Traballadores de alimentación e transporte, servizos esenciais na pandemia

Falamos con traballadores de distribución alimentaria e persoal de supermercados sobre as súas condicións de traballo na crise sanitaria.

María, repoñedora nun supermercado. Vigo

«A voráxine de circunstancias e a locura comezou antes do estado de alarma. Como anécdota, eu marchei á unha do medio día e quedaban catro paquetes de papel hixiénico. Cando a xente conseguía comprar máis facíase selfies con el. 

Ás nove da mañá había xente esperando para entrar. Entraban correndo cos carros. Queixábanse de que non tiñamos papel hixiénico pero é que o pouco que veu esgotouse moi pronto. 

Entre a tensión que houbo no traballo: non podías repoñer, non podías ir coa mercancía pola tenda da xente que había… se os meus compañeiros e eu non pillamos o virus ese día eu creo que xa somos inmunes.

En canto á carga de traballo, eu xa estaba facendo dúas horas a maiores para cubrir unha baixa, pero ese día tiven que quedarme tres horas máis. Temos moito traballo, hay moitas cousas que non acaban de chegar…

Levo 12 anos traballando aí e non vira cousa igual a xente estaba histérica.

Agora a afluencia de xente é menor, están máis concienciados. Traballamos con mascarillas que a tenda ten a nosa disposición», conta. 

Miro, transportista nacional. Ourense.

«Ao mellor a tele non se acorda moito de nós, pero bueno… O primeiro que fai a xente cando hai un problema é ir a comprar. No tema de reparto de alimentación aumetou o traballo, nestas semanas a xente comprou ao loco e notouse.

Os maiores problemas que temos nós son coa comida e co aseo persoal en carretera. Así máis ou menos como ves na foto nos arreglamos para comer. Nas gasolineras non te deixaban entrar, só botar gasoil e dábanche café pola ventanilla. Agora fixéronlles abrir os baños do interior.

A nivel anímico si que hai xente que o leva mal, máis que nada porque non tes onde tomar un café dentro, se cho dan tes que levalo para fóra… Non podes sentarte para comer charlar con nadie…  A xente estase queimando.

Estamos nas zonas de riesgo en Madrid, Barcelona, País Vasco… andas por tódolos lados. Fas cola en moitas ventanillas para anotarte e para eso, sabes e estás nas zonas de riesgo. Hai algúns que xa preferían parar, algún hai xente que pediu aínda que sea adiantar as vacacións e collelas agora aínda que non poidan saír da casa. 

Eu prefería estar na casa. Pero bueno, alguén ten que facelo», explica. 

Comida dun transportista durante a crise

Anónima, caixeira dun supermercado. Pontevedra.
«Os primeiros días que se decretaron as medidas foron os peores para as traballadoras dos súpermercados. Para nós foi matador, porque ao mellor había como 300 persoas en 20-30 metros cadrados. O xoves 12 foi o peor día da niña vida, o venres e o sábado tamén horribles. Aí todavía non tiñamos a consciencia de que te afectase mentalmente, pero físicamente foi moi duro ese fin de semana, moi moi duro”.

Tampouco tiñan suficientes medidas de seguridade. «Chegaron moi tarde. Xa levábamos una semana de confinamento e non tiñamos medio por parte da empresa. Non tiñan mascarillas nin sabían onde encontralas. Temos a sorte de ter una veterinaria que ten una consulta ao lado nosa e ela moi mascarillas que foron as que estivemos usando unha semana, pero era a mesma cada día». «A xente fatal, a verdade. Alí a pé de obra é horrible, non nos respetan. Eu todos os días teño a miña media hora de chorar, porque mentalmente non estábamos preparados».

En canto a saúde, coméntanos que «afectoume un pouco máis á mental que á física E o medo que traigo todos os días de se contaxiarei á niña nai que ten 76 anos e un montón de patoloxías…. A verdade é que despois de isto, moitos compañeiros van caer ao igual que eu, porque psicolóxicamente estamos todos mal, moi sensibles, ademáis a diferencia dos sanitarios non estamos preparados para estas situación de estrés, estamos preparados para 20 persoas na cola e nada máis, isto supéranos».

Afortunadamente, parece que o comportamento da xente vai mellorando. «Polas tardes hai menos do 20% de xente que había a semana pasada. Nótase que estos días a xente empeza a estar un pouquiño máis concienciada», comenta. 

