CARTELLE MARTÍNEZ, CRISTINA e CURROS ESPIÑO, IRIA
Santiago de Compostela vive maioritariamente do turismo e a hostalería. Nunha cidade á que anualmente se achegan máis de 2 millóns de viaxeiros case toda a oferta de emprego se atopa neste sector. Ademais, é unha das opcións máis populares entre os estudantes que se ven na obriga de compaxinar a vida universita coa laboral. Para coñecer mellor as condicións de traballo en Santiago contactamos con Hostalería Sen Explotación, unha campaña levada a cabo por cidadáns de Compostela para denunciar esta situación de precariedade. A compoñente de Hostalería Sen Explotación comezou a traballar no ano 2008. Dende aquela, pasou por diferentes locais suxeita a un mercado de traballo estacional.
“Traballamos seis meses, sete meses… O resto do tempo estamos en paro. Hai anos que tes paro e hai anos que non consegues xuntar para cobrar o paro e tes que aguantar medio ano co que gañaches o medio anterior”
Como foi a túa experiencia na hostalería?
Depende moito do tipo de sitio no que traballes. A miña experiencia é maiormente en restaurantes e as condicións de traballo son moi duras.
Como son esas condicións de traballo?
Empezando polos horarios, nun restaurante tes normalmente un turno partido. Isto implica que igual entras ás 12 para dar o servicio de comidas, pero dependendo do día podes chegar a saír as cinco ou seis da tarde e as oito xa tes que estar outra vez. É un horario que che imposibilita totalmente descansar. Traballas moítisimo, cobras pouco e incluso chegas a non cobrar cando deberías.
“Hai moitísimas horas que non se cobran, horas extra que nunca se cobran e unhas condicións que deixan moitismo que desexar”
Entre outras consecuencias…
O ritmo de vida é moi insano. Hai moitísimo alcoholismo e drogadicción entre as traballadoras da hostalería debido ao estrés mental do traballo.
Quen adoita ocupar estes postos?
A carga de traballo máis precarizado cae na mocidade e sobre as persoas migrantes. Moitas veces veñen sen formar e empezan fregando mesas, recollendo basura… pero a estes últimos non se lles da unha formación real. Non se lles permite mellorar as súas condicións de traballo e acaban metidos nun círculo de labores que o resto xa non queremos. Non hai un plan real para integrar a esa xente no mercado laboral e as empresas non poden ou non lles interesa formar ao persoal para 6 meses de contrato. Non é práctico para ninguén.
Como afectan as condicións da hostalería á conciliación coa vida social e persoal?
É imposible. Traballas cando todo o mundo está descansando. A xente que ten fillos ou persoas dependentes remata por depender de familiares ou amigos, facendo auténticos malabarismos para levar adiante a súa vida privada xa que non tes tempo nin para ocuparte ti, nin gañas o suficiente para pagarlle a outra persoa. É un mundo que che crea uns estreses mentales que a xente que non traballou nisto non o entende.
Respecto á saúde mental, é un traballo que dana moito este aspecto?
Moitísimo, eu teño a sorte de ser unha persoa moi calmada, teño unha educación que me permite ter un pouco de perspectiva sobre as cousas, pero sei que non todo o mundo ten iso. Coñezo xente que está mal por consecuencia directa do traballo. Tamén é por darte á mala vida, pero é a unica forma de volver a casa e non volverte tola. O que si que é realmente malo é irte a casa con todo eso na cabeza. A saúde mental ao longo prazo resíntese con todos os estreses, as broncas… Este traballo non é para todo o mundo, moita xente non o soporta e acaba deixando os curros de mala maneira… tamén hai moita desinformación do que supón ter estes ritmos laborais.
Como mudaron as condicións no sector da hostalería estes anos?
Cando empecei a traballar era impensable que non che deran de comer no traballo. En canto aos salarios, non se cumple o convenio. Cobras media xornada pero traballas máis, as extras non as paga ninguén, e aínda que agora hai máis control segue habendo piratería. Non se da unha situación que nos permita vivir dignamente dentro da precariedade que é o traballo en si mesmo.
