GALA MARTÍNEZ-ROMERO MARTÍN, xornalista.
Santiago de Compostela
O tecido cultural dunha poboación, sexa do tamaño que sexa, pode ser sostido por diferentes axentes: os que proveñen da inversión privada -empresas ou individuos-, da inversión pública -espazos ou institucións- ou da sociedade civil -colectivos, asociacións, centros sociais…-. Se entendemos a cultura e a arte como un medio necesario de expresión e de cohesión social, asumimos a importancia da súa existencia e da súa defensa.
Centrándonos nas artes escénicas, en cidades máis grandes como Madrid ou Barcelona, aos circuítos do privado e do público hai que sumar unha nova esfera: a do alternativo[1], relacionada con ese terceiro axente, a sociedade civil. Esta esfera permite que os artistas teñan un lugar onde expresarse, cuxo obxectivo principal non é necesariamente xerar ingresos (poderíamos abrir debate aquí coa consecuente mercantilización da cultura) nin atender á responsabilidade estatal de abastecer de cultura á poboación, tantas veces insuficiente. Esa liberdade creativa favorece a innovación e a experimentación, pero ten unha clara desvantaxe ou reto: á eterna busca da viabilidade económica da cultura en xeral hai que engadir a propia deste tipo de proxectos. Non hai moitas axudas, e as que hai son burocraticamente complicadas de solicitar, porque se un proxecto cultural quere buscar financiación por esta vía necesitará que un dos seus compoñentes se ocupe practicamente a tempo completo da actividade en cuestión.
Esa circunstancia non casa coa realidade deste tipo de colectivos, que se ven abocados a realizar múltiples tarefas e a soportar unha gran carga de traballo. Os artistas o equipos artísticos máis multidisciplinares (que controlen tanto a parte creativa como a de xestión) terán máis posibilidades de levar a cabo os seus proxectos. Porén, e loxicamente, esta non é a situación máis común. Ademais do factor dos recursos humanos necesarios para xestionar as axudas, hai outro que é aínda máis determinante e que ten que ver directamente cos recursos económicos. A maioría de axudas en cultura son para levar a cabo un proxecto no que hai que pagar primeiro todos os gastos e, seguidamente, devólveseche a porcentaxe que che foi concedida. Esta circunstancia deixa fóra a moitos colectivos que precisarían desas axudas para levar a cabo os seus proxectos, por non ter nas súas mans ese diñeiro antes de levar a cabo a actividade.

A situación é bastante precaria e preocupante. No sector público os artistas quéixanse das poucas producións e da dificultade para acceder a participar nelas, pola opacidade dos castings e pola aplicación do dedazo. Os espazos ou proxectos culturais que proveñen de inversións privadas loitan día a día pola súa subsistencia, por falta de recursos e/ou público. Por outra banda, o sector alternativo é en Galicia moi incipiente, aínda que rico e diverso á vez. Por exemplo, non hai en Santiago de Compostela, capital cultural galega, ningunha sala de teatro alternativa máis que A Regadeira de Adela, aínda que si as houbo noutros tempos (Sala Nasa, de Chévere). Sen embargo, hai en Compostela cultura de cultura, aínda que con matices. O tecido cultural picheleiro móvese nas institucións públicas e nos locais da cidade, onde hai un importante número de eventos culturais: case todos los días tes na capital un lugar ao que acudir cunha proposta musical, de poesía, improvisación…
[1] Entendemos como sala alternativa aquela que conta cun aforo inferior ás 200 localidades, cuxa programación se elabora a partir de creadores profesionais de toda índole sen ter en conta a popularidade dalgún dos integrantes. É dicir, trátase de espazos abertos e plurais dedicados a cubrir unha oferta cultural variada e versátil dentro do panorama teatral da cidade. http://www.aat.es/elkioscoteatral/las-puertas-del-drama/drama-47/surgimiento-auge-y-fagocitacion-de-las-salas-alternativas-de-madrid/. Surgimiento, auge y fagocitación de las Salas Alternativas de Madrid. Felix Estaire.
Fotografías de Compostela es bien.
LIGAZÓNS
A Regadeira de Adela. (s.f.). A Regadeira de Adela | Facebook [Página de Facebook]. Recuperado 24 abril, 2019, de https://www.facebook.com/aregadeiradeadelacompostela
Montero, T. (2017, 22 abril). «O groso da selección no CDG ten que ser sempre por ‘casting’». Recuperado 24 abril, 2019, de https://www.lavozdegalicia.es/noticia/cultura/2017/04/22/groso-da-seleccion-cdg-ten-sempre-casting/0003_201704G22P37993.htm
Ramil, A. (2017, 6 octubre). Las dos caras de la cultura en Galicia. Recuperado 24 abril, 2019, de https://www.laopinioncoruna.es/sociedad/2017/10/03/caras-cultura-galicia/1222696.html
Un comentario en “Apuntes sobre unha Compostela alternativa”