MAGIDE PÁSARO
Despois de tres meses achegándonos ao mundo da saúde con especialistas, chegou o momento de facer balance e culminar todo o noso traballo. Para isto desprazámonos á Facultade de Medicina para, coa colaboración dos nosos participantes, contribuír a aclarar algúns conceptos sobre o tema tratado nos noso círculos. Cal é a diferenza entre patoloxía e enfermidade? Que é a iatroxenia? Que é a vía rápida? Estas foron algunhas das preguntas que formulamos aos cidadáns, entre eles algúns estudantes da propia facultade.
Estas preguntas foron acompañadas da entrega duns pasquíns para, deste xeito, dar resposta ás dúbidas que os cidadáns puideran ter. Contamos con catro modelos diferentes: un en relación á atención primaria, un pequeno dicionario no que se aclaran conceptos, un sobre a importancia das vacinas e, por último, un sobre as probas diagnósticas. Ditos pasquíns ían acompañados dun código QR, que leva ao usuario directamente aos nosos posts neste Observatorio Cidadán.
Para levar a cabo a acción contamos coa axuda de: Suso Sueiro, expresidente da Asociación Galega de Medicina Familiar e Comunitaria; Queta Rivas, vicepresidenta do Colexio Médico; Flora Miranda, médica de familia e deputada polo grupo En Marea e Francisco Gude, médico de familia.