Dáse moito na hostelería a situación de ter un contrato a xornada partida e logo traballar unha xornada enteira. No caso de Santiago que tipo de contrato tendes: media xornada, xornada partida…?
Depende do tipo de negocio, por exemplo nos restaurantes faise media xornada pero nas cafeterías como teñen xornadas fan dous turnos completos: os da mañá e os da tarde. Nos restaurantes como se pecha ao mediodía xogan con que non se pode xuntar unha xornada completa. O que acabas tendo é unha media xornada que ao final sempre se alonga. Cada vez hai contratos máis curtos, nos que traballas máis horas e gañas menos diñeiro.
Cal é o perfil da persoa que traballa en hostalería? Como empezas a traballar no sector?
Empezas porque hai que comer. Eu teño a miña carreira pero non traballei disto porque primeiro había que comer e que é o que dá de comer en Compostela? A hostalería. Hai tendas, comercios e demáis pero a oferta é pouca, adoitan ter persoal fixo e é moi difícil entrar cando chegas nova a un sitio. Na hostalería sempre hai sitio. Ao final daste conta de que tes un oficio, e cando te das conta de que podes ter un oficio aínda que sexa medio ano… pois xa quedas nesto.
Como afecta a temporalidade do sector aos traballadores?
A tempada alta en Compostela empeza en abril e dura ata outubro. Se a segunda quincena de outubro hai bo tempo, sumase á tempada, senón os contratos acaban o 15 de outubro. O resto é tempada baixa, quitando momentos puntuais como Nadal. O paro xúntase cando levas un ano trabllando, porque se traballas esos seis meses de tempada alta tardas dous anos en xuntar o paro. Todo isto tradúcese en precariedade, non podes facer plans, non podes irte de vacacións, porque se gastei nas vacacións non teño para imprevistos.
“Ameazas, despidos, que si chegas cinco minutos tarde pero logo quedaste dúas horas e ninguén che da as gracias, miserias. Eu vin ata peleas físicas de pegarse dentro do garito”
Poderías contarnos algúns casos concretos que viviras en Santiago?
Hai moitísmos impresentables. Lembro que, ao mesmo señor que eu lle tiven que pedir o meu salario o día 15 de mes, un proveedor escribiulle na porta ‘Cabrón, páganos lo que nos debes’. Ten cámaras por todo o bar. Na Raíña e no Franco non se libra en todo o verán, nin un día, traballando xornadas de 12, 13, 14 horas. Iso é escravitude. Esto sabémolo os que traballamos, a xente vai aos bares e non se da conta de que está a mesma persoa todos os días a todas horas. Facerte pagar cousas que se rompen, quedarse co bote, gritarte e insultarte… Ameazas, despidos, que si chegas cinco minutos tarde pero logo quedaste dúas horas e ninguén che da as gracias, miserias. Eu vin ata peleas fisicas.
Que vías tendes para denunciar estes casos?
Na práctica ningunha… As denuncias teñen que ir co teu nome entón chega un momento que vas ter que enfrentarte ao teu xefe.
“ Ti podes poñer unha denuncia pero tes que dar a cara sabendo que a voz se vai correr, e logo onde traballas?”
Que podería cambiar para que a hostalería deixase de ser así?
Eu creo que debería haber máis inspeccións nos horarios nos que pasan as cousas, como un sábado ás cinco da madrugada. As inspeccións son unha cousa casi rutinaria e se non hai denuncia non se activan as extras. Ademais, a hostalería depende de Turismo e este encárgase de demasiadas cousas como para ter un control efectivo. Outra cousa que se podería facer é mellorar o convenio. Isto traduciríase en máis dias de descanso e unha mellora para a xente que traballa con contratos temporais. Aquí deberiamos estar tirando por unha hostalería de calidade alta, e cada vez esta empeora máis. Se se quere mellorar algo, hai que empezar polos salarios.
