Visibilizar o machismo entre liñas

BELÉN PUÑAL, promotora do Observatorio de Comunicación Cidadá da Universidade Estatal de Milagro.

Falar ou escribir dende a perspectiva de xénero non é cousa doutro mundo. Ao igual que non o é usar unha linguaxe inclusiva ou non discriminatoria. Ou facer xornalismo con perspectiva feminista. Só supón buscar continuamente a resposta a unha pregunta: que é das mulleres? Ou, para gañar en perspicacia, a dúas: se estivera falando dun home, e non dunha muller, referiríame a el nos mesmos termos?

Nin máis nin menos, e nada máis e nada menos. Cuestión basicamente de vontade e conciencia. Porque a maior dificultade está precisamente en manterse sempre alerta, dunha mesma e dos demais: dos prexuízos propios e aprendidos, naturalizados e asumidos, e dos prexuízos que nos transmiten @s outr@s.

Que é das mulleres?

Superada a barreira de non ver como natural a discriminación -xa incorporadas as lentes violetas- a propia vontade de buscar solucións levaranos á necesidade de formación. Preguntarnos que é das mulleres implica indagar que pasa con nós, mulleres cando, por exemplo, se informa sobre as cifras do desemprego, a suposta mellora do mercado laboral, a situación da profesión xornalística, as dificultades para facer carreira académica, os fluxos migratorios ou a precarización da sanidade e da educación públicas, poñamos por caso. Como nos afecta? Onde estamos? En que lugar nos deixan?

Son preguntas que debemos facernos dende o mesmo momento en que, como xornalistas, decidimos, ou por nós, deciden, que debemos abordar un determinado tema. Ou mesmo antes, porque a reflexión debería facerse mesmo sobre os temas que chegan á axenda política (adoito protagonizados por varóns brancos en cargos políticos e económicos, ou futbolistas de prestixio). Ser ou estar nos medios é cousa de poder, e o poder considerouse cousa de homes. Canto máis despoderada, menos posibilidades tes de estar, a non ser como vítima na crónica negra. Interesa realmente esa maneira de contar pegada aos boletíns dos gabinetes de prensa? Onde está o mundo da vida, a política como cousa de tod@s, do cotiá, máis aló do teatro político-institucional?

Dende ese momento xerminal até a propia redacción da información, a perspectiva de xénero debe estar ao noso carón sempre. Nas propias fontes que se escollen: por que seguen sendo maioritariamente masculinas? No proceso de investigación e na propia redacción, desbotando a linguaxe discriminatoria, dende a presenza do masculino xenérico até a reprodución das mil e unhas versións dos estereotipos mediáticos que nos seguen a converter a nós mulleres, en pouco máis que en anacos de carne.

Falaría dela así se fose home?

Para detectar o sexismo que, por naturalizado, moitas veces non somos quen de ver, é ferramenta útil a regra da inversión. Por que a monarca do reino de España, Leticia Ortiz, aparece nos titulares de portada da edición dixital de Faro de Vigo como Letizia e, dúas noticias máis abaixo, se fala de Sanz para referirse ao cantante pop? Referiríamonos nestes termos a un deportista home, gañador dun campionato mundial: “Anastasia Bryzgalova, la doble de Angelina Jolie que ha enamorado en los Juegos de Invierno” (La Vanguardia, 14 de febrero de 2018). Sería posible este titular e a foto que o acompaña en referencia, por exemplo, aos maridos de Merkel ou May: véxase “Melania Trump y Brigitte Macron visten del mismo color pero lucen cuerpos y estilos distintos” (El Mundo, 28 de abril de 2018) ou  “Melania y Brigitte: un duelo de blanco y blanco” (Clarín, 24 de abril). Claro que, ben pensado, quen coñece a Philip (May) e Joachim (Sauer)? Non teñen maior interés para os medios, nin como visten nin como deixan de vestir.

Cando as mulleres deixaremos de ser noticia fundamentalmente por ser mulleres e non pola nosa traxectoria profesional? (“Una mujer gana por primera vez el Nobel de matematicas, El País, 19 de marzo”). Cando as mulleres deixaremos de ser ese elas que denota que o nós dende o que se fala e masculino? (“El waterpolo lucense es de ellas”, El Progreso, 12 de abril de 2019). Como diría Joana Gallego, as mulleres son o obxecto observado, as outras, “as que non forman parte do grupo hexemónico, que é o que observa e relata, mira e rexistra a realidade” (Gallego, 2000, p. 32).

