Eirea Orro, Catalina
A dificultade para o confinamento das persoas sen fogar cobrou importancia en todas as provincias galegas. Cidades como Lugo habilitaron pavillóns como dispostivios de emerxencia, mentres que noutras cidades galegas se aproveitaron os albergues xa existentes. Este é o caso que se dá en Santiago de Compostela, onde hai dous lugares onde pasar o confinamento.
O albergue Xoán XXIII, que funciona como albergue principal da cidade compostelá, ten agora vinte prazas para a corentena, das que están cubertas once. Como dispositivo de emerxencia, o concello solicitou o Seminario Menor de Belvís, que agora funciona como albergue dirixido polo equipo de Cáritas. Íñigo Arranz, encargado de comunicación de Cáritas, e Patricia Camiña, directora do Centro Vieiro e traballadora actual no Seminairo Menor, contáronnos como é a vida neste dispositivo de emerxencia.
O Seminario abriu o 24 de marzo, e actualmente hai dezanove persoas albergadas, todos homes excepto unha muller, quedando libre só unha habitación. No Seminario todos teñen habitacións propias (equipadas cun escritorio, cadeira, cama, lavamans e armario) e os baños son colectivos, un para homes e outro para mulleres. Os protocolos de seguridade dentro do albergue son iguais aos que se seguen no resto de casas, respectando a hixiene e distancias de seguridade, especialmente no comedor, onde comen todos xuntos.
Os servizos do Seminario están externalizados: a comida chega dunha empresa externa que leva catering, a limpeza de roupa está en mans doutra empresa, o concello proporciona unha persoa de vixilancia a todas horas e tamén a unidade de drogodependencia (UMAD), que se encarga do seguimento médico. Ademais, os traballadores de Cáritas fan un seguimento psicolóxico dos albergados, con entrevistas individuais nas que estes poden contarlles como se senten, que necesitan ou a que lles gustaría dedicar o tempo libre.
O contacto co exterior está limitado aos traballadores, que se encargan de mercar todo o necesario, dende tabaco (para evitar o malestar de fumadores) e medicinas ata materiais para facer manualidades ou revistas de todo tipo. Explícannos que as persoas que agora viven aí dedican o seu tempo a ler e escribir, e agrúpanse segundo as súas aficións. Para estas actividades, contan cunha sala de televisión e prensa, unha biblioteca, un campo de fútbol e mesa de ping pong. Non obstante, non todo é ocio, e os albergados deben colaborar e seguir unha disciplina, polo que entre todos limpan o Seminario.
Cáritas leva tamén o albergue de San Javier en Pontevedra, onde se uniron con outra entidade relixiosa, Calor e Café, para montar un dispositivo de emerxencia que alberga agora a 21 persoas. O funcionamento é semellante ao de Santiago, coa excepción de que ao ter finca, permiten aos albergados ter con eles aos seus cans. En Pontevedra deuse un caso positivo, e o protocolo de actuación foi envialo ao hospital, manter illadas ás persoas en contacto ata que deron negativo, cando puideron volver á vida normal. En Santiago, de suceder o mesmo, o sistema de actuación sería igual, xa contan cunha habitación onde poderían illar ao infectado.
O obxectivo destes dispositivos de emerxencia vai máis alá de proporcionar un teito e un lugar onde confinarse, axudando ás persoas en situación de rúa a asimilar animicamente esta difícil situación, a través da creación dun espazo de benestar, confianza e comodidade. A pandemia visibilizou un problema social moi grave, o das persoas en situación de rúa, e buscou solucións. Non obstante, son solucións momentáneas, e o futuro destas persoas cando o confinamento remate é unha preocupación que ocupa a expertos e voluntarios, pero sobre todo, a eles mesmos.
Que entrada tan necesaria! É fácil de ler e comprender, non se fai pesada e resume moi ben a información. Paréceme moi importante visibilizar a situación das persoas sen fogar, e máis nunha situación de crise sanitaria como a que estamos vivindo. As persoas en risco de exclusión social sempre son esquecidas polo resto da sociedade e entradas coma esta lémbrannos que existen realidades máis alá da nosa. E como di o artigo que enlazades “tivo que vir unha pandemia para visibilizar a realidade das persoas sen fogar”. Noraboa polo traballo!
