Batallando estereotipos dende a mocidade estranxeira

SILVIA CAMPOS LÓPEZ, activista voluntaria do grupo de Transformación Social de Médicos do Mundo.

Santiago de Compostela

Primeiro de todo, comezarei suxerindo unha cuestión: É a inmigración un inconveniente ou realmente nós facemos da inmigración un contratempo? O pasado mes lin unha nova que me chamou a atención pola súa carga sensacionalista, dicía o seguinte: “A inmigración é considerada polos españois, de acordo co CIS, o quinto problema que ten o país”.

Partindo da base de que vivimos nunha sociedade globalizada e desigual, non é de entrañar que os fluxos migratorios sexan unha constante no eixo político e social. Asemade, na maioría dos casos as razóns para abandonar o país de orixe están vinculadas a necesidades económicas, carencia de liberdades, conflitos de guerra, persecucións políticas, etc. Así é que calquera no seu san xuízo loitaría por fuxir dunha situación similar.

Eu traballo como voluntaria en Médicos do Mundo, unha asociación sen ánimo de lucro que vela pola adaptación na esfera pública e polo acceso á saúde dos colectivos máis vulnerables. Tratamos en gran medida de concienciar á poboación, informándolle do que realmente pasa, e logo implicándoa na loita para que todo o mundo teña ese acceso á sanidade, á educación, ao desfrute cultural e en definitiva á vida social. Mais cómpre destacar que unha persoa estranxeira non ten que adaptarse a vivir en España senón que somos nós como poboación os que temos que ser capaces de ver que hai persoas que teñen outra cultura, outras costumes, outra relixión… e incluílos nese aspecto. De modo que o problema é máis ben noso, de poñer condicionantes sempre coas persoas distintas.

No meu posto tamén temos a labor de vencellar a sanidade no tocante á Declaración dos Dereitos Humanos. O dereito á saúde inclúe ter as condicións óptimas nun sistema sanitario público de cobertura universal que busque a equidade. Dende Médicos do Mundo loitamos para que se cumpra o pactado, xa que é un dereito fundamental que afecta sobre todo ás persoas cun risco palpable de exclusión social. Neste punto é necesario facer mención ao Real Decreto aprobado no ano 2012, que exclúe da sanidade pública a todos os inmigrantes irregulares. Esta non é a única desvantaxe á que están expostos na nosa sociedade, xa que a mocidade emigrante é a que máis sofre as inxustizas de índole moral. Xa non só na educación ao ter que adaptarse ao noso sistema educativo, senón tamén no proceso de integración social e no ámbito laboral.

Botando man dos datos, resulta que no terceiro trimestre de 2018, a mocidade estranxeira acumulaba unha taxa de paro do 20,64% mentres que os mozos españois ocupaban o 13,70%. Isto responde a unha actitude discriminatoria cara os estranxeiros, ademais de que numerosos estudos testifican que a procedencia xeográfica tamén é un factor determinante na percepción negativa da inmigración. En consecuencia explícase que os traballos de man dura e de menor cualificación acaben sendo realizados por persoas estranxeiras na maioría dos casos.

Con todo, debo destacar a maiores que os medios de comunicación fomentan esta segregación. Hai un grave problema de subxectividade nas informacións sobre este colectivo e isto acaba repercutindo no ámbito familiar. Os nenos tenden a reproducir os discursos que escoitan na casa e eluden na maioría dos casos á propia reflexión. Que isto mude é unha cuestión de compromiso que debe partir da educación.

 

Ligazóns:

Fotografía de Médicos del Mundo Galicia.

Un comentario en “Batallando estereotipos dende a mocidade estranxeira

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair /  Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair /  Cambiar )

Conectando a %s

This site uses Akismet to reduce spam. Learn how your comment data is processed.