A persistente loita das unitarias por sobrevivir

Coñecemos a realidade das unitarias a través de varias testemuñas

Unha unitaria é unha escola, normalmente situada nunha zona rural, cun número reducido de alumnado e tamén de mestres. Caracterízanse por atender alumnos de diversas idades, dende o primeiro ano de infantil ata o último de educación primaria. A continuación mostramos un mapa interactivo onde poden observar cantas e onde se atopan as unitarias na provincia de A Coruña.

Para facer unha análise das escolas unitarias que hai na provincia de A Coruña, contamos coa colaboración de Rosa M. Barreiro Carujo, directora da CRA Nosa Señora do Faro , Fernando Pose Martínez da EEI de Traba e Marta Castro Mouzo, tamén da CRA Nosa Señora do Faro, estes dous últimos, ambos profesores. 

As escolas unitarias apareceron antes que os centros educativos como os CEIP. Estes eran lugares onde os rapaces das aldeas ían aprender cun mestre o que denominaban as catro regras: ler, escribir, sumar e restar. Cando se empezaron a construír centros, a maioría dos profesores trasladáronse porque as condicións e os recursos entre estes novos edificios e as unitarias variaban moito. Pero, a diferencia hoxe en día non é tanta.

Rosa, profesora na CRA Nosa Señora do Faro dende o ano 1988, comentábanos que cando chegou a escola unitaria, esta apenas contaba con recursos para levar a cabo a ensinanza, só tiña uns cantos mobles vellos. Agora mesmo, posúe todos os recursos necesarios para poder levar a cabo as actividades igual que os demais centros educativos grazas a súa loita por conseguilos. Aínda así, falta apoio externo por parte das autoridades para que poidan abarcar máis servicios considerados esenciais como son o transporte e o comedor escolar. 

As tecnoloxías chegan ás aulas

Nestas escolas, o profesorado encárgase de dar todas as materias. Non entanto, aquelas que son especializadas (inglés, relixión, educación física) contan cos seus respectivos mestres. Nalgúns casos, como no EEI de Traba, compártese este profesorado alleo a escola con outros centros ou unitarias da contorna. Noutros casos, como na CRA Nosa Señora do Faro, son persoas alleas e especializadas nalgunha destas materias as que recorren á unitaria para ensinar aos rapaces. No relativo a xestión, Fernando asegurábanos que a diferenza é que na escola unitaria absorbes o papel de director, secretario e mestre todo xunto. Tes que encargarte ti mesmo de organizar o funcionamento da escola, algo que noutros centros educativos é función de outros profesionais.

Relación individualizada dos profesores cos seus alumnos

No CRA (Colexio Rural Agrupado) teñen un sistema de xestión determinado, en setembro repártense as aulas e os coordinadores organizan unha programación para todas elas. Teñen que realizar un seguimento mensual desta programación, así como tamén unha avaliación mensual, sendo unha mellora que se incorporou recentemente na escola de Brantuas. Nesta reunión, online actualmente, fálase de cada neno, para poder ver as súas evolucións, destacando esa individualización que noutro tipo de centros non se pode desenvolver.

A metodoloxía das escolas unitarias resúmese no evidenciar, no investigar e no descubrir cada día novos coñecementos. As aulas, para que isto se poida levar a cabo, están ben equipadas. Teñen microscopios dixitais, libros e todo tipo de xogos para razoar e construír. Tamén realizan proxectos que teñen un determinado obxectivo, sempre con total liberdade para elixir a maneira de ensinar ditos contidos nesas actividades. Neste método de ensino poderíamos incluír as diversas actividades extraescolares que se realizan ao longo do curso, todas elas relacionadas con algún contido educativo.

Esta metodoloxía de investigar, observar e coñecer é moi diferente á das escolas ordinarias xa que, estas últimas, baséanse  en ensinar mediante libros de texto. Non desenvolven tantas actividades creativas coma nas unitarias e iso, finalmente, fai que os nenos de ambos centros teñan unha mentalidade diferente a vexan o mundo de distinta maneira. A metodoloxía das clases é un pilar fundamental que definirá o futuro do alumnado. 

As escolas unitarias teñen unha organización moi distinta á dos colexios convencionais, os alumnos xúntanse todos nunha soa aula aínda que non teñan a mesma idade. Rosa contábanos que nunha ocasión tivo ata dezanove nenos de idades moi variadas que ían dende os catro ata os sete ou oito anos. No caso de Marta, tivo tanto alumnos de infantil coma de primaria. A organización, polo tato, caracterízase principalmente por unha mestura de idades e de niveis. Isto débese a localización da escola, ao estar nunha zona rural, son menos os nenos que acoden á ensinanza e é por ese motivo polo que os teñen que xuntar. Este tipo de organización leva a individualización da ensinanza. 

