E ti, con cal te quedas?

Como se visibiliza a vida submariña nos medios convencionais? E nos especializados? En prensa non só é importante o que se conta, senón tamén como o fan. Nesta entrada poderedes coñecer a importancia que se lle da a este tema no mundo mediático. Para iso analizaremos noticias de tres medios:

  1. La Voz de Galicia.
  2. GCiencia.
  3. Europa Azul.

Sendo La Voz de Galicia un medio xeralista, GCiencia un medio especializado en ciencia e Europa Azul un medio especializado na vida submariña.

QUÉ TEMAS SELECCIONAMOS?

Dentro de toda a gama de temas que engloba a vida submariña, decidimos centrarnos nos tres con máis factores de noticiabilidade, que son:

  1. Contaminación.
  2. Pesca.
  3. Desaparición/migración de especies.

 

ANÁLISE 

La Voz de Galicia

Pertence a Corporación Voz de Galicia e o seu director é Xosé Luís Vilela.
Comezou a traballar dende novo para as páxinas de La Voz de Galicia. Dende aquel momento quedou vinculado a este xornal. Desempeñou funcións de responsabilidade en case todas as seccións do xornal.

É o medio máis beneficiado en canto ás subvencións recibidas por parte da Xunta de Galicia, así como tamén é o que máis defende a política de Alberto Núñez Feijoo. Na resolución do 12 de decembro de 2019 o Grupo Voz recibía un total de 553.757,62€ para o xornal impreso, 294.360,48€ para a súa web e un total de 28.489,34€ para Radio Voz.

A publicidade que se atopa na páxina web tamén é determinante para valorar o tratamento da información. Principalmente aparece a Xunta de Galicia, Gadis e Banco Santander.

En canto á súa estrutura, no relativo á información sobre a vida submariña, podemos apreciar dous bloques. Por unha banda, no apartado de marítima podemos atopar información sobre o sector pesqueiro, aspectos legais relacionados co mesmo e, en xeral, novas achegadas á economía. Porén, na sección chamada Biodiversa Galicia (impulsada pola Fundación Biodiversidad), pódese ver información sobre a conservación do medio (tanto acuático como terrestre), a contaminación, a extinción de especies… afástase desa visión económica e céntrase na realidade do medio marítimo.

Noticias analizadas

Non se trata dunha información de elaboración propia, senón que na súa ampla maioría é tomada da axencia de noticia EFE. Así se indica na autoría da noticia, ademais de que un día antes publicábase a mesma información na sección EFE Verde.

No referente ás fontes, a información baséase nun estudo realizado pola Federación Europea de Transporte e Medio Ambiente. Non existe un gran contraste con respecto a outros posbiles estudos, aínda que sí se comparan as cifras da liberación de CO2 en España con datos ofrecidos pola Convención Marco de Naciones Unidas sobre o Cambio Climático.

Pese a isto, seguen a ser fontes institucionais, e cando se introducen outras, como o caso de Carlos Bravo ou María García, están relacionadas coas mesmas. Carlos Bravo é divulgador ambiental e colaborador da T&E, mentres que María García é portavoz de Ecologistas en acción, confederación de máis de 300 grupos ecoloxistas que forma parte da Federación.

Por último, na noticia menciónase que o transporte marítimo é o único sector no que non se levaron a cabo medidas para a reducción na liberación de gases. Así, poderían indicarse algunhas das posibles medidas a levar a cabo sinaladas no cuarto punto do estudo, como son a sustitución de combustibles fósiles por combustibles con 0 carbono ou enerxías que melloren a eficiencia dos buques, xa que poden ser aspectos de interese importantes.

A noticia céntrase na explicación do Proxecto Viranda, posto en marcha pola Coordinadora para o Estudo dos Mamíferos Mariños (CEMMA) e que pretende a reducción da mortalidade por captura accidental da toniña e do arroaz. Así, as fontes que podemos atopar son o propio proxecto e o presidente de CEMMA José Martínez Cedeira, do que se inclúen algunhas declaracións.

