Cando entrar nunha residencia pública é unha lotaría

Mapa das residencias de Santiago. Elaboración: Diego García

A ‘experiencia residencia’ da que falabamos pode tornarse para as estudantes nunha sorte de azar, pois as prazas no sistema público de vivenda son ínfimas se as comparamos coa demanda que anotan. Por ende, moitos alumnos rematan nas residencias privadas, dando froito a esta “rivalidade” entre “a privada” e “a pública”.  Hai argumentos para decantarse pola unha ou pola outra (ou por ningunha), mais do que podemos estar seguros é de que non son dúas caras da mesma moeda. Recordade que podedes consultar a listaxe de residencias públicas (en vermello) e algunhas das privadas (en azul) no mapa da marxe superior dereita, que publicamos na anterior entrada. Clica encima del para velo en tamaño orixinal.

Habitación individual na residencia La Rosaleda

O descontento é latente pola banda do alumnado das residencias privadas. Polo mesmo motivo, despois de vivir a experiencia residencia, moitos coinciden en querer trasladarse a un piso en réxime de aluguer. Este é o caso de Alba Trigo, exresidente da Rosaleda: «xa teño decidido mudarme a piso o ano que ven. A miña habitación da residencia era pequena; o escritorio, moi estreito e incómodo; e os domingos non nos daban de cear, ademais de que o menú non era nada equilibrado e estaba cheo de frituras».

Unha das principais demandas dos residentes é o espazo. Buscan unha habitación cómoda que lles permita facer o básico: estudar, durmir e ter un mínimo de vida social e de lecer. C.E., residente no Burgo das Nacións, amósase satisfeita co tamaño do cuarto: «É un pouco pequeno, pero ten o espazo xusto para durmir e estudar. Non é moi cómodo para pasar a tarde, sobre todo se quero invitar ás amigas». Pola contra, C.E. menciona positivamente que conta con baño propio e habitación individual. Unha resposta similar aporta Martín Gómez, que reside no CM Fonseca: «Considero que o espazo é suficiente; en moitos casos, nas habitacións individuais sobra sitio para colocar mobiliario». A diferenza do Burgo, Fonseca ofrece tamén habitacións dobres. Gómez declara que as discrepancias entre compañeiros de cuarto son naturais pero que «en xeral a xente sabe comportarse e solucionar as tensións falando».

Comedor da residencia Teniente Xeneral Barroso

No eido das privadas, A.D., exresidente en María Inmaculada, denuncia a falla de insonorización dos cuartos: «entendo a necesidade de aproveitar o espazo, pero facer as paredes de papel nun lugar onde habitan 30 persoas é de mal gusto». L.F., da Residencia militar Xeneral Barroso, lamenta carencias na habitación, como non dispor de «ducha nin váter individual, nin de auga quente no lavabo». 

A opinión achega do estado do mobiliario parece ser unánime entre a maioría dos testemuños. Entre as privadas, Alba Trigo e P.C. destacaron a modernidade dos mobles, tras sendas renovacións nas súas residencias. Os convivintes do Burgo das Nacións e Fonseca tamén transmiten estar satisfeitos cos aparadores. Pola contra, o residente do Burgo das Nacións, P.D., tivo problemas de acondicionamento na habitación: «tiven problemas serios coa conexión a internet e unha ducha rota, pero teño que dicir en favor da residencia que, nas veces que tiven que notificar algo, solucionárono con bastante rapidez e satisfactoriamente», asegura.

No que si difiren as residencias privadas das públicas é na normativa e nos “toques de queda”. As residencias públicas, segundo as nosas fontes, ofrecen maior flexibilidade de horarios: «Non lle poño problemas, podes entrar cando queiras e saír pola noite sen preocuparte de quedar fóra», expón L.O., residente no Burgo das Nacións. Martín Gómez ten un ton similar: «a normativa é moi boa, nin estrita nin laxa. Deixánnos liberdade para facer bastantes cousas, sempre que non se moleste ao resto de colexiais». Ademais, Gómez recalca que, en casos de problemas de convivencia, a Administración ofrece aos afectados opcións como o cambio de habitación ou mesmo de residencia.