Como ves a situación cara ao Xacobeo 2021?
Horrible. Ninguén está falando das condicións dos traballadores. Vimos un informe de 40 páxinas do Xacobeo e das nosas condicións de traballo non se decía nada.. Gústanos moito ir aos bares, forma parte da nosa forma de vida, pero non queremos ver a outra parte.
Como é a situación a nivel organizativo dentro da hostalería para reivindicar?
Nula. Por horarios, é imposible. A xente do sector hostaleiro son moi políticamente desvinculados de todo. É un sector moi desmobilizado porque non temos un momento de encontrarnos para falar do que nos pasa. Nós quedamos e saímos de copas, poñemos aos xefes podres, contamos o que nos pasa pero non hai ganas de loitar contra eso por puro cansancio. Ademais tamén está o problema de que non podemos dar a cara e no momento no que te pos a reivinidicar tes que dala.
Tendo en conta que este é o primeiro post despois da presentación e glosario, considero que abordar a situación dos traballadores do sector da hostelería é un bo punto de comezo, xa que está ben xustificada a presenza deste tema como partida do obxectivo de desenvolvemento sostible traballo decente. Está claro que o máis axeitado é contar con testemuños reais para darlles voz e coñecer a situación de primeira man. Boto en falta máis declaracións, aínda que a información da muller revela moitos datos. De tódolos xeitos a entrada tería moita máis riqueza se incluise máis opinións e tamén sería máis dinámica porque a entrevista faise longa e pesada.
A inclusión dun vídeo é un punto positivo e que reforza a veracidade, pero a calidade do audio da entrevista é pésima e non se entende o que di a persoa. Ademais, a imaxe no aporta nada porque só se ve a cabeza dunha muller, un sillón e un edificio. Incluso se produce un cambio de enfoque, do edificio á persoa, no minuto 1:54, notándose moito o corte. No vídeo prodúcense varios cortes, algúns bruscos e outros con transición. Penso que sería axeitado unificar a edición dos cortes e mesmo incluír algunha imaxe relacionada co tema para disimular máis o salto. Por todo o mencionado anteriormente, creo que este elemento, en lugar de sumar, resta. Ao insertalo ao principio da a sensación de que o resto da entrada vai ter a mesma calidade que o audiovisual.
Con todo, analizando a redacción, o post incumpre varios criterios establecidos no libro de estilo. Segundo este documento “do un ao nove escríbese a palabra, mais do dez en diante podemos escribir o número” e na entrada pódense ler varias partes que non seguen esta norma como “máis de 2 millóns de viaxeiros”, “6 meses de contrato” ou “2 turnos completos”. Atendendo ao libro de estilo, aconséllase empregar o termo “a cidadanía” en lugar de “os cidadáns”, que aparece nun fragmento do primeiro parágrafo: “campaña levada a cabo por cidadáns de Compostela”.
O post tamén inclúe moitos erros ortográficos e gramaticais. Por exemplo, en galego “si” nunca leva til e na resposta a unha pregunta figura este fragmento “traballo en sí mesmo”, “demais” tampouco leva til e na transcrición da entrevista aparece “hai tendas, comercios e demáis” e os meses do ano non comenzan con maiúscula no medio dunha oración. É curioso porque no mesmo fragmento está escrito un mes todo en minúsculas e outro coa primeira letra en maiúscula: “empeza en abril e dura ata Outubro”. Seguindo coa redacción do post, emprégase tanto o termo “hostelería” como “hostalería”, cando o axeitado sería escoller unha das opcións e usala en todo o texto.