Podemos observar a escasa pluralidade de fontes, tanto de estudos que nos poidan aportar máis información sobre a situación das especies mencionadas como de expertos na materia que poidan valorar as bases e obxectivos do proxecto. Neste sentido, ademais das declaracións do presidente da Coordinadora poderían incluirse as de algún biólogo ou experto.

Por outro lado, tamén hai datos relevantes mencionados na estrutura do proxecto que non son incluídos na nova. Un exemplo é o seguinte: “os datos recollidos por CEMMA na costa de Galicia a o longo dos últimos 30 anos, son demoledores: cada ano aparecen varados unha media de 285 cetáceos, a metade dos cales presenta indicios compatibles cun diagnóstico de morte por captura accidental en artes de pesca”.

Sinálase na noticia que o proxecto Viranda é posto en marcha xunto a Organización de Productores para la Pesca Fresca do Porto de Vigo (Oppf-4), cofinanciado polo Fondo Europeo Marítimo e de Pesca (FEMP) e conta coa colaboración da Fundación Biodiversidad, que como mencionamos anteriormente na estrutura do medio, é o principal impulsor da sección Biodiversa Galicia do xornal.

Deste xeito, resulta chamativa a presenza do capital invertido na iniciativa (85.021 euros), xa que quizais non sexa un dato moi relevante en relación á información exposta, tendo en conta que se debería centrar os datos nas especies afectadas polo proxecto e a finalidade do mesmo.

A noticia xira entorno a unha petición da asociación coruñesa Pescagalicia-Arpega-Obarco ao Ministerio de Agricultura: a creación de axudas para poder así paliar as perdas que supuxo a baixada do prezo do pescado durante o Estado de Alarma. Polo tanto, a principal fonte que se emprega é esta organización.

Resulta de novo sorprendente que haxa esa escasez de fontes, podendo, por exemplo, contrastar co Ministerio de Agricultura cal é a resposta que plantexan dar a esa demanda ou cales son as alternativas que propoñerían, posto que só se indica que dende Pescagalicia pretenden que se condone a Seguridade Social dos meses de confinamento.

Por outra banda, é preciso destacar que a información está moi ben condensada, é clara e concisa, e responde ao que se agarda dun medio xeralista. Por exemplo, indícase en que tipo de axudas se encadrarían as medidas que pide tomar a asociación, cal é o presuposto que lle adican dende a Comisión Europea ou por que ese tipo de incentivos permitirá que o sector pesqueiro siga abastecendo á poboación.

O que si que se precisaría é un contexto máis detallado de por que se mencionan en repetidas ocasións á CE e ao Fondo Europeo Marítimo e da Pesca. Ao tratarse dun medio non especializado, é probable que moitos dos lectores non coñezan que certas competencias do sector primario están “transferidas” á Unión Europea.

GCiencia

Pertence a Ciencia Galega de Industrias Creativas S.L e conta cos seguintes directores:

  • Eduardo Rolland: traballou como redactor nos xornais Expansión e Faro de Vigo. Actualmente traballa de forma independiente, aínda que colabora co diario La Voz de Galicia e codirixe a páxina web GCiencia.
  • Pablo López. A súa traxectoria está estreitamente vinculada a El Pais, diario no que comezou a escribir fai dúas décadas. Tamén foi xornalista en Diario de Galicia e Faro de Vigo.

GCiencia é un xornal dixital enfocado no fomento do coñecemento científico e tecnolóxico entre un público xeralista. Nace no ano 2013 e a súa orixe está no concurso iProx (Iniciativas de proxectos xornalísticos), convocado polo Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia co apoio de Novagalicia Banco.

Actualmente, é o medio líder dos nativos dixitais galegos, o quinto medio de Galicia en internet e o medio privado líder en idioma galego en calquera formato. Conta con máis de 400.000 de visitantes únicos ao mes.

A súa estructura publican noticias que non varían moito en canto a contido. A meirande parte delas trata sobre especies mariñas que aparecen mortas  á beira das praias ou en noticias sobre a aprobación de investimento no ecosistema mariño. Os corpos das noticias acostuman enfocar a explicación dos sucesos e tratan fontes pouco institucionais, é dicir, danlle voz a expertos que nos medios xeralistas, como La Voz de Galicia, non aparecen normalmente.

