O confinamento das persoas en situación de rúa: o pavillón municipal de Lugo

Arrojo Centeno, Paula

O 14 de marzo de 2020 decretouse o estado de alarma, medida de seguridade que obrigou á poboación española a permancer confinada nas súas casas. Non obstante, isto supuxo un problema para aquelas persoas sen un fogar onde pecharse. Segundo os datos do INE na última Enquisa ás persoas sen fogar, en Galiza había 1903 persoas sen fogar no 2016.

Ante o peche dos albergues e centros onde soían ir, as persoas sen fogar quedaron desamparadas e en situación de risco.  Por iso, cidades grandes, como é o caso de Lugo, Coruña ou Vilagarcía, adecuaron pavillóns para acoller a estas persoas. Hoxe, afondamos en como funcionan estes dispositivos de emerxencia.

Co anuncio do estado de alarma, e ante a imposibilidade de adaptar o albergue local ás medidas de protección recomendadas para frear a expansión do coronavirus, o Concello de Lugo e a Cruz Vermella procederon a habilitar o pavillón municipal para acoller a persoas sen fogar durante o confinamento. Según nos informou Manuel María López, director provincial de comunicación de Cruz Vermella en Lugo, o novo albergue entrou en funcionamento o 27 de marzo.

A día de hoxe, conviven no pavillón 36 persoas, aínda que o número varía con frecuencia. Mentres algunhas chegaron ao albergue nas semanas seguintes á súa apertura, outras marcharon en canto lles xurdiu a oportunidade de regresar ás súas cidades.

Tras falar con Mauro Seijas, psicólogo de Cruz Vermella, podemos elaborar un relato visual do albergue. Desde que comezou a súa instalación, formaron parte do proxecto técnicos de diferentes medios encargados de manter as medidas de protección necesarias: medir a distancia entre as camas, habilitar dúas zonas separadas para homes e mulleres, adaptar os aseos e as duchas para as persoas de mobilidade reducida, adecuar a zona do comedor… Deste xeito, todas as recomendacións sanitarias foron cubertas antas da apertura do pavillón.

A Cruz Vermella transforma o pavillón municipal de Lugo en dispositivo de emerxencia
(Vídeo cedido por Cruz Vermella Lugo)

O equipo encargado do funcionamento xeral do albergue está formado por nove profesionais. Entre eles, técnicos de saúde que velan polo benestar das persoas (o médico, por exemplo, pasa consulta diaria de 12:00 a 15:00, mentres os técnicos de socorro encárganse de medir a febre cada mañá e cada noite), voluntarios encargados da distribución do comedor, técnicos informáticos de apoio… É dicir, o pavillón conta con todo o persoal necesario para facer fronte a este tipo de situacións extraordinarias.

Desde a organización do albergue consideran que están ben cubertos a todos os niveis. O servizo de comedor abrangue catro comidas diarias, que son posibles grazas á achega de alimentos desde tres fontes: o concello, doazóns e os recursos propios de Cruz Vermella. Ademais, todos os usuarios están levando a cabo medidas de protección, posto que contan con existencias suficientes de materiais sanitarios como hidroxel, desinfectante ou mascarillas.

En canto á actividade interna do albergue, teñen á súa disposición numerosos servizos como unha sala de informática, ximnasio ou talleres de ocio, entre outros, para desfrutar a estadía. A maioría das persoas albergadas no pavillón están en situación de rúa ou de extrema vulnerabilidade (algunhas atopábanse na rúa, outras buscando vivenda, outras xa a tiñan, mais non cumpría as medidas adecuadas para facer fronte ao confinamento). Deste xeito, ou ben foron derivadas a través do concello, por ser usuarios habituais do albergue municipal, ou ben foron chegando procedentes doutras cidades nas que se atopaban cando deu inicio o estado de alarma.

A situación é díficil de aceptar a nivel psicolóxico para toda a poboación, e en especial para estas persoas acostumadas a outro estilo de vida. Aínda así dende Cruz Vermella afirman que existe un ambiente agradable e que o grupo está cohesionado. O pavillón converteuse nun espazo vivo de colaboración entre as persoas para que o dispositivo, ademais de cubrir as súas necesidades básicas, sirva de axuda para pasar o confinamento da mellor forma posible.