Continuando con exemplos de erros na redacción, a oración “Nos restaurantes como se pecha ao medioda xogan con que como non se pode xuntar unha xornada completa o que acabas tendo e unha media xornada que ao final sempre se alonga” aglutina varios fallos. Por un lado aparece “medioda” en lugar de “mediodía” e o “e” como conxunción copulativa non ten sentido, pero si “é” do verbo ser. Isto denota unha falta de revisión do texto. Ademais, deberían ir entre comas varios fragmentos que son aclaracións. Da forma na que está escrito é difícil a compresión. A frase corrixida quedaría así: “Nos restaurantes, como se pecha ao mediodía, xogan con que, como non se pode xuntar unha xornada completa, o que acabas tendo é unha media xornada que ao final sempre se alonga”.
En definitiva, a idea está moi ben, pero non a súa execución. Hai moitísimos erros que se solucionarían revisando máis o texto e, en xeral, a entrada non acada a calidade esixida polo libro de estilo, documento que deben seguir todos os participantes do blog. Seguramente hai moito traballo detrás, pero o resultado non o pon en valor. As solucións son moi sinxelas e non ocupan moito tempo, polo tanto anímovos a modificar o post para resolver os problemas.
GústameLiked by 3 people
Ola Antía! Moitas grazas polos apuntes que fas a nivel estilístico e ortográfico, terémolo en conta para facer as correccións pertinentes.
Sen dúbida cantas máis voces poidamos plasmar nas nosas entradas mellor, e ese era o plan inicial da nosa proposta. Como ben dis, este é só o primeiro post. Nos vindeiros tiñamos a intención de dar visibilidade e analizar outras situacións relacionadas coa hostalería. Hai que ter en conta que neste eido é moi difícil atopar testemuños directos dos feitos que poidan dar a cara xa que, como conta a nosa colaboradora, pode poñer en risco o seu emprego e os seus ingresos.
En canto ao vídeo, o audio está distorsionado para preservar a privacidade da nosa testemuña, a petición dela. Por iso tamén aparece a contraluz. A edición realizouse así para que se percibira que as frases non ían ligadas entre si, como extractos da conversa que mantivemos e co fin de ser un breve resumo da entrevista.
Entendemos que a redacción e a forma é importante, pero centrar todo o comentario nese plano é un pouco frívolo cando estamos a falar dun tema tan grave como a explotación laboral. Moitas grazas polas correccións, pero agardamos que para a próxima tamén poñas atención no contido e nos problemas que estamos a expoñer, gustaríanos saber a túa opinión sobre eles. Con todo, tomamos nota! Un saúdo!
GústameGústame
Ola, Aroa. En primeiro lugar quero aclarar que o meu comentario non pretendía ser unha crítica ofensiva senón construtiva. Desculpade se o sentistes como unha ofensa ou falta de respeto ao voso traballo porque non era para nada a intención. Precisamente o que vos quería transmitir é que a entrada gañaría moito cun pouco de revisión.
Son consciente do díficil que é atopar testemuñas que se presten a falar, sobre todo de temas tan sensibles e que poden repercutir negativamente na súa vida. Felicítovos por conseguir a entrevistar con esa persoa e polas preguntas realizadas, xa que as contestacións resultan moi reveladoras dunha realidade que moitos supoñemos. Nun novo comentario afondarei máis nos aspectos positivos do post.
Respecto ao vídeo, baixo a miña opinión, non o usaría ou de facelo insertaríao ao final. Descoñezo como se modificou a voz e a calidade inicial do audio, pero é que non se escoita máis que ruído. Entendo perfectamente que a vosa colaboradora non queira mostrar nin a súa imaxe nin a súa voz, é máis que comprensible.
A idea non era centrar o meu comentario na redacción, pero considerei importante comunicarvos algúns erros co fin de que modificárades a entrada e tivese maior calidade. Volvo recalcar que non teño intención ningunha de menosprezar o voso traballo nin de ofendervos e reitero as miñas desculpas se volo tomastes así. Obviamente todos cometemos erros e no caso de que fose eu a que errase agradecería moito que me informaran para non cometer de novo eses fallos.
Un saúdo
GústameGústame
Boas, Antía!