En canto á súa financiación, GCiencia arrincou co apoio do Colexio Profesional de Xornalistas e foi estudando diversas opcións como donacións particulares e colaboracións con centros de investigación.

Noticias analizadas

Está baseado nun estudo da Universidade de Newcastle publicado en Royal Society Open Science: Microplastics and synthetic particles ingested by deep-sea amphipods in six of the deepest marine ecosystems on Earth.

Na noticia aparecen os datos máis relevantes recollidos na investigación, destacando que que se detectou plástico nun 72% dos animais das foxas abisais, unha parte do océano á que é moi complicado chegar. En canto as fontes, toda a información está sacada dese mesmo estudo. Incluso as declaracións que aparecen son dos científicos británicos que realizaron o traballo e tamén están sacadas do mesmo documento. Creemos que nesta noticia deberían por buscar declaracións propias do medio para atopar contrastes na información que se proporciona.

Ademáis, na noticia relacionan a información recollida no estudo ca aparición dunha bolsa de plástico na fosa das Marianas para que os lectores poidan facerse unha idea da gran dimensión do problema dos plásticos nos océanos.

En GCiencia decatámonos que, en vez de proporcionar información sobre como a actividade marítima inflúe no ecosistema, como fan con moita frecuencia os outros dous medios, estes fan fincapé na actividade humana para concienciar de como repercute no mundo submariño. E isto tamén o trasladan á parte visual, pois a meirande parte das imaxes que acompañan estas noticias son de vertidos de lixo.

A noticia baséase nos resultados publicados da revista científica Ecological Indicator nos que se mostra como tres das especias de baleas están en perigo de extinción no noso planeta debido ao cambio climático: a balea azul, a rorcual común e a rorcual boreal. Durante toda a noticia explican a evolución destas especies.

En primeiro lugar coméntase que entre os anos 2016 e 2017, investigadores do instituto BDRI (realizadores do traballo científico para Ecological Indicator) observaron 54 baleas destas tres especies en perigo de extinción ao longo de 3.000 quilómetros (entre Fisterra e as Illas Cíes). Ademais, explica porque estas especies visitan as costas galegas e españolas.

Ademais a foto-identificación fixo posible confirmar 23 exemplares de balea azul e o rorcual común e o seu desprazamento desde as illas Azores ata Galicia. Coméntase o papel fundamental que teñen este tipo de técnicas para alertar ás administracións e tomar decisión para mellorar medidas de adaptación ante as ameazas do cambio climático. Tamén os efectos negativos que pode ter a modificación das rutas migratorias; diminúese o afloramento costeiro ou increméntase a temperatura da axuda o que condicionaría a presenza do krill do norte, esencial para a alimentación deste animais, tamén se incrementaría a competencia deste crustáceo con outros animais.

Finalmente, mediante os científicos do traballo denúnciase a falta de medidas por parte dos gobernos e institucións para frear o cambio climático descontrolado e a máxima prioridade na que se debería converter a necesidade do cambio climático antes de que sexa demasiado tarde.

Recolle o proxecto SICORE levado a cabo pola USC que consiste en analizar o impacto socioeconómico e ambiental da pesca marítima recreativa en España.

A noticia ponnos en contexto sobre a importancia desta práctica, explicando que en Europa xera un gasto 6.000 millóns de euros anuais e reunindo preto de 10 millóns de afeccionados, pola súa banda, en España xera 217 millóns de euros, reunindo 300.000 afeccionados. Explícase que, debido ao impacto económico que xera a pesca recreativa, a Unión Europea comeza a lexislala conxuntamente coa pesca comercial. Para levalo a cabo, necesítase un maior esforzo investigador para recoller datos da actividade e xestionala dunha maneira máis sustentable.

É por iso a que se debe a creación do proxecto da USC. En España non existe esa recollida sistemática de información. A noticia expón as etapas que vai realizar SICORE, unha primeira que é compilar a información da investigación existente, e outra que é elaborar un Código de Boas Prácticas para a actividade.

