
S2A
A contaminación mariña é un dos grandes retos aos que se enfronta a humanidade. Ademais de ser unha problemática que carrexa grandes consecuencias sobre o medio mariño e os seus recursos naturais, tamén afecta especialmente á flora e á fauna, elementos imprescindibles para a autorregulación e mantemento dos océanos que ademais proporcionan alimentos e recursos ao ser humano.
Para profundizar no tema, contamos coa colaboración de dous expertos en contaminación mariña: Jorge Fernández Rodríguez, oceanógrafo, educador e intérprete mariño; e Lucía Viñas Diéguez, química especializada en contaminación do Instituto Español Oceanográfico (IEO).
No que se refire á contaminación nas nosas rías, o pasado ano detectáronse 1575 vertidos, o que supón un total de 4,3 ao día. O 84% foron non contaminantes e solventáronse, mais o 16% (253) superaron os límites de carga microbiótica ou química permitidos pola lei. De aquí xorde a dúbida de que supón isto para as rías galegas e os seus ecosistemas, ante o que Jorge Fernández explica que “os aumentos das concentracións de certos contaminantes acumulados en sedimentos do fondo e en suspensión na columna de auga están xerando perdas de biodiversidade mariña nestes hábitats mariños importantes. Os vertidos industriais e urbanos e o tráfico marítimo deterioraron a calidade das súas augas ata o punto de poñer en risco sectores económicos”.
Jorge Fernández comenta que Galicia é un lugar estratéxico na costa española a nivel de tráfico marítimo e mercantil, o que provoca unha maior exposición a posibles produtos contaminantes. Asemade, isto vése agudizado debido á escasa optimización das redes de saneamento: “a poboación aumentou na costa pola súa economía enfocada ao mar, pero moitas delas non melloraron nin adecuaron os seus sistemas de rede de saneamento. As súas plantas depuradoras reciben máis cantidade de auga contaminada da que poden tratar e vense forzados a liberar parte destas augas ao medio. Tamén hai industrias na costa que verten as súas augas residuais excedendo os límites de concentracións establecidos pola lei en certas ocasións”.
Á hora de intentar comparar os niveis de contaminación das rías galegas co resto de España, Lucía Viñas explícanos que non é algo tan sinxelo de facer. En termos de contaminación por áreas debemos ter en conta numerosos factores, tales como o volume de poboación e a afluencia marítima. “Se estamos comparando Vigo con Barcelona obviamente Barcelona vai saír prexudicada”, reflexionaba.
A contaminación non afecta únicamente aos ecosistemas, senón que tamén a sectores económicos como a pesca ou o turismo. Viñas destaca que a definición de contaminación xa recolle como afecta a estes: “a definición de contaminación en sí xa recolle as consecuencias que ten para os sectores económicos, xa que a podemos definir como o resultado das accións realizadas polo home e que causan prexuízo non só a nivel natural, senón tamén a nivel económico”. Por outra banda, Jorge Fernández revelou a análise que leva a cabo a Dirección Xeral de Saúde Pública para avaliar e clasificar as augas de baño. “Se se percibe algún nivel anormal de contaminación microbiolóxica, comunícase de xeito inmediato ao concello responsable para que advirta aos posibles usuarios de que non se recomenda o baño de maneira temporal, ata que os niveis volvan á normalidade”.
Por último, gustaríanos exemplificar esta problemática facendo mención a tres das maiores catástrofes mariñas que tiveron lugar en Galicia: a do Prestige, Casón e Mar Exeo.
En relación co Prestige -o caso máis mediático e coñecido- , a pesar de que as gretas do casco do buque están seladas, Jorge expón que “aínda permanecen moitas toneladas dese fuel no depósito á espera doutra posible catástrofe”. A perigosidade de que estes contaminantes sigan estando presentes nas nosas costas na actualidade non é moi alta, tal e como manifesta Lucía Viñas: “Pouco despois do vertido analizamos varios peixes con manchas de fuel, que podían causar problemas físicos, aínda que non son un bo indicador de contaminación porque metabolizan estes contaminantes. Así e todo vimos que a carne estaba nun estado óptimo, e agora mesmo o fuel que aínda pode haber no barco é difícil que poida seguir saíndo e se o fai será en cantidades moi pequenas”. A pesar disto, ambos indican que a ameaza de que poida ocurrir unha nova catástrofe está presente.

El País/ Uly Martín
O desastre do Mar Exeo, buque grego de fabricación xaponesa que naufragou na costa de A Coruña o 3 de decembro de 1992, e que contiña o denominado “petróleo lixeiro”, o que facilitou a súa dispersión e mestura coas augas e o substrato da zona afectada con facilidade -así o relataba El País-. Isto provocou un aumento da zona contaminada e, á súa vez, as concentracións foron diminuíndo debido a que o petróleo experimenta na auga do mar unha serie de alteracións físicas, químicas e biolóxicas. Jorge Fernández amosa que estas alteracións simplifican a composición do petróleo mediante os seguintes procesos principais: dispersión, evaporación, disolución, emulsificación, autooxidación, degradación microbiana, afundimento e rexurdimento.

No ano 2017, produciuse o despezamento do Casón, buque que naufragou en 1987 na Costa da Morte. Durante o proceso destruíuse un hábitat mariño moi rico bioloxicamente falando, o que nos leva á seguinte cuestión: é mellor deixar o barco afundido, extraelo canto antes ou hai outra alternativa? Para Jorge Fernández, a solución sería a seguinte no caso do Casón: “na miña opinión, eu deixaría o barco tal e como está se non se deron outros problemas graces. Convertírase nun pequeno oasis mariño, onde habitaba unha gran diversidade de especies de crustáceos, moluscos e peixes. Tamén os pescadores e buzos locales se beneficiaron deste barco afundido, tanto na pesca coma no turismo para a zona”, argumenta Jorge.

E estas son só tres das catástrofes que a costa galega tivo que soportar ao longo dos anos ó igual que a do superpetroleiro Urquiola, que estoupou nas costas de A Coruña vertendo 100.000 toneladas de crú; o Ostedijk, un buque holandés cargado con fertilizanrtes que comezou a expulsar gas irritante e permanezeu nas rías galegas hasta que a carga foi arrefriada; ou Noth Spirit, barco que escorou e comezou a verter combustible para finalente afundir; e como estes moitos máis.
S2A. Paloma Luciarte e Laura Paz (entrevistas); Diego Otero ( Redacción e entrevistas) Uxía Osorio e Sara Marón (documentación); Sara Méndez (edición)