Anónimo, transportista nunha distribuidora de alimentación. As Pontes.
«A empresa quere facer as cousas ben, queren darnos mascarillas e guantes, pero non hai. O traballo multiplicouse por tres ou por catro, se antes levábamos 3 ou 4 palés agora levamos 17», conta.

«Aumentaron a plantilla, pero non están formados. Estamos traballando como traballariamos en verán. Para verán si que se forma xente».

«Ao principio levábamolo moi mal porque non sabiamos que facer, agora xa mellor. Se a situación se alonga creo que o levaremos ben, segue habendo material para repartir».

«É raro chegar a un supermercado e que te aplaudan por facer o teu traballo»

9 comentarios en “Traballadores de alimentación e transporte, servizos esenciais na pandemia

  1. Paréceme un tema moi interesante tratar tamén como están a vivir os transportistas esta crise. Creo que as súas necesidades, o seu esforzo… Non se está vendo apoiado coas actuais medidas, xa que o descanso no tránsito é sempre necesario e moito máis en situacións de estrés e incertidume como a que estamos a vivir. Porén, creo que sería necesario tamén facer unha chamada, máis unha vez, á responsabilidade con este sector.

    Os comercios de venta ó público están pechados se non se trata de produtos de primeira necesidade. Porén, o comercio online continúa a súa marcha, sen mudanzas máis que nunha carga de traballo pouco soportábel nas condicións de confinamento que vivimos. A responsabilidade individual, na miña humilde opinión, reside tamén en non facer pedidos que sabemos que implican o desprazamento e, polo tanto, pór en risco ós profesionais dos medios de transporte e envío máis se son totalmente necesarios.

    Ademais de estar sobre cargando a estar persoas con produtos que, se se establece que non son de primeira necesidade, tampouco o deben selo por medio do mundo en rede; debemos teren en conta que os comercios do noso carón, os de proximidade; cumpren con responsabilidade as medidas de peche e confinamento polo benestar social e sanitario de todos. Nós debemos ser responsábeis á hora de saber devolverlles o favor cando nos corresponda: consumindo neses comercios que amosaron esa solidaridade nos momentos de maior dificultade.

    Liked by 1 person

  2. O coronavirus deu lugar a unha crise en tódolos ámbitos da vida. Supuxo un parón para gran parte da poboación, a fin da súa rutina. Para toda esa xente, como xa numerastes no anterior post, é interesante saber que dereitos os amparan no medio de tanta confusión. Polo tanto, ten lóxica que nesta seguinte publicación fagades referencia a toda esa parte da sociedade que segue a traballar.

    Paréceme interesante a estrutura e forma do post (nome-cargo-testemuña) precisamente pola credibilidade e fiabilidade que desprende á hora de contar o que está ocorrendo. Tamén é importante o feito de expoñer a opinión de persoas que non adoitan saír nos medios. Como ben di Miro, transportista nacional mencionado na publicación: “A tele non se acorda moito de nós”. Creo que é crucial poñer de relevo aos traballadores que están ao pé do canón e procurándonos todos os servizos esenciais. Sobre todo, gústame porque oín falar moito da labor dos sanitarios (ben merecido o recoñecemento) pero moi pouco doutras profesións. Así, o tema da publicación é máis que axeitado.

    Con todo, boto en falta a análise de transportistas que non sexan do sector alimentario. A xente segue comprando online produtos que non poden ser chamados “de primeira necesidade”, véxase: roupa, mobles, aparatos electrónicos etcétera. A agrupación multinacional máis que coñecida por todos, Inditex, nunca cesou o seu comercio vía Internet, expoñendo aos seus traballadores a un risco totalmente prescindible. Sería interesante ver como están a vivir esta situación os seus traballadores: se realmente están dotados do equipamento necesario, se as medidas dentro da empresa se cumpren, cal é a afectación a nivel mental… e unha longa lista de preguntas que, de seguro, ían deixar unhas respostas atraentes. Ademais, estaría ben a adopción de máis contido multimedia. Coido que vídeos das declaracións son complexos de conseguir debido ás circunstancias, mais poderíase incluír algunha ligazón (a modo de ampliación, como ben insertastes no post de dereitos laborais) ou máis fotos que vaian na liña da incluída.

    Aínda así, creo que soubestes expoñer de maneira sinxela e lexible a temática do voso post. Un relato ameno e fácil de seguir, con declaracións esclarecedoras e que aportan un punto de vista novidoso. O principal apuntamento que sacaría deste texto é que humanizastes a cuestión. Puxestes voz aos que semellan ser os grandes olvidados desta crise.

