O incesante peche das escolas unitarias galegas

A situación crítica dos Colexios Rurais Agrupados e as Escolas Unitarias en Galicia leva ocupando portadas nos medios dende 2005. O escaso número de alumnado levou ao peche de exactamente 205 das escolas rurais da nosa comunidade ata o día de hoxe. 

As principais causas parecen ser a diminución de matriculacións en escolas unitarias, o descenso da natalidade e o despoboamento que se está dando no rural. Isto levou ao goberno autonómico a decretar que con menos de seis matrículas optaríase por pechar as portas destes centros. Segundo declaracións de Feijoo ao periódico Praza, “ter escolas unitarias de menos de seis, sete ou oito alumnos e alumnas de distintos cursos pon en cuestión o nivel educativo do ensino que se imparte nelas”, mentres que as ANPAS seguen demandando ao Goberno Autonómico un plan para adaptar os ratios do profesorado nestas áreas rurais.  

Gráfico sobre as unitarias pechadas en Galicia entre 2005 e 2018 (Fonte: praza.gal).

Faremos un pequeno repaso a través dalgúns dos casos máis chamativos, incidindo nas circunstancias específicas que os levaron ao peche de cada un deles. O obxectivo é mostrar os procesos ós que se estiveron sometendo estes centros durante os últimos anos.

A escola unitaria de Muíño (Zas)

Para comezar, remontámonos dúas décadas atrás, cando os nenos e nenas da parroquia de Muíño (Zas) viron como pechaban as portas da súa escola unitaria. Uns cantos anos máis tarde, fundouse a Asociación Cultural e de Igualdade “A Pita Cega”. Foi constituída por pais e nais da devandita vila coa finalidade de aproveitar o espazo e, se fose posible, reabrir o centro educativo.

La Voz de Galicia publicou unha noticia (“Treinta escolares abren una vía para recuperar la escuela de Muíño”) no ano 2019, na que se ofrecían datos acerca da cantidade de nenos e nenas que habitaban en Muíño: eran 30 en total, dentro dos que 12 tiñan unha idade inferior ós sete anos, polo que poderían asistir á escola unitaria. 

Ricardo Bouzas, membro da Asociación “A Pita Cega”, confirmou que, actualmente, na parroquia contan con catro rapaces e rapazas máis. A pesar de superar o mínimo de alumnado requerido para a constitución deste tipo de colexios, tamén nos recoñeceu que “a apertura da unitaria era a finalidade da asociación, pero non puido ser así”. Deste xeito, emerxe unha nova causa de peche: as cuestións económicas. Son diversas as razóns polas que velaban pola reapertura do colexio. Dende a asociación, consideran que lograr iso sería beneficioso para o propio estudantado, xa que ó conformar un número reducido, recibirían “unha mellor atención individual por parte do profesorado”. Outro aspecto positivo sería a facilidade para ir levalos e recollelos por motivos alleos ó estudo.

É certo que a Asociación “A Pita Cega” non conseguiu abrir de novo a escola unitaria de Muíño, pero si puideron acadar outras metas. Por exemplo, a reforma de determinados inmobles, a construción dunha ludoteca e incluso chegaron a publicar un libro sobre as raíces do colexio. Ademais, organízanse excursións á neve, a parques temáticos e ás Illas Cíes ou Ons, entre outras.

Imaxe da escola de Muíño en 2020 cedida pola Asociación “A Pita Cega”.

A escola unitaria O Seixo (Mugardos)

No ano 2019 a escola unitaria O Seixo, situada en Ferrol e, máis concretamente, en Mugardos, foi pechada pola Xunta de Galicia xunto a outras cantas. Durante o verán dese ano, o concello de Mugardos tentou frear este suceso e intentaron propoñer unha mellora das condicións de dito lugar, para así atraer ás familias galegas cos seus respectivos fillos e fillas e chegar ó mínimo requerido de estudantes co que se mantería aberta a escola. Ese mínimo que está establecido é de seis; en O Seixo facía falla un máis para manterse en pé, constituían un total de cinco naquel momento.

A causa chegou a oídos do BNG, que quixo apoiar ó centro e posicionarse a favor do mantemento deste tipo de unitarias do ámbito rural galego ante a problemática de tantos peches nas dúas últimas décadas. Alegaron que a existencia destes espazos é significativa e moi importante para o entorno galego, para o seu futuro. Aproveitando este caso, destacaron tamén a prolongada loita do concello de Narón contra a pretensión da Xunta de pechar a unitaria de Pedroso. Desta forma, Mugardos non agardou e buscou que se levase a cabo unha reunión con Indalecio Cabana de novo, á que acudiría algún representante do concello e persoas afectadas polo peche.

Porén, malia o esforzo e peticións do concello de Mugardos, a Consellaría de Educación confirmou que debía pechar e que non volvería abrir, facendo referencia ó insuficiente número de alumnado na escola e tamén ás inversións pasadas que se fixeran no centro e que, finalmente, non lograron que mantivera os requisitos para seguir funcionando.

