(fotografía tomada por Amabel González Troncoso)
AMABEL GONZÁLEZ TRONCOSO, doutoranda en Historia da Arte na USC.
Santiago de Compostela
Para entender ben a súa natureza e comprender o que significa o graffiti galego no seu contexto debemos botar unha ollada atrás na historia. Como con tantas outras cousas, só así poderemos entender a súa orixe e teremos unha perspectiva sobre a súa situación actual e o seu futuro. Aínda que pareza algo de hoxe, este tipo de activismo e de arte urbana en Galicia leva moitos anos na rúa. O problema é que case ninguén pode dicir con datos concretos que isto é así.
Tras moitos anos de traballos logrei recompilar unha boa cantidade de información -maiormente vía oral- de como naceron e foron chegando aquí este tipo de manifestacións. De feito, ao chegar esta información de boca en boca, críase ata fai pouco que os seus comezos estaban en Vigo, pero hai referencias de que o xerme do graffiti en Galicia tivo lugar en Ourense. Alí había xente de diferentes nacionalidades e alguén de México ou Colombia comezou a pintar. Daquela había relación con Vigo polo tren e ían uns a xunto dos outros para pintar e verse os traballos. Logo chegou o fenómeno do madrileño Muelle, que percorría España pintando, e iso deulle certa visibilidade a esta expresión artística.
Non obstante, se falamos de feitos e datas concretas, debemos falar de Pontevedra, onde Crawler -un graffiteiro que coñezo ben- foi pioneiro en introducir frases nos seus traballos en toda a rexión. Era fillo de militar e percorrera moitas cidades españolas, sempre en contacto coa escena local, e coñeceu a alguén que xa pintaba cando chegou á cidade: Seor. Polo que me falou dela, cheguei á conclusión de que foi a primeira en pintar en Galicia. Trátase dunha rapariga de Poio que a principios dos anos 80 comezou a facerse un oco neste mundo. Foi un descubrimento marabilloso. Uns veciños que emigraran a Canadá foron os que lle ensinaron a bailar e a pintar. Con doce anos escapou do colexio levando o xiz na man e dispúxose a facer un mural. Este foi o primeiro graffiti feito en Galicia. Co tempo afastouse de tal disciplina, pero seguiu durante varios anos cun grupo de amigos participando nas primeiras competicións de hip-hop que había en España. É unha historia incrible: resulta que podemos estar ante a primeira persoa en facer graffiti en Galicia e, aínda por riba, é unha muller.

Co tempo esta corrente comezou a gañar recoñecemento, co impulso que lle foron dando as novas xeracións e a sociedade contemporánea. Nos últimos quince anos houbo unha visibilización moi importante da cultura urbana –hip-hop, graffiti, punk-, principalmente grazas a que o mainstream -música, moda e luxo- inspírase na rúa, aportando o aire fresco que tan necesario é para as súas empresas. A conquista máis importante dende entón foi o feito de pasar de ser un elemento completamente ilegal a chegar a museos e galerías.
De feito, en Galicia temos un fenómeno singular e único no mundo, e é o programa Luar, presentado por Xosé Ramón Gayoso, que hai máis de vinte anos foi o primeiro en entrevistar na televisión pública galega a El Muelle cando estaba de ruta por Galicia. Este programa axudou moito a que a sociedade galega, en especial o seu público principal, de 50 anos en adiante, mudara a súa visión respecto aos artistas galegos ao seren invitados e ao dárselles visibilidade. Dende aquela, e durante xa case tres anos, cada venres un grupo de graffiteiros acode ao plató do programa para pintar unha peza coas temáticas propias do contido desa noite ou da época do ano na que coincida. Pouco a pouco Pow ou Asten, que son dous dos mozos que dan cor ao programa, foron facéndose un oco nos televisores de todos os espectadores e hoxe son imprescindibles os seus fondos de spray sobre o escenario. O seu recoñecemento é tal que viven diso, xa que a raíz do programa teñen un aluvión de encargos e ofertas por todo o enclave galego. Resalto con isto a importancia que ten tratar a un artista con respecto nos medios de comunicación, xa que non hai tantos anos, cando se falaba de graffiteiros, un torcía a faciana, e agora, ao ir por unha rúa repleta de muros pintados, saca o móbil para fotografar a creatividade urbana.
De cara á actualidade e ao futuro, todo este proceso foi sen dúbida enriquecedor e fixo da arte do graffiti unha industria que se antolla prometedora e próspera. Como comentei anteriormente, a sociedade pouco a pouco vai admirándoa cada vez máis e o sector artístico tamén. Hai que darlle tempo a esta maduración, loxicamente, pero cada vez é máis visible e real. A nivel local, artistas como Sekone, Pelucas, Etsueña ou Sax vanse abrindo ocos no comercio artístico, incluso Nano 4814 adoita ter pezas á venda en ARCO. E non podemos esquecer que festivais como o Desordes Creativos ou os premios de graffiti do certame Xuventude Crea están axudando a normalizar a súa situación.
Con todo isto pódese ver o cambio que o graffiti xerou na sociedade, así como os cambios da sociedade con respecto á súa idea acerca do propio graffiti: unha evolución simultánea que non só está a facer deste campo un obxecto de valor, senón que tamén enriquece e ilustra a todos aqueles que se ven inmiscidos nel.
Un comentario en “Un percorrido a través da historia do graffiti galego”