Perfectas tamén como vítimas

Mesmo como vítimas as mulleres tamén debemos ser perfectas, porque o máis probable é que, até se nos matan, nos boten a culpa. Por viaxar soas, por saír á rúa de noite, por convivir cun home maltratador, por vestir desta ou doutra maneira, por responder á agresión, por non responder “o suficiente”… Por non superar, en definitiva, a proba do algodón fronte á moralidade imperante. Escribo isto mentres leo nun xornal ecuatoriano a seguinte noticia: “Celos 2.0: estas apps ayudan a sapear el celular de tu pareja sin que lo sepa” (Extra, 16 de abril de 2019). Mentres, fanse acrobacias eufemísticas extremas coa linguaxe para eliminar a responsabilidade do home que viola ou mata: “Unha das menores de Alicante aceptou ter sexo para non ser violada polos dez membros da banda” (El Español, 26 de marzo de 2018).

Non será por falta de manuais que formen sobre cómo tratar adecuadamente a violencia machista. Dende finais dos 90, dende o arrepiante asasinato de Ana Orantes, queimada viva polo seu home despois de ter manifestado na televisión o seu medo a ser asasinada, foron moitos os colectivos e institucións que fixeron guías e manuais para concienciar aos medios. Vai sendo hora de que se lles faga caso.

Tan difícil non é. É cuestión simplemente de decidir ser ou non ser. Ser machista, que é o que culturalmente nos inculca a nosa sociedade, ou adoptar unha actitude consciente, combativa, continuamente autocuestionadora, para non selo. Só é cuestión de vontade, e tamén de ler para formarse. Velaquí unhas propostas que poden axudar a practicar un xornalismo que non discrimine:

  • Manuais para o tratamento da violencia de xénero

Declaración de Compostela: http://xornalistas.gal/biblioteca/medios-de-comunicacion-e-violencia-de-xenero-declaracion-de-compostela/

Guía práctica para o tratamento informativo da violencia contra a muller: http://xornalistas.gal/biblioteca/guia-practica-para-o-tratamento-informativo-da-violencia-contra-a-muller/

“La información sobre violencia de género” (inclúe Manual de estilo de RTVE para o tratamento da violencia contra as mulleres”

http://extra.rtve.es/cinftve/CDI_LA_INFORMACION_SOBRE_VIOLENCIA_DE_GENERO.pdf

“Machismo y medios: titulares que sostienen el terror sexual” (El Salto Diario, 15 de abril de 2018)

https://www.elsaltodiario.com/medios/machismo-y-medios-titulares-terror-sexual

  • Exemplos de machismo nos medios

“Machismo y medios: lo peor de 2018” (Pikara Magazine, 26 de decembro de 2018). https://www.pikaramagazine.com/2018/12/machismo-y-medios-lo-peor-de-2018/

“Los titulares más machistas del 2018” (BuzzFedd, 12 de decembro de 2018) https://www.buzzfeed.com/beatrizserranomolina/titulares-machistas-2018

“Jugamos a cambiar hombres por mujeres en titulares de famosos” (Trendencias, 12 de maio de 2018)

https://www.trendencias.com/feminismo/jugamos-a-cambiar-hombres-por-mujeres-en-titulares-de-famosos-y-si-los-medios-no-salen-bien-parados-por-su-sexismo

  • Bibliografía para a elaboración de información dende a perspectiva de xénero

Claves para unha información non sexista (Álvarez Pousa e Puñal (Coord.), 2010): https://www.academia.edu/24109384/Claves_para_unha_informaci%C3%B3n_non_sexista_Claves_para_una_informaci%C3%B3n_no_sexista_

Rompendo moldes. A especialización dende a perspectiva de xénero (Álvarez Pousa e Puñal (Ed.), 2011)

https://www.academia.edu/24023966/Rompendo_moldes._%C3%81reas_de_especializaci%C3%B3n_y_g%C3%A9nero

Foto de portada: Marcos Ferrín

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair /  Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair /  Cambiar )

Conectando a %s

This site uses Akismet to reduce spam. Learn how your comment data is processed.