6 comentarios en “O confinamento das persoas en situación de rúa: o pavillón municipal de Lugo

  1. Unha entrada moi interesante e necesaria para visibilizar a situación dun dos colectivos máis vulnerables frente ao coronavirus.
    A provincia de Lugo é pioneira na adopción de medidas e recursos para os máis necesitados xa que, dende antes de concretarse o estado de alarma, dende a asociación Bonhomía levantábase ao voz ao grito de “Sabes quienes no se quedarán en sus casas durante los próximos días? Las personas que no tienen casa” mediante unha campaña baixo o hashtag #virusysinhogar.
    Atendendo ás prevencións enunciadas no artigo e seguindo o exemplo da Coruña, sería de utilidade advertir se debido ao fluxo variable de residentes, os novos integrantes pasan unha triaxe antes do seu ingreso para evitar que o recinto se convirta nun foco de contaxio.
    Por outra banda, tamén sería interesante coñecer a posible existencia de casos daqueles que se negan por algún motivo a abandonar as rúas e as medidas que se poderían tomar nesa situación, tendo en conta que anteriormente só podía actuarse mediante dictame xudicial.
    Un tema que reflicte unha amarga realidade, aínda moi silenciada, no que paga a pena afondar!
    Moi bo traballo!

    Gústame

  2. Ola Cristina! En primeiro lugar, moitas grazas polo teu comentario, alégranos que atoparas interesante o noso artigo.

    Concordo contigo na importancia de visibilizar a realidade das persoas sen fogar, máis aínda na actualidade, cando a crise sanitaria na que nos atopamos inmersos contribúe a agravar a súa situación. En ocasións, non somos capaces de observar máis aló das nosas propias circunstancias, invisibilizando aos colectivos máis vulnerables. Desde o noso grupo, intentamos afondar na necesidade de comprender como esta pandemia está afectando ás persoas en situación de rúa.

    En referencia á cuestión do fluxo variable de persoas no albergue, coido que, no caso do pavillón de Lugo, o equipo sanitario leva a cabo exhaustivas revisións diarias a todos os residentes. Ademais, as persoas que alí viven non teñen ningún tipo de contacto co exterior, do mesmo xeito que únicamente o equipo encargado do funcionamento do albergue pode acceder ao recinto. Aínda que, dende a súa apertura, algunhas persoas abandonaran o albergue e outras chegaran procedentes doutras cidades, as medidas sanitarias respéctanse de xeito estricto co obxectivo de reducir ao mínimo as posibilidades de contaxio.

    Por outro lado, os responsables do albergue comunicáronos que foron poucas as persoas reacias a aceptar a axuda ofrecida. Ante a ameaza dunha pandemia mundial, é natural que existan persoas ás que lles resulte máis doado adaptarse á nova situación, mentres que outras tardan máis tempo en asimilala. Sen embargo, a resposta das persoas en situación de rúa foi positiva na maior parte dos casos. Así, a axuda foi ben recibida e a maioría amosáronse agradecidos de poder pasar o confinamento nun lugar no que resultase posible garantir a súa seguridade.

    Dende o noso punto de vista, a característica máis destacable destes dispositivos de emerxencia habilitados durante a crise do coronavirus é contribuir de xeito activo no benestar das persoas albergadas. É dicir, máis aló de brindarlles un teito, axudarlles a afrontar a situación da mellor forma posible, velando sempre pola súa comodidade. Cal é a vosa opinión ao respecto?

    Gústame

    1. Boas de novo, en nome do #SE1Traballodecente estamos totalmente de acordo co voso plantexamento: non é só darlle teito, senon apoio psíquico e físico nos casos que se precisen.
      Cremos que é moi importante puntualizar que o esquema para os traballadores e voluntarios debería partir de deixar de pensar que con “cubrir as necesidades básicas” o traballo xa está ben feito, porque todos estaremos de acordo en que VIVIR é moito máis que SOBREVIVIR.
      Por outro lado sería moi interesante levar a cabo un seguimento de como é a situación en dito pavillon agora que Galiza pasou á fase 2. Sabemos que os distintos albergues de Ourense por exemplo, non relaxaron as súas restriccións e siguen suxeitos ás regras preestablecidas na fase 1, limitando os seus horarios de movemento a unhas horas moi concretas, (o que de seguro ten que estar xerando moita inquedanza e tensión). Por outro lado, o pasado luns 25 de maio cerraban as portas do pavillón de Riazor na Coruña e buscábanse “saídas adaptadas” as necesidades dos afectados.
      O traballo que se está a facer no pavillón Lucense é expecional e necesario, polo que a primeira dúbida que nos xorde é ¿Ata cando? En tempos de desescalada na que a situación xa cambiou para todos, ¿Continuarase con este servizo ou comezaran a recortar a atención e os medios destinados a este colectivo? Non sei que pensaredes vos pero, cremos que só hai dúas resolución posibles: Que estes reforzos “extra” poidan verse ameazados coa nova normalidade ou que, polo contrario, a crise do coronavirus puxera no punto de mira a situación desfavorecida de tantas persoas e se actúe en consecuencia de aquí en diante con novas propostas melloradas.