Tes razón, as erratas afean o post e afastan a vista do contido. De todos xeitos, se observas algún erro tes outras vías para facernos chegar eses apuntes. Os comentarios serven para crear un foro de debate sobre as temáticas que tratamos nas entradas e compartir opinións sobre as mesmas. Calquera apuntamento deste tipo que teñas pódese facer de xeito privado sen expoñer ás compañeiras deste xeito e acadaríase o mesmo resultado: a máxima corrección estilística das entradas do blog.
En canto ao audio, os compañeiros que revisaron o vídeo aseguran que se escoita e entende sen ruidos. Quizais poida ser unha eiva do teu dispositivo. Comprobarémolo outra vez por se acaso. Non dubidamos que as intencións foran as mellores, grazas pola crítica! Agardamos a túa opinión sobre o tema posto que a hostalería está tomando unha gran relevancia nesta nova normalidade.
Por último, ten en conta que por mor do Estado de Alarma decidimos reorientar a temática das nosas entradas e este post era só o primeiro dunha serie deles que afondarían máis na precariedade laboral na mocidade.
Unha aperta!
GústameGústame
Ola, Antía.
Non debería contestar porque non tomei parte neste post, son o coordinador-editor do seminario 1, ó que pertence este grupo de traballo. Pero véxome obrigado, co máximo respecto e sen acritude, a facer un par de aclaracións. Primeiramente, hai que intentar ter un pouco máis de compañeirismo e de comprensión. Cada quen ten capacidades distintas. A algúns dáselles mellor a escribir, a outros dáselles mellor editar vídeos…
Se entramos na carreira é para aprender, non para acadar a perfección nos traballos. As grallas son ben comúns na profesión para a que pretendemos facer carreira, e moito máis os erros de calquera clase. Os que controlamos mellor a confección de textos intentamos axudar sempre ós que peor se lles dá. Sen paternalismos nin moito menos arrogancia, xa que a ninguén se lle dá ben todo e nós tamén temos moito que aprender. Esa é a esencia do posto dos coordinadores, trátase dunha aprendizaxe mutua.
Agora ben, esta relación de apoio mutuo non funciona se nos dedicamos a exercer coma unha especie de policía estilística e ortográfica. Ben é certo que hai un libro de estilo que hai que seguir, pero non seguilo está lonxe de ser incorrecto. Isto non é unha empresa, é unha clase. E no funcionamento interno de seminario e grupo constrúese a materia, que lembremos non é de redacción, senón de comunicación interpersoal, se ben dende un enfoque xornalístico.
En canto a ortografía, hai xente á que “se lle fai bóla”, dito de xeito coloquial, escribir en galego. Algo completamente normal tendo en conta que hai xente de SICUE, e que os coordinadores non somos profesores de ortografía que debamos revisar cada post con detemento.
Por último, e sen acritude, o teu comentario non trata como merece unha boa entrevista dende o punto de vista informativo e que leva moito traballo detrás. A idea do intercambio de comentarios é construír opinións e abrir espazos de debate empregando fontes e argumentos xustificados, iniciar discusións temáticas, non corrixir ós compañeiros. Se detectas fallas podes comentalo cos coordinadores, non facer un informe público. Quen decide se un post cumple ou non cumple os criterios de calidade esixidos somos os coordinadores.
Co máximo respecto. Grazas.
GústameLiked by 1 person
Ola, Isaac. Como lle acabo de comentar a Aroa, o meu comentario non pretendía ser unha crítica ofensiva senón construtiva. A intención non era menosprezar o traballo senón indicar os aspectos que se poden corrixir para que a entrada teña máis calidade. Estou de segura de que lles supuxo moito tempo e esforzo elaborar o post, pero hai erros que o ocultan. De todas formas publicarei un novo comentario resaltando os aspectos positivos do post.
Se fose eu a que errase agradecería moito que me informaran para non cometer de novo eses fallos. A redacción é importante porque tamén inflúe na comunicación e unha mensaxe pode cambiar moito dependendo, por exemplo, da inclusión ou ausencia dunha coma (,). Agradezo que me aclares a fin dos comentarios e o teu comentario.