O labor social que está realizando o Concello de Santiago agradécese e é moi necesario. Considero que este tipo de problemas deberían ocuparse (maioritariamente, polo menos) estes organismos, e non outro tipo de organizacións como podería ser Cáritas. Vós que opinades, debería ser o concello quen xestionase as axudas a persoas en risco de exclusión social?
Agrádame saber que se están a tomar medidas para axudar a xente sen fogar, xa non só ofrecerlles un lugar onde durmir, ducharse e comida, senón tamén apoio psicolóxico, seguimento médico e actividades de lecer. A saúde mental e física das persoas sen fogar son aspectos que non se soen ter en conta e son igual de importantes. Preocúpame pensar que estas axudas finalizarán cando a crise sanitaria se estabilice e remate o estado de alarma, sabedes se algunha destas organizacións continuarán con elas cando “acabe” a pandemia? Mirándoo polo lado positivo, é probable que a situación servira para concienciar a sociedade ao visibilizar estas problemáticas, vós que opinades? Estaremos máis concienciados e comezaremos a tomar medidas para axudar a xente sen recursos?
GústameGústame
Ola Aroa! Moitas grazas polo teu comentario, alégranos que te gustara o noso traballo.
Respecto á túa pregunta, nós cremos que é esencial que sexan as institucións públicas as que xestionen as axudas e albergues, e non outras organizacións. As becas e demais axudas deben ser xustas, públicas e chegar a todas as persoas que as necesiten, e a maneira de aseguralo é que sexa o Estado quen as reparta, e non asociacións privadas.
Esta clase de organismos soen caer no lavado de imaxe, utilizando as labores pola cidadanía como publicidade (e incluso nalgunhas ocasións, as accións filantrópicas de grandes empresas ou empresarios agochan estafas e corrupcións). Certo é que non sempre é así, e que a labor de organizacións como cáritas é moi importante, como se está vendo nesta pandemia. Achegamos este artigo de El Orden Mundial que fai un repaso pola historia da filantropía, explicando as orixes e motivacións: https://elordenmundial.com/la-filantropia-en-los-tiempos-del-capitalismo/
Concordamos en que o qué pasará cando remate a corentena é preocupante, sobre todo para as persoas en situación de rúa. Segundo nos informaron, é imposible que permanezan máis tempo no Seminario, xa que non é un dispositivo que pertenza nin ao Concello nin a Cáritas. Dende Cáritas, intentan guiar ás persoas que se atopan neste dispositivo cara ao Centro Vieiro, dende onde poderán seguir axudándoas e proporcionándolles tratamentos e axudas para atopar un lugar onde vivir.
Tamén cremos que a situación si serviu para concienciar á poboación sobre os riscos de vivir na rúa, mostrando a cantidade de persoas que se atopan nesta situación. O problema fíxose moito máis visible agora que apareceu nos medios de comunicación, mostrando as medidas levadas a cabo en distintas cidades. Non obstante, non se atopará solución por saír un par de días nos medios, e debe haber un compromiso das institucións por solucionar esta problemática, aínda queda moito por facer!
GústameLiked by 1 person
Boas! Resultoume moi interesante o artigo sobre a historia da filantropía, moitas grazas por recomendalo! Estou de acordo con vós, deberían ser as institucións públicas as xestionasen os albergues e este tipo de axudas, e non organizacións privadas. É unha mágoa que as persoas en situación de rúa non poidan continuar no seminario logo do remate da corentena. Con todo, alégrame saber que polo menos intentarán buscar novas solucións e recursos.
Hai que mirar os aspectos positivos da situación e pensar que agora esta problemática está máis visibilizada e é probable que se destinen máis a axudas para as persoas en risco de exclusión social, aínda que seguen sendo ignoradas polas institución. Como dis ti, queda moito por facer. Déixovos aquí este artigo sobre outras realidades que xa existían antes de que comezara a crise pero que das que aínda non se fala o suficiente https://www.lamarea.com/2020/04/02/el-mundo-ya-era-asi-antes-de-la-covid-19-aunque-sigamos-sin-quererlo-ver/
GústameGústame
Certo é que antes do coronavirus xa había crises que merecían toda a atención mundial e esforzos por solucionalas, aínda que non os recibiran. O exemplo da crise migratoria que aparece no artigo citado, e que non se paralizou como o resto do mundo, é un deles. Que a COVID-19 vai afectar sobre todo aos máis desfavorecidos é un feito. Respecto á economía serán as persoas en peores situacións as que teñan máis problemas durante a recesión que se pronostica, pero tamén empeorará a situación de outros colectivos, como os migrantes.
