Ano Santo para uns, precariedade para outros

Unha das preguntas que máis se plantexa nos últimos días é se Santiago de Compostela está preparada para aloxar a tódolos viaxeiros que chegarán á cidade por mor do aluvión turístico do Ano Santo. As predicións indican que o Xacobeo vai disparar o prezo dos alugueiros e reducir a oferta de vivenda, en detrimento das estudantes que procuren un fogar na capital galega. 

A continuación, e para expoñer como interpretan esta problemática, consultamos a opinión dos nosos colaboradores: Navia Rivas, concelleira do BNG en Santiago; Carmen Antón, estudante afectada; Carlos Debasa, presidente de AGALIN (Asociación Galega de Inmobiliarias); e Manoel Pérez, membro de ANEGA (Asemblea Nacional das Estudantes Galegas).

Peregrinos chegando á Catedral de Santiago. Fonte: La Voz de Galicia

O prezo medio do alugueiro en Compostela aumentou 75€ en medio ano, até situarse nos 589’2€. Tendo en conta que 2021 é ano Xacobeo, a tendencia de crecemento dos prezos será expoñencial. 

As seguintes gráficas amosan como evoluciona o prezo dos alugueres en diferentes barrios de Compostela:

Preguntamos aos nosos colaboradores en que medida cren que se verán afectados os estudantes que busquen vivenda, tendo en conta estes datos e o próximo Ano Santo. 

De esquerda a dereita e arriba a abaixo: Manoel Perez, Navia Rivas, Carlos Debasa e a nosa compañeira Ana María Fernández. Foto: Laura Gestal.

Navia Rivas declara que «se vai producir unha proliferación descontrolada dos pisos turísticos, polo que moitos estudantes non van poder vivir en Santiago. O Xacobeo non cambiará moito as cousas, pero hai que atallalo a tempo para que non empeore a situación actual».

Elaboración propia

«Agora hai un 50% de pisos turísticos, é dicir, un 50% menos de vivenda tradicional»

Para solucionar o problema da oferta de alugueres e o seu prezo encarecido, un endurecemento da regulación da vivenda aumentaría o benestar da cidade. Pola contra, isto ocasionaría unha perda económica considerable.

Carlos Debasa sostén que «agora hai un 50% máis de vivendas turísticas. Polo tanto, un 50% menos de vivendas de uso tradicional. A tendencia cara ao Xacobeo é que se produza unha desaparición de aínda máis pisos de estudantes, un aumento dos prezos e unha diminución das calidades». A proliferación deste tipo de vivendas está dando lugar a un proceso obrigado de transvasamento dos estudantes cara á periferia. «Os pisos turísticos non poden coartar a liberdade de residir na cidade. Algúns estudantes están vivindo en Bertamiráns, Milladoiro ou Negreira», sentencia. 

«O 80% dos pisos turísticos situados na capital galega son ilegais», di Carlos Debasa

O aloxamento turístico xera grandes beneficios para a economía da cidade. Porén, estamos acudindo a unha sorte de masificación deste mercado, con tódolos inconvenientes que supón: menor calidade dos servizos, cidades convertidas en parques temáticos e pouco espazo para os residentes. 

Manoel Pérez afirma que «o turismo en Santiago de Compostela é de tipo estacional: bota un día e vaise. É un turismo light».

Paralelamente, Navia Rivas engade que este é «un turismo que non vai aos museos, non compra en Santiago e, sobre todo, que case non queda durmir. Isto baleira de contido a cidade histórica. Cada vez o Casco Vello é máis dificil para vivir. Unha calidade pésima e prezos demasiado altos». A concelleira tamén presta atención ás consecuencias que ocasiona o turismo na economía minorista: «Están pechando os negocios tradicionais e no seu sitio abren albergues ou tendas de souvenirs. Desta maneira, prodúcese unha alteración grave no comercio, que afecta aos veciños e a calquera que se queira asentar». Fronte a esta situación, a concelleira asegura que a solución pasa por dúas actuacións claras: «frear este trasbase de comercio de toda a vida cara a establecementos para turistas. Por outro lado, fomentar outro modelo de turismo que non sexa só ver a catedral e marchar».