Escola Unitaria de Pedroso (Narón)

Os rumores sobre o peche da Escola Rural de Pedroso en Narón comezaron en 2018, cando a falta de alumnos e alumnas nas súas aulas púxolles no punto de mira da Consellaría de Educación. Foi entón cando o Xefe Territorial no momento, Indalecio Cabana, decidiu comprometerse cos veciños e veciñas e acordar que, se ao comezo do curso 2019/20 tiñan un mínimo de cinco nenos e nenas, a escola abriría sen problemas. Non obstante, e aínda que en marzo conseguiron a prematriculación de seis rapaces e rapazas, a escola chegou ao seu peche tras 60 anos aberta. 

Pese a todo, a loita pola recuperación desta escola aínda non terminou. Dende un principio, a veciñanza participou nas concentracións organizadas pola ANPA de Colexios Rurais Agrupados de Narón, que contaban coa presenza da propia alcaldesa de Pedroso, Marián Ferreiro; concentracións que continuaron cando a escola xa estaba pechada. 

Tamén optaron por iniciar unha petición na páxina web Change.org. Nela aseguran que a Consellaría de Educación, tras conseguir o prazo acordado de matrículas na escola, non deu resposta. Finalmente, sen mediación algunha, acabou pechando a escola e obrigoulles a desprazarse a outros centros nos que, segundo explicaban “as aulas son masificadas ata con 27 alumnos e alumnas”. 

As escolas unitarias de Luaña (Brión) e Comiáns (A Laracha)

Máis de 200 escolas unitarias pechadas dende o 2005, e no ano da pandemia non ía ser menos. 2020 foi un ano completamente atípico, e os pais e nais do alumnado escolarizado no rural pensaron que quizais a sorte ía estar da súa parte neste pasado ano, mais non foi así. Tras a corentena chegou o mes de xullo, no que anualmente se decide o futuro das escolas galegas: a aquelas que non superen un mínimo de seis matrículas botaranlles o peche. Para a unitaria de Luaña, en Brión, coñecedores xa da carencia deste mínimo de estudantes, a súa última esperanza estaba en botar man do cumprimento das medidas anti-covid no ámbito educativo, pois que pode haber mellor que unha pequena escola rural para manter os mínimos contactos posibles entre a rapazada?  

Para a Xunta de Galicia parece que non foi suficiente, e uns días despois de que tivesen lugar as eleccións ao Parlamento recibiron a pésima noticia do inminente peche. Tan só unha semana antes, o tres de xullo, un grupo de pais e nais mantiveran unha xuntanza co inspector de Educación da zona, que lles asegurou que a orde que tiñan era a de paralizar as supresións das escolas debido á situación. Algo totalmente contraditorio co que logo pasou, tendo en conta que nin sequera se lles notificou directamente o peche da unitaria. Foi a mestra da escola quen os puxo en sobre aviso, cando o 15 de xullo recibiu a comunicación da supresión da súa praza como docente nesta escola.  

As familias xa o agardaban, e o 12 de agosto (case un mes máis tarde) publicouse no DOG o peche oficial da unitaria de Luaña. Non foi a única, xa que a unitaria de Comiáns en A Laracha correu a mesma sorte. Mesmo caso, mesmo desenlace. Ambas contaban con cinco nenas e nenos matriculados, ambas alegaban ao cumprimento das medidas anti-covid para manterse abertas e ambas foron ignoradas pola Consellaría, que preferiu enviar a eses cativos e cativas a outros centros próximos máis masificados.  

Nin sequera o apoio de partidos como o BNG e das Anpas da comunidade educativa das respectivas zonas foron capaces de parar os pes á decisión da Xunta, que non tivo en conta a excepcionalidade da situación, poñendo en risco a saúde destes rapaces e rapazas. Unha vez máis, primaron os motivos ecónomicos. Como dixo Lucía Forján, representante da ANPA de Luaña nas súas declaracións a outros medios, “na educación, o rural non é rentable”. Sexa como sexa, segue a haber un claro problema de fondo: o desleixo co rural. 

O despoboamento destas zonas e as baixas porcentaxes de natalidade seguen constituíndo dous factores que afectan en gran medida ás escolas unitarias. Nas aldeas van quedando menos nenas e nenos, o que desemboca nos peches destes colexios.

Non obstante, as razóns polas que desaparecen as unitarias e os Colexios Rurais Agrupados van máis alá diso. Moitos pais e nais que teñen a opción de enviar ós seus fillos e fillas a estudar en áreas rurais, deciden non facelo. Aquí entran en xogo cuestións asociadas a ideas preconcebidas que non se sustentan en feitos obxectivos, polo que poderiamos estar a falar de prexuízos cara o rural galego. Aparte de todo isto, ás cuestións económicas tamén se lles atribúe unha elevada importancia á hora de resolver o peche dunha unitaria.

Ligazóns:

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair /  Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair /  Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair /  Cambiar )

Conectando a %s

This site uses Akismet to reduce spam. Learn how your comment data is processed.