Un saúdo
GústameGústame
Sen acritude: a fin dos comentarios, como xa dixen, é abrir discusións temáticas, non estilísticas. Todos eses aspectos que mencionas trátanse como se teñen que tratar, entre editores. Tamén hai que ter en conta que o blog estivo un mes parado por folga.
Estou seguro de que un comentario dese estilo, en público e dirixido cara ti, non te sentaría ben. As críticas construtivas deben ter un ton precisamente construtivo, non correctivo. Saúdos.
GústameLiked by 1 person
A situación de escravitude e precariedade na que se atopan a gran maioría das persoas que traballan no sector da hostelería é realmente drámatica. Ademais, como mostra a vosa testemuña é algo que xa leva moitos anos instaurado e parece que non vai mudar. A solución que propón de incrementar as inspeccións en horarios de madrugada non creo que sexa moi difícil de levar a cabo porque simplemente sería cambiar o horario de traballo dos inspectores. Credes que hai algún tipo de interese e estase “evitando” sancionar aos xefes que explotan ao seu persoal?
De cara ao Xacobeo parece que esta situación vaise a intensificar, aínda que nesta realidade é bastante complicado saber de que forma vai afectar a pandemia á celebración do Ano Santo, pero todo apuntaba que se ía producir un incremento no turismo e, ou ben a oferta de postos de traballo no sector da hostelería sería maior ou os traballadores terían que traballar aínda máis e cobrando o mesmo ou incluso menos. Que consecuencias pensades que vai ter o coronavirus de cara ao Xacobeo no sector da hostelería?
Moitas veces non se ten en conta todo o que pode chegar a afectar a nivel mental ter que estar horas de cara ao público aparentando felicidade e que vai todo ben cando estás sendo explotada polo teu xefe. Ás veces o mal trato non é só do xefe cara ao persoal, entre os propios compañeiros pode haber problemas e os clientes en ocasións adoptan actitudes agresivas, sobre todo de noite tras consumir alcohol ou outras drogas. Traballar no sector da hostelería non é atractivo, pero é o único recurso que atopan moitos para poder gañar algo de cartos. A explotación ten que erradicarse de todos os ámbitos, é algo que non se pode consentir.
GústameLiked by 1 person
Ola, Antía! Moitas grazas polo teu comentario. Como di a nosa entrevistada, denunciar as sancións que se cometen nos locais resulta moi complicado xa que os controis non se realizan nas horas nas que ocorren os problemas. Ademais, tamén comenta que a hostalería e o seu control dependen de Turismo, que se ocupa doutras moitas cuestións como para poder realizar un control efectivo destas problemáticas. Faría falta algún organismo que se ocupara directamente desas inspeccións. De todas formas, non podemos asegurar que se estea evitando sancionar aos xefes.
Como ben dis no teu comentario o Ano Santo ía supoñer un aumento exponencial do turismo e da hostalería. Isto ten consecuencias positivas como o aumento da oferta de emprego. Con todo, tamén hai aspectos negativos, como a suba dos alugueres ou a precariedade laboral deses novos postos de traballo; temas tratados polos nosos compañeiros. Dadas as circunstancias é difícil adiviñar como será a celebración do Ano Xacobeo 2021. O que está claro é que o turismo se verá resentido. A hostalería é un piar fundamental da economía compostelá e sen turismo é moi difícil que poida saír a frote. Cremos que o coronavirus vai ter consecuencias moi negativas neste sector que afectarán directamente aos traballadores.
No tocante á saúde dos traballadores da hostalería, non vai tan ligada a esa imaxe de felicidade que se ten que aparentar ao traballar cara ó público (aínda que tamén inflúe, fixeches un moi bo punto!). Está relacionado con ritmos de traballo abusivos, sen apenas descansos e en xeral, toda a precariedade que rodea á hostalería. Espero que che quedaran claras as preguntas! Un saúdo!
GústameGústame