A realidade dos afectados por ERTE

CURROS ESPIÑO, Iria e FERNÁNDEZ MORETE, Malena

Carla Méndez Sández, adestradora de equipos base de baloncesto no club Compañía de María de Santiago de Compostela (A Coruña)
«Para o meu nivel económico, o ERTE é un problema: cobro o 70% do soldo (co que pagaba o meu piso en Santiago, onde estudo) e os gastos persoais para non saturar aos meus pais. O piso teño que seguir pagándoo aínda que estea no meu lugar de residencia habitual» explica Carla. A perda de parte do soldo está sendo un problema para moitos traballadores: «na corentena estou tendo períodos de bastante ansiedade xa que se xunta todo. Por unha banda o diñeiro, despois a carga de materia na universidade cunha resposta docente precaria…».

Porén, non valora que sexa una mala solución: «creo que o ERTE foi a única opción sostible que se presentou para as pequenas e medianas empresas con poucos recursos. Eu traballo nun club de baloncesto: se non hai adestramento non podemos obter beneficios para pagar as nóminas. Tirar do diñeiro estatal é o único xeito que temos para evitar o despido do persoal».

Aínda así, a crise do coronavirus vai marcar a diferenza no ámbito laboral, cóntanos Carla. «Trala corentena, a situación laboral no meu traballo non poderá ser normal. Ao ser un deporte de contacto sería unha irresponsabilidade retomar os adestramentos normais e as correspondentes competicións. Poderían facerse adestramentos individuais pero habería que cambiar totalmente a forma e a estrutura do traballo».

María Peña, profesora particular, Ibiza (Baleares)
«Teño un ERTE en dúas empresas. Por unha banda afectoume polo feito de que cobras un 70% do soldo correspondente, pero por outra banda saín beneficiada, xa que cobro por horas. Porén, a verdade é que a miña situación na corentena foi ben. Teño a sorte de vivir na casa dos meus pais o que supón non ter gastos económicos grandes. Só estou pagando os gastos do meu coche» relata. 

María traballa como profesora en dúas empresas: «na primeira empresa nun primeiro momento non me deron a opción do ERTE. Ofrecéronme seguir cobrando e despois devolver as horas ou que eu mesma me dera de baixa. Ningunha me compensaba xa que perdía diñeiro. Loitei coa empresa para poder conseguir o ERTE e non perder diñeiro nin cotización. Na segunda empresa foi inevitable, aínda que poderíamos ter continuado dando clases de repaso vía Skype».

Agarda que despois da corentena a súa situación laboral volte á normalidade: «os meus traballos son en escolas con nenos así que non retomaremos as clases ata setembro. Na academia de repaso conto con volver en xuño á carga se todo vai ben». 

Como outras moitas persoas, María tamén tivo problemas co cobro da prestación de desemprego: «con respecto ao cobro, si que tiven problemas. Aínda non cobrei a parte de abril de ningunha das empresas. Coido que se solucione pronto e entendo que todo funcione máis lento pola gran demanda que hai» conta María.

Álvaro, monitor nunha ludoteca, Ponferrada (León)
«O ERTE para min supón unha axuda a nivel económico nestes momentos polo feito de que eu ao traballar poucas horas non coticei o suficiente para recibir unha prestación por desemprego. Tal e como estamos, eu penso que é a mellor solución, xa que a parte de recibir unha certa cantidade económica ao mes temos certa certeza de que conservamos os nosos postos cando todo isto remate». Porén, Álvaro conta cun contrato temporal, polo que a situación pode variar: «no meu caso dubido moito conservar o traballo que tiña xa que estaba nunha ludoteca e os nosos xefes xa nos advertiron que é probable que pechen a zona uns cantos meses. Unha vez remate o ERTE en xuño non sei que pasará comigo e os meus compañeiros» relata Álvaro.

