S1D
Dise que a alimentación ecolóxica é aquela na que a procedencia dos produtos que consumimos está libre de químicos. Porén, a maioría dos colexios de Compostela non contan con este modelo de alimentación nos seus comedores. Só un leva a palma de ouro: o C.E.I.P. López Ferreiro, que destaca por ter cociña de elaboración propia e unha selección de produtos de orixe ecolóxica e local nos seus menús.
O primeiro que chama a atención é a cuota mensual que abonan as familias polo gasto do comedor. No colexio López Ferreiro é de 100 euros, mentres que de media no resto de centros escolares esta cifra ascende ata os 120 ou 140 euros. A partir de aí, xorde a inevitable pregunta: sae realmente o ecolóxico máis caro? O responsable da ANPA do colexio López, Ramón Lamelo, confírmanolo, pero resalta tamén que aportan outros valores nutricionais e que ao final é cuestión de compromiso.
El leva as rendas do proxecto desde fai seis anos, pero cóntanos que este método de cociña é xa case como unha tradición alí. A súa experiencia na industria alimentaria e o seu cargo no departamento de medio rural da Xunta, centrado na produción ecolóxica, foron claves para conseguir o menú que ofertan hoxe; aínda que lamenta que «os pais pasan bastante do asunto este [da alimentación ecolóxica]».

Fotografía: Pepe Campos
Durante a entrevista preguntámoslle polo eterno debate de “produto local ou ecolóxico?” Ao que lonxe de mostrarse conformista, responde que, se pode ser ambos mellor, pero se non queda outra, os produtos locais ante todo –salvo por aquilo de que o clima galego non permita colleitar por exemplo tomates, que veñen doutras comunidades-. No que respecta á comida que sobra cada día, non a tiran, repártese entre o persoal de cociña e, polo tanto, non se producen reciclaxes alimentarios en futuros menús. Isto último é interesante porque se trata dunha medida que axuda ao comprimento dunha meta dos ODS de produción e consumo responsables, a redución do desperdicio de alimentos.
Este modelo, que en subvencións no ano 2019 lle supuxo un custe á Xunta de Galicia de 13.833 euros, un dos máis altos da zona, está lonxe de asemellarse ao do resto de centros escolares locais xestionados polas dúas magnates galegas na industria do cátering: Arume e Serunión. En ningún dos casos traballan con produtos ecolóxicos porque «saen máis caros ás familias», aínda que en ocasións si con produtos locais cando se trata de produtos frescos. Pero no López Ferreiro téñeno claro: «esta directiva non está aquí para aforrar nin para que á xente lle saia barato».
E os nenos que opinan destes alimentos? Os pratos baleiros que deixan xa falan por si sós, e non é que o método do López Ferreiro dispoña de algún milagre, pero para moitos destes pequenos estudantes supón descubrir un novo mundo de sabores cos que nin sequera na casa están familiarizados. De feito, segundo nos contou o responsable da ANPA, hai pais que deciden levar aos seus fillos ao comedor aínda podendo levalos á casa porque a comida parécelles moi boa. Isto leva a que haxa un aumento de nenos no comedor, o que permite que poidan dispoñer de máis diñeiro para invertilo en conseguir cada vez máis produtos ecolóxicos.
Se hai algo que puidemos sacar en claro despois de coñecer a andaina do colexio López Ferreiro, é que o seu modelo de consumo é posible grazas á vontade dun grupo de persoas por face-las cousas do mellor xeito posible. Que se precisa tempo está claro, e ter apoios é sempre un punto a favor, mais este centro é unha demostración de que a xestión dun comedor que promova un consumo responsable é viable.
