A outra cara do coronavirus

A pandemia causada polo covid-19 está a provocar actualmente unha crise sanitaria a nivel global sen precedentes. Porén, o decreto do estado de alarma e o confinamento das persoas está a repercutir favorablemente no medio ambiente e no ecosistema mariño.

Mentres tanto, os sectores pesqueiros manteñen a súa actividade solicitando ao Ministerio de Sanidade a súa suspensión para evitar contaxios e reclaman axudas económicas para afrontar o forte impacto que está a provocar a crise.

Unha das accións positivas derivadas desta corentena, deuse a partir da diminución da actividade industrial e do transporte que, segundo a Comisión Europea e a Axencia Espacial Europea, levou á redución de emisión de dióxido de nitróxeno. Este cese da actividade tivo maior repercusión en lugares de amplas concentracións de contaminación, é dicir, nas grandes cidades. No seguinte mapa, podemos ver as imaxes captadas polo satélite europeo Sentinel-5P e apreciar a simple vista a notable baixada dos niveis de nitróxeno.


O xefe da misión Copérnico Sentinel 5-P, Claus Zehner, afirmaba que “nunca se vira algo así en Europa”. Aínda que as imaxes non permiten saber o valor exacto da caída da concentración do gas, Zehner explica que aproximadamente se atopa entre un 30% e un 40% dos valores medios.

Os últimos datos indican que dende o 12 de marzo, cando a actividade humana en España se reduciu só a cubrir necesidades básicas, o ecosistema mariño está a sufrir cambios positivos. Dende fai días estamos a presenciar escenas insólitas que facía anos que non tiñamos a oportunidade de ver. Nas proximidades das costas de Barcelona e Palma de Mallorca nadan cetáceos como delfíns, consecuencia da redución do tráfico no mar.

Estes cambios tamén se notan a nivel global, o confinamento polo coronavirus produce efectos beneficiosos sobre o hábitat mariño e os seus seres arredor de todo o mundo. Un exemplo claro é o que sucedeu fai unhas semanas nas canles de Venecia e nos portos italianos. A calidade das augas mellorou drasticamente por mor da redución da navegación e, ademais, os sedimentos acumulados volven ao fondo. Deste modo, acóllense de novo moitos pequenos peixes que proveñen da laguna de Venecia e do mar Adriático.

Por outra banda, a irresponsabilidade humana e a falta de conciencia medioambiental vense acentuadas ante esta situación. En China, o epicentro da pandemia, estase a detectar xa a contaminación por mascarillas. As ONG Oceans Asia e WWF Hong Kong están a traballar rapidamente para retirar milleiros de mascarillas quirúrxicas refugadas na natureza. Moitas delas foron arrastradas polas mareas e polo vento e agora supoñen un risco para o ecosistema mariño.

 

A situación do sector pesqueiro galego nesta crise

As medidas levadas a cabo polo Goberno español para evitar a expansión do coronavirus están a ter unha importante repercusión no sector da pesca. A frota pesqueira, tanto de baixura, litoral ou altura, continúa a súa actividade para abastecer aos mercados dun ben de primeira necesidade como é o peixe, pero a situación do marisqueo é outra ben distinta.

Miguel Iglesias, patrón maior da lonxa de Rianxo, confirmaba que non hai actividade de marisqueo dende o 19 de marzo.

“Séguese a traballar nas oficinas a través de chamadas, a non ser cuestións máis complexas como por exemplo permisos urxentes. Para estes casos, habilitamos unha lona transparente para que non haxa contacto directo entre o persoal e a xente que ven da rúa e paliar así posibles contaxios.”

A Federación Provincial de Cofradías de A Coruña solicitou ao Ministerio de Sanidade a suspensión dos plans de explotación por forza maior, xa que o sector se está a ver gravemente prexudicado. Alega, en primeiro lugar, que se trata dunha forma de traballo colectiva no que resulta imposible respectar as distancias, o que podería levar a un contaxio masivo. Por outra banda, o marisco non é un producto de primeira necesidade, e co peche en hostelería e restauración as ventas caeron de xeito significativo.

Dende a Consellería de Mar indicaron que soamente o Goberno é quen de tomar esta decisión tras decretar o estado de alarma. No mesmo comunicado, alertaban da caída da facturación dun 77% e a necesidade de axudas ao sector por parte da administración.

Así, Miguel Iglesias amosaba a súa preocupación polo futuro do sector:

“Isto a longo prazo vai traer consecuencias moi notables. Este ano o marisqueo, ou me engano, ou vai ser moi malo no sentido de que esta crise vai cambiar o xeito de celebrar as cousas. Queiras ou non vai haber menos demanda de marisco, polo menos mentres non se resolva a situación”.

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair /  Cambiar )

Google photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google. Sair /  Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair /  Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair /  Cambiar )

Conectando a %s

This site uses Akismet to reduce spam. Learn how your comment data is processed.