No tocante da vivienda privada, a normativa tórnase máis estrita, como declara D.P., do CM Xelmírez: «as habitacións están separadas en homes e mulleres, pero non foi até este que poidemos subir ao piso do sexo oposto». L.F. denuncia «castigos xeralizados como reposta a problemas causados por uns poucos, o cal é inxusto». R.F., do CET Santiago, é afable coa normativa da súa residencia, dada a natureza relixiosa dos propietarios: «como atea podo dicir que cada un é libre nas súas conviccións e non hai nada imposto».

Habitación no Colexio Maior Xelmírez

En xeral, a complacencia das testemuñas cos servizos da residencia pública é latente e recoméndanas. Martín Gómez escollería a residencia de novo aínda que puidese alugar un piso: «Quedaría sen pensalo. Pásoo xenial facendo vida social cos colexiais, mais se un dia non me apetece, podo estar ao meu aire só na habitación». Porén, J.L., exresidente en Monte da Condesa, admite que abandonou o lugar por «ter formado un grupo de máis confianza na carreira». Pola contra, as facturas ascenderon e na residencia dispoñía de «auga quente e luz as 24h sen límite».

Sala de estar da residencia La Paz. Fonte: TripAdvisor

P.C., de Pensión La Paz, declara que continuará no mesmo lugar un curso máis: «Permitiume coñecer amizades que a día de hoxe son importante na miña vida. Socializar foi unha das principais razóns cando escollín a residencia, e tamén a comodidade e a diversidade de estar con xente doutras carreiras». R.F., do CET, destaca as comodidades que ofrece sobre o piso en réxime de aluguer: «Ter comida, lavandería e limpeza permíteme aforrar un tempo valioso. Ademais somos seis residentes, polo que se fai moi familiar e dánnos a opción de traballar para reducir a mensualidade». Por outra banda, Alba Trigo sinala que lle recomendaron a Rosaleda polo tópico do primeiro ano da «falta de experiencia».

O panorama xeral estriba da escasa carteira de vivendas en aluguer, a turistificación e os prezos abusivosnun modelo de negocio simbiótico no que as residencias privadas se lucran do refugallo de clientes insatisfeitos que pasan polos pisos, marcados polas pésimas relacións de convivencia, as infraestruturas obsoletas e a escaseza de prazas no Sistema Universitario de Residencias. En consecuencia, a solución pasa polo aumento orzamentario na construción de vivenda estudantil que poña fin a estas distorsións, malia que Santiago é o campus galego con maior oferta da mesma. Do contrario, os estudantes da Coruña non contemplan a opción da residencia pública, mais a realidade é que a USC convive co condicionante histórico de ser a segunda Cidade Santa por detrás do Vaticano para a recepción de turistas. O representante pola Candidatura Unitaria Estudantil no claustro da USC, Fernando de la Torre, apunta como quid da cuestión: «o modelo de negocio do mercado de aluguer reserva para o estudantado os pisos en peores condicións, sendo aqueles mellor conservados os que se reservan para o aluguer turístico porque ofrece maiores beneficios a curto prazo».

De novo, non vos esquezades de comentar nesta reportaxe e de contactar connosco mediante as redes sociais do Observatorio! Lémonos.

3 comentarios en “Cando entrar nunha residencia pública é unha lotaría

  1. Boas, compañeiras! Gustáronme moitísimo estes artigos! Ao dividir o traballo en dúas publicacións facilita a lectura e faise máis dinámica. Ademais, a gran cantidade de testemuñas, acompañadas das imaxes, aporta moita fiabilidade. Noraboa polo traballo!
    Como xa comentastes noutras publicacións para os estudantes con poucos recursos resulta moi complicado atopar un lugar cun prezo asequible e en boas condicións. O aluguer en Santiago de Compostela segue subindo mentres a calidade dos pisos baixan e termínanse pagando a prezo de ouro vivendas con humidades, sen calefacción, con avarías constantes…

    Esta situación fai que moitos estudantes teñan que acudir a residencias, pero a oferta de residencias públicas, que teñen un prezo máis xusto en función da renda do alumno, é moi baixa e a demanda moi alta. Existe a opción da residencia privada pero está ao alcance de moi poucos estudantes. Como comenta unha das vosas testemuñas o prezo é abusivo e non está precisamente reñido coa calidade. Nós cremos que tanto a USC como o resto de universidades deberían habilitar máis espazos para que poidan vivir as estudantes, con prezos razoables e condicións dignas. Vós que opinades?