Ademais aclárase onde se aplicarán os resultados da investigación: en todas as augas territoriais españolas, con accións específicas en Baleares, Cataluña, Galicia, Murcia e País Vasco. Para finalizar expónse os integrantes do proxecto; o equipo investigador que coordina a USC (como o profesor de Economía Aplicada Sebastián Villasante e o investigador posdoutoral da Xunta de Galicia Pablo Pita Orduna), a Federación Galega de Pesca Marítima, o Centro Tecnolóxico AZTI-Tecnalia, as Universidades de Girona e Murcia e o CSIC.

Comparando esta noticia de GCiencia coa anteriormente posta de La Voz de Galicia, extraemos varias conclusións:

  1. Na introducción ambas expoñen o por que da noticia e poñen en contexto ao lector. Neste caso en GCiencia explican que é o proxecto SICORE e comentan os datos da pesca recreativa para que o lector entenda a importancia do proxecto. Por outra banda, La Voz de Galicia declara o por que de que a organización Pescagalicia-Arpega-Obarco pide axudas ao goberno e explican brevemente esa proposta.
  2. Xa no corpo da noticia vemos diferenzas entre os medios. En La Voz de Galicia prima o uso de citas para reforzar a súa noticia e que sexa máis entendible, en cambio en GCiencia o seu uso é mínimo. Neste último o que prima é contestar as 6W que debe responder unha noticia, o que da como resultado noticias breves e entendibles ao lector.

Europa Azul

Pertence a PPROTECTNAVI, Itsas Korda, Saja Industria Naval, Vicinay Cemvisa e Worl Maritime Week. Conta cun presidente-editor Alberto Echaluce Orozco, que tamén é redactor en El Diario Vasco, un xornal que non inclúe temas específicos sobre o medioambiente nin sobre a vida submariña. Pola outra banda, está dirixida por Julio Ruiz de Velasco. Este colaborou en revistas do sector pesqueiro como a galega Industrias Pesqueras e a andaluza Ruta Pesquera. Actualmente traballa na revista Europa Azul. Entre 1989 e 1990 exerceu de productor en programas para Euskal Telebist.

Tras unha etapa de consolidación da revista, ao converterse na publicación máis lida en España, Europa Azul xurdiu como misión para apoiar ao sectores pesqueiros ao seu desenvolvemento e posicionamento nacional e internacional. O seu esforzo de informar oriéntase cara a información e relación entre os principais actores chaves do sector pesqueiro e marítimo español.

Este medio é o que fai un tratamento máis íntegro da meta ODS e, polo tanto, tamén dos seus indicadores con respecto aos outros medios especializados. Isto débese fundamentalmente a que os seus redactores están especializados no tema e coñecen de primeira man o ecosistema mariño, a diferencia dos outros dos medios, onde os xornalistas se teñen que informar dende cero da nova que escriben. A pesar de abordar esas metas do ODS dunha maneira máis clara, atopamos un inconvinte: o feito de que as palabras empregadas e os organismos aos que se remiten nas súas informacións sexan tan especializados e pouco coñecidos, dificulta en parte o entendemento dun cidadán de a pé.

Noticias analizadas

En Europa Azul teñen un apartado exclusivo chamado Marina Mercante, onde teñen moi presente as noticias relacionadas coa contaminación. Resulta interesante que encaixen as noticias de contaminación neste apartado posto que, de maneira directa, están vinculando a importancia que este fenómeno ten na industria marítima.

Nesta publicación en concreto informan sobre o problema de contaminación máis grave da comercialización marítima: a emisión de gases por mor do uso do carbono nos seus transportes. Utilizan como fonte principal á Organización Marítima Internacional, que anunciou no mes de marzo medidas preventivas de descarbonización nos seus transbordos a curto e longo prazo. Para levalo a cabo, van poñer en marcha un plan de I+D que terá como finalidade reducir estas emisións para antes do 2050. Tamén preveñen comenzar en 2030 a desenvolver naves comerciantes con 0 emisións de gases, unha medida novidosa e posta en marcha por primeira vez a nivel mundial.

