Observatorio de Comunicación Ciudadana da UNEMI

VARELA AREA

O pasado mes de marzo a Facultade de Ciencias da Comunicación da Universidade de Santiago de Compostela recibiu a visita de Ana Belén Puñal Rama, que falou da súa labor no Observatorio de Comunicación Ciudadana da Universidad Estatal de Milagro (UNEMI).

A labor que levan a cabo é unha empresa pioneira non só na cidade de Milagro, senón que tamén o é no Ecuador. Isto é aínda máis salientable se temos en conta, como podemos ver no reflectido polo observatorio, que estamos a falar dunha sociedade rexida por un código moral atávico no que predominan ideas machistas e homófobas e no que os xornais nunca se viran na postura de recibir unha crítica especializada e documentada cara a forma na que fan xornalismo.

O Observatorio de Milagro basea o seu traballo principalmente na participación activa da cidadanía. O observatorio recompila información e reúne a expertos e cidadáns afectados polo tema en cuestión para crear unha serie de consellos dirixidos aos medios sobre como deben tratar a información relativa a dito aspecto da sociedade. Trátanse temas sociais e de actualidade como pode ser a desinformación, o sensacionalismo ou o vocabulario que empregan os medios á hora de abordar noticias con contidos especialmente sensibles. Este último é un dos temas nos que máis afonda o Obsevatorio.

Posts sobre o 8M ou o tratamento de sucesos que teñen un trasfondo social máis aló do simple suceso, como poden ser as violacións, destacan pola dureza crítica cara os medios, denunciando unha mala praxe do xornalismo á hora de presentar as noticias. Aquí é onde entra a labor de “conselleiro” do Observatorio, onde recomendan o vocabulario e os enfoques apropiados para a cobertura destes sucesos, evitando caer en sensacionalismos e actitudes machistas así como dándolle unha dimensión máis ampla na que se afonda na problemática social e non pretendendo presentalo como un feito illado.

Unha parte de especial interese do seu traballo relacionado con isto (e que podemos atopar nesta publicación) é a construción dun manual de estilo para o tratamento da violencia machista. O máis destacado da creación deste manual é que se constrúe en colaboración coa cidadanía, xa que habilitan un espazo no que a xente pode deixar as súas propostas para dito manual.

O Observatorio ten unha periodicidade irregular en canto á subida dos seus posts; podemos atopar meses sen ningún post e outros nos que suben ata tres. Hai certa variedade temática nas publicacións, pero en todas podemos ver que se respecta a idea da cidadanía como un quinto poder e que en todas elas están presentes os tres piares fundamentais do traballo do Observatorio: os profesionais dos medios, os investigadores da Universidade e a cidadanía. Un exemplo desta práctica podémola atopar no post que critica o sensacionalismo nos xornais Diario Metro e El Universo.

O labor do Observatorio é clara en canto a súa postura cos medios, aínda que é intransixente na crítica, o que se busca é a convivencia entre medios, observatorio e cidadáns; unha sorte de simbiose na que uns poidan aprender dos outros motivando un cambio necesario para a sociedade ecuatoriana. Xa no seu primeiro post deixan clara esta postura.

Os posts deste Observatorio son pezas breves, propias dun medio nativo dixital. Estas pezas sempre parten dun feito noticiable ou dunha noticia xa publicada da que se fai unha breve explicación, contrástase con algún outro dato (que adoita aportarse en forma de hipervínculo para que o lector teña acceso á fonte deses datos) e remata cunha breve reflexión do Observatorio na que valora o tema e aporta consellos ou alternativas para que os medios publiquen esas informacións.

Ligazóns

Rodríguez, B. (23 de xaneiro de 2019). Radíografía de la violencia machista en Ecuador. Ayuda en Acción. Recuperado de https://ayudaenaccion.org/ong/blog/mujer/radiografia-violencia-machista-ecuador/

Consejerías de Igualdad de Ecuador. Ecuador: Actuaciones en materia de Violencia de Género. Recuperado de https://www.mitramiss.gob.es/es/mundo/consejerias/ecuador/igualdad/Ficheros/InformacionIgualdadViolenciaEC.pdf

Abelenda, D. (26 marzo de 2019). Belén Puñal: “Os círculos de lectura crítica foron unha metodoloxía que aprendemos do OCC da Universidade de Santiago”. Observatorio Cidadán de Comunicación. Recuperado de https://observatoriodecomunicacion.wordpress.com/2019/03/26/belen-punal-os-circulos-de-lectura-critica-foron-unha-metodoloxia-que-aprendemos-do-occ-da-universidade-de-santiago/

Observatorio de Comunicación Ciudadana. (29 de maio de 2017). Bienvenid@s a la Plaza Pública. Recuperado de https://observacom-unemi.blogspot.com/2017/05/normal-0-21-false-false-false-es-ec-x.html

Observatorio de Comunicación Ciudadana. (4 de outubro de 2017). ¡MANUAL EN CONSTRUCCIÓN! Recuperado de https://observacom-unemi.blogspot.com/2017/10/que-estamos-haciendo-para-combatir-la.html

Observatorio de Comunicación Ciudadana. (30 de xullo de 2018). “Noticia Bomba” de Diario Metro y El Universo. Recuperado de https://observacom-unemi.blogspot.com/2018/07/noticia-bomba-de-diario-metro-y-el.html

Observatorio de Comunicación Ciudadana. (2 de febreiro de 2018). Cuando la noticia banaliza la violación. Recuperado de https://observacom-unemi.blogspot.com/2018/02/

Observatorio de Comunicación Ciudadana. (7 de marzo de 2018). La mirada de los medios ecuatorianos sobre las reivindicaciones del 8M: el mundo del periodismo ciego y absurdo. Recuperado de https://observacom-unemi.blogspot.com/2018/03/

Borja, M. (26 de xaneiro de 2019). Violencia machista y xenofobia en Ecuador. The New York Times. Recuperado de https://www.nytimes.com/es/2019/01/26/feminicidio-ecuador/

 

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair /  Cambiar )

Google photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google. Sair /  Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair /  Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair /  Cambiar )

Conectando a %s