    Por mor do ano Xacobeo a situación dos alugueiros en Santiago vai empeorar. Moitos dos pisos que eran para estudantes serán reformados (porque ningún turista alugaría un piso nas condicións nas que se llo ofrecen aos estudantes) e pasaran a ser airbnb e vivendas turísticas. Isto fai que moitas estudantes deban botar man de residencias públicas, chegando a colapsalas. Moitos alumnos quedarían sen praza. Con todo, parece que a crise do coronavirus paralizou tanto os alugueiros de estudantes como os turísticos. Nas residencias públicas da USC cesaron o cobro, sabedes se nalgunha pública tamén se fixo o mesmo? Como credes que afectará a crise da COVID – 19 ás residencias de estudantes?

    Moi bo traballo, compañeiras!

    Gústame

    1. Ola, Aroa! Como mostramos nestas dúas entradas, a demanda de prazas en residencias públicas de Santiago de Compostela é altísima fronte as prazas existentes. Consideramos que a Universidade de Santiago de Compostela debería facer algo para satisfacer esa demanda que non deixa de aumentar. Isto suporía investir en reformar algún edificio ou directamente construilo. Por suposto os prezos deberían estar axustados á calidade. Como mínimo as condicións teñen que ser de habitabilidade porque non é digno ter que convivir con animais como ratos, formigas ou arañas e con humidades. Realmente cremos que destinar cartos en aumentar o número de prazas suporía un beneficio tanto para a USC como para os estudantes, xa que a demanda está aí e os estudantes non se verían obrigados a alugar pisos ou habitar en residencias privadas.

      En relación á supresión do cobro nas residencias públicas supoño que na túa pregunta refíreste a se ocorreu o mesmo coas residencias privadas. Segundo a nosa testemuña residente na Pensión Residencia La Paz, o mes de abril cobráronlle a metade e o mes de maio eliminouse definitivamente o pago. No caso do Colexio Maior Xelmírez, a nosa testemuña asegura que anularon o pago do mes de abril e que o mes de maio correspóndese co adianto de cartos que fixeron no verán, pero non sabe se lle van devolver o diñeiro ou non.

      Respecto a como vai a afectar a crise do coronavirus nas residencias públicas é bastante complicado acertar que vai ocorrer porque estamos vivindo unha situación excepcional coa que ninguén contaba. Tendo en conta que as residencias públicas son a opción máis barata para vivir en Santiago de Compostela e que moitas familias nestes momentos están economicamente mal é posible que se produza un aumento aínda maior da demanda de prazas en residencias públicas. Tamén é certo que, tal e como manifestou Carlos Debasa, presidente de AGALIN, no círculo de lectura crítica, por mor do coronavirus estanse incorporando ao aluguer tradicional vivendas que estaban destinadas a uso turístico. Así, a oferta de pisos para estudantes aumenta e tamén a súa calidade.

      Moitas grazas polo teu comentario e agardo ter resoltas as túas inquedanzas. Comprácenos saber que as entradas foron do teu agrado.

      Un saúdo.

      Liked by 1 person

      1. Boas de novo, Antía! Moitas grazas por resolver a miña dúbida! Tranquilízame saber que nas residencias privadas tamén se suprimiu o pago, paréceme unha medida xusta se non se están recibindo os servizos polos que se paga, aínda que non resulta tan beneficioso para a xente que traballa nesas residencias; como credes que lles pode afectar a eles?. Estamos de acordo con vós, e cremos que a USC podería facilitar máis lugares públicos nos que as estudantes poidan vivir.

        Esta situación non se deu por exemplo nos pisos en aluguer para estudantes. Hai caseiros que perdoaron o aluguer, pero a maioría non o fixeron. Cal creedes que foi o colectivo máis prexudicado, as residencias ou os caseiros?

        Nós tamén chegamos a conclusión de que moitas vivendas de uso turístico pasarán a disposición dos estudantes, pero creemos que é algo bastante ambiguo ao tratarse dunha cidade como Santiago e cun ano Xacobeo ás portas. Todo depende de como avance a crise. Se para o ano que ven xa se permiten viaxes con total liberdade e volve haber en Santiago a afluencia de turista que hai normalmente, a situación con pisos e residencias quedará igual, vós que opinades?

        Gústame

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair /  Cambiar )

Google photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google. Sair /  Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair /  Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair /  Cambiar )

Conectando a %s

This site uses Akismet to reduce spam. Learn how your comment data is processed.