Cómpre destacar a data de publicación desta noticia, o 11 de marzo do 2020. Mentres La Voz de Galicia e GCiencia comenzaron a vincular todas as súas novas, inclusive as relacionadas coa vida submariña, coa aparición do covid19, en Europa Azul avogaron por seguir protagonizando outros feitos relevantes nas súas publicacións. Foi unha iniciativa que resulta interesante, pois nesta noticia poderían optar por falar de plans de medidas preventivas que os presidentes da Mesa Redonda de diferentes asociacións acordaron para protexer aos traballadores do contaxio de coronavirus.

Deste xeito, unha información como esta, que é de gran importancia, só a podemos atopar en Europa Azul posto que, no contexto social no que apareceu, os outros medios decidiron que non era tan importante. Destacamos a La Voz de Galicia, posto que na noticia que analizamos anteriormente sobre contaminación, si que falaban deste problema emerxente no ano 2019.

A noticia deste enlace fai referencia a un estudio de científicos ingleses e norteamericanos que demostraría que as zonas protexidas non necesariamente servirían para xestionar a migración das especies. Dende Europa Azul utilizan un formato distinto aos dous medios anteriores. Vese xa na súa interfaz, que está plantexada dunha maneira moito menos visual ca a de GCiencia e a de La Voz, e dirixida a un público máis especializado e interesado neste tipo de noticias.

No artigo comézase dando o contexto do estudo e explicando como se levou a cabo e onde (nunha zona protexida pertencente ao Arquipélago de Chagos), e mostrando cales son os datos de capturas de entre os anos 1998 e 2017. Os resultados son, canto menos, sorprendentes, posto que apenas difiren. Isto quere decir que, practicamente, as zonas protexidas non supoñen unha gran diferencia para as especies que alí habitan.

Dende Europa Azul tamén queren reforzar a idea da noticia comparando estes resultados con outros de estudos similares, pero levados a cabo nun espazo de tempo máis pequeno. Asimesmo, tamén inclúen as declaracións da Confederación Española de Pesca, que asegura que hai que ser prudentes á hora de delimitar unhas zonas protexidas e que se trata dunha ferramenta de xestión máis da que non hai que abusar. Por último, inclúense outras alternativas á estas zonas protexidas que se consideran máis “convenientes”.

Este posicionamento do medio parece un claro guiño á comunidade pesqueira, un dos seus targets. A súa maneira de contar a información non é “obxectiva”, senón que parece que busca satisfacer a demanda dos seus lectores.

Tras unha búsqueda exhaustiva na prensa sobre a información que se proporciona acerca da ilegalidade da pesca, decatámonos de que non hai moitas noticias con cifras exactas nos medios máis convencionais como son La Voz de Galicia, xa que só tratan noticias abarcando as consecuencias nas que a pesca furtiva deriva. En GCiencia, pese a ser un medio máis especializado, tampouco hai un tratamento moito máis amplo.

Aínda así, cando queremos coñecer cifras exactas sobre casos de infraccións non ocorre o mesmo. En Europa Azul si que se fala con asiduidade de datos concretos e da problemática en cuestión, como é o caso desta publicación. Nela infórmase sobre o número de quebrantamento das normas de pesca e inspeccións feitas pola Axencia Europea de Control de Pesca.
Porén, na noticia vemos unha intencionalidade reiterada de destacar a labor da Axencia cando, en realidade, este incremento das cifras non é por causa do seu bo traballo, senón polos cambios nos criterios das sancións da Comisión Europea. Ademais, tamén contaron coa ampliación de cooperación no seu traballo con EUROPOL e EUROJUST.

Nesta noticia tamén informan sobre o plan que a Axencia Europea de Control de Pesca ten para incentivar a legalidade no mar. Para iso propoñen un plan de instalacións de cámaras a bordo para vixiar. Investigando nos outros medios que analizamos para este círculo, atopamos unha noticia de La Voz de Galicia, onde o 7 de decembro do 2019 tamén informaron deste tema co seguinte titular A trabajar vigilados por las cámaras, o al paro. Esta cabeceira para introducir a proposta das cámaras denota unha profunda imparcialidade e intención de transmitir unha mensaxe subliminal ao lector.

