Carreira de obstáculos para vivir a ‘experiencia residencia’

O Colexio Maior San Clemente, no Campus Sur

Para os estudantes, atopar vivenda nunca foi algo sinxelo. Xa coñecemos o drama que ano tras ano protagonizan inquilinos e caseiros, pero o das residencias non se queda atrás. Os que elixen esta segunda opción, tópanse de fronte coa eterna dicotomía que separa “a privada” e “a pública”.  Hai argumentos para decantarse pola unha ou pola outra (ou por ningunha), mais do que podemos estar seguros é de que non son dúas caras da mesma moeda. 

A vivenda pública estudantil levántase no campus de Santiago de Compostela tras da inauguración, en 1942, do Colexio Maior San Clemente. En paralelo, a vontade institucional de subvencionar este servizo en prol da comunidade universitaria, provoca que nas seguintes décadas foran xurdindo máis construcións para hospedar as estudantes. Na actualidade, a USC engade á oferta habitacional o Colexio Maior Fonseca (1963) máis as Residencias Burgo das Nacións (1963) e Monte da Condesa (1989). Podedes consultar as residencias actuais (públicas e algunhas privadas) no seguinte mapa:

Mapa das residencias universitarias de Santiago de Compostela, públicas (en vermello) e privadas (en azul). Elaboración: Diego García.

O exercicio administrativo desta sorte de pequenos domicilios, corre a cargo do Vicerreitorado de Estudantes e Internacionalización, baixo o actual mando de Víctor Arce. O director sostén que a procura da universidade coa oferta de aloxamento é «reducir a desigualdade de oportunidades por motivos económicos e primar o esforzo académico dos posibles usuarios».

Nesta liña, o Servizo Universitario de Residencias (SUR) convocou o presente curso un total de 1.071 prazas de aloxamento. Porén, a devandita oferta de hospedaxe tórnase insuficiente se temos en conta que foron 25.532 as matriculadas o curso 2018-2019 na USC. O representante da Candidatura Unitaria Estudantil no claustro da Universidade, Fernando de la Torre, declara: «A maior provisión pública de vivenda, maiores oportunidades para que o estudantado que non pode afrontar este tipo de custos poida acceder ou continuar na universidade; e menos oportunidades para a especulación por parte dos caseiros. Este confinamento puxo de manifesto, cunha crueza tremenda, que non é o mesmo estudar, facer os exercicios de clase ou ler nun piso no que se dispón dun espazo persoal amplo, unha boa calefacción, bos electrodomésticos, etc. Neste sentido a provisión pública de vivenda actúa non só ofrecendo un lugar barato onde poder vivir, senón tamén un lugar digno onde poder desenvolver parte importante da vida educativa».

Unha vez completada a solicitude de acceso ao SUR, na que a estudante sitúa por orde de preferencia a vivenda na que quere residir, se lle asigna unha habitación segundo os criterios de renda e nota. Victor Arce apunta que o Burgo das Nacións adoita ser «a residencia máis demandada porque só oferta habitacións individuais». Por outra banda, o vicerreitor explica que o baremo de cotas calcúlase dividindo os ingresos da unidade familiar entre o número de membros. En consecuencia, para as rendas máis precarias, malia non contar con servizos de manutención, unha habitación individual custa 62 euros ao mes e unha dobre compartida 46 euros, tal e como reflicte a seguinte táboa:

Táboa de cotas anuais na residencia pública segundo a renda. Fonte: USC

O denominador común a tóda-las residencias públicas fórmano un compendio de servizos e instalacións, entre os que se atopan a conexión WIFI a internet, as salas de estudo, a biblioteca, as salas de televisión e vídeo, cociña, cafetaría, comedor, salón de actos, prazas de aparcamento, servizos de conserxería, máquinas expendedoras, bicicletas para o uso dos colexiais, etc.

