«Seguimos a ser a cuota para rechear»

Dende o S2A seguemos a pescudar sobre a situación da muller, agora centrados no que nos compete: a comunicación. Para isto, reunímonos de xeito telemático coas nosas colaboradoras Lorena Seijo, coordinadora da ONG de comunicación para o cambio social Agareso, Tamara Montero, de La Voz de Galicia e membra de Xornalistas Galegas, e Belén Regueira, membra da xunta de goberno do Colexio Profesional de Xornalistas.

Comezamos a reunión falando da reportaxe publicada por Xornalistas Galegas para o medio Praza. Dito estudo analizou os principais medios galegos para amosar a feble presenza da muller na opinión. Os resultados foron definitivos: de case 27.000 pezas analizadas, só o 15,5% foron escritas por mulleres. En relación a estas cifras, comezou a falar Tamara: «Foi a primeira vez na que as cifras apoiaban unha sensación que estaba xeralizada de que quen opina nos xornais e na prensa escrita son fundamentalmente homes». Porén, aínda non se produciron certos cambios significativos: «É máis un cambio de imaxe. É positivo porque si que se lle está dando máis espazo ás mulleres na análise e na opinión, mais seguimos a ser a cuota para rechear e non quedar mal». Belén puxo o foco na normalización que se produxo de esta situación: «Agora estráñanos, pero durante moitos anos non nos estranou, nin a eles nin a nós. Isto sérvernos como alerta, como chamada de atención, sobre cantas cousas se normalizan sen seres normais. Ese primeiro paso é o máis complicado, pero afortunadamente é un paso de non retorno».

A presenza das mulleres na opinión dos xornais galegos impresos (2018), Praza Pública

«¿Por que a política é o súmmum do xornalismo de raza e as cousas que teñen que ver con cuestións sociais, que ao final afectan a todo o mundo, son seccións menores, traballos menores?»

Belén Regueira

Ademais desta presenza case anecdótica, e baseándonos de novo nos datos que mostra a reportaxe, quixemos facer unha análise dos temas que tratan as nosas xornalistas nas escasas columnas de opinión que publican. Esta sen dúbida perpetua os estereotipos que existen xa na sociedade, mentras un 30% das mulleres opinan en sociedade, tan só un 10% o fan sobre economía, e unicamente catro de cada 100 firmas en deporte pertencen a mulleres.

Existe unha clara división de roles, sostén Tamara: «O que sempre se lle chamou información dura (economía, política) normalmente está feito por homes. Son homes falando con homes e opinando sobre cousas que fan homes». Pero para Belén e Lorena o problema ven máis alá, quen propón a xerarquía nas temáticas?

«Aínda que se intente consultar fontes mulleres, o máis habitual é atoparse mulleres que cren non estar suficientemente preparadas para falar de dito tema e que derivan noutro home para que sexa este quen fale por elas»

Tamara Montero

«¿Por que a política é o súmmum do xornalismo de raza e as cousas que teñen que ver con cuestións sociais, que ao final afectan a todo o mundo, son seccións menores, traballos menores?», comentaba Belén. Lorena continuaba coa crítica da súa compañeira: «O tema, en realidade, é por que lle estamos dando máis importancia a unha parte do xornalismo e menos a outra». 

Lorena tamén quixo focalizar a súa preocupación sobre a presenza da muller na propia información, preguntándose por que a meirande parte dos homes, e mesmo mulleres, recorren sempre a fontes masculinas: «Moitos profesionais non acaban de asumir a importancia simbólica que ten o seu traballo. Non podes facer información e que a quen consultes sistemáticamente sexa a homes e que non te des ese tempo de buscar outras voces, que seguro que existen, e incorporalas».

Seguindo esta liña, Tamara apuntaba as condicións de traballo que complican, en moitas ocasións, que esta boa praxe se leve a cabo por parte dos/as xornalistas: «Se ti nunha mañá tes que cubrir 4 páxinas, non podes ‘perder o tempo’  buscando fontes femininas cando ti nun par de chamadas falas con 2 señores que poden ser físicos cuánticos pero che van falar de literatura e ademais están suficientemente preparados para facerche unha análise política». A precariedade laboral e a carga de traballo que existe nas redaccións hoxe en día fai que se demande un traballo rápido e sen reflexión. A isto engádese outra cuestión que debería preocuparnos e que Tamara puxo enriba da mesa: «Aínda que se intente consultar fontes mulleres, o máis habitual é atoparse mulleres que cren non estar suficientemente preparadas para falar de dito tema e que derivan noutro home para que sexa este quen fale por elas».