 

TERMINOLOXÍA EN PRENSA

Decidimos prestar atención á terminoloxía que a prensa utiliza para o tratamento das noticias. Ao comezo do noso traballo neste observatorio publicamos un glosario sobre términos clave da nosa meta ODS para contextualizar aos nosos lectores. Por tanto, é hora de saber se estes medios tamén teñen claros os conceptos.

En La Voz de Galicia os termos empregados non son moi especializados, en parte debido ao público ao que van dirixidos. Mentres que, como veremos a continuación, en GCiencia e Europa Azul os redactores utilizan palabras máis técnicas, aquí os xornalistas fan un uso moito menos descritivo, buscando chegar a un público máis universal, e tendo en conta que non é especializado. Agora que traballamos co glosario, decatámonos de que moitos termos empregados son ambiguos. Por exemplo, o uso de “presión pesquera” para referirse á explotación pesqueira. Foi un termo que nos chamou a atención porque non é o habitual nun medio xeralista, xa que crea algo de confusión. Cremos que sería máis acertado que se empregase o concepto “explotación”, xa que resulta máis claro.

Outro erro que atopamos neste medio foi nun titular: Administraciones y profesionales apuestan por elevar las penas del furtivismo. É moi importante ter claro que o furtivismo inclúe tamén a actividade ilegal de caza ou, incluso, o traballo relacionado coa leña ás agochadas do propietario. Por iso sería máis apropiado que se referisen como pesca furtiva, xa que a noticia só engloba esta actividade e é un termo máis conciso.

En GCiencia, polo xeral, fan un tratamento do vocabulario bastante axeitado. Ademais, gustaríanos salientar un detalle: no seu buscador as noticias están clasificadas segundo ecosistema mariño e ecosistema acuático. De maneira que, se buscas por ambos termos no buscador, aparecen noticias diferentes. É un punto a favor posto que é bastante común confundir o significado de cada un.

No caso de Europa Azul non hai noito que engadir, trátase dun medio especializado na vida submariña e contan un vocabulario moi conciso e apropiado, polo xeral, nas súas publicacións. Sen dúbida, é o medio que máis recomendamos para informarse sobre a temática. Fan un tratamento da información que vai máis alá da política, céntranse no que están a contar. Pese a ser un medio especializado e ter un coñecemento previo para entender completamente os artigos, tamén empregan unha linguaxe lexible.

Na súa clasificación de publicacións podemos observar termos dirixidos a un púbico máis concreto. Unha persoa totalmente descoñecedora da vida marítima non sabería, por exemplo, que no apartado acuicultura se atopa todo o referente á reprodución e plans de recuperación das especies do ecosistema submariño.

Ademais, este medio en concreto conta cun diccionario de especies en oito idiomas diferentes: Español, Francés, Inglés, Italiano, Holandés, Alemán, Danés e Noruego.

En definitiva, unha vez feita a análise podemos determinar que cada un dos medios adapta a información ao seu estilo e aos seus intereses, levándoa a través do discurso ao seu terreo.

O medio que difunde a información con máis imparcialidade é Europa Azul, quizais por ser o máis especializado na temática. Porén, parécenos moi importante que medios como La Voz de Galicia ou GCiencia tamén aposten por difundir noticias relacionadas coa vida submariña, xa que posiblemente gocen de máis audiencia e recoñecemento que a revista analizada. Trátase dunha temática moi pouco visibilizada e que require dunha atención maior, pois a actividade pesqueira é unha das principais fontes de ingresos para moitas familias en Galicia, así como en todo litoral español e, ademais, ten unha importante repercusión no PIB do país.

Aínda así, concluímos que La Voz de Galicia, como medio xeralista que é e pola maior facilidade que ten para chegar a un público pouco coñecedor sobre a temática, debe ter mais cautela á hora de expresarse na redacción. As fontes que utilizan son moi seleccionadas, a diferencia de GCiencia, que avoga por dar voz a expertos menos convencionais.

 

 

 

 

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair /  Cambiar )

Google photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google. Sair /  Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair /  Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair /  Cambiar )

Conectando a %s

This site uses Akismet to reduce spam. Learn how your comment data is processed.