      Gústame

  3. Boas! Efectivamente, estamos dacordo en que, nestos tempos de desescalada cheos de inquedanza, é necesario aplicar medidas efectivas que permitan manter a atención nos colectivos máis vulnerables, para así evitar que o seu benestar remate no olvido.

    Neste sentido, o concello de Compostela, por exemplo, comezou a reubicar ás persoas sen fogar que pasaran a corentena no Seminario Menor de Belvís entre Cáritas, varias entidades colaboradoras e pisos de propiedade municipal. Ademais, algúns deles ingresaron nun centro terapéutico, de xeito totalmente voluntario, destinado a facilitar a súa reinserción social. Tras vivir casi dous meses nunhas condicións moi diferentes ás que acostumaban, é importante evitar, na medida do posible, o regreso destas persoas sen fogar ás condicións de vida previas ao inicio da pandemia. Neste link podedes consultar unha noticia na que se explica esta cuestión: https://www.elcorreogallego.es/santiago/los-sintecho-salen-de-belvis-para-intentar-reinsertarse-en-la-sociedad-YE3143607

    No tocante ás medidas adoptadas na cidade de Lugo tras a flexibilización do confinamento, o comedor social de San Froilán viuse na obriga de reorganizar o seu servizo. Por un lado, para adaptarse ás medidas sanitarias recomendadas e, polo outro, para facer fronte ao aumento de demanda que se produxo estos días na capital lucense. A maiores das persoas que xa acudían a esta entidade de xeito habitual, agora súmanse aquelas familias ás que a crise do coronavirus golpeou máis gravemente, así como as persoas que, ata agora, atopábanse no pavillón municipal, habilitado como albergue excepcional durante a corentena. Podedes consultar a noticia íntegra neste link: https://www.cope.es/religion/actualidad-religiosa/iglesia-en-espana/noticias/lugo-duplica-demanda-comedor-social-san-froilan-20200520_727103 Ademais, a organización Cruz Vermella puxo en marcha unha iniciativa para axudar ás familias con dificultades económicas: un sistema de tarxetas de compra, de entre 50 e 80 euros, para cubrir os gastos alimentarios de 500 fogares de toda a provincia (https://www.lavozdegalicia.es/noticia/sociedad/2020/05/18/cruz-roja-reparte-vales-compra-500-familias-provincia/0003_202005L18C1996.htm)

    Gústame

  4. Boas noites!
    Primeiro de todo, dende o #S1ETraballoDecente queremos agradecervos a rapidez e calidade ca que respondestes ás nosas dúbidas. Noraboa pola vosa labor ao longo de toda a investigación e polo compromiso e fidelidade no tratamento da información recollida.

    As ligazóns aportadas son de gran utilidade para levar a cabo un seguimento do tema en cuestión e por iso parécenos importante amosar este artigo que data do pasado Luns no cal se actualiza a situación do pavillón da Xunqueira, a labor dos traballadores sociais no seguimento das rutinas dos usuarios e a súa reubicación.

    https://www.galiciapress.es/texto-diario/mostrar/1976172/pontevedra-cierra-albergue-habilitado-durante-ocho-semanas-techo-pabellon-multiusos

    Agardamos que neste comezo da fase 3 se continúe velando pola seguridade e a instauración dunhas condicións dignas para os máis desfavorecidos. A nivel persoal anímovos a seguir escudriñando na materia e de novo, parabéns.

    Gústame

  5. Boas tardes!

    Moitas grazas polas túas palabras. Pola nosa parte, queremos agradecervos os vosos comentarios, sempre útiles e enriquecedores, e o voso interese polo noso traballo.

    Con respecto ao artigo ao que fas referencia, resulta moi necesario para coñecer información detallada sobre o futuro das persoas albergadas no citado pavillón durante o confinamento e, a maiores, para destacar a importancia de continuar ofrecéndolles axuda a longo prazo, sen esquecelas agora que xa nos atopamos na fase 3 da desescalada.

    Unha vez máis, moitas grazas polo voso apoio, a sociedade precisa de máis xente con ganas de visibilizar aos colectivos máis desfavorecidos e de rematar cos prexuízos que perseguen ás persoas que sofren a pobreza nas súas diversas manifestacións. Un saúdo!

    Gústame

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair /  Cambiar )

Google photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google. Sair /  Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair /  Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair /  Cambiar )

Conectando a %s

This site uses Akismet to reduce spam. Learn how your comment data is processed.