Sagrario Fernández, traballadora social: «A vivenda converteuse no principal factor de exclusión humana»

A traballadora social do Servizo Galego de Saúde (SERGAS), Sagrario Fernández Méndez, redacta unha columna para o Observatorio na que expón a súa visión da vivenda digna coma dereito humano e fala do risco de exclusión social que desampara ás familias no marco da COVID-19.


Sagrario Fernández, traballadora social no SERGAS

Se non hai vivenda, se non hai vivenda digna, as persoas non podemos desenvolver as nosas capacidades porque algo, un espazo, nos sitúa no lugar de sempre. As xerarquías sociais baséanse a miúdo en que do lugar é difícil  escapar, pois polo seu condicionamento estamos condenadas a vivir e repetir incluso de forma xeracional as mesmas situacións. Non é unha cuestión meramente individual, non é unha opción libre como nos queren facer crer as teorías oportunistas das democracias neoliberais. É un problema social e estrutural que se foi construíndo deliberadamente ao longo dos anos. 

Agora mesmo, dende que os fondos de inversión comezaron como nunca a especular coa vivenda ao abeiro dos gobernos, incluso como estamos vendo coa crise residencial e dos coidados das persoas maiores, a vivenda converteuse no principal factor de exclusión. Esta exclusión non só afecta ás persoas que viven na rúa, senón a todas as que destinan sobre un 30% e un 40%  do seu salario a pagar as mensualidades da vivenda, xa sexa en alugueiro ou en compra.

Debido á situación de alerta sanitaria polo coronavirus, penso que se están visualizando as eivas de tres esferas básicas que teñen moito que ver coa redistribución da riqueza e coa explotación de recursos medioambientais, que son o comercio e produción a pequena escala, o problema habitacional e, como consecuencia, a crise dos coidados no sentido máis amplo da palabra. Nesta última, estanse a facer evidentes os problemas derivados da masificacións e dunha morea de problemas relacionados coa adecuación, pero no fondo ao que nos enfrontamos é á escasa protección das persoas no seu dereito de acceso á vivenda. Xa non estamos a falar de persoas en situación de rúa, senón de xente que pasa o confinamento en situacións insostibles e de persoas que tiñan unha vida laboral  e social normalizada, que nunca lles fixera falta recorrer aos servizos sociais, e de súpeto, por primeira vez na súa vida, vense acudindo a un albergue coas súas pertenzas.

Xa antes do coronavirus nos atopabamos con que 1 de cada 5 galegos estaban en situación de exclusión social, segundo o Informe FOESSA sobre Exclusión y Desarrollo Social en Galicia 2019. O mesmo informe sinala que o 64,9% das persoas en exclusión atópanse afectadas por esta dimensión e pon de relevo que o elemento de maior exclusión é a vivenda: o 28,3% da poboación reside en vivendas inseguras e o 18,9% en vivendas insalubres, constatándose cada vez un aumento da feminización da pobreza.

Non parece que, malia o incremento da pobreza que xera a vivenda, se estean a tomar medidas políticas senón que, pola contra, a oferta de vivenda social por parte da Xunta decaeu nos últimos anos dunha forma estrepitosa, pasando de haber segundo o INE un número de 3.840 calificacións definitivas en 1997, a haber só 4 no 2010 e 8 no 2018. Isto pese a haber daquela unhas 12.000 persoas inscritas no Rexistro de Demandantes da Xunta de Galicia. Agora mesmo hai 15.015 persoas inscritas.

Por unha banda, teriamos que comentar que aquelas persoas que superan o 0,7 do Iprem (Indicador Público de Renda de Efectos Múltiples; (en 2020, 537,84 euros mensuais) xa non poden acceder a unha vivenda social. O que é o mesmo que dicir que precisamente as persoas con menos ingresos son as que  se expulsan do acceso a unha vivenda social.

Se a sociedade foi derivando cara a un carácter cada vez máis individualista, esta perspectiva tamén se colou no campo da intervención social. A perspectiva comunitaria foise perdendo e cada vez se está realizando un traballo máis pendente da burocracia e das actividades puntuais que das propias persoas. Polo tanto, é necesaria unha volta ao traballo en clave comunitaria e pensar na cohesión social non só como un fin, senón como un medio no que se enriquecen as relacións e que lles dá vida ás persoas e ás comunidades.

2 comentarios en “Sagrario Fernández, traballadora social: «A vivenda converteuse no principal factor de exclusión humana»

  1. Boas! Acabo de ler esta colummna escrita por Sagrario para a vosa meta ODS e non me poden parecer máis acertadas as súas palabras!

