarios de los periodistas. 20/04/2019, de APM Sitio web: https://www.apmadrid.es/los-horarios-de-los-periodistas/

    Gústame

    1. S2A- FERREIRA BOQUETE

      Efectivamente, o problema máis habitual na formación das redes relacionais, tanto nos medios comunitarios como noutros aspectos sociais ou laborais da vida, é a falta de tempo dos integrantes da mesma.
      Usualmente, esta falta de tempo vén dada por unha carga de traballo excesiva, así que a túa sería unha boa proposta para solucionar este tipo de conflitos.

      Ademais, esta situación vese agudizada cando a actividade nos medios comunitarios é vista como un hobby, xa que a meirande parte das persoas que integran este tipo de medios teñen outro traballo principal ao que acostuman ter que dedicarlle máis tempo.

      Non obstante, ao ser unha afición ou mesmo unha paixón, a tendencia é que estes comunicadores conseguen sacar tempo libre para realizar aquilo que os move na vida.

      BIBLIOGRAFÍA
      Pollock, John C., El modelo de la estructura comunitaria y los medios de comunicación. Quórum Académico [en linea] 2009, 6 (Julio-Diciembre) : [Data de consulta: 16 de abril de 2019] Dispoñible en: http://www.redalyc.org/articulo.oa?id=199018370006 ISSN 1690-7582.

      Gústame

      1. BARROS BLANCO

        Como ben apuntas, a labor dos medios comunitarios vese moi condicionada tanto polo tempo do que dispoñen os integrantes que desenvolven esta labor informativa e comunicativa, como pola excesiva carga de traballo a que se ven sometidos dada a natureza do oficio que desenvolven. Debido a todo iso, pregúntome: non debería existir un marco laboral lexislativo que asegurase de feito efectivo os dereitos destes traballadores, e delimitase por convenio as condicións de traballo destas persoas?

        Contracultural (7 de setembro de 2011). Los medios comunitarios, populares y alternativos exigimos más derechos. Recuperado o 25 de abril de 2019 de: https://revistacontracultural.blogspot.com/2011/09/los-medios-comunitarios-populares-y.html

        Gústame

        1. S2A- FERREIRA BOQUETE

          Totalmente, o mundo dos medios comunitarios está dominada polas carencias lexislativas, desde a concesión de licencias (como xa apuntamos en varios posts) ata, como ti comentas, unha regulación das xornadas.

          Desde o noso círculo de traballo, cremos que debería haber iniciativas lexislativas xa sexa a nivel autonómico ou estatal de cara a unha mellor conciliación entre as ocupacións dos integrantes deste tipo de medio. Con todo, como podemos ver nesta nova da Rede de Medios Comunitarios, ningún partido incluíu melloras para os Medios Comunitarios no seu programa electoral para as vindeiras eleccións do 28 de abril.

          Rede de Medios Comunitarios. Ningún partido propone fomentar los medios comunitarios en sus programas. Recuperado o 25 de abril de 2019 de: https://medioscomunitarios.net/2019/04/la-remc-lamenta-que-ningun-partido-proponga-fomentar-los-medios-comunitarios-en-sus-programas-electorales/

          Gústame

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair /  Cambiar )

Google photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google. Sair /  Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair /  Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair /  Cambiar )

Conectando a %s