Por hoxe quedamos aquí, pero temos máis! Non vos olvidedes de comprobar as redes do Observatorio para saber antes que ninguén cando publicamos a segunda parte desta fructífera conversa. Algún de vós sufriu nas súas propias carnes esta experiencia? Fáinolo saber nos comentarios, ou nas nosas redes!

3 comentarios en “Ano Santo para uns, precariedade para outros

  1. Totalmente de acordo co enfoque desta publicación. Creo que a problemática xenera outro impacto fundamental: a incapacidade para pagar un piso pode supoñer a imposibilidade de moitos xóvenes para estudar.
    Creo que esta situación é aínda máis dramática se temos en conta que Santiago é a maior cidade universitaria galega. Os estudantes desprázanse a esta cidade por necesidade, non por gusto, para dispoñer dun servizo que poderíamos considerar esencial no seu desenvolvemento persoal e profesional.
    O aumento dos prezos implica privar a moitas familias e xóvenes da posibilidade de vivir nesta cidade e por tanto, de acceder a estudar. A longo prazo, isto quere dicir que a xente con menos ingresos non podería acceder a bos postos de traballo e, por tanto, a mobilidade social sería imposible.

    Liked by 1 person

  2. Grazas Aldara por tan boa lectura da publicación. Efectivamente, dende #S2D con ela queriamos invitar a esa reflexión. Os estudantes están vendo como cada ano se está a producir un agravamento considerable da situación existente cos alugueiros. É máis, agora debido ao emprego precario e a situación dos estudantes, a aposta polos os pisos turísticos aumenta. Isto leva a unha menor dispoñibilidade da vivenda para alugar, que fai que os prezos se poñan polas nubes e que os residentes da cidade non poidan facer fronte a este pago. Polo que é un problema que en definitiva, afecta a todos.

    Cos alugueres orientados para o turismo temos tamén a problemática dunha cidade convertida nun parque temático, enfocada para o seu desfrute ocasional. O aloxamento turístico xera grandes beneficios para a economía da cidade, pero agora estamos acudindo a unha especie de masificación deste mercado, cos inconvintes que isto supón para todo aquel que queira asentarse en Compostela. Isto tamén o sinalaba Navia Rivas apuntando que o modelo de turismo actual baleira de contido a cidade histórica e deixa unha calidade pésima duns servizos cada vez máis custosos. Quitándolle tamén o seu posto aos negocios tradicionais que xa non teñen cabida nunha cidade puramente turística.

    A solución pasa por poñer un límite e un control a isto, que terá que ser a través dunha normativa. A lei que temos agora é moi mellorable, pero o problema xa non é ese, a cuestión é que en moitos caso non se cumpre e temos mencionado moitas veces o alugueiro pirata. Se estás interesada nestes temas, convídote tamén a que lle botes un ollo ao fenómeno do co-living, do que falamos na seguinte publicación, e que vén a ser outro efecto máis da incapacidade de facer fronte ao pago dunha vivenda.

    Gústame

    1. Bos días, Alba! Moi interesante tamén o artigo do co-living.

      Para mellorar a nosa normativa, creo que debemos mirar tamén cara fóra. A min gústame moito a iniciativa de Londres (tamén implantado en París e Madrid), que dende 2015 non permite aos caseiros alugar a súa vivenda con fins turísticos máis de 90 días. Deste xeito, aos propietarios sáelles máis a conta alugar todo o ano a xente que vaia vivir á cidade, e non só 3 meses aos turistas. Afecta tamén ás vivendas con co-living, de feito é un dos principais mecanismos para atallalo.

      Un saúdo!

      Gústame

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair /  Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair /  Cambiar )

Conectando a %s

This site uses Akismet to reduce spam. Learn how your comment data is processed.