    Cando xurdiu todo o relacionado co covid19 dábame moita incertidume saber que ía a ocorrer con todas as persoas sen fogar que había en España. Como ían a ser confinados sen ter un lugar onde facelo? O Goberno atendería a estas persoas ou deixaríanas de lado? E os que vivían refuxiados e tiñan unhas pésimas condicións de subsistir? Eran moitas as preguntas.

    En Galicia a iniciativa para axudar a estas persoas foi por medio de instalacións públicas, como en Salcedo e, posteriormente, comezaron a abrir albergues, como foi o caso da cidade de Pontevedra, para aumentar o aforo aos desamparados. Os concellos das cidades de Santiago e Vigo custearonse pernoctas nas pensións para os que non tiñan fogar onde refuxiarse, pero a axuda foi insuficiente para abarcar a todas as persoas que o solicitaban. Ademais, compre destacar que son grupos vulnerables tanto para contraer como para confrontar o coronavirus.

    En Barcelona, a Fundación Arrels foi a que reclamou por eles e solicitou ás administracións a apertura de novos espazos para as persoas que non tiñan teito onde protexerse da pandemia. Como ben dicía Sagrario, en tempos nos que debemos estar máis unidos ca nunca é onde se percibe o individualismo das persoas. Falamos de máis 2000 persoas sen lugar onde refuxiarse só na cidade de Barcelona, unha cidade repleta de instalacións de hostais, hoteis e apartamentos turísticos baleiros que poderían ceder temporalmente os seus espazos para os deamparados dende o momento que se iniciou o confinamento. Pola outra banda, os servizos sociais víronse cada vez máis presionados ao reducirse todo tipo de actividade laboral, algo que agravou aínda máis esta situación.

    Aquí vos deixo declaracións de Enrique, un home que leva máis de 15 anos vivindo na calle e conta como foi para eles vivir esta situación. Por se non a vistes e queredes botarlle un ollo. Desgarrador.

    https://www.20minutos.es/noticia/4191100/0/palo-hacer-posible-aislarte-coronavirus-sin-techo-gente-con-casa-sin-tomar-medidas/

    Pola outra banda, os subsidios para as empregadas de fogar, contratados temporais sen dereito a prestación, traballadores de supermercados e os ERTES para aqueles empregados de empresas que se viron obrigados a pechar, desgrazadamente, son insuficientes para cubrir gastos de fogares, polo que as desigualdades continúan a crecer. E isto non fará máis que empeorar pois, no caso dos traballadores que tiveron que aceptar o Erte, deberán devolver en horas o tempo que estiveron confinados. Noutras palabras, supoño que os acordos nos contratos optarán por reducir o periodo de vacacións que lles corresponde aos traballadores ou incrementar o seu horario laboral, pois o plazo de devolución de ditas horas finaliza o 31 de decembro.

    Cando comeza unha crise o sector máis castigado sempre é aquel que non ten unha economía alta, propio dunha sociedade consumista e capitalista.

    Por todo isto estou completamente dacordo coa frase de Sagrario: a vivenda é o principal factor de exclusión humana.

    Parabéns!

    Gústame

    1. Moitas grazas polo comentario!

      Está claro que cando ocorren contratempos a nivel nacional ou internacional -neste caso unha pandemia, pero poderíamos falar de terremotos, temporais ou mesmo conflitos- os primeros afectados sempre son os máis débiles.

      Para os gobernos -incluso os dos países máis desenvolvidos- é moi difícil estar preparados para calquera tipo de crise (polo seu carácter imprevisible, e polas particularidades que ten cada tipo).

      Agradecemos moito a recomendación do artigo de 20 Minutos. Realmente, son ese tipo de historias as que logran facer visibles a problemática que existe. En moitas ocasións, máis das que podamos chegar a pensar, unha parte importante da poboación non consegue empatizar con persoas como Enrique porque non lles poñen cara. O máis habitual nos medios xeralistas é falar de mortos, enfermos ou persoas sen teito coma un número; unha simple cifra. Desta maneira é máis difícil saber o que verdadeiramente está pasando e, sobre todo, espertar algún sentimento no lector.

      Polo de agora, debemos seguir confiando na solidariedade da persoa que temos ó lado. É o que nos queda. Por outra banda, é moi iportante continuar concienciando e poñendo nomes e apelidos as este tipo de condicións para que non se repitan.

      Grazas de novo polo comentario, un saúdo!

      Gústame

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair /  Cambiar )

Google photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google. Sair /  Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair /  Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair /  Cambiar )

Conectando a %s

This site uses Akismet to reduce spam. Learn how your comment data is processed.