Chegamos xa ao final do noso percorrido polas enerxías renovables en Galicia e para rematar o traballo queremos facer unha análise sobre as nosas experiencias e vivencias, tanto coas persoas que nos facilitaron axuda e información como coas organizacións coas que nos puxemos en contacto.
O primeiro que temos claro é que cando comezamos a traballar sobre este obxectivo da Axenda 2030 estabamos un pouco asustados porque non pensabamos que houbera tanta xente implicada nesta transición enerxética, e sobre todo tanta xente afectada. O segundo é que en maior ou menor medida todos rematamos este traballo cun maior coñecemento do que está a pasar realmente coa industria enerxética e non o que nos pretenden amosar.
En Galicia a transición ecolóxica é benvida por un gran colectivo e realmente en moitos sectores estase a traballar por ela, o que non quita que seña un paso moi grande e que haxa que facelo con sentido e sen perder de vista a realidade na que nos atopamos. O único necesario é que os que teñen que apostar, aposten por estas novas fórmulas de obtención de enerxía e que aposten con garantías para os traballadores no sector, os verdadeiros afectados.
En Galicia a transición ecolóxica é benvida por un gran colectivo e realmente en moitos sectores estase a traballar por ela
Durante o noso período de traballo, observamos que as grandes empresas (que contan co orzamento e a infraestrutura para poder transicionar de xeito máis efectivo) como Enel ou a súa filial en España, Endesa, evitou durante anos facer por conseguir unha transición paulatina antes de que fora demasiado tarde. Inevitablemente, ese momento chegou e a situación da central térmica das Pontes xa é ben coñecida. Neste caso, o contrapunto o coñecemos da man de técnicos de laboratorio da central, que, sen ter unha forza orzamentaria a ter en conta, están a traballar pola alternativa ao carbón que poda servir para facer que esas máis de 750 familias retornen a ter un sustento canto antes.

Chamounos a atención que, agora que a transición debe ser un feito por motivos tanto climáticos como gubernamentais, esas empresas que deixaron tanto tempo á transición alonxada das súas pretensións son agora as que máis “interese” presentan por realizala canto antes, aínda que isto supoña un perxuízo aos seus traballadores. Por estes motivos, é preciso que, de plasmar estes proxectos, teñan en conta ao factor humano e lle garantan manter os seus postos de traballo, non como no caso da central das Pontes.
É preciso que, de plasmar estes proxectos, teñan en conta o sector humano e lle garantan manter os seus postos de traballo
Outro punto que tamén nos fixo reflexionar é a cantidade de instalacións de enerxías renovables existentes no rural galego, e que a maioría destes parques eólicos e placas solares, entre outros, está en mans de empresas de certo potencial económico. É de supoñer que se existen tantas instalacións nos pequenos concellos do país deberíase favorecer aos que alí habitan e dar todas as facilidades para que a enerxía producida no rural sexa asequible para os seus habitantes; senón, de autoconsumo. E é que, investigando sobre as enerxías renovables, descubrimos que o autoconsumo é algo crucial e que debería ir ligado a este tipo de enerxías, pois é a opción máis lóxica. O uso, por exemplo, de placas fotovoltaicas para autoconsumo ben podería substituír e eliminar o recibo da luz de cada mes, mais as grandes corporacións, que practicamente controlan a enerxía enteira do país, non están interesadas en perderen o seu poder económico; trátase dun freo que ten demasiado peso sobre a transición ecolóxica.
O autoconsumo é algo crucial e que debería ir ligado a este tipo de enerxía, pois é a opción mais lóxica
En definitiva, en Galicia e no resto de España, as enerxías verdes están a cobrar protagonismo de maneira progresiva dada a emerxencia climática; unha emerxencia que tomou un descanso nestes últimos dous meses, paradóxicamente por mor doutra emerxencia: a sanitaria. A natureza foi quizais a única que saleu ben parada desta situación que freou o cambio climático. Isto é algo que non podemos deixar de ter presente a partir de agora, xa que volvemos a arrancar a actividade económica e os millóns de coches que estiveron metidos no garaxe por sesenta días volverán contaminar unha atmosfera que ansía a pronta evolución da transición enerxética cara un futuro máis verde.