MORALES ALCEQUIEZ E MORCILLO NINE
Co remate das reunións do círculo de Audivisual Participativo, nós como membros do propio círculo facemos balance da aprendizaxe dun modelo de comunicación que antes era case descoñecido para nós. Porén, toda a sociedade sofre esta descoñecemento sobre esta práctica, o que a converte en consecuencia, nunha ferramenta desaproveitada.
“Non hai moita xente que traballe audiovisual participativo, polo menos en estado puro”, apuntaba Lorena Seijo, coordinadora de AGARESO, como proba disto. Tamén descubrimos que a verdadeira meta do audiovisual participativo non é o resultado en si, como indicaba de novo Lorena Seijo: “No audiovisual participativo realmente a calidade do producto final non é prioritaria”. Ao que engadía Coque Dosil, integrante de Curtocircuíto: “A finalidade non é a xeración dun obxecto artístico senón as aprendizaxes que conleva”.
Pouco a pouco, fomos descubrindo que esta invisibilización do colectivo se debe á propia intención do poder de invisibilizar ou neutralizar as problemáticas de colectivos minoritarios. Horacio Rodríguez, ex-integrante de Escoitar.org, apuntaba: “Os medios de comunicación dependen moito dos concellos ou dos gobernos”.
Por outra banda, as redes sociais son unha ferramenta importante de difusión dos proxectos e comunicación coas persoas interesadas neles. No entanto, a maioría dos traballos valóranse en función do número de me gustas, sen prestar moita atención a todo o proceso que hai detrás. Así o afirmaba Iván Pérez, integrante de Savia Nova: “Mídense por número de me gustas e de visualizacións”. Dende AGARESO, Lorena Seijo apuntaba que: “As redes, se algo positivo teñen, é que podes chegar a moitísima xente sen ter cartos practicamente; o que pasa e que é algo bastante emocional, realmente a xente reacciona por ese primeiro impulso, esa primeira emoción… chegar a que interioricen o que ti queres contar xa é outra cousa”. Non obstante, o tema dos cartos segue a ser un condicionante moi forte á hora de publicar ou non un proxecto e tamén repercute na súa calidade. Xavier Castro, integrante de SinteLobos sinalaba que: “Ti podes ter un proxecto marabilloso e que non teña ningún tipo de repercusión ou un proxecto horrible, mal feito, mal estruturado, pero ter un montón de pasta e acabar na radio en prime time, na publicidade da televisión ou en valados, carteis e autobuses. Ao final o diñeiro manda en todo, coma sempre”.
Finalmente, algo no que todos están de acordo é en que hai que valorar o produto autóctono e non someter a Galicia á comparación con outros sitios que, por diversos factores, están a un nivel demasiado alto. Horacio Rodríguez afirma: “Eu creo que ese é outro dos problemas de Galicia, que miramos o de fóra como que todo é fabuloso e todo o que é de aquí é menos”. Pola súa banda Xavi, integrante de SinteLobos sinalaba: “En Galicia hai un conformismo asumido e absoluto… Iso o que vai facer é que os estándares de calidade do noso produto sexan moi baixos”. Lucas Santiago, documentalista, engadía: “A día de hoxe, cada vez hai xente que se dedica a isto e ten que haber máis postos de traballo. Na TVG non caben todos”. É, polo tanto, fundamental fomentar a creación de emprego no sector audiovisual para que o nivel dos proxectos mellore e que este sector en Galicia poida desenvolver ao máximo o seu enorme potencial.
Nas nosas xuntanzas participaron:
- Lorena Seijo, de Agareso
- Coque Dosil, de Curtocircuíto
- Iván Pérez, de Savia Nova
- Xoán-Xil López, de Escoitar.org
- Horacio González, de Escoitar.org
- Alicia Alonso García, de Curtocircuíto
- Olalla Rodríguez, de Sintelobos
- Xavi Castro, de Sintelobos
- Lucas Santiago, de Savia Nova
- Carmen Novas, ex-monitora de Agareso
- Manuel Pena, de FicBueu
Ligazóns:
Silva Robles, Carmen; Elías Zambrano, Rodrigo e Jiménez Marín, Gloria (xaneiro de 2012). Creatividad y producción audiovisual en la red: el caso de la serie andaluza Niña Repelente. Recuperado en abril do 2019 de: https://dialnet.unirioja.es/descarga/articulo/3958734.pdf
Poveda, Miguel Ángel (4 de febrero de 2019). La nueva industria audiovisual española. Cinco Días. El País. Recuperado o 25 de abril de 2019 de: https://cincodias.elpais.com/cincodias/2019/02/01/companias/1549040536_288371.html
Rodríguez Bravo, Á., Montoya Vilar, N., Gallego Gordo, M.A., Mas Manchón, L., Castellblanque Ramiro, M. (sen data). Concepto de calidad en las producciones audiovisuales: estudio cualitativo en las cadenas de televisión del Estado español. Recuperado o 25 de abril de 2019 del sitio de la Universidade Federal do Rio Grande do Sul: http://www.ufrgs.br/alcar/encontros-nacionais-1/encontros-nacionais/6o-encontro-2008-1/Concepto%20de%20calidad%20en%20las%20producciones%20audiovisuales.pdf
Un comentario en “O audiovisual descoñecido”