A propagación do virus serviu a moitas persoas como escuso para afianzar os seus discursos xenófobos, rexeitando aos estranxeiros e migrantes durante a crise sanitaria (e probablemente este discurso de odio manterase moito tempo máis). Isto afecta tanto a emigrantes que intentan escapar dos seus países (nos que, como indica o artigo, é moi difícil combater ao virus), como a persoas doutras etnias que se ven afectadas polos prexuízos. Achegamos esta páxina, https://migracion.maldita.es/category/articulos/, que informa sobre migración e desminte os bulos que se difunden respecto a este tema, nun tempo de crise no que a información veraz queda diluída entre fake news e histeria.
Non obstante, os países subdesenvolvidos non son os únicos nos que a situación é crítica. Estados Unidos vive unha pandemia marcada polas desigualdades. Cun sistema sanitario privado e un presidente pouco preocupado polas minorías, evitar o contaxio (e superalo) é difícil para as persoas baixo o limiar pobreza. Nos seguintes artigos fálase das condicións nas que viven as persoas en situación de rúa, durmindo en aparcamentos e sen medidas de seguridade: https://www.lavanguardia.com/internacional/20200401/48233446855/estados-unidos-coronavirus-pais-pobres-sintecho.html e https://www.bbc.com/mundo/noticias-52234405.
Analizar o impacto do coronavirus a nivel mundial, vendo como afecta nos países menos e máis desenvoltos, lévanos a unha conclusión: é moito máis complicado superar a pandemia en situación de pobreza, tanto en países ricos como EEUU como nos menos preparados. Vós que opinades?
GústameGústame
Concordamos con vós. Se xa é difícil sobrevivir nunha situación de pobreza, o reto complícase moito máis durante unha pandemia. Como se ve nos artigos que nos facilitastes EEUU reflicte esa realidade. O sistema sanitario privado imposibilita (agora e sempre) que as persoas que se atopan baixo o limiar da pobreza poidan acceder a el; non contan cos medicamentos nin os coidados necesarios no caso de estar contaxiados. Para as persoas en situación de rúa é moito peor, sen un lugar non que durmir e nin medidas de hixiene necesarias. Son circunstancias críticas, e moito máis cando nin sequera o goberno se preocupa por eles.
A situación dos migrantes tamén é preocupante e hai quen se aproveita dela https://www.lamarea.com/2020/04/17/las-personas-a-las-que-ahora-en-plena-pandemia-si-quieren-como-trabajadoras/. Esperemos que esta situación non se prolongue durante máis tempo e se poidan tomar as medidas necesarias para poder axudar ás persoas que o necesitan. Moitas grazas por resolvernos as dúbidas!
GústameGústame
Efectivamente, a crise sanitaria foi en parte un altofalante para dar voz ás situacións máis precarias e críticas. Cando a poboación se pechou en casa sen quitar o ollo da televisión, do xornal e das redes, era máis doado captar a atención en noticias sobre as persoas en situación de rúa, os traballadores precarios e a explotación laboral. Neste sentido, agardamos que a corentena e a información que saíu á luz neste tempo serviran de algo, e realmente a cidadanía e o Goberno estean máis concienciados coa problemática social que é a pobreza. Moi interesante o artigo sobre como agora os migrantes atopan traballo, ilustra moi ben os tempos que estamos vivindo.
O importante é non esquecer cando todo isto pase (que esperamos que sexa pronto) o impacto real da pandemia. Repetiuse durante a corentena, entre o #euquedonacasa e os aplausos, que o coronavirus non entendía de clases. Pero si o fixo. Os máis vulnerables eran as persoas en situacións máis precarias (migrantes, traballadores, persoas en situación de rúa…), e mentres os famosos cantaban “Imagine” dende as súas piscinas, familias numerosas compartían pisos minúsculos, traballaban sen a seguridade necesaria e perdían ingresos mentres se mantiñan os gastos. Aínda que o confinamento visibilizou esta realidade, é importante non esquecela cando remate. Achegamos este artigo, que ilustra moi ben o tema do que estamos a falar: http://www.izquierdadiario.es/La-cuarentena-tambien-es-de-clase-como-la-llevan-los-ricos. A COVID-19 é un virus que, coma sempre acontece, si entende de clase. Moitas grazas a vós por propoñer debates tan interesantes!
GústameLiked by 1 person