O catorce de xaneiro do 1995 emitíase na TVG o primeiro programa de Senda Verde, un espazo que difundía a importancia de coidar o medio natural. Enrique Banet López de Rego, o seu director, convertiríase nun pioneiro no referente á concienciación nesta materia nos medios de comunicación galegos. Préme na seguinte imaxe para saber máis:

A cancelación do programa non fixo que Enrique abandonase o seu interese pola natureza. Ao contrario, crearía a Fundación Galicia Verde, unha entidade sen ánimo de lucro, que ten como principal obxetivo o desenvolvemento rural sostible. A súa sede atópase na localidade de Leboso, no municipio pontevedrés de Forcarei.
A crecente globalización actual ofrécenos moitísimas contradicións, como permitirnos consumir productos ecolóxicos producidos a miles de quilómetros de distancia, moitas veces coa explotación dos productores locais, e sempre contaminando a través dos necesarios envases, transporte, necesidades portuarias e un longo etcétera. Fronte a isto, un consumo e unha produción responsables poden constituír a resposta da sociedade fronte aos abusos dun sistema enormemente industrializado que prima os beneficios sobre a calidade e as condicións de vida dos traballadores do campo. Pero para que isto sexa posible, faise necesario defender o dereito á Soberanía Alimentaria.
Podemos definir a Soberanía Alimentaria como a capacidade dun pobo para decidir por si mesmo as súas políticas agrarias e alimentarias, sempre baixo o prisma duns obxectivos de desenvolvemente sostible. Isto é o que defenden desde a Fundación Galicia Verde. Para iso, apostan polo consumo de productos locais ou de proximidade, e pola diminución do uso de envases e transportes, o que deriva no aumento da riqueza local.
Para saber máis e profundizar neste modelo, falamos con Enrique. Para el, a importancia do local radica en que, ao haber máis proximidade entre os produtores e consumidores, a contaminación diminúe. Ademais, non habería tanto intermediario, polo que o prezo veríase reducido.
Para promover este sistema levan a cabo multitude de iniciativas ao longo do ano. Un exemplo son as súas feiras de sementes, no campo de Forcarei, nas cales se chegan a reunir cerca de 3000 persoas. Na feria pódense encontrar todo tipo de sementes tradicionais e intercambialas. Tamén contan co programa Apadrina una semilla mediante o cal dan sementes aos participantes, que se deben comprometer a plantalas na época axeitada ata a obtención de outras novas. Unha vez que as obteñen, devolven unha parte.

Esas sementes que devolven van a varios lotes, o primeiro consta dunha pequena cantidade de sementes que se conserva como seguro para evitar a perda desa variedade. O segundo contén sementes que se plantarán a seguinte tempada, e do cal o padriño orixinal recibirá máis sementes para seguir o seu cultivo. O terceiro lote de de ser necesario é empregado para a plantación da Fundación; e o último e maior lote, é distribuído coa colaboración dunha entidade privada ou ONG en países nos que os agricultores teñan dificultades para recibir sementes ecolóxicas.
Para un maior coñecemento e aprendizaxe destas iniciativas, esta entidade conta con actividades formativas como cursos de agricultura ecolóxica, cursos en temas emocionais relacionados co desenvolvemento persoal e cursos de cestería. Sen dúbida algunha, o que nos deixa claro esta entidade son as súas ganas de comprometerse á hora de realizar estas iniciativas tan útiles para o bo funcionamento ecolóxico e medioambiental. Converténdose, deste modo, nunha ferramenta pioneira para o consumo local e rural.
Os medios e a soberanía alimentaria
É imposible pretender extender un dereito como é a Soberanía Alimentaria se os medios de comunicación non poñen á disposición dos cidadáns as ferramentas necesarias para defendelo.
A maioría das noticias publicadas nos medios de comunicación cínguense simplemente a información institucional ou a mencionar a agricultores ou entidades que reciben subvencións. Do mesmo xeito, á hora de abordar a problemática do cambio climático, adoita pórse o foco na necesidade de reciclaxe de plásticos ou na reutilización, así como nas consecuencias do efecto invernadoiro. En cambio, é pouco frecuente que se poña o punto de vista nos sistemas de produción alimentaria, concretamente nos industrais, e na importancia que ten a aposta polos produtos máis ecolóxicos. Se os medios non aportan contexto ao lector, este non será consciente das problemáticas que o poden afectar e polo tanto non actuará en contra delas.
É certo que si que existen medios centrados neste campo. A nivel galego, temos o exemplo de Cerna, unha revista galega de ecoloxía e medioambiente editada por ADEGA con sede en Santiago de Compostela. Con todo, non deixa de ser un medio especializado. O obxectivo sería chegar a un maior número de poboación, para poder avanzar.
Aparentemente, a agricultura industrial é un modelo aceptable. Os prezos son menores e os alimentos producidos non producen severos problemas na saúde dos consumidores. Pero debe analizarse o contexto que o envolve. A emisión de gases das industrias contribúe á contaminación ambiental. A calidade dos produtos é menor. A os baixos prezos derivan nunha competividade inasumible para os traballadores dos países menos desenvolvidos, que teñen que migrar para conseguir subsistir.