Se che interesa saber que colexios visitamos durante o traballo de investigación para a elaboración deste artigo, préme neste mapa interactivo:
Sen dúbida moi interesante todo o exposto nesta publicación. Resultame interesante saber que a comida ecolóxica é máis cara. E non só a comida ecolóxica, a comida saudable en xeral sae máis cara cós alimentos procesados, con edulcorantes artificiais e aditivos. O que me gustaría saber chegados a este punto é o porqué destes prezos máis elevados. Penso en dúas opcións. Por un lado, que a demanda da poboación se vaia máis cara os alimentos que pasaron por algún procesamento industrial. E por outro, porque os alimentos ecolóxicos pasen máis controles de seguridade que os convencionais. Se non me equivoco, a UE fixa cales son os requisitos indispensables que debe cumplir un produto ecolóxico. Gustaríame saber se existe algún motivo a maiores. Espero a vosa resposta. Un saúdo!
GústameGústame
Grazas pola resposta, Diego.
Efectivamente os motivos que expós son correctos. Hai que ter en conta ademais que os produtos ecolóxicos requiren un coidado maior que os industriais.
A alimentación industrial produce en masa (e por iso consegue reducir custes), en cambio na produción máis ecolóxica, son os propios campesiños quenes se adican a cultivar os alimentos, cun maior respecto cara o medio natural. Estes campesiños necesitan, como calquera traballador, diñeiro para seguir vivindo e producindo! O problema é que non poden competir contra os prezos tan baixos das grandes empresas, xa que se baixasen os seus prezos non obterían ningún beneficio. E claro, ao ser os seus produtos máis caros, a xente non os considera como a súa primeira opción. E isto convértese nun círculo vicioso.
Pero o prezo non debería verse como unha simple transacción monetaria. O prezo tamén leva implícito un valor de calidade. Se ben os produtos ecolóxicos son máis caros, a calidade que presentan xustifícao e co tempo constitúen unha mellor alternativa (mellor saúde, menor contaminación, mantemento dunhas condicións de vida xustas).
Agardo terche aportado, un saúdo!
GústameGústame
Bo día compañeiros!
Dende logo paréceme un artigo moi interesante no que a partir dun exemplo concreto dades visibilidade á problemática existente nos colexios. Mais, dende o meu punto de vista, tamén sería interesante tratar a problemática española. En España como xa apuntabades na vosa publicación aínda nos queda moito camiño por recorrer para conseguir que a totalidade de colexios ofrezan unha comida totalmente ecolóxica. En cambio, o caso Europeo semella moito máis distinto. En países como Francia ou Italia tras dez anos de loita xa conseguiron que o 90% dos seus comedores escolares sexan ecolóxicos, agroalimentarios e moito máis sostibles. A que credes que se debe que en España non se aposte por esta alternativa? Quizais non se incentiva o suficiente ós comedores escolares para que aposten pola alimentación ecolóxica?
Agardo a vosa resposta. Saúdos!
GústameGústame
Boas, Sara.
Que faltan incentivos para que os comedores integren no seu menú a opción ecolóxica é unha realidade. Esta falla relaciónase con moitos factores. Se lle botas unha ollada á nosa análise sobre os medios de comunicación, verás que a nivel europeo en xeral se lle adica unha maior cobertura a estes temas que no noso país. A información é clave neste aspecto.
Por outra banda, tamén está a cuestión gobernamental. Se non hai un pulo desde “arriba”, dificilmente se creará abaixo. Por que? Pois por exemplo porque sen axudas económicas moitos centros non estarían dispostos a facer cambios desde tipo. Convídote a veres o vídeo que publicamos coas opinións dos nosos colaboradores, onde falan de que accións poderían levar a cabo os gobernos para que o transcurso cara a un modelo de consumo realmente sostible sexa posible.
GústameGústame
Boas! En primeiro lugar, parabéns pola boa introdución que fixeches na entrada. Deste xeito, sabemos que a publicación se centraría nos colexios da área de Santiago de Compostela, e que consiste en comida ecolóxica, e no que aproximadamente pagase por comer nos comedores dos colexios da cidade. É certo que existe un prexuízo ou idea negativa da comida escolar, pero grazas a esta publicación podemos ver que algúns deles apostan por unha boa comida baseada en materias primas de primeira clase.