    Liked by 1 person

    1. Boas, Ana!

      Moitas grazas polo teu comentario. Neste post decidimos falar só dos traballadores esenciais da alimentación, xa que os estantes baleiros dos supermercados e a escaseza dalgúns produtos foron o primeiro contacto que moita xente tivo coas consecuencias da pandemia. Pero non nos esquecemos doutros traballadores e nunha vindeira entrada falaremos sobre eles 😉.

      Decidimos usar a estrutura nome – cargo – testemuña como ben dis, para humanizar a cuestión. Por desgraza non se fala demasiado de traballadores non sanitario, e hoxe e sempre xogan un papel fundamental na sociedade. Tes razón, quedaría moi ben e faría a entrada máis dinámica engadir algún elemento multimedia, terémolo en conta nas vindeiras publicacións. Aparte doutros tipos de transportiras, que outras testemuñas gustaríache que recolleramos?

      Un saúdo!

      Gústame

  3. Esta crise puxo na conversa pública o carácter esencial de traballos como os dos vosos entrevistados neste post. Deixounos claro que a súa función no tecido socioeconómico é moito máis importante do que se recoñecía ata agora. É positivo que se puxera en valor a labor dos profesionais destes eidos (a alimentación, o transporte, e tamén outros como a asistencia á terceira idade) pero á altura do recoñecemento social que merecen e que agora nesta nova situación están a ter, debe estar a retribución económica polo seu traballo.

    Paréceme moi importante dárlle visibilidade ás historias en primeira persoa como as que recolledes neste post (moi bo traballo!). É interesante ler reflexións como a que fai o último entrevistado, transportista de As Pontes, cando di que «é raro chegar a un supermercado e que te aplaudan por facer o teu traballo». E quixera matizar que máis alá dos aplausos, tamén cómpre que o traballo que realizan sexa retribuído nunha cantidade que garantice que estes traballadores non sexan vulnerables a atoparse nunha situación de desventaxa económica. Esta nova situación que estamos a vivir debe servir para que se lle preste máis atención aos traballadores aos que agora lles chamamos esencias e que viven en situacións precarias e con risco de pobreza, ou incluso xa nunha situación de pobreza.

    É moi enriquecedor coñecer de primeira man as preocupacións e a experiencia dos traballadores, o formato de cita directa axuda á empatía e á cercanía da información; e a fotografía da comida do transportista, Miro, ilustra moi ben a súa situación. Fixestes un traballo de mediación para que os participantes poideran contar con liberdade as súas historias e para que nós poidamos lelas e coñecer máis de preto a súa situación. Unha idea moi acertada, parabéns pola publicación!

    Liked by 1 person

    1. Boas, Antía! Moitísimas grazas polo teu comentario, alégranos saber que che gustou a nosa publicación. O que intentabamos coas citas era xusto o que comentas, aportarlle cercanía ao relato para intentar que os lectores empatizaran con eles. Tamén queriamos recalcar que estes traballadores son esenciais sempre, e non só durante a crise. Como dis, é moi importante ir máis alá dos aplausos e que o traballo sexa retribuído, esperamos que así sexa. Cóntanos, gustaríache que introduciramos algunha profesión máis nos vindeiros posts?

      Liked by 1 person

      1. Outra cousa que deixou en evidencia a crise sanitaria é a importancia dos traballadores adicados ao coidado da terceira idade. Un sector que a miúdo se ve menospreciado pola actividade que desenvolve a pesar de que a súa labor é altamente humanitaria e vocacional. As coidadoras están a facer moitos sacrificios na súa vida personal para poder garantizar a atención adecuada aos nosos maiores. Traballan horas de máis, doblan turnos, renuncian á súa vida familiar en favor da seguridade dos maiores e é habitual que teñan que desenvolver a súa labor sen os medios de protección necesarios. O perigo é moi elevado, pois traballan con poboación de risco. Estaría ben prestar atención ás condicións laborais, e tamén á precariedade que estas proxectan na súa vida privada, e ás súas reclamacións para poder desenvolver o seu traballo de maneira correcta.

        Neste artigo de El Salto (https://www.elsaltodiario.com/coronavirus/trabajadores-residencias-ancianos-amavir-denuncian-despidos-exigir-equipos-proteccion-adecuados) denúncianse as condicións nas que se está a traballar neste sector. Espero que vos resulte útil!