Son custes que pagamos entre todos e non se teñen en conta. A agricultura ecolóxica, a que prima a produción natural, resulta moito máis sostible. E isto é o que deben transmitir os medios.
Unha idea para mellorar a calidade dos medios sería a substitución das noticias carentes de análise por reportaxes máis profundas que indaguen nos problemas e solucións referentes a este ámbito. Do mesmo xeito, incluír nas informacións referentes ao medio ambiente as consecuencias desa industria alimentaria liderada polas grandes empresas.
Desta forma, os cidadáns, máis conscientes da situación que engloba á industria alimentaria, entenderán o poder que teñen na súa man e a importancia que teñen as súas decisións de compra para o mellor desenvolvemento do planeta.
Esta publicación paréceme que está moi ben lograda xa que céntrase no esencial sendo comprensible para todo o mundo. Ademais penso que o tema vai moi ben fiado, comézase falando do programa “Senda verde” para introducir o concepto da soberanía alimentaria e remata falando do tratamento nos medios. Aínda así, gustaríame ver algúns datos de impacto para o lector sobre a contaminación que produce a agricultura industrial, por exemplo.
En canto ao vídeo, creo que sería máis representativo do programa un fragmento do mesmo onde puidérase ver claramente o obxectivo polo que loitaba ou como difundía a importancia da sostibilidade e de coidar o noso medio ambiente.
Sobre o tema da soberanía alimentaria, parece que é algo, do que a priori, ninguén pode estar en contra, mais choca coa sociedade actual e acaba sendo, a agricultura industrial, o avalado pola maioría da poboación a través dunha forma de vida centrada nas grandes urbes que non producen nada, pero consumen o 75% dos recursos naturais e que deixan en mans das grandes cadeas e multinacionais a súa alimentación. No noso grupo tratamos a agricultura sostible nas cidades a través das hortas urbanas e de pequenos agricultores que buscan que a súa alimentación sexa de calidade e creo que sería moi interesante facer un contraste entre a agricultura industrial e a agricultura a nivel particular.
Creo que estaría moi ben afondar un pouco máis na soberanía alimentaria así coma en termos que van da man del como son a seguridade alimentaria e o dereito á alimentación. A Organización das Nacións Unidas para a Alimentación e a agricultura ten un documento moi completo chamado “Seguridad y soberanía alimentaria” que pódevos ser de gran axuda e déixovos un enlace con algo de información da Cume Mundial sobre a Seguridade Alimentaria: http://www.fao.org/wsfs/cumbre-mundial/es/?no_cache=1
Tamén gustaríame pedirvos que esteades moi atentos as nosas próximas publicación, xa que dende o grupo S2C Fame Cero, imos afondar un pouco no dereito á alimentación e na seguridade alimentaria e seguro que vos interesan os conceptos que imos tocar.
En canto ao tema da soberanía alimentaria nos medios, gustaríame ver algún exemplo nalgún medio non especializado para saber o tratamento que lle dan estes ao tema.
Por último, gustaríame saber que países inclúen a soberanía alimentaria entre as súas medidas de goberno? E de que forma a están introducindo nos seus países? Agardamos a vosa resposta e noraboa polo traballo.
GústameGústame
Grazas Laura polas túas aportacións! O enlace que nos facilitas é moi útil.
Respecto ao que comentas sobre os medios, sobre que che gustaría coñecer que tratamento lles dan a este tema, estamos a preparar unha publicación que analiza precisamente este aspecto. Un repaso polos medios autonómicos, nacionais e internacionais e o interese que amosan cara a produción e o consumo responsables en xeral, así que invítote a seguir léndonos!
No referente á túa pregunta sobre que países teñen en conta a soberanía alimentaria nas súas lexislacións, dicir que os estados latinoamericanos son os líderes neste ámbito. É lóxico tendo en conta que son dos maiores exportadores de alimentos, ademais de que conta cun número de poboación desnutrida elevadísimo.
Temos o caso de Brasil, Ecuador, Uruguay, Arxentina… (podes consultar as súas resolucións ben detalladas na páxina 19 deste documento: http://www.fao.org/3/a-ax736s.pdf). Tamén atopamos un artigo moi interesante que compara a situación entre tales países (https://www.researchgate.net/publication/304540454_Seguridad_y_Soberania_alimentaria_analisis_comparativo_de_las_leyes_en_siete_paises_de_America_Latina). Anímote a botarlle unha ollada.
Por último tamén nos gustaría facer fincapé na túa idea de facer unha comparativa entre a agricultura industrial e a agricultura máis tradicional. Un documental moi interesante que reflexiona sobre o mesmo é “Nosotros Alimentamos al Mundo” de Erwin Wagenhofer. A agricultura a nivel particular ten claros beneficios sobre a industrial e non só no referente ao coidado do medio ambiente, senón tamén para a nosa alimentación. Como vos comentamos no seu día, cremos que debido a esta crise que estamos a vivir a agricultura de subsistencia gañará peso de novo, aínda que non tanto como para superar ás grandes multinacionais, claro. Debemos ser realistas, mais é sempre unha moi boa alternativa. Quizais cun pouco máis de conciencia esta práctica aumentaría considerablemente.
Permaneceremos atentos ás vosas publicacións e grazas unha vez máis polo teu interese!
GústameGústame