Círculo vía Skype coas nosas colaboradoras, Diego Losada

Na segunda parte do círculo, seguiremos falando coas nosas protagonistas sobre dous dos termos sobre os que xira o noso ODS: a brecha salarial e o teito de cristal. Ata entón, podes seguirnos en Twitter, Facebook e Instagram para estar ao tanto de toda a actualidade do observatorio nestes tempos de confinamento. 

2 comentarios en “«Seguimos a ser a cuota para rechear»

  1. Pese a que Xornalismo é unha carreira bastante feminizada e a maioría do alumnado son mulleres, o mundo da comunicación segue a estar dominado polos homes. Cremos que este é un tema moi destacado xa que unha vez rematada a etapa educativa as mulleres atopan moitas máis dificultades para lograr un posto de responsabilidade. Ademais en xéneros xornalísticos como a opinión as mulleres teñen moi pouca representatividade, cremos que isto está claramente ligado a concepcións totalmente machistas. Xa que aínda hai persoas que se senten ameazadas ou horrorizadas porque unha muller exprese abertamente as súas ideas. Na nosa opinión, as persoas, tanto no ámbito informativo como en todos os demais, deberían ser valoradas e dotadas de oportunidades indistintamente do seu xénero. Hai outra problemática relacionada cos medios que nos parece destacable e que poderiades engadir ao voso traballo, frecuentemente observamos como no escenario televisivo os presentadores homes realizan o seu traballo ata unha idade máis avanzada que as súas compañeiras mulleres. A expulsión de profesionais veteranas das cadeas de televisión é innegable. Ademais, atopámonos con que os referentes periodísticos na televisión seguen uns cánones de beleza e de vestimenta concreta. Consideramos que esta cuestión está estreitamente vinculada ao sexismo.

    Preguntas:
    -Por qué credes que a maioría do alumnado de Xornalismo son mulleres?
    -Pese a predominancia feminina nas aulas, as mulleres atopan maiores dificultades no mundo laboral, cómo se pode combater esta desigualdade sen caer nas denominadas “cuotas” dentro da plantilla?
    -Que formas de actuación propoñedes para eliminar o sexismo da comunicación?

    Gústame

    1. Moitas gracias polo voso tempo adicado á lectura desta publicación e pola vosa análise positiva. Estamos en total acordo con vós, as dificultades coas que se atopa unha muller á hora de enfrontarse á vida laboral é unha eiva moi preocupante que debemos de visibilizar dende a nosa postura como futuros xornalistas.
      Respecto as vosas preguntas esperamos convencervos coas seguintes respostas. Como sabemos existen moitas carreiras que a nosa sociedade machista parece ter asignadas ben para homes ou ben para mulleres. A realidade, e sen entrar en teorías biolóxicas, e que cada quen debe de sentirse libre e sen prexuízos de elixir a carreira que queira. Porén non sempre é así, as veces son presións externas das que nin somos conscientes as que nos levan a escoller unha carreira ou outra sen ser necesariamente a que a nós mais nos gusta. Por sorte pensamos que a nosa carreira atópase nun punto intermedio (bastante libre de ditos prexuízos), e que posiblemente o feito de que haxa mais mulleres nas nosas aulas sexa unha mera casualidade.
      Actualmente, segundo a nosa opinión e seguindo a información aportada polas nosas colaboradoras, semella que as cotas son necesarias. Isto non significa que non se deba de falar dun futuro sen elas. As cotas son unha obriga, pero pensamos que tamén unha oportunidade para demostrar que as mulleres están igual de capacitadas que os homes para ostentar postos de alta responsabilidade. Aínda que isto pareza unha evidencia, para moitos non o é; tristemente as mulleres temos que estar continuamente amosando a nosa valía, pero cando isto non sexa necesario poderemos prescindir tamén das cotas. Un dos problemas básicos co que nos atopamos nesta situación, e que pensamos que está intentando cambiarse pouco a pouco, é a conciliación familiar. Como xa todos sabemos esta afecta en maior medida as mulleres, que se ven obrigadas no caso de parellas heterosexuais, a decidir entre o seu fillo e o seu traballo. Mentres o home pode seguir adicando o mesmo tempo que anteriormente ao seu traballo, elas ven coma o seu futuro laboral e a idea de ascender a postos de mais poder desmantélase.
      Dando resposta á vosa última cuestión, e como comentaba a nosa colaboradora Tamara Montero, é importante atopar fontes femininas e dar credibilidade e visibilidade a opinión destas. Por outra banda o uso da linguaxe inclusiva é outra ferramenta necesaria que debería formar parte do Libro de Estilo de calquera medio do século XXI.

      Gústame

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair /  Cambiar )

Google photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google. Sair /  Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair /  Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair /  Cambiar )

Conectando a %s

This site uses Akismet to reduce spam. Learn how your comment data is processed.