FILLOY CANGAS
Bar Recantos
“Catastrófica” é a primeira palabra que pronuncia Suso Sueiro, expresidente da Asociación Galega de Medicina Familiar e Comunitaria, ao facer referencia á situación na que se atopa actualmente a Atención Primaria en Galicia. Absorbida por uns hospitais nos que desembarcan os fondos de inversión e os esforzos de organización e planificación, o escenario da Sanidade Pública tínguese de desesperación, xa que como sinala a médica de familia Carmen Fernández Merino, “é unha realidade que se leva arrastrando moitos anos. Tirouse da corda ata que rompeu”.
Os integrantes do último círculo de lectura viven de primeira man as consecuencias directas deste “hospitalocentrismo”, traducidas na súa meirande parte na falta de profesionais pola súa xubilación, nalgúns casos forzosa. Ademais, a sobremedicalización e, sobre todo, o avellentamento da poboación producen unha gran sobrecarga no seu día a día en consulta, que é difícil levar coas reducións no cadro de persoal. “Temos que tomar decisións que poden transcender de forma importante na saúde dos nosos pacientes e non temos tempo material”, denuncia Fernández Merino.
Queta Rivas, vicepresidenta do Colexio Médico, engade que grazas aos profesionais que se esforzan por sacar o seu traballo adiante a pesar da precariedade, en Galicia existe unha Atención Primaria de calidade, aínda que pouco recoñecida polos altos cargos. “O 70% das patoloxías son resolvidas en primaria, e a pesar disto todos os recursos que tiñamos anos atrás foron enviados aos hospitais. Eu quero os mesmos dereitos, a incerteza coa que me me vou a casa por evitar mandar á xente a facer cada proba a un sitio distinto é moi grande, polo que chegou un momento no que tivemos que poñer as cartas sobre a mesa e reivindicar o que é noso”.

“Como se pode tratar unha enfermidade que padece unha persoa dende os 50 ata os 90 anos acudindo a hospitais?”, pregunta rotundamente Francisco Gude. Continúa: “Hai anos as enfermidades eran terminais, infeccións agudas, etc., mentres que agora son crónicas (diabetes, bronquite, etc.) e precisan máis coidados, pero os hospitais non están preparados para enfrontarse a esta situación, polo que os profesionais do sector están de acordo en que o sistema non a vai soportar e estoupará antes ou despois.”
Segundo a deputada e médico de familia Flora Miranda Pena, o erro está en pensar que precisamos máis camas hospitalarias cando o realmente necesario é unha medicina “máis de coidar e menos de curar”. Seguindo nunha liña moi crítica cos hospitais, afirma : “hai persoas que probablemente non teñen por que acudir a eles, xa que os anciáns, por exemplo, se manexan moito mellor na casa con recursos da medicina de familia.”
Cambiar o foco, mudar a mentalidade, asumir a cronicidade e aceptar a importancia do benestar e saúde das persoas son o punto de partida dun cambio de modelo que se está a pedir a berros. Un plan estratéxico na atención sociosanitaria é o principal escudo para traballar cun hospitalocentrismo que para moitos xa fracasou no que consideran un conflito pola dignidade e a ética profesional, no canto dunha loita simplemente laboral.
Acción
Despois de obter esta visión máis global do que representa a atención primaria e cales son os seus puntos fortes e as súas carencias, dende o grupo de Sanidade elaboraremos un material que nos permita compartir aqueles aspectos máis importantes ou de maior interese. Decidimos empregar para iso os pasquíns, que serán de dous tipos: unha especie de dicionario de termos vencellados á sanidade que non deben de confundirse, e outro máis gráfico con datos e declaracións reflexo do aprendido nos nosos encontros. Ámbolos dous contarán coa colaboración das fontes, que poderán guiarnos na selección do contido.
Conversaron connosco:
-
- Suso Sueiro, expresidante da Asociación Galega de Medicina Familiar e Comunitaria.
- Carmen Fernández, médica de familia.
- Queta Rivas, vicepresidenta do Colexio Médico.
- Flora Miranda, médica de familia e deputada polo grupo En Marea.
- Francisco Gude, médico de familia.
Bibliografía:
Federación de Asociaciones para la Defensa de la Sanidad Pública (2019). La crisis de la Atención Primaria y Propuestas estratégicas para afrontarla. Salud 2000: Revista de la Federación de Asociaciones para la Defensa de la Sanidad Pública, (115), 13 – 14
Federación de Asociaciones para la Defensa de la Sanidad Pública (2019).Sobre la dotación de profesionales en la Sanidad Pública. Salud 2000: Revista de la Federación de Asociaciones para la Defensa de la Sanidad Pública, (155), 15 – 16
Sevilla, J.; Riesgo González, I.; García Vargas, J. (2018). Qué está pasando con tu sanidad. España: Profit.
Un comentario en “A atención primaria en tempos de hospitalocentrismo”