Traballadora anónima, Galicia
«O meu ERTE é ao 50% así que paso de ter un salario decente a simplemente sobrevivir. A pesar disto estou levando ben a corentena porque teño aforros e ninguén depende de min», explica. «Creo que a empresa pediu un ERTE simplemente porque podía facelo e que a carga de traballo non baixou tanto, ademais é parte dun grupo mais grande que podía facerse cargo dos supostos problemas financeiros. Teño un contrato temporal e creo que non van renovar a ningún dos que estamos nesta situación». «O director da empresa na que traballo, dous días despois de pedir o ERTE, saíu na prensa dicindo que non ía facer ERTEs e que ía haber un plus para os empregados. As empresas fixeron moita propaganda con isto», denuncia.

Traballadora de empresa supeditada a Inditex, Negreira (A Coruña)
«Sínteste impotente en todos os sentidos. Pero como ten que ser así, hai que aguantarse», explica a traballadora. Non obstante, o ERTE era a única opción da empresa.  «A miña empresa fixo ben en acollerse ao ERTE, porque era a nosa única solución, ademais de que claro, todas as tendas cerraron e non nos mandaban traballo. Para min salo perdendo, claro. Pero se o miro por outro lado eu si que vou andar a traballar, máis teño compañeiras que, o 70% que estamos cobrando no ERTE, compénsalle porque non gastan no desprazamento», explica. As condicións nas que traballan fan imposible cumprir as medidas de seguridade. «Non temos nin sequera un metro de distancia entre elas, ao estar traballando con máquinas estamos todas en fila, evidentemente en contacto pleno. Estiven traballando ata a semana a que quitaron todos os servizos non esenciais», conta.

4 comentarios en “A realidade dos afectados por ERTE

  1. Boas compañeiras! Felicitacións polo bo traballo que estades facendo retratando a situación dos traballadores durante a pandemia. É moi interesante dar voz aos propios afectados, como facedes nesta publicación, mostrando as diferentes caras dos ERTEs. Parécenos un acerto mostrar tantos testemuños, con diferentes experiencias cos ERTEs; algúns con problemas nos cobros, para outros supón unha axuda indispensable, etc. Para moitos traballadores, cobrar esta prestación é a única maneira de manter (en menor medida) os ingresos para poder enfrontarse aos gastos. Non obstante, o que moitos dos entrevistados nesta publicación teñen en común é que se fan a mesma pregunta; que pasará co ERTE cando todo isto pase?

    Segundo avanzan as fases para chegar á nova normalidade, máis tendas, empresas e comercios teñen a opción de volver á actividade, con novas restricións e protocolos (un exemplo é a hostelería, que na fase 1 puido abrir terrazas con distancia de seguridade e menos aforo, e a partir da fase 2 poderá abrir o interior dos establecementos respectando as medidas de seguridade). Aínda así, moitos traballadores non recuperarán o seu posto de traballo ata pasado moito tempo, como explica Carla Méndez na vosa publicación, o que pode supoñer moitos meses máis vivindo de prestacións. Que pasará coas persoas que sobreviven grazas aos ERTEs se remata o Estado de Alarma? E que pasará cando a maioría de oficios volvan pero algúns aínda non poidan facelo? Este artigo explica a situación: https://www.elmundo.es/economia/2020/05/05/5eb15015fdddff79148b457d.html

    O impacto económico da pandemia é innegable, e o ERTE foi unha solución (mellor ou peor), pero non a única. O Goberno traballou na Renda Mínima Vital, unha axuda económica para os fogares en risco de pobreza durante a crise sanitaria, que chegará a en torno un millón de casas no mes de xuño. Esta medida deu moito que falar, sobre todo respecto a quen podería beneficiarse da medida. Neste sentido, os protagonistas do debate foron sobre todo okupas e inmigrantes. Achegamos un par de artigos que falan sobre este tema: https://www.20minutos.es/noticia/4247794/0/gobierno-autoriza-empadronamiento-viviendas-okupadas-cuevas-ingreso-minimo-vital/ e https://www.eldiario.es/desalambre/Renta-minima-Baleares-inmigrantes_0_1019798251.html.

    Estas medidas, o Ingreso Mínimo Vital e o ERTE, mostran que existe a necesidade de protexer economicamente a familias e traballadores, pero aínda quedan baleiros que deberían cubrirse. Credes que son medidas plurais e que protexen realmente a todos os cidadáns? Podería haber medidas máis acertadas? Que pasará cando remate o Estado de Alarma con estas axudas e como pode afectar iso aos que as necesitan? Un saúdo!