Sabemos que o blog limita moito as publicacións debido ao espazo, pero suxerímosche facer unha comparación do centro López Ferreiro, con outras que non aplican un modelo de alimentación ecolóxica. Enriquecería enormemente a súa entrada, facendo que o lector vexa as diferenzas que poden ter os diferentes comedores da cidade. Non obstante, parécenos moi correcto que resaltase o traballo dos que intentan facer ese esforzo e deron o paso para dar unha boa dieta aos estudantes. Dixéronlles sen dúbida a importancia que merecen.
Por outra banda, cando falades de subvencións e cantidades, cremos que é necesario un espazo para poder comparalas con outros centros. É dicir, axuntar un documento ou engade unha táboa de prezos/subvencións para dar máis datos e poder compararalos. De todos os xeitos, o espazo breve que nos permite o blog foi moi bo empregado. Parabéns por como incluíu o mapa interactivo ao final da publicación coas fontes ás que accediches. É un xeito moi visual, útil e cómodo para o lector; un recurso moi exitoso.
Despois, o que nos falta é un pouco de contraste entre fontes. Gustaríanos contar coa presenza de pais dos colexios, e o que se dixo anteriormente, tamén as opinións dos que non seguen unha dieta ecolóxica como tal, ou non usan produtos locais.
Como ODS de Acción polo clima, queremos confirmar se os produtos ecolóxicos, ao non pasar por procesos químicos de conservación de alimentos, etc., son favorables ao medioambiente ou se loitan contra o cambio climático. Este tipo de procesos non fan máis que danar o clima, como os residuos de plástico, que levan anos degradándose. Sabemos que hai empresas de cáterin que transportan incluso peixes envasados ou en bandexas cubertas de plástico, e iso é algo que hai que saber. Grazas tamén por diferenciar ben entre produtos ecolóxicos e locais, xa que moita xente os confunde.
Finalmente, agradecémoslle a importancia que concediches ao produto local. Son pequenos círculos que poden destacar por un gran produto, ou incluso pequenas empresas especializadas nun só produto. Ademais de moitos pais que queren aforrar ou evitar cociñar na casa, comer produtos ecolóxicos, aparte de facernos consumir de xeito responsable, é moi bo para a saúde e para o cambio climático.
Atopamos este artigo moi curioso sobre como un comedor escolar está a axudar nesta crise de coronavirus e pensamos que o atoparías interesante: https://www.lavozdegalicia.es/noticia/santiago/2020/04/30/comedor-escolar-atiende-crisis-230-ninos-familias-vulnerables/0003_202004S30C19910.htm
Parabéns polo traballo realizado, agardamos a túa resposta. Saúdos, ODS Acción polo clima.
GústameGústame
Boas, Maite, e grazas polo teu comentario!
Imos por partes. Respecto á suxerencia de comparar os modelos alimentarios entre varios centros educativos, é sen dúbida algo a ter en conta; se ben desta vez decidimos centrarnos só naquel que destaca fronte aos demais para salientar a súa efectividade e por de relevo o seu valor.
Respecto das subvencións, se prémes na ligazón da palabra “subvencións” no artigo podes acceder ás partidas que son destinadas aos demais colexios.
Por outra banda no referente á pregunta que nos fas sobre o impacto que os produtos ecolóxicos teñen sobre o medio ambiente, dicirche que efectivamente, son respectuosos con el. Pero por suposto, hai que ter en conta outros factores que van detrás (lugar de orixe, transporte, calidade…). É por iso que a dualidade ecolóxico-local é tan importante. Un produto “ecolóxico” producido en Murcia e transportado ata Galicia, deixa de selo polo simple feito de que está a xerar un impacto negativo no medio durante o seu transporte.
Convidámoste e ler o noso artigo “Na busca dun modelo de consumo responsable” no que se aborda dita cuestión.
Sen máis, moitas grazas de novo polas túas palabras. Un saúdo.
GústameLiked by 1 person