A través de distintas testemuñas facemos un percorrido para ver como mudou co tempo o concepto de migración
Durante o século XX moitas familias galegas emigraron a Latinoamérica en busca de mellores condicións de vida. Era tal a afluencia de xente que chegaba dende Galiza que alí refírense a tódolos españois como galegos. José Ferradás (Pepe) decidiu emprender o camiño cara Venezuela no 1956 en busca de oportunidades laborais. Naquel momento este país estaba pasando por unha etapa de prosperidade económica, o que facía que a consideraran a “América con máis posibilidades” e facilitou que Pepe conseguira un traballo como albanel. Dez anos despois, o 26 de outubro de 1966, Carmen era unha das poucas privilexiadas que tomaba un avión cara Venezuela para axudar a súa nai, que emigrara anos antes a este país. Neste lugar foi onde se coñeceron e naceu a familia Ferradás.
Debido ás oportunidades que brindaba Venezuela ambos tiveron un percorrido laboral variado que lles permitiu lograr o seu obxectivo de ter unha vida digna. Ambos lembran aqueles tempos de prosperidade con ledicia e nitidez; xa que a sua estadía no país foi bastante sinxela. Rememoran como naqueles tempos vivían en comunidades pechadas formadas por españois e italianos, non eran obxecto de delitos de odio e podían gozar dalgunhas vantaxes fronte os nativos.
No ámbito sanitario lembran que podían acceder á sanidade pública coma calquera persoa do lugar, pero que ninguén o facía debido a súa precariedade; polo que moitos optaban por buscar un médico privado. Pero non só este eido era precario, senón que os corpos de seguridade e institucións xurídicas tamén padecían esta lacra de deficiencia. Aínda así, Pepe recalca que a lei era igual para todos e que nunca tiveron problemas nestes dous ámbitos máis alá dos que tiña calquera nativo.
No mundo laboral gozaban de certos privilexios. Carmen acorda como as persoas buscaban contratar a españois debido a que eran considerados xente máis traballadora e responsable. Isto chocaba coa intención que tiña a Lei do 3% que estaba instaurada no país, que pretendía que só o 3% dos traballadores puideran ser estranxeiros. Non obstante, compensábase coa facilidade que había en Venezuela para obter a nacionalidade, polo que moitas veces os migrantes pasaban a formar parte dese 97% restante nun máximo de dezasete días. Carmen sinala que “en xeral o estranxeiro estaba ben visto, a diferenza de agora”.
Ninguén agardaba que, anos despois, familias coma a dos Ferradás e as propias familias nativas de Latinoamérica comezaran a buscar as oportunidades en España, onde pouco a pouco volvía a crecer a economía.
A familia Ogando emigrou a México no 1949 na busca de novas oportunidades e, no 1986, voltou a España para aproveitar a mellora da economía do país. Debido ó que di o artigo 11.2 da Constitución Española: “ningún español de orixe poderá ser privado da súa nacionalidade” polo que, a pesar de conseguir a nacionalidade mexicana durante a súa estancia no país, ó volver non tiveron problemas para acceder ós servizos básicos. E, a pesar de adquirir algunhas costumes e o acento de México, non tiveron problemas en adaptarse ó volver; xa que existían pobos formados maioritariamente polos retornados dos países Latinoamericanos, como acontece en O Carballiño (Ourense).
Pola contra, a xente latinoamericana que migrou dende o seu país cara España sen ningún vínculo previo recibiu un trato bastante diferente. Persoas que, en lugar de atoparse con novas oportunidades, a día de hoxe aínda perciben actitudes vexatorias por parte dos nativos e as institucións do país. Estas situacións de discriminación céntranse sobre todo nos ámbitos laboral e social, onde reciben humillacións e tratos inxustos.
Dende estudantes universitarias que sufriron actitudes discriminatorias por parte de compañeiros e profesores ata Sor Isabel Cosenza do Convento Trinitario de Noia, falan das súas experiencias negativas. “Non estades no país pola vosa fe, senón por lograr unha mellor calidade de vida”, aseguraba un sacerdote ás irmás do convento de Noia.
O caso de Sor Isabel non é o peor, posto que ela mesma insiste moito en que grazas a súa posición como monxa respéctana bastante. As que viven unha situación máis complicada son dúas estudantes universitarias que, ata o momento, sufriron varias situacións discriminatorias no ámbito social e laboral.
“Ojalá vuelvas a tu país” ou “Ojalá te mueras y te entierren en tu país” son algunhas das ameazas anónimas que recibía Teresa (pseudónimo) durante os seus primeiros anos de instituto en España. Asegura que, aínda que descoñece quen era o autor desas mensaxes, cre que probablemente fora algún rapaz do seu instituto. As veces esta situación agravábase ata o punto de chegar a sufrir intimidacións físicas por parte dalgún compañeiro.
No ámbito laboral tampouco tivo un percorrido sinxelo, debido a que os seus xefes tentaban aproveitarse dela ó creer que non tiña papeis para darlle un saldo menor. Cóntanos que, nunha ocasión, os donos dun supermercado empregaron ese argumento para pagarlle menos e, cando descubriron que tiña a nacionalidade, decidiron culpabilizala dicindo que o seu xefe tivera que acudir a terapia psicolóxica porque ela mostraba interés romántico nel.
Por outra banda, Esther (pseudónimo), unha moza colombiana que estuda actualmente en Galiza conta como, na tarefa de buscar emprego, atopaba ofertas que pedían “meseras latinas con curvas” facendo ver as mulleres latinoamericanas coma se dun produto se tratasen.
De feito, Mercedes, que chegou a España no 2007, recalca que naquel momento as tarefas domésticas e de coidados de maiores eran realizadas case exclusivamente por persoas migrantes. Hoxe a situación mellorou un pouco máis, pero o feito de verse obrigadas a realizar este tipo de tarefas provoca, segundo di ela, que moitas veces non haxa posibilidade dun ascenso ou promoción laboral. Ademais, para a realización destes traballos deben pertencer ao réxime de autónomos; polo que se perden o seu traballo tampouco teñen dereito a paro nin a outro tipo de prestación.
Situacións coma estas son as que viven a diario moitos migrantes que chegan ó noso país en busca de oportunidades, como moitos dos nosos antepasados fixeron durante o século XX. A diferenza radica no trato discriminatorio que viven día a día e como son ridiculizados pola sociedade criminalizándoos por vir en busca de mellores condicións de vida cando, no fondo, nos fixemos o mesmo anos atrás. Moitas veces estas accións pasan inadvertidas ou, as propias vítimas, as xustifican baixo o nome de “choques culturais”.
É evidente que houbo un cambio de perspectiva social entre o que sucedeu nun pasado, cando fuximos en busca de oportunidades, e o que sucede agora que estas persoas veñen en busca do mesmo. Persoas que, no seu día a día, reciben vexacións por nacer nun país determinado, ter un acento diferente ou rasgos distintos, mentres que a nós, case sempre, nos trataron con respecto.
Redacción e edición por Sabrina Pérez e Adriana Quesada.