        Liked by 1 person

        1. Que artigo tan interesante! A situación que se está a vivir nas residencias é moi grave. A falta de medios impide que os traballadores podan realizar o seu labor de forma segura. Se non poden protexerse eles mesmos non poden protexer aos seus usuarios. Isto derivou en que moitas das mortes por COVID-19 se produciran en residencias. O persoal sanitario e non sanitario viuse desbordado a todos os niveis durante as últimas semanas, especialmente en cidades como Madrid ou Barcelona; onde a pandemia afectou de xeito máis significativo. Con todo, a nosa comunidade non se queda atrás e houbo casos moi alarmantes, como os da residencias de Aldán e de Barreiro https://www.farodevigo.es/portada-o-morrazo/2020/04/14/residencia-aldan-suma-20-fallecidos/2275734.html.

          Supoñemos que moitas destas institucións non contaban con medios nin persoal suficiente como para afrontar unha situación así (e é normal, era moi difícil vaticinar unha pandemia mundial). Tendo en conta isto e sumándoo a xestión deficiente nalgúns casos, escaseza de material… Foi case imposible evitar a catástrofe. As condicións nas que se atopan os traballadores son alarmantes e as testemuñas que aparecen no artigo que nos recomendaches evidénciano. Na nosa publicación sobre a situación dos sanitarios mencionamos a experiencia dunha auxiliar de enfermería, que ademais de falar da falta de medios e de persoal, comenta a saúde mental, unha das grandes olvidadas. Deixámoste aquí unha entrada por se che apetece saber como é o día a día nunha residencia https://www.lamarea.com/2020/05/18/covid-residencias/ Ti que opinas, cres que a xestión das residencias tamén influíu no tratamento da crise?

          Liked by 1 person

  4. Moi interesante tamén esa outra publicación vosa sobre os sanitarios que mencionas. Son un colectivo que merece traballar nas mellores condicións para poder garantizar a súa – e a nosa – saúde.

    Descoñecía a nova que publicou o Faro de Vigo e da que deixas o enlace, e resúltame preocupante. O elevadísimo impacto que tivo o virus nas residencias de maiores deixa en evidencia unha falta de compromiso con eles e coas residencias de anciáns. Para evitar traxedias coma esta o interese neste tipo de institucións debe ser antes humanitario que económico. Que non sexa así explica a precariedade laboral dos traballadores e as cifras de afectados e de falecidos dos usuarios. Por iso a resposta á pegunta que plantexas, ao meu parecer, é afirmativa. Unha xestión que puxese ás persoas por diante dos beneficios tería paliado moito a incidencia que tivo a pandemia nas residencias de maiores.

    As vosas publicacións e entrevistas axudan a visibilizar estas situacións, que é o primeiro paso para empezar a cambialas. Así que parabéns polo voso esforzo e a seguir traballando!

    Liked by 1 person

    1. Nós tamén cremos que a xestión das residencias influíu moito no tratamento da pandemia dentro delas. Estamos de acordo contigo: o interese debe ser humanitario e non económico, pero por desgraza en moitos casos non é así. Descoidan aos anciáns e ao persoal que os atende e como vimos estes días, as consecuencias destas neglixencias son catastróficas. Tamén hai que coidar dos que coidan. É moi importante que se tomen as medidas necesarias e se investigue que é o que pasou nalgunhas residencias para que a taxa de mortalidade fora tan alta. Sería interesante saber ata que punto influíu a falta de material e a xestión. Esperamos que polo menos “grazas” a esta experiencia se vixilen máis estas institucións.

      De todas formas a precariedade laboral dos traballadores de residencias é unha algo cotiá dende fai anos, como se ve neste artigo dende 2019 https://www.europapress.es/extremadura/noticia-ccoo-alerta-precariedad-laboral-trabajadoras-residencias-mayores-extremadura-20191111124734.html . A crise do coronavirus fixo que os centros colapsaran e visibilizáronse estas realidades https://www.elperiodico.com/es/sociedad/20200427/la-precariedad-imposible-7942585
      Moitas grazas polos teus comentarios, Antía!! Gustounos moito ter esta conversa contigo, unha aperta! Motio ánimo!

      Liked by 1 person

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair /  Cambiar )

Google photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google. Sair /  Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair /  Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair /  Cambiar )

Conectando a %s

This site uses Akismet to reduce spam. Learn how your comment data is processed.