“As escolas teñen que ser un sitio próximo, atractivo, confortable, sen xerarquías, aínda que sexa unha escola unitaria ou un centro ordinario” Rosa M. Barreiro

Como as escolas unitarias teñen esta organización tan característica, os rapaces non aprenden por idade cronolóxica, senón que o fan por nivel madurativo. Os nenos evolucionan no momento que lles toca, sen forzar a ninguén. Rosa destacaba que o contacto con rapaces máis maiores fai que os máis pequenos evolucionen antes, cambian o seu vocabulario, a súa maneira de actuar… Neste tipo de colexios todos evolucionan en función dos ritmos de aprendizaxe e de madurez persoal. 

Grazas ao seu escaso número de alumnos, que acaba condicionando todo (organización, xestión, etc.), hai unha maior liberdade en sentido xeral. Evidentemente hai rutinas marcadas pero sóense adaptar ao grupo, ás circunstancias, á meteoroloxía… Por exemplo se un día chove á hora do recreo, nunha unitaria pódense moldear os horarios e facer o descanso cando mellore o tempo. Isto sería impensable nun centro de educación primaria ou infantil, nos que ademais de que os horarios son fixos, e debes pedir permiso para facer calquera cousa. 

Tamén relacionado con isto, ten que ver a inmediatez para facer as cousas. Comentaba Rosa “un día unha das nais avisounos de que ían pasar as aspas dun eólico por diante da escola, así que decidín saír á rúa para que os nenos puidesen ver o seu tamaño”. Estas son vivencias que nun centro máis grande serían máis difícil de levar a cabo, pois dependes moito da dirección. 

O número de alumnos tamén inflúe na relación entre estes e os mestres. Nunha escola unitaria o trato é mais persoal e próximo. As tres fontes coas que contactamos coinciden en que son unha familia onde todos son importantes. “En xeral é como unha prolongación da casa” comentou Fernando facendo referencia ao trato personalizado que se lles da aos alumnos nestes centros.

Este achegamento é unha das mellores vantaxes que teñen as escolas unitarias dende o inicio da súa existencia. 

Aínda que nas escolas unitarias sempre houbo poucos nenos, cada ano matricúlanse menos e menos rapaces, o que está comezando a ameazar a supervivencia destes centros. As razóns son moi variadas e persoais. Quizais sexa a mellora das comunicacións nas zonas rurais, ou quizais que os pais queiran que os seus fillos estean sempre no mesmo centro, coas mesmas amizades, ou porque consideran a educación nas unitarias de peor calidade que en centros máis grandes. 

Sen embargo, á conclusión á que chegamos falando con Rosa, Fernando e Marta, foi que estas escolas son uns lugares ideais para a educación e a progresión de pensamento dos nenos e nenas. Unha educación deste tipo pode ter futuro e pode ser considerada unha educación de calidade. 

Ligazóns:

  • Mapa interactivo de elaboración propia onde se pode observar a división das unitarias nos distintos concellos da provincia de A Coruña con tan so premer co cursor enriba do concello correspondente.
  • A páxina web educaciónrural.net ofrece unha definición do que eles consideran que son as unitarias, realizado por Alba Cored VillaCampa.

https://escuelarural.net/las-escuelas-unitarias

  • Vídeo de Youtube onde podemos observar como e o día a día e o funcionamento dunha unitaria, concretamente o CRA Nosa Señora do Faro, con escolas nos concellos de Ponteceso, Malpica e Cabana de Bergantiños. “ Motivación e ilusión”, así definen o seu modelo educativo.
  • Noticia do diario La Opinión na que se expón a situación sustentabilidade do sistema educativo das unitarias, concretamente das de Culleredo, Bergondo e Arteixo.

https://www.laopinioncoruna.es/gran-coruna/2018/12/09/distingue-escuelas-unitarias-cercania-familia-23916474.html

2 comentarios en “A persistente loita das unitarias por sobrevivir

  1. Boas!
    Que interesante o voso artigo, noraboa!
    Queríavos preguntar se sabiades cal é a diferenza entre unha escola unitaria e un CRA. Eu tamén estou actualmente investigando sobre os Colexios Rurais Agrupados.

    Se tedes un oquiño, escribídeme ao mail (penso que tedes acceso a través deste comentario). Quixera preguntarvos algunha cuestión sobre o tema que estudades e, quen sabe, igual eu tamén vos podo axudar en algo.

    Un saúdo!

    Liked by 1 person

    1. Ola Lucía, moitas grazas polas túas palabras. A diferenza principal entre unha unitaria e un CRA é que este último é unha agrupación de varias escolas unitarias próximas xeograficamente. Normalmente isto sucede para conseguir unha maior representatividade, compartir recursos, materiais… O obxectivo do noso traballo é achegar a realidade de ambos modelos de escola polo que tomamos a tua palabra, terás noticias nosas pronto! Saúdos e grazas de novo.

      Gústame

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair /  Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair /  Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair /  Cambiar )

Conectando a %s

This site uses Akismet to reduce spam. Learn how your comment data is processed.