    Liked by 1 person

    1. Ola, Catalina! Moitas grazas polo teu comentario, alegrámonos de que che gustara a publicación!! A situación dos traballadores en ERTE logo do estado de alarma está chea de incertezas e como di no artigo de El mundo é fundamental chegar a un acordo cos sindicatos. A pandemia afectou negativamente a case todos os negocios, haberá algúns que ao remate do estado de alarma poderán volver abrir e contratar de novo aos seus traballadores, mentres que outros terán que pechar logo de dous meses sen ningún ingreso. Moitos traballadores quedarán no paro con todo o que iso conleva. É necesario que o Goberno tome medidas para axudar a todas as persoas afectadas por esta crise.

      Na teoría o Ingreso Mínimo Vital parece unha boa solución ante esta problemática, pero hai que ver como se xestiona á hora de poñela en práctica, ti que opinas sobre ela? Nós cremos que pode chegar a ser unha boa medida, ademais, é o que se necesita agora mesmo: garantir que todas as familias poidan facer fronte aos seus gastos e que vivan de xeito digno e, sobre todo, sen excluír a ninguén. Sempre se necesitou unha medida destas características, agora falta que se implante de xeito xusto. A ti que che parece?

      De todas formas consideramos que é unha medida a curto prazo e logo dunha crise deste calibre tamén se necesitan outras solucións de carácter social, como axudas para reinsertar ás persoas que quedaron no paro ao mundo laboral, vós que credes?

      Moitas grazas polo comentario, unha aperta!

      Gústame

  2. Ola, Aroa!
    Dende #S1A cremos que o Ingreso Mínimo Vital si é unha medida acertada, sen dúbida. En concreto, paréceme un mecanismo acertado: establécese un umbral de ingresos mínimo (mínimo de 462€ e máximo de 1015€ por fogar, dependendo do número de fillos) e concédese o diñeiro suficiente para chegar a ese umbral, como complemento aos outros ingresos que poidan ter as familias. É sen dúbida, unha maneira de asegurar un poder adquisitivo unánime para todos os cidadáns.
    Non creo que sexa unha medida a curto prazo (confiemos en que perdure), pero si será preciso que se dean máis axudas ou estímulos durante esta crise, sobretodo, de cara á recuperación das familias e a reinserción no mercado laboral o antes posible. Se non, corremos o risco de facer a pobreza estrutural.

    Creo que para iso, o Estado debe contar coa suficiente liquidez. Para min, o máis grave que se está a facer nesta cuarentena é o que ben denuncia unha das vosas fontes: que empresas pidan o ERTE sen ter realmente a necesidade. Esa desfachatez dificultará moito a recuperación, pois estamos facendo que o xa lastrado, deficitario e endebedado erario público pague o que poderían pagar empresas. Creo que debemos apelar á responsabilidade individual e non só as liberdades coas que tanto nos enchemos á boca.

    Gústame

    1. Ola, Aldara! Nós tamén cremos que o Ingreso Mínimo Vital pode ser un moi bo método para axudar as familias durante (e logo) desta crise e garantir unhas condicións dignas para todos os cidadáns. Agora queda esperar para ver se se aplica de maneira xusta e con garantías. Consideramos que fas un punto moi importante: a dispoñibilidade da liquidez do estado para tomar esta medida.

      A situación dos ERTE cada día é máis preocupante. Unha meirande dos traballadores aínda non cobrou o seu e os gastos non cesaron, sen contar as empresas que deberán efectuar despidos porque non volverán retomar a súa actividade. Ademais, como ben dis, pode que haxa empresas que tomaron esta medida cando non a necesitaban. No tocante a apertura das empresas moitos negocios xa puideron abrir as súas portas pero hai moitos que non poden afrontalo tras dous meses pechados e outros aos que non lles compensa, cal credes que é o sector que máis se viu afectado neste sentido?

      Gústame

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair /  Cambiar )

Google photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google. Sair /  Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair /  Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair /  Cambiar )

Conectando a %s

This site uses Akismet to reduce spam. Learn how your comment data is processed.