Entre as vantaxes que lles atopan ás residencias públicas os estudantes entrevistados, encabezan o ranking a limpeza, o compoñente social e a xestión fronte á Covid-19, xa que se suprimiron os pagos, ao contrario que na residencia privada. L.O., residente en Monte da Condesa considera «ilóxico pagar por unha habitación que non se está ocupando».

Pola contra, entre as eivas máis nomeadas, os alumnos subliñan as restriccións horarias –ou toques de queda–, non recibir visitas a partir de certa hora e a falta de insonorización das habitacións, xunto do riguroso silencio que deben gardar.

Residencia Universitaria Burgo das Nacións, no Campus Norte

M. F., que tiña claro querer vivir na residencia pública Burgo das Nacións, sinala que o baixo prezo foi o aliciente que inclinou a balanza para elixir o lugar. Porén, mudou a súa opinión e actualmente declara: «despois de dous anos gustaríame vivir nun piso porque é moito máis cómodo para moverte pola cidade. Na residencia nunca chegas a sentir que ese espazo é teu porque cambias tódo-los anos de habitación. Entendo que a sensación de despertenza ocorre tamén cos pisos de aluguer, mais na residencia é máis acusada». A estudante sinala que «a mellor opción será volver quedar no ‘Burgo’» de cara a unha suba masiva do prezo do alugueiro por mor do Xacobeo 2021.

Do mesmo xeito, o tamén residente do Burgo das Nacións, P. D., sinala que a vivenda pública estudantil «é a opción mais económica e non hai ningún argumento para combatir iso». Ademais do prezo, que para as familias é crucial á hora de optar por esta opción, hai máis elementos que inflúen na toma de decisións, como a cercanía da facultade e o agarimo polas relacións interpersoais co resto de convivintes. Martín Gómez, residente no CM Fonseca, recoñece que «é moito máis fácil empezar a relacionarse con xente e hai bo ambiente para asegurar o primeiro ano en Santiago».

No caso de elixiren vivir nas residencias privadas, as razóns que aportan as estudantes son máis variadas. P.C., convivinte na Pensión La Paz, sinala que as residencias públicas foron quen tomaron partido e decidiron por ela: «Quedei fóra da convocatoria porque o problema intrínseco das residencias da USC é que hai moi poucas prazas para tanta xente que as solicita».

En efecto, o vicerreitor de Estudantes e Internacionalización, Víctor Arce, apunta que a tendencia de cada curso é «cubri-lo cupo de prazas». Porén, este ano notouse un «incremento considerable» da demanda. Foron presentadas 2.215 solicitudes, o que significa «máis de dúas persoas por posto de aloxamento», segundo Arce. 

Residencia Universitaria María Inmaculada. Foto: Páxinas Galegas

A.D. é exresidente de María Inmaculada e suscribe os motivos de P.C. Porén, enviou os ‘papeis’ fóra de prazo e rematou na residencia privada. Pola contra, admite que os motivos que a animaban a vivir alí eran «as facilidades, especialmente a comida; o número de persoas, o xusto para coñecernos entre todas; e a envexable localización, no casco histórico».

Con todo, unha mensualidade máis elevada non é directamente proporcional a unha maior calidade dos servizos. No caso das residencias privadas, A.D. sinala que a súa tarifa é «abusiva». «No meu caso, era de 600€ ao mes –e ollo, que este ano subiu a 680€–. Ademais, as persoas veganas e vexetarianas practicamente comíamos todos os días arroz. Non se tiñan en conta estas particularidades á hora de elaborar o menú», declara.

As historias dos nosos residentes non rematan aquí. Estade atentos porque mañá publícase a segunda parte da reportaxe! Para enterarvos de todo o relativo ao Observatorio, lembrade que tedes as redes sociais e os comentarios á vosa total disposición.

2 comentarios en “Carreira de obstáculos para vivir a ‘experiencia residencia’

  1. Boas! Moi boa entrada sobre estas vivendas! Que ben que lle adicásedes unha entrada ao tema das residencias universitarias para falar de desigualdades sociais. Moi pouco se fala deste asunto e a verdade é que hai moitos aspectos a mellorar. Eu, como usuaria dunha das residencias universitarias, Burgo das Nacións, quería aportar tamén o meu gran de area por medio deste comentario.

    Efectivamente o proceso para solicitar a residencia basease na renda + nota do expediente. Vai por puntos, é dicir, que se unha persoa ten moi boa nota e unha RPD mínima ten máis posibilidades de entrar. O curioso é que, en moitas ocasións, un alumno cunha puntuación elevada pode quedar excluído polo simple feito de que houbo outros solicitantes que xa viviron un ano na residencia e teñen prioridade sobre as persoas que chegan novas.

    Tamén é certo que o único que buscan é cubrir o cupo e, unha persoa que aposta por vivir nunha residencia universitaria lánzase a xogar a lotaría. Os solicitantes debemos facer unha lista das residencias ás que queremos ir por orde de preferencia. Debo engadir que coñezo casos moi puntuais de persoas que se quedaron sen residencia pública, e os casos que coñezo foron por non pagar fianza nos cinco días vixentes para facelo ou outras circunstancias alternas.

    O que si que é verdade é que hai moitos casos nos que non se destinan á residencia que o estudante pon de 1º opción, o que resulta un problema estrutural e que precisa dunha solución inmediata. Digo isto porque o desprazamento habitual da zona norte á zona sur para ir a clase tamén require dun custo a maiores que, en moitos casos, os estudantes non se poden permitir. Por iso creo que é moi importante que se teña en conta a renda e a nota, pero tamén debe valorarse a localización da facultade dos residentes. Deste modo os que teñan facultades no sur deben ter prioridade nas residencias universitarias da zona sur e o mesmo na zona do norte. Persoalmente paréceme inxusto que estudantes de Xornalismo, Económicas, Comunicación Audiovisual ou Filoloxía sexan destinados a unha residencia universitaria do Sur, por exemplo, tendo a renda mínima.

    Hai múltiples opinións sobre a residencias universitarias. Teño que lanzar unha opinión en prol delas, en concreto de Burgo das Nacións, para dicir que a residencia en si é como un pequeno fogar: as traballadoras, persoal de seguridade, traballadores da cafetería e mesmo o director son persoas moi familiares. Persoalmente non sinto unha despertenza acusada polo feito de que cada ano se cambie de habitación ao alumnado. De feito, pareceríame inxusto que non se fixera posto que as habitacións non son iguais e todos prefiren unha determinada “fase” da residencia ou balcón nas súas habitacións.

    En relación ao prezo, como moi ben indican as vosas fontes, polo xeral, a residencia é moi económica. Eu avogaría pola financiación da construción dunha nova residencia universitaria por parte da USC para dar garantías de non exclusión a ningún solicitante. Do mesmo xeito creo que tamén debería ampliarse o número de habitacións individuais no sur, que sempre é o motivo principal polo que Burgo das Nacións é tan demandado.

    Outro aspecto que potencia as desigualdades sociais é a gran falta de seguridade que hai, sobretodo, na zona norte. Dende que resido alí xa coñezo casos de denuncias postas á policía local por casos de nudismo e acoso por parte duns individuos a estudantes de camiño á residencia. A localización de Burgo das Nacións require dun reforzo de seguridade, pois hai puntos cegos e sen alumeado onde pode ocorrer calquera desgraza. Ademais, durante o día pode entrar calquera persoa na residencia sen ser residente, o que tamén me parece un problema. Curiosamente este tipo de situacións nunha residencia privada non ocorren.

    En resumo, estou segura de que publicacións como estas poden axudar a estudantes que cheguen novos á cidade a resolver dúbidas. As declaracións de persoas que xa viviron a experiencia sempre son determinantes para tomar decisións. Tamén creo que ambas entradas que publicastes acerca deste tema contribúen a facer unha reflexión sobre a precariedade e desigualdades sociais no ámbito estudiantil.

    Saúdos

    Liked by 1 person

    1. Boas, Cinthia!

      Agrádanos profundamente que che gustase a nosa viaxe polas residencias universitarias en Santiago de Compostela. A nosa intención era, como ti expós, darlle visibilidade a unha problemática que moitas veces non goza da atención mediática e social de outros temas relacionados coa vivenda, e especificamente a estudantil.

      Tamén che damos grazas polas túas aportacións coma residente en Burgo das Nacións, poderías ter sido unha das nosas fontes! Un dos obxectivos que tiñamos coma grupo con esta reportaxe era non só difundir, como xa dixemos, a situación do estudantado nas residencias universitarias, senón tamén animar a outros residentes a contarnos as súas historias e construír un relato colectivo máis amplo do que puidemos abarcar nós.

      Sobre a exclusión de alumnos con puntuacións altas, temos que admitir que é algo que non coñecíamos, pero que é froito directo da falta de vivenda estudantil pública en Santiago que denunciamos no noso post. Que alumnos que teñen todos os requirimentos para acceder ao Sistema Universitario de Residencias non poidan acceder por falta de espazo debería de ser un dos principais motivos para inverter en vivenda pública sostible para estudantes. En canto ao tema da lotaría de entrar nunha residencia, é algo ao que fixemos referencia na segunda parte da nosa reportaxe, xa que é a metáfora máis acertada que se nos ocorría para describir esta situación.

      No tocante ao desprazamento dende a residencia ata a facultade correspondente, estamos totalmente de acordo contigo. Como ben dicía a concelleira do BNG Navia Rivas no noso círculo de expertos, se as condicións da vivenda obrigan a vivir nunha zona da cidade extremadamente alonxada da facultade á que pertencemos, crea un trastorno de desprazamentos, que é o primeiro motivo polo que os estudantes deciden vivir en Santiago: para aforrar tempo en transporte. Se a un alumno lle leva máis ir andando ou en transporte público cada día que do que lle leva a moitos ir dende a súa propia casa á facultade, as universidades deben replantexarse o sistema de reparto de prazas en residencias con carácter urxente.

      Alegrámonos de que a túa experiencia no Burgo das Nacións sexa tan boa, especialmente co persoal. Por motivos de espazo non puidemos incluír máis declaracións, pero podemos afirmar sen medo de que, sobre todo no eido das residencias públicas, o trato por parte do persoal é un dos puntos que máis salientaron as nosas testemuñas, así como o prezo que tamén mencionas, que fai a universidade moito máis fácil e accesible para familias con poucos recursos e rendas baixas, e a experiencia moito máis familiar e gratificante. Por iso, e como ti mencionas, reivindicamos de novo a necesidade de inverter en máis vivenda estudantil pública en Santiago.

      Tamén como nos comentas, as nosas testemuñas certifican varios casos de nudismo e de individuos paseándose polos exteriores da residencia con intencións, digamos, escuras. Unha das nosas testemuñas destaca especialmente un evento con un exhibicionista a finais do anterior curso 2018-19, que puiden persoalmente cubrir de primeira man para unha noticia en grupo na facultade. A seguridade sempre debe ser unha prioridade, e nestes casos, cando falamos de estudantes, moitos deles de primeiro ano que aínda están dando os seus primeiros pasos fóra dun ambiente familiar, aínda máis.

      Para finalizar, dámosche as grazas de novo polas túas palabras e por aportar o teu gran de area coa túa propia ‘experiencia residencia’ persoal. Confiamos en que as nosas respostas ás túas cuestións fosen satisfactorias!

      Un saúdo,
      S2D Desigualdades Sociais.

      Gústame

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair /  Cambiar )

Google photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google. Sair /  Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair /  Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair /  Cambiar )

Conectando a %s

This site uses Akismet to